DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Xoves, 24 de abril de 2025 Páx. 23584

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, pola que se acorda someter a información pública a revisión do Plan de emerxencia exterior do polígono da Grela-Bens.

En aplicación do disposto no artigo 13 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, e do disposto nos artigos 6 e 7 do Decreto 37/2019, do 21 de marzo, polo que se determinan os órganos competentes e outras medidas para o control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, deben someterse ao correspondente procedemento de información pública os plans de emerxencia exterior dos establecementos en que estean presentes substancias perigosas en cantidades iguais ou superiores ás especificadas na columna 3 das partes 1 e 2 do anexo 1 do citado Real decreto 840/2015.

O Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, sinala no artigo 39 que lle corresponde á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a planificación e coordinación das políticas de protección civil e emerxencias, no marco das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Atendendo á documentación remitida polas industrias Exolum, S.A., Repsol Butano, S.A. e Repsol Petróleo, S.A., a través do Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior revisou o Plan de emerxencia exterior do polígono da Grela-Bens, aprobado mediante o Decreto 174/2021, do 29 de decembro.

En consecuencia, e de conformidade co previsto no artigo 83.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,

RESOLVO:

Primeiro. Someter ao trámite de información pública por un período de 20 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a revisión do Plan de emerxencia exterior do polígono da Grela-Bens, para a presentación de cantas alegacións se consideren oportunas.

Para os efectos de cumprir o previsto no parágrafo anterior, o Plan de emerxencia exterior estará dispoñible na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, na rúa Roma, 25-27, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela. Pode ser tamén consultado na epígrafe de Participación en plans e programas do Portal de transparencia da Xunta de Galicia, no seguinte enderezo web:

https://transparencia.xunta.gal/participacion-plans-programas

Segundo. En igual prazo poderán presentarse alegacións a través do devandito portal, nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía, ou en calquera das formas previstas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dirixíndoas á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, na rúa Roma, 25-27, polígono das Fontiñas, 15781 Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2025

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral de Emerxencias e Interior