DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Venres, 25 de abril de 2025 Páx. 23845

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de marzo de 2025 pola que se acorda a aprobación inicial e se somete a información pública o expediente expropiatorio, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a regularización, execución e implantación do Centro de Telecomunicacións de Culleredo, incluído no Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal, S.A.

I. Mediante a Resolución da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, do 20 de maio de 2013, publicada no DOG núm. 114, do 17 de xuño, faise pública a aprobación definitiva e as disposicións normativas do Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal, aprobado mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de maio de 2013.

A citada resolución do Consello da Xunta, no punto dous da parte dispositiva, declara a utilidade pública e interese social para os efectos expropiatorios do Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas para Retegal.

De conformidade co disposto no artigo 85.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, a aprobación dos instrumentos de planeamento urbanístico implicará a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados, para os fins da expropiación ou imposición de servidumes.

II. Actúa como Administración expropiante a Consellería de Facenda e Administración Pública e Retegal como beneficiaria da expropiación mediante a Resolución do 10 de maio de 2024, da Consellería de Facenda e Administración Pública, coas consecuencias legais derivadas destas posicións xurídicas.

III. Trátase dunha expropiación urbanística e, como tal, regulada na Lei 7/2015, do 30 de outubro, pola que se aproba o texto refundido da Lei de solo e rehabilitación urbana; na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei do solo de Galicia.

IV. Tratándose dunha expropiación urbanística, este expediente formúlase, polo procedemento de taxación conxunta, de acordo co disposto no artigo 118 e concordantes da Lei do solo de Galicia.

V. Para os efectos de fixación do prezo xusto polo procedemento de taxación conxunta, para o seu pagamento aos propietarios aos cales afecta e ocupación dos predios afectados confeccionouse o oportuno expediente, de acordo co disposto no artigo 36 da Lei 7/2015; no artigo 118 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e nos artigos 291 a 293 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. De conformidade co anterior,

RESOLVO:

1. Aprobar inicialmente o expediente de expropiación polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a regularización, execución e implantación do Centro de Telecomunicación identificado como RTGA15031013_Culleredo, situado no Monte Xalo, na parroquia de Santiago de Castelo, no concello de Culleredo (A Coruña), incluído no Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal, S.A.

2. De conformidade co previsto no artigo 118 e concordantes da Lei 2/2016, do solo de Galicia, sométese a información pública durante o prazo de 1 mes o expediente expropiatorio dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a adquisición de terreos necesarios para a regularización, execución e implantación do Centro de Telecomunicación de Mondigo, incluído no Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal, S.A., para que quen poida resultar interesado formule as observacións e reclamacións que considere convenientes, en particular no que concirne á titularidade ou valoración dos seus respectivos dereitos. Acórdase a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, nun xornal dos de maior circulación na provincia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/expropiacions

3. Así mesmo, as taxacións notificaránselles individualmente aos que aparecen como titulares de bens e dereitos no expediente, para que poidan formular as alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de notificación.

4. Durante o prazo previsto no punto segundo, o expediente estará exposto á disposición da persoa interesada no Concello de Culleredo (Lugo) e na Subdirección Xeral de Patrimonio da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, en Santiago de Compostela (sita na rúa Pastoriza, 8, 2º). Durante este prazo, todas aquelas persoas ou entidades que se consideren afectadas poderán presentar as alegacións que coiden oportunas mediante escrito dirixido á Subdirección Xeral de Patrimonio da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio en Santiago de Compostela e presentado no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia no Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela, ou nos lugares establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 15.12.2021; DOG do 24 de decembro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio

ANEXO

Predio

Titular

Referencia catastral

Superficie total (m²)

Superficie afectada

Bens afectados

Clasificación urbanística

Aproveitamento actual

Afección

1

Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Castelo

15031A070004540000OZ

59.262

716

716

m² de solo rústico de protección da natureza-monte baixo

Solo rústico de protección da natureza

Monte baixo

Expropiación

2

Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Castelo

000400100NH48F0001UQ

12

12

12

m² de solo rústico de protección da natureza-industrial

Solo rústico de protección da natureza

Industrial

Expropiación