DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Xoves, 24 de abril de 2025 Páx. 23515

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 1 de abril de 2025 pola que se modifica a Orde do 1 de xuño de 2007 pola que se regula o exame de cazador na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento MT807A).

A Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia (DOG núm. 4, do 8.1.2014), establece no seu artigo 59 que «a licenza de caza da Comunidade Autónoma de Galicia é o documento persoal e intransferible que acredita a habilitación de quen é titular dela para practicar a caza na Comunidade Autónoma de Galicia». O punto 5 deste mesmo artigo sinala que «para obter por primeira vez a licenza de caza será necesario superar as probas que acrediten a aptitude e os coñecementos precisos, e que se determinarán regulamentariamente» e que «a Comunidade Autónoma de Galicia poderá establecer acordos con outras comunidades para o recoñecemento mutuo da validez dos certificados expedidos por ambas as administracións».

O Decreto 284/2001, do 11 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia (DOG núm. 214, do 6.11.2001) vixente en todo o que non se opoña á Lei 13/2013, do 13 de decembro, dispón no seu artigo 46 que «quen pretenda obter por primeira vez a licenza de caza expedida pola Comunidade Autónoma de Galicia terá que superar unha proba de aptitude, que constará de dúas partes, unha teórica e outra práctica, e que deberá realizarse tras superar as oportunas probas psicotécnicas, que se determinarán na correspondente orde ditada para tal fin». Neste sentido, a consellería competente en materia de caza aprobou a Orde do 1 de xuño de 2007, pola que se regula o exame de cazador na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 111, do 11.6.2007).

A citada Orde do 1 de xuño de 2007 recolle no seu artigo 5, as convocatorias das probas, que estas realizaranse catro veces ao ano, na primeira semana dos meses de febreiro, xuño, setembro e decembro.

Coa modificación desta orde preténdese mellorar a regulación de determinados aspectos en relación coa convocatoria das probas para a obtención do exame de cazador, co obxectivo de facilitar a obtención desta acreditación para poder obter a licenza de caza, facilitando deste xeito aos usuarios as súas posibilidades de acceso as probas, aumentando a frecuencia das convocatorias e acurtando o prazo para a presentación da solicitude de inscrición nas probas buscando unha maior celeridade na tramitación deste procedemento.

Con esta medida preténdese facilitar o freo da diminución paulatina que veñen experimentando o número de cazadores nos últimos anos ante o problema da falla de relevo xeracional, incentivando deste xeito a incorporación de novas persoas cazadoras e o mantemento da actividade cinexética tan necesaria na actualidade para o control dos danos que se están a producir na ámbito agropecuario e na seguridade viaria polas especies silvestres, fomentando o carácter social e políticas activas que melloren a súa calidade de vida no medio rural e o rexuvenecemento activo, favorecendo a participación do colectivo de persoas noveis na actividade cinexética.

É polo exposto que procede modificar a orde para que considere a posibilidade de acreditar os requisitos exixidos para obter por primeira vez a licenza de caza, mediante a superación do exame de cazador, reducindo o tempo necesario para a inscrición neste procedemento e establecendo un novo calendario de probas para a realización dos exercicios nos departamentos territoriais da consellería competente en materia de caza.

En consecuencia, e en uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 1 de xuño de 2007 pola que se regula o exame de cazador na Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícase a Orde do 1 de xuño de 2007 pola que se regula o exame de cazador na Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos que se recollen a seguir:

Un. Modifícase o artigo 3. Realización das probas, que queda redactado do xeito seguinte:

«Artigo 3. Realización das probas

As probas realizaranse nos primeiros luns dos meses de febreiro, abril, xuño e setembro nos departamentos territoriais da consellería competente en materia de caza da Coruña e Ourense e nos meses de marzo, maio, outubro e decembro nos de Lugo e Pontevedra, trasladándose, no caso de seren días inhábiles e segundo o establecido no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ao primeiro día hábil seguinte.

Así mesmo, as probas realizaranse nos lugares e hora sinalados polos correspondentes servizos provinciais de Patrimonio Natural dos departamentos territoriais da consellería competente en materia de caza».

Dous. Modifícase o artigo 4. Inscrición, que queda redactado como segue:

«Artigo 4. Inscrición

1. Para realizar o exame será necesario inscribirse previamente mediante unha solicitude, segundo modelo normalizado do anexo II desta orde (procedemento MT807A), cunha antelación mínima de 15 días hábiles á data da realización do exame».

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar de xeito presencial en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Tres. Engádese un artigo 10. Documentación complementaria, coa seguinte redacción:

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Xustificante de pagamento da taxa (código 30.15.04), agás que o pagamento da taxa se inicie e finalice a través da sede electrónica.

b) Documentación acreditativa da representación.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa os presentase anteriormente a persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se o ten dispoñible.

Catro. Engádese un artigo 11. Comprobación de datos, coa seguinte redacción:

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, cando algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Cinco. Engádese un artigo 12. Notificacións, coa seguinte redacción:

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sexto. Engádese un artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude, coa seguinte redacción:

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites de xeito presencial en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sétimo. Modifícase o anexo II Solicitude da Orde do 1 de xullo de 2007, que se substitúe polo anexo II que se achega coa presente orde.

Disposición adicional única. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o/os modelo/s normalizado/s aplicable/s na tramitación do/dos procedemento/s regulado/s nesta disposición, poderá/n ser actualizado/s co fin de mantelo/s adaptado/s á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación do/dos modelo/s actualizado/s na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará/n permanentemente accesible/s para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria única

As persoas interesadas que presentasen as súas solicitudes de inscrición para as probas con anterioridade á publicación desta orde realizaran as probas nos días establecidos no artigo 3 nesta disposición segundo o departamento territorial da consellería correspondente da consellería competente en materia de caza.

Disposición derradeira única. Eficacia

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2025

María Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático

missing image file
missing image file
missing image file