No ámbito da mobilidade, a Xunta de Galicia vén traballando desde hai anos no desenvolvemento duns sistemas de transporte que reduzan ao mínimo as repercusións sobre o medio natural e os seus impactos sociais e económicos, apostando pola mobilidade sustentable e saudable.
Nesta liña, a Estratexia galega de mobilidade aposta por un novo modelo de mobilidade que facilite a redución do uso do vehículo privado, predominante no modelo actual, a favor de modos de transporte máis sustentables, o que require dun cambio de tendencia dos modos, para o que prevé diferentes actuacións e, entre elas, o fomento da adquisición de bicicletas eléctricas ou de pedaleo asistido.
Así pois, o fomento dos modos non motorizados alternativos ao coche constitúe a liña prioritaria para o logro dunha mobilidade máis sustentable, sendo o peón e a bicicleta os actores fundamentais deste cambio necesario da mobilidade, tanto no ámbito urbano como no interurbano.
Os modos non motorizados son os máis eficientes para distancias de ata sete quilómetros, resultando que a maior parte dos desprazamentos que realiza a poboación a diario son ao redor desta lonxitude. O tope de rango de distancias asumible para a mobilidade cotiá en bicicleta adoita estar nuns 12 quilómetros, sendo un percorrido de 7 quilómetros o máis habitual. En canto á mobilidade cotiá peonil, o tope adoita estar nuns 4-5 quilómetros, sendo as distancias da orde de 2 quilómetros as máis habituais.
En definitiva, o desprazamento do uso do vehículo privado a outras formas de mobilidade persoal ten distintos beneficios, entre os que se contan beneficios para a propia saúde das persoas, así como a redución das emisións de gases contaminantes e de efecto invernadoiro, a redución da contaminación acústica, a eficiencia enerxética, un uso máis racional do espazo urbano e a contribución á transición cara a un modelo de economía circular.
Para acadar esta mellora, en radios dunha certa lonxitude, resulta plenamente axeitada a utilización de bicicletas con pedaleo asistido; e, no caso de persoas usuarias de cadeiras de rodas, a dotación a estas dun dispositivo handbike, ou bicicleta de man, híbridas ou eléctricas.
Con esta última categoría preténdese facilitarlles ás persoas con mobilidade reducida unha opción de mobilidade alternativa aos medios motorizados que presente unha relativa analoxía coa efectuada en bicicletas eléctricas. As bicicletas de man son dispositivos que, unidos a unha cadeira de rodas manual, transforman a súa tracción en eléctrica, posibilitando deste xeito moverse con maior rapidez e salvar obstáculos ao incorporar un motor e unha batería que permite unha autonomía aproximada de 50 km, de xeito que se configuran nunha opción alternativa de mobilidade para persoas con mobilidade reducida, facilitándolles a realización dunha tipoloxía de percorridos equivalente á que se poden efectuar cunha bicicleta eléctrica.
Consonte o anterior, e coa finalidade de fomentar a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e de bicicletas de man híbridas ou eléctricas, a Xunta de Galicia estableceu no período 2022-2024, liñas de axuda dirixidas a facilitar a súa adquisición, cun notable interese por parte das persoas usuarias.
Finalmente, a experiencia destas convocatorias anteriores leva a renovar esta actuación mantendo unha continuidade temporal ao longo de dous exercicios, o que se prevé que facilitará unha mellor distribución das solicitudes ao longo do período de vixencia, atendendo dun xeito máis axeitado as necesidades das persoas beneficiarias e, ao tempo, minimizará as cargas administrativas das entidades colaboradoras ao dar unha maior continuidade ao proceso de adhesión e ás propias necesidades formativas e organizativas destas cara á tramitación das axudas e, mesmo, o coñecemento dos instrumentos tecnolóxicos vinculados coa dita tramitación. Xa que logo, a presente orde convocará as axudas para o período 2025-2026, cun orzamento dun millón de euros o primeiro ano e de 700.000 euros o segundo, con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo da posibilidade de que os ditos importes poidan ser ampliados mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Así mesmo, tendo en conta o obxecto e a finalidade da actuación subvencionable, no presente caso concorren razóns de interese social e económico que xustifican recorrer á excepción prevista no artigo 19.2 en relación co artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Polo tanto, fronte ao criterio xeral de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos mediante a súa comparación, procede a regulación dun procedemento de concesión abreviado en que a proposta de concesión lla formulará ao órgano concedente directamente o órgano instrutor logo de comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos polas bases reguladoras para conceder a subvención.
Máis concretamente, as ditas razóns de interese social e económico responden, por unha banda, á necesidade de favorecer unha transición a unha economía baixa en carbono no sector do transporte, o cal, tendo en conta a tipoloxía da actuación subvencionable, non posibilita unha comparación das axudas entre si, e requírese o cumprimento duns requisitos predeterminados de eficiencia enerxética, sustentabilidade e impulso do uso das enerxías alternativas.
Consecuentemente, esta orde de convocatoria axústase á Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; así como ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e normas de desenvolvemento.
Na súa virtude, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; e polo Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto:
1. Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IF319B), así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IF319A), e convocalas para as anualidades de 2025 e 2026.
2. Aprobar os formularios normalizados para a xestión da convocatoria que figuran como anexos a esta orde:
– Anexo I. Solicitude de adhesión pola entidade colaboradora.
– Anexo II. Solicitude de axuda.
– Anexo III. Autorización para a representación.
– Anexo IV. Solicitude de pagamento.
3. Publicar o convenio de colaboración para a xestión das axudas para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo V).
Artigo 2. Financiamento
1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos da Dirección Xeral de Mobilidade para os exercicios 2025 e 2026, e imputaranse á aplicación orzamentaria 05.08.512A.780.0 consonte o seguinte réxime de anualidades:
– 2025: 1.000.000 €.
– 2026: 700.000 €.
Por tanto, o importe total asignado ascende a un millón setecentos mil euros (1.700.000 €).
2. O importe dos fondos previstos en calquera das dúas anualidades poderá ampliarse como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación das solicitudes que resulte da aplicación dos criterios fixados nas bases que rexen a convocatoria.
De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://ebici.xunta.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.
3. Na anualidade de 2025 atenderanse as solicitudes formuladas na mesma ata o esgotamento do crédito, consonte co indicado nos números anteriores; pola súa parte, na anualidade 2026 atenderanse, en primeiro lugar, as solicitudes formuladas no exercicio 2025 que quedasen en lista de espera do ano anterior e, a continuación, as solicitudes que se presenten no propio exercicio.
Artigo 3. Actuacións que se subvencionan
1. As actuacións que se subvencionan son a adquisición de bicicletas novas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas (bicicletas de man, en diante) en establecementos comerciais situados na Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos técnicos e de equipamento:
a) Bicicletas novas con pedaleo asistido:
i. Bicicleta con pedaleo asistido, nova, equipada cun motor eléctrico auxiliar, de potencia nominal continua máxima inferior ou igual a 250 W, cuxa potencia diminúa progresivamente e que finalmente se interrompa antes de que a velocidade do vehículo alcance os 25 km/h ou se o ciclista deixa de pedalear (pregables incluídas).
ii. Batería de litio, con capacidade igual ou superior a 248 Wh (vatios/hora).
iii. Cadro ríxido (sen dobre suspensión).
iv. Luz traseira e dianteira.
v. Gardabarros dianteiro e traseiro completo.
vi. Pata de cabra ou cabalete.
vii. Cumprimento de Norma UNE-EN 15194:2018. Ciclos con asistencia eléctrica. Bicicletas EPAC.
b) Bicicletas de man:
i. Bicicleta de man nova, equipada cun motor con potencia máxima de 400 W, desmontable e con enganche automático nas rodas dianteiras da cadeira de rodas.
ii. Guiador conectado á roda e ao motor.
iii. Empuñadura ergonómica.
iv. Freo de disco, ou equivalente.
v. Apoio de pé.
vi. Timbre ou sistema de advertencia.
vii. Sistema de iluminación dianteiro e traseiro.
viii. Rango de dimensión das rodas: 8,5” – 20”.
ix. Velocidade máxima: 25 km/h.
x. Batería de litio, con capacidade igual ou superior a 248 Wh (vatios/hora).
xi. Cumprimento coa normativa de fabricación da UE, EN12184 (cadeiras de rodas con motor eléctrico, scooters e os seus cargadores. Requisitos e métodos de ensaio).
2. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.
Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados dentro do prazo para a execución da adquisición establecido no artigo 30.
Dado o carácter incentivador que pretende a actuación, tanto as bicicletas con pedaleo asistido como as bicicletas de man deberán ser adquiridas con posterioridade á publicación da presente orde.
En ningún caso, o custo de adquisición poderá ser superior ao valor do mercado nin o importe da subvención superar ao custo da bicicleta de pedais nova con pedaleo asistido ou bicicleta de man.
3. Non serán subvencionables os vehículos de segunda man nin os adquiridos mediante leasing, renting nin ningunha outra fórmula de arrendamento na que os bens non sexan propiedade da persoa beneficiaria.
Artigo 4. Contía máxima das axudas
O importe máximo da axuda por bicicleta de pedais nova con pedaleo asistido que cumpra os requisitos técnicos e de equipamento establecidos no artigo 3 desta orde, será de 500 euros por bicicleta e persoa beneficiaria; non obstante, no caso de persoas beneficiarias integrantes dunha familia numerosa, o dito importe será de 600 euros, e de 700 euros no caso de que a familia numerosa sexa de categoría especial; no caso das bicicletas de man híbridas ou eléctricas o importe máximo da axuda será, en todo caso, de 700 euros. En todo caso, cada persoa beneficiaria só poderá recibir unha axuda pola adquisición dunha única bicicleta con pedaleo asistido ou bicicleta de man.
A cantidade da subvención non poderá ser superior ao 50 % do prezo da bicicleta con pedaleo asistido para unha persoa beneficiaria xeral, do 60 % para persoas beneficiarias integrantes dunha familia numerosa e do 70 % para persoas beneficiarias integrantes dunha familia numerosa con categoría especial ou adquirentes dunha bicicleta de man.
Para os efectos desta convocatoria considéranse persoas beneficiarias integrantes de familia numerosa, aqueles que cumpran os requisitos establecidos na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas, no momento de presentar a súa solicitude.
Artigo 5. Incompatibilidade das subvencións
1. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria serán incompatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 28 desta orde.
Artigo 6. Medios para a tramitación do procedemento
1. Os procedementos administrativos previstos nesta orde tramitaranse a través dunha aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), a través da que se atopan dispoñibles os anexos regulados na orde ou, directamente, no URL: https://ebici.xunta.gal
2. A primeira vez que a entidade colaboradora acceda á aplicación informática asignarase un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda, para consultar o seu estado e realizar os demais trámites asociados a esta orde.
Artigo 7. Información aos interesados
Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:
Na Guía de procedementos e servizos dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
No URL: https://ebici.xunta.gal
E no enderezo de correo electrónico: ebici@xunta.gal
CAPÍTULO II
Entidades colaboradoras
Artigo 8. Requisitos e condicións de solvencia
1. Para os efectos desta orde, poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os casos, teñan o seu domicilio social ou algún establecemento comercial ou, no seu caso, sanitario, aberto ao público na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.
Así, poderán ser entidades colaboradoras todos aqueles establecementos comerciais ou, se é o caso, sanitarios, abertos ao público na Comunidade Autónoma de Galicia que se dediquen de forma total ou parcial á venda de bicicletas con pedaleo asistido e/ou bicicletas de man eléctricas ou híbridas e, particularmente, aqueles cuxa actividade se enmarque nunha ou varias das epígrafes seguintes correspondentes ás tarifas do imposto sobre actividades económicas, aprobado por el Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro:
– Epígrafe 615.1: comercio polo maior de vehículos, motocicletas, bicicletas e os seus accesorios.
– Epígrafe 619.2: comercio por xunto de aparellos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos.
– Epígrafe 652.1: comercio polo miúdo de medicamentos, aparatos de ortopedia, produtos sanitarios e de hixiene persoal.
– Epígrafe 653.2: comercio polo miúdo de material e aparellos eléctricos, electrónicos, electrodomésticos e outros aparellos de uso doméstico accionados por outro tipo de enerxía distinta da eléctrica, así como de mobles de cociña.
– Epígrafe 654.1: comercio polo miúdo de vehículos terrestres.
– Epígrafe 659.3: comercio polo miúdo de aparatos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos.
– Epígrafe 659.6: venda polo miúdo de artigos de xoguetes, artigos de deporte, pezas deportivas, calzado e tocado, armas, cartucharía e artigos de pirotecnia.
– Epígrafe 661.1: comercio en grandes almacéns, que ofrecen unha variedade ampla e, en xeral, profunda, de varias gamas de produtos.
– Epígrafe 661.2: comercio en hipermercados, establecementos que ofrecen principalmente en autoservizo unha ampla variedade de produtos alimenticios e non alimenticios de gran venda.
– Epígrafe 661.3: comercio en almacéns populares, entendendo por tales aqueles establecementos que ofrecen en seccións múltiples e venden en autoservizo ou en preselección unha variedade relativamente ampla e pouco profunda de bens de consumo, cunha gama de prezos baixa e un servizo reducido.
– Epígrafe 661.9: outro comercio mixto ou integrado en grandes superficies, entendendo por tal o realizado de forma especializada en establecementos cunha superficie útil para a exposición e venda ao público igual ou superior ao 2.500 m² de produtos, tales como os relacionados coa bricolaxe e o equipamento do fogar, mobiliario para o fogar e a oficina, artigos electrónicos e electrodomésticos, artigos para o automóbil, artigos para o deporte ou outros.
– Epígrafe 662.1: comercio polo miúdo de toda clase de artigos en economatos e cooperativas de consumo.
– Epígrafe 662.2: comercio polo miúdo de toda clase de artigos, en establecementos distintos dos especificados no grupo 661 e na epígrafe 662.1.
As entidades interesadas poderán solicitar a alta como entidade colaboradora respecto da xestión de subvencións a bicicletas eléctricas, a bicicletas de man, ou a ambas.
2. Non poderán obter a condición de entidade colaboradora, aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.
3. Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispoñer dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como, a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e a Dirección Xeral de Mobilidade.
As características técnicas exixibles tamén poderán consultarse na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://ebici.xunta.gal).
4. As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta.
Artigo 9. Obrigacións das entidades colaboradoras
Son obrigacións das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
1º. De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, formalizar o convenio de colaboración entre elas e a Dirección Xeral de Mobilidade, no que se regularán as condicións e deberes asumidos por aquelas, cuxo modelo figura no anexo V desta orde.
2º. Realizar ante a Dirección Xeral de Mobilidade os trámites para solicitar a axuda.
3º. Comprobar inicialmente os requisitos dos solicitantes da axuda e do conxunto da actuación.
4º. Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda (anexo II) e solicitude de pagamento (anexo IV) a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.
5º. Vender no marco da iniciativa só as bicicletas eléctricas e bicicletas de man que cumpran coas condicións establecidas nas bases reguladoras das axudas.
6º. Descontar directamente a axuda na factura da actuación de maneira que a persoa beneficiaria non chegue a realizar o desembolso.
7º. Exhibir nos establecementos comerciais ou nos puntos de venda durante a vixencia do programa un cartel de promoción deste no que se informe de que se trata dunha entidade colaboradora adherida conforme o modelo que se porá á disposición na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://ebici.xunta.gal).
8º. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.
9º. Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito coa Dirección Xeral de Mobilidade.
10º. Actuar en nome e por conta da Dirección Xeral de Mobilidade para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión das subvencións.
11º. Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de dous anos desde a súa concesión.
12º. Remitir copia dixitalizada da devandita documentación á Dirección Xeral de Mobilidade.
13º. Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a idónea xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas, de acordo co disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
14º. Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento da convocatoria.
Artigo 10. Procedemento, lugar e prazo para presentar as solicitudes de adhesión
1. As solicitudes de adhesión (código de procedemento IF319A) serán presentadas pola entidade colaboradora obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou, directamente, no URL: https://ebici.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada emenda.
2. No formulario, que figura como anexo I desta orde, o solicitante declarará responsable e expresamente o seguinte:
a) Que coñece o contido das bases e do convenio e que cumpre cos requisitos establecidos neles.
b) Que ten o enderezo social ou algún establecemento comercial aberto ao público na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que posúe a solvencia técnica e económica segundo o establecido no artigo 8.3 da orde.
d) Que consente na utilización de medios electrónicos na comunicación entre a entidade colaboradora e a Dirección Xeral de Mobilidade.
e) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
g) Estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
h) Estar exenta do pagamento do imposto de actividades económicas, de acordo co artigo 82 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, así como de non darse de baixa no citado imposto. E en caso contrario, achegará a documentación correspondente ao pagamento do imposto.
i) Estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
j) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
k) Que se compromete a:
1º. Comunicar calquera variación que poida acontecer nos datos recolleitos nos documentos achegados.
2º. Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda e pagamento, incorporando os datos á aplicación informática habilitada.
3º. Vender no marco da iniciativa só os produtos que cumpran coas condicións establecidas nas bases.
4º. Aplicar os descontos correspondentes á subvención na factura da actuación de modo que a persoa beneficiaria non chegue a realizar o desembolso.
5º. Facilitarlle á Dirección Xeral de Mobilidade canta información e documentación precise para verificar.
6º. Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento do programa.
l) Que a persoa física ou entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obrigación de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.
3. A adhesión das entidades colaboradoras poderá realizarse a través dun procedemento de adhesión simplificada ou polo de adhesión ordinaria.
4. Para a tramitación destes procedementos poderanse consultar automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) DNI/NIE da persoa representante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado sobre cumprimento de obrigacións tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
g) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigacións tributarias coa AEAT.
h) Certificación de alta no imposto de actividades económicas.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderánselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
5. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde e finalizará aos dous meses da entrada en vigor da presente orde para as solicitudes formuladas a través do procedemento simplificado, e o 31 de agosto de 2026 para as que se presenten a través do procedemento ordinario.
Artigo 11. Adhesión simplificada
1. Esta forma de adhesión está unicamente dirixida ás entidades colaboradoras adheridas mediante o procedemento IF319A Adhesión ás axudas para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, consonte a Orde do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para as anualidades 2023 e 2024, e que desexen adherirse aos procedementos de xestión das subvencións que establece a presente orde para as anualidades 2025-2026.
2. A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web https://ebici.xunta.gal, ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo V), xerándose un único documento en formato pdf con estes dous anexos.
3. Por defecto, a aplicación informática cubrirá os anexos cos datos dispoñibles no procedemento IF319A, antes sinalado.
4. Para acceder á aplicación informática e solicitar a adhesión simplificada, utilizará o usuario e o contrasinal habilitados na convocatoria 2023-2024.
5. Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo V), estes presentaranse de xeito automático por vía electrónica a través da aplicación informática.
Unha vez asinado o convenio pola Dirección Xeral de Mobilidade, a entidade colaboradora poderá acceder a este a través da aplicación informática.
Artigo 12. Adhesión ordinaria (alta de novas entidades colaboradoras)
1. Este procedemento resultará de aplicación a aquelas entidades que non se adheriran a través do procedemento IF319A Adhesión ás axudas para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, consonte a Orde do 27 de abril de 2023, e que desexen adherirse aos procedementos de xestión das subvencións que establece a presente orde para as anualidades 2025-2026, así como para as que, téndose adherido a través daquel procedemento, non efectuasen a adhesión no marco da presente orde no prazo previsto para o procedemento simplificado.
2. As persoas solicitantes deberán presentar coa súa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación que acredite a representación con que se actúa.
b) Convenio de colaboración (anexo V) debidamente asinado pola entidade colaboradora.
c) Outra documentación adicional que o/a interesado/a considere conveniente.
Unha vez asinado o convenio pola Dirección Xeral de Mobilidade, a entidade colaboradora poderá acceder a este a través da aplicación informática.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse dixitalmente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable de procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. Unha vez presentada a solicitude de adhesión xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. De conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase á entidade colaboradora, para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición e se arquivará o expediente.
Igual requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) ou á consellería competente en materia de economía e facenda.
7. Aquelas persoas cuxas solicitudes reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán adheridas a este programa. Para tal fin, seguindo a súa orde de presentación, as solicitudes serán resoltas individualmente ou de xeito acumulado para conxuntos sucesivos de solicitudes análogas presentadas, e notificarase individualmente; no suposto de realización de trámites de emenda, terase en conta a data de presentación da emenda para os efectos de establecer a orde de resolución.
8. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de 10 días hábiles desde a presentación da solicitude. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima aos interesados para entender rexeitada por silencio administrativo a súa solicitude de adhesión.
9. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.
Artigo 13. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/o teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter a súa dirección electrónica habilitada única a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas do seu deber de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 14. Publicación da listaxe de entidades colaboradoras adheridas
1. A Dirección Xeral de Mobilidade publicará na páxina web (https://ebici.xunta.gal) a listaxe de entidades colaboradoras adheridas a medida que resolva o procedemento de adhesión. A listaxe actualizarase periodicamente coas novas entidades colaboradoras solicitantes que, logo do requirimento de emenda, completen a documentación necesaria para formalizar a adhesión.
2. Ata que completen o proceso de adhesión, as entidades colaboradoras non serán publicitadas na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade nin poderán tramitar solicitudes de axuda.
CAPÍTULO III
Concesión de axudas
Artigo 15. Persoas beneficiarias das subvencións
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas maiores de idade que realicen a actuación subvencionable establecida no artigo 3 desta orde e estean empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia, e que non obtivesen axuda para a mesma clase de obxecto subvencionado con cargo ás ordes da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade de 12 de xullo de 2022 ou de 27 de abril de 2023.
Adicionalmente, no caso de axudas para a adquisición de bicicletas de man, a persoa solicitante deberá xustificar un grado de discapacidade igual ou superior ao 33 %.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria deberanse cumprir na data de presentación das solicitudes.
Artigo 16. Obrigacións das persoas beneficiarias
Son obrigacións das persoas beneficiarias as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, as seguintes:
a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.
b) Xustificar ante a Dirección Xeral de Mobilidade a través da entidade colaboradora, que cumpre cos requisitos ou condicións que determinan a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución pola que se acordase a estimación dun recurso.
c) Acreditar, directamente ou a través da entidade colaboradora, segundo o caso, e cando se opoñan á consulta ou non presten o consentimento expreso de conformidade co disposto no artigo 20 de comprobación de datos, que está ao corrente nos seus deberes tributarios estatais e autonómicos e coa Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
d) Realizar o pagamento das facturas antes da data en que estas deban presentarse ante a Dirección Xeral de Mobilidade. Este pagamento debe estar debidamente documentado, tal e como se establece no artigo 23 desta orde.
e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g) Incorporar nun lugar visible da bicicleta adquirida unha referencia expresa a que a súa adquisición foi subvencionada pola Xunta de Galicia. Para o cumprimento desta obriga deberá incorporarase nun lugar visible, pintada directamente ou mediante un adhesivo adherido, a imaxe que consta como anexo VI desta orde, coas dimensións mínimas de 4,1 cm de largo por 7,2 cm de longo no caso das bicicletas con pedaleo asistido, e de 2,58 cm de largo por 4,5 cm de longo no das bicicletas de man, tal como figura no dito anexo.
Artigo 17. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará ás 10.00 horas do día 16 de maio de 2025 e finalizará o 13 de novembro de 2026, ou cando se esgoten os fondos.
Artigo 18. Forma e lugar de presentación de solicitudes
1. A tramitación do procedemento de solicitude de axuda (código de procedemento IF319B) realizarase a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na listaxe que se publique na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade https://ebici.xunta.gal
2. As entidades colaboradoras presentarán as solicitudes de axuda por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), accedendo desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou, directamente, no URL: https://ebici.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. No formulario, que figura como anexo II desta orde, o solicitante declarará expresa e responsablemente o seguinte:
a) Se en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas, solicitou ou se lle concedeu algunha outra axuda para este mesmo concepto para o que se solicita esta subvención.
b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.
c) Que, na data da solicitude, está empadroado/a nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia e que a actuación se realizará no prazo de 30 días naturais desde a reserva dos fondos.
d) Que non adquire ningunha outra bicicleta nova con pedaleo asistido ou bicicleta de man, nin obtivo axuda para a mesma clase de obxecto subvencionado con cargo ás ordes da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 12 de xullo de 2022 ou do 27 de abril de 2023.
e) Que coñece as bases da presente convocatoria de axudas para a adquisición de bicicletas novas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, novas.
f) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
g) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
h) Estar ao día no pagamento de deberes por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
i) Que os investimentos para os que se solicita a axuda non foron iniciados nin contratados con anterioridade á publicación da convocatoria de axudas.
j) Que a persoa física ou entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.
k) Conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de dous (2) anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación.
l) Respectar o destino do investimento polo menos os dous (2) anos posteriores á data da resolución de pagamento final.
m) Realizar o pagamento das facturas antes da data en que deban presentarse á Dirección Xeral de Mobilidade.
n) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos previstos no artigo 11.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
o) Que está ao día do pagamento de obrigacións tributarias coa AEAT.
A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria, e xerará a solicitude da persoa beneficiaria. Cada entidade colaboradora só poderá ter unha única sesión aberta.
4. A solicitude (anexo II) imprímese obrigatoriamente desde a aplicación informática.
A entidade colaboradora presentará dixitalmente a solicitude de axuda en representación da persoa beneficiaria, a través da aplicación habilitada para o efecto.
Previamente a presentar a solicitude, a aplicación permitirá imprimir o documento de representación conforme o anexo III, que deberá ser asinado pola persoa beneficiaria, dixitalizado e achegarse coa solicitude da axuda presentada pola entidade colaboradora na súa representación. Carecerá de validez calquera solicitude en que se incorporase calquera cambio, agás o da sinatura, respecto do/s documento/s xerado/s pola aplicación que deban ser impresos, dixitalizados e presentados novamente a través dela.
5. Os fondos solicitados e os vixentes poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática habilitada para o efecto. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles. Por tanto, a axuda máxima que se vai conceder ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.
De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas, incluiranse nunha listaxe de espera; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera.
As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen na listaxe de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.
6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.
7. Unha vez presentada a solicitude, reservaranse os fondos asociados á axuda durante o prazo de execución previsto no artigo 30. Se neste prazo non se presenta a solicitude de pagamento indicada no artigo 23, entenderase que o solicitante desiste da súa solicitude e perderá o dereito á reserva de fondos, os fondos reasignaranse ás solicitudes que eventualmente se atopen na listaxe de espera, segundo a orde de prelación que corresponda.
Artigo 19. Documentación complementaria
1. As entidades colaboradoras deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Autorización para a representación pola entidade colaboradora (anexo III) asinada pola persoa solicitante da axuda.
b) Certificado de discapacidade, no caso de que non fose expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A documentación complementaria deberá presentarse dixitalmente.
Se algunha das entidades colaboradoras presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As entidades colaboradoras responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 20. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
d) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigacións tributarias coa AEAT.
e) Certificado sobre cumprimento de obrigacións tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Certificado de residencia con data de última variación no padrón da persoa solicitante.
g) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
h) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente e non se opoña á súa consulta:
a) Título de familia numerosa.
b) Certificado de discapacidade expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.
Considerando que ningunha solicitude individualmente considerada superará os 3.000 euros, a verificación das certificacións indicadas nas letras c), d) e e) substituirase pola verificación de ter cuberto a declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos previstos no artigo 11.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Sen prexuízo do anterior, a Administración poderá consultar en calquera momento posterior as indicadas certificacións e, no suposto de verificar que a declaración responsable non se axustase á realidade, procederá á apertura dun expediente de reintegro da axuda fronte á persoa beneficiaria desta.
Igualmente, a Administración poderá realizar a verificación do empadroamento das persoas beneficiarias últimas das axudas, con carácter inicial a través de técnicas de mostraxe, aplicando criterios aleatorios; posteriormente, en calquera momento poderá verificar o cumprimento deste requisito e que a declaración responsable non se corresponde cos datos dos rexistros oficiais, e procederá á apertura dun expediente de reintegro da axuda fronte á persoa beneficiaria desta.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderánselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 21. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados dixitalmente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou, directamente, no URL: https://ebici.xunta.gal
Artigo 22. Instrución do procedemento de concesión das axudas
1. Unha vez presentada a solicitude xunto coa autorización para a representación se esta dispón de fondos reservados, poderase entender como preconcedida, e a partir dese momento poderá presentar a documentación xustificativa que se sinala no artigo 23 destas bases reguladoras e solicitar o pagamento mediante a presentación do anexo IV desta orde.
Se no prazo de execución e xustificación establecido no artigo 30 non se presenta a solicitude de pagamento indicada no artigo 23 entenderase que o solicitante desiste da súa solicitude e perderá o dereito á reserva de fondos, os fondos reasignaranse ás solicitudes que eventualmente se atopen na listaxe de espera segundo a orde de prelación que corresponda.
2. As entidades colaboradoras deberán presentar a solicitude de pagamento do anexo IV, que deberá cubrirse accedendo desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou, directamente, no URL: https://ebici.xunta.gal
As copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade do solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A aplicación informática non permitirá a presentación de solicitudes de pagamento que non acheguen a documentación xustificativa complementaria indicada no artigo 23.
3. As solicitudes de axuda con reserva de fondos que presenten solicitudes de pago serán revisadas pola Dirección Xeral de Mobilidade conxuntamente coa documentación xustificativa que debe acompañar a esta.
4. Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase a entidade colaboradora para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achega os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido na súa petición e arquivarase o expediente. Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada da verificación dos datos comprendidos nas letras a), b), c) d), e), f) e g) do artigo 20.1 desta orde, tendo nestes casos a entidade colaboradora que achegar os correspondentes documentos.
5. Poderán liberarse os fondos e pasarán a formar parte do crédito dispoñible, se existe constancia da posta ao dispor da notificación da corrección e transcorresen dez (10) días naturais sen que se acceda ao seu contido.
6. Poderá requirirse a entidade colaboradora para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.
7. A Dirección Xeral de Mobilidade comprobará que a solicitude reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. Aqueles expedientes que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.
Artigo 23. Documentación xustificativa do investimento e solicitude de pagamento
1. O prazo para presentar os documentos de xustificación finaliza no prazo indicado no artigo 30, e, nese momento, os investimentos deben estar plenamente realizados, operativos e verificables.
2. Para a cobranza polo solicitante da subvención, a entidade colaboradora deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo IV a esta orde:
Factura xustificativa da actuación. A factura deberá estar asinada e selada pola entidade colaboradora e pola persoa beneficiaria da axuda, coa lenda «pagado» para que quede constancia deste feito.
Na factura indicarase claramente: data de emisión, nome e NIF da persoa beneficiaria. Igualmente, indicarase o ben obxecto da subvención, bicicleta con pedaleo asistido ou bicicleta de man; complementariamente, indicarase a súa marca, modelo, número de bastidor da bicicleta, número de serie da batería e do motor e os requisitos exixidos na convocatoria, se ben, respecto destes últimos datos e de xeito alternativo, a entidade colaboradora poderá expedir un certificado ou unha ficha técnica onde se recolla que o modelo comprado e identificado con precisión na factura ten as características exixidas. En calquera momento, a Dirección Xeral de Mobilidade poderá modificar os anteriores datos técnicos coa finalidade de, garantindo a identificación dos elementos subvencionados, adaptar os ditos requisitos á evolución da técnica e do mercado; as ditas modificacións serán obrigatoria para calquera solicitude formulada a partir do momento en que a mesma se publique na web https://ebici.xunta.gal e se incorpore á aplicación de xestión das axudas.
Así mesmo, deberá comprender os seguintes conceptos: base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE, desconto axuda para a adquisición de bicicletas de pedais novas con pedaleo asistido, e total que ten que pagar o cliente.
3. No suposto de que o importe para pagar fose superior a 1.000 euros, terase que xustificar o pagamento de acordo coas seguintes regras:
Un. Non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos de pagamento en metálico por importe superior a 1.000 euros nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade.
Dous. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas: transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria, nos cales deberán estar claramente identificados:
i. Destinatario último: debe quedar acreditado que o pagador é o destinatario final da axuda. Xa sexa mediante un pagamento directo ou mediante un contrato de financiamento.
ii. Receptor do pagamento (entidade colaboradora).
iii. Número de factura obxecto do pagamento. No caso de financiamento da actuación e que o pagamento se realice directamente desde a entidade de crédito a entidade colaboradora, deberá achegarse copia do contrato de financiamento.
Tres. Nestes casos non será obrigado que a factura veña asinada polo comprador.
4. A expedición da factura e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se regulan as obrigacións de facturación.
5. Non se admitirán os supostos de autofacturación.
6. En ningún caso poderá concertar a persoa beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos contemplados nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
7. Todos os pagamentos que realice o comprador deben efectuarse durante a vixencia da presente convocatoria de axudas, con posterioridade á data da súa publicación.
Artigo 24. Resolución de concesión e pagamento
1. Unha vez avaliada a solicitude inicial e a solicitude de pagamento, a resolución elevarase ao órgano competente para resolver. O procedemento de concesión resolverase no prazo máximo dun (1) mes contado desde a data de presentación da solicitude e, se é o caso, da súa emenda, e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución. Eventualmente para o recoñecemento dos compromisos adquiridos coa reserva de fondos poderase ditar resolución de concesión provisional.
2. A resolución de concesión e pagamento comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, o investimento e a contía da subvención. Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.
3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.
4. Se transcorrese o prazo sen que recaese resolución expresa os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. As resolucións ditadas neste procedemento poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.
Artigo 25. Notificación
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades colaboradoras avisos da posta ao dispor das notificacións á conta de correo e/o teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades colaboradoras deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado unicamente a través do sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas do seu deber de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 26. Pagamentos das axudas
1. Os órganos competentes da Dirección Xeral de Mobilidade poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.
Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a entidade colaboradora os presentase, poderase entender que desiste da solicitude de subvención.
2. Unha vez ditada a resolución de concesión e pagamento, a Dirección Xeral de Mobilidade aboará á entidade colaboradora adherida o importe correspondente na conta bancaria facilitada para ese efecto na solicitude de adhesión.
Artigo 27. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento aos deberes de transparencia contidos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigacións previstas no título I da citada lei.
Artigo 28. Modificación da resolución de concesión
Toda alteración das condicións tidas en conta para a resolución de concesión e pagamento da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 29. Aceptación e renuncia
No caso de que a persoa beneficiaria dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá comunicarllo á Dirección Xeral de Mobilidade, a través da entidade colaboradora. No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará, de conformidade co procedemento establecido no artigo 25 destas bases reguladoras.
Artigo 30. Prazo de execución e xustificación da actuación
A data límite para executar a adquisición da bicicleta con pedaleo asistido ou a bicicleta de man, e presentar a solicitude de pagamento coa documentación xustificativa do investimento, é de 30 días naturais contados desde o día seguinte ao da presentación da solicitude coa data límite do 13 de novembro do exercicio, 2025 ou 2026, con cargo ao que se outorgue a axuda. Transcorrido o dito prazo terase por non xustificada a axuda e por decaído o dereito ao correspondente cobramento, polo que non se admitirán xustificacións realizadas fóra do dito prazo.
Artigo 31. Reintegro de subvencións e réxime de sancións
1. A Dirección Xeral de Mobilidade reservase para si o dereito para realizar cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control que se consideren oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e as persoas beneficiarias someteranse ás actuacións de control que realice a Dirección Xeral de Mobilidade para o seguimento dos proxectos aprobados, así como as de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, as actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Se no curso destas verificacións se detectase que unha entidade colaboradora adherida ou algunha persoa beneficiaria das subvencións incumpriu algunha das condicións establecidas nestas bases reguladoras, resolverase a adhesión da entidade colaboradora ou establecerase o deber de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, segundo corresponda, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan. Igualmente, a Administración poderá acordar a suspensión cautelar da adhesión durante a tramitación do procedemento de verificación.
2. Para os efectos do indicado no apartado anterior, entenderase que incorre en incumprimento determinante por si só da cancelación da adhesión, a falta de xustificación plena do proceso de adquisición e comercialización das bicicletas e bicicletas de man respecto das que o centro adherido tramitase a solicitude de axuda.
E, igualmente, entenderase que concorre en incumprimento determinante por si só da obriga de reintegro, a persoa beneficiaria que emprazada pola Dirección Xeral de Mobilidade, con dez días de antelación, para que exhiba a bicicleta con pedaleo asistido ou a bicicleta de man obxecto da subvención para a súa verificación, en calquera lugar do concello en que radique o seu domicilio no momento de formular a solicitude, que se lle indique no dito requirimento, non facilite a dita verificación no dito lugar e hora, agás causas suficientemente xustificadas.
3. Igualmente, a persoa interesada e a entidade colaboradora virán obrigadas ao reintegro do importe obxecto da subvención no suposto de desistencia ou anulación da operación de compra, calquera que fose o motivo destas. Neste caso, a entidade colaboradora e a persoa interesada virán obrigadas ao reintegro do importe da axuda, segundo proceda ou non a devolución do prezo de adquisición, respectivamente. De transcorrer un prazo superior a un mes desde que se produza a desistencia ou cancelación, formal ou material, da operación de venda sen que se reintegre voluntariamente o importe da axuda, a Administración abrirá un expediente de reintegro polo importe concedido máis os correspondentes xuros.
4. Os procedementos de reintegro que se tramiten para materializar a devolución á que se refiren os números anteriores, tramitaranse consonte co previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. As entidades colaboradoras e as persoas beneficiarias das subvencións, de ser o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desenvolto no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.
Artigo 32. Normativa de aplicación
1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións.
4. Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
5. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
6. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
7. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
8. Regulamento xeral de protección de datos (RXPD): norma de aplicación directa en toda a Unión Europea, relativa á protección das persoas físicas na que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos.
9. Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da Administración electrónica (ENS)-versión consolidada.
10. Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.
Disposición adicional primeira. Órganos competentes
1. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade o exercicio das facultades para resolver sobre as solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras, así como sobre as solicitudes de concesión e pagamento das subvencións previstas nesta orde.
Igualmente, deléganse as facultades para autorizar, dispoñer, recoñecer a obrigación e propoñer os correspondentes pagamentos, e para conceder anticipos, de ser o caso, así como resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.
Tamén se delega na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade a competencia para formalizar os convenios de colaboración coas entidades colaboradoras.
2. A persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para instruír os procedementos de adhesión de entidades colaboradoras e de concesión das subvencións, correspondéndolle como tal o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade poderá designar unha persoa que substitúa á anterior en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.
3. As competencias que se delegan mediante esta orde á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade serán exercidas temporalmente, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade, e mentres persistan estas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.
Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do citado artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións. Para tal fin, as entidades adheridas e as persoas beneficiarias últimas estarán obrigadas a comunicar á Administración canta información sexa requirida para a súa comunicación á dita Base de datos, sendo igualmente responsables respecto exactitude de todos os datos e información que comuniquen.
Disposición adicional terceira. Impugnación da convocatoria
Contra esta orde poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde
Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para ditar as instrucións e os actos que sexan necesarios para a execución desta orde.
De xeito específico, habilítase á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para a modificación da relación de requisitos técnicos que deben cumprir os bens obxecto de subvención, establecidos no artigo 3.1, á fin de adaptalos á evolución da técnica e dos mercados; e, igualmente, a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade poderá incorporar novas epígrafes referentes ás tarifas do imposto sobre actividades económicas aos previstos no artigo 8.1, ou suprimir ou modificar os inicialmente indicados, atendendo ao ámbito de comercialización dos bens subvencionables. As modificacións indicadas neste punto serán aplicables a partir da súa publicación na web https://ebici.xunta.gal
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

