DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Xoves, 24 de abril de 2025 Páx. 23715

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Deporte Galego

ANUNCIO da convocatoria para a selección dos concellos galegos que participarán no desenvolvemento e implementación do programa Adestra a túa Saúde.

A Fundación Deporte Galego é unha entidade instrumental do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia. Conforme os seus estatutos, a Fundación ten por obxecto a promoción e incentivo do deporte e da práctica deportiva en Galicia, para cuxa consecución está capacitada para a realización directa de actuacións e programas, ou en colaboración con institucións e empresas, tanto públicas como privadas.

A presente convocatoria ten por obxecto a preselección de concellos galegos dentro do Plan autonómico de prescrición de actividade e exercicio físico orientado á saúde denominado «Adestra a túa Saúde» para a implantación dun programa de prescrición de exercicio físico desde os centros de saúde e a posterior derivación a profesionais de actividade física dependentes dos concellos, para a realización, seguimento e avaliación da prescrición médica de exercicio físico.

Os concellos galegos interesados en participar presentarán a solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (DE401E), e xuntarán a este procedemento os anexos necesarios (I-V) que figuran nas bases da convocatoria.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo máximo de presentación será de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As bases poderanse consultar na ligazón https://deporte.xunta.gal/convocatorias/

Teléfono de contacto: 881 99 63 76.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2025

José Ramón Lete Lasa
Presidente da Fundación Deporte Galego