I
A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e conforme o artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No seu exercicio, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG).
O artigo 1.2 da devandita LPCG establece que: «[...] o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo».
A LPCG no seu artigo 8.2 establece: «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais, que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».
O artigo 10.1.a) da LPCG define monumento como: «a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico». Así mesmo, o artigo 88.1.e) da LPCG recolle que se presume un valor arquitectónico nos edificios relevantes da arquitectura ecléctica que evidencien, total ou parcialmente, os principios recoñecibles do seu estilo arquitectónico de forma relevante pola calidade do seu proxecto, espacial ou construtiva, a súa singularidade estética ou a súa representatividade tipolóxica, ademais de posuír unha dimensión social significativa.
II
O Pazo de Lourizán posúe sobranceiros valores arquitectónicos e destaca como exemplo da arquitectura civil de estilo ecléctico, cos elementos configuradores propios do estilo coñecido como Segundo Imperio Francés, e se atendemos ao seu carácter e dimensións, pódese considerar único en Galicia. Así mesmo, exemplifica os diferentes períodos históricos e a súa capacidade de adaptación a diferentes usos, desde a granxa orixinal, cara a unha quinta de recreo, e logo unha residencia ostentosa con funcións representativas.
A súa configuración actual responde principalmente á reforma e ampliación abordada baixo o proxecto do mestre de obras Jenaro de la Fuente Domínguez entre 1909 a 1912, ben que na súa orixe existía unha casa de campo, quinta e granxa anterior, da que se conservan partes integradas no edificio ecléctico, así como construcións propias dun tipo de arquitectura relacionado coas actividades agrarias e gandeiras, como o pombal, o muíño e o hórreo, e que tamén exemplifica un proceso de transformación e evolución tanto no formal como no uso.
O resultado desta ampliación foi descrito por Xaime Garrido como «o máis monumental e impresionante Pazo galego deseñado polo xenial arquitecto de oficio (por non estar titulado como tal) Jenaro de la Fuente Domínguez».
O conxunto formado polo Pazo, as construcións auxiliares, o hórreo, o pombal, o lavadoiro, as fontes, a antiga fábrica de augardentes e xeo, o muíño, o invernadoiro, sen esquecer os xardíns, os canais, os estanques, as grutas, as escalinatas, os emparrados, os muros e os socalcos, constitúe por si mesmo un destacado conxunto.
Outros elementos significativos son os xardíns que se integran no predio e que no seu momento foron deseñados para o gozo do espazo e con anterioridade á implantación da reforma do edificio principal, seguindo os criterios propios do paisaxismo da época, como poden ser os estanques, as grutas, as fontes ou mesmo as escadas que aparecen nos muros, poderían constituír por si mesmos un xardín ecléctico de gran valor.
Tamén o arboredo xerado no predio é dos máis importantes de Europa, onde se poden ver especies vexetais traídas doutras latitudes ou mesmo modificacións singulares de especies para adaptalas ao clima de Pontevedra, o que deu como resultado un conxunto forestal único.
III
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural publicou no Diario Oficial de Galicia, número 89, do 10 de maio, a Resolución do 9 de maio de 2023, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural o Pazo de Lourizán, situado no termo municipal de Pontevedra.
O artigo 18.2 da LPCG establece que é necesario o informe favorable e motivado sobre o seu valor cultural sobranceiro de, polo menos, dúas das institucións consultivas especializadas ás que se refire o artigo 7 do citado texto legal. Neste sentido solicitouse informe ao Consello da Cultura Galega, á Real Academia de Belas Artes do Rosario e á Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña. Logo de realizado este trámite, constan no expediente administrativo os informes favorables e motivados sobre o valor cultural sobranceiro do ben precisos para proceder á declaración de ben de interese cultural do Pazo de Lourizán.
No período de exposición pública da proposta de incoación e do expediente administrativo presentouse unha alegación que, nos seus termos globais e despois do informe dos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, non foi estimada, xa que a determinación do obxecto da declaración de ben de interese cultural se considera xustificada no expediente administrativo.
Na tramitación do expediente, polo tanto, cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coa normativa vixente.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de abril de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Primeiro. Declarar ben de interese cultural o Pazo de Lourizán, no termo municipal de Pontevedra, conforme o descrito no anexo I e segundo a delimitación proposta no anexo II deste decreto.
Segundo. Ordenar que se anote esta declaración de ben de interese cultural no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración Xeral do Estado.
Terceiro. Publicar este decreto no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.
Cuarto. Notificar este decreto á Deputación Provincial de Pontevedra e ao Concello de Pontevedra.
Quinto. Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Eficacia
Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, catorce de abril de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
José López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
ANEXO I
Descrición do ben
1. Denominación: Pazo de Lourizán.
2. Localización:
– Provincia: Pontevedra.
– Concello: Pontevedra.
– Parroquia: Santo André de Lourizán.
– Lugar: Agrovello.
– Coordenadas xeográficas: UTM (ETRS 89 e fuso 29): X: 527.577, Y: 4.695.303.
– Referencia catastral: 36900A021000020001WF.
3. Descrición.
3.1. Referencia histórica: o predio de Lourizán foi propiedade da familia Montenegro cando menos desde finais do século XV. No lugar construíron unha casa torre fortificada na que en 1609 Luis de Góngora pasou unha tempada e escribiu unha parte do seu libro Soledades. Durante o século XVIII e primeiras décadas do XIX existen documentos que vinculan a propiedade e as súas transmisións ao Marqués da Serra, ao Marqués de Castelar, Francisco Genaro Ángel, Atanasio Pulgar e Pedro Pulgar del Castaño. Foron os herdeiros deste último os que a alugaron, o 26 de agosto de 1876, a Eugenio Montero Ríos, que, posteriormente, a adquiriu e a desfrutou ata a súa morte ocorrida o 12 de maio de 1914.
Durante eses anos este predio foi lugar de destacados acontecementos, entre eles a realización do proxecto de obras de melloras da Granxa e da Casa da Sierra, obra do enxeñeiro Manuel Lafuente; a execución do actual Parque das Rías ou da denominado Fervenza de Echegaray por parte de Ramón Oliva e Vicente Fornollosa; a elaboración do Plano xeral de Lourizán efectuado por Manuel Fernández Adoitar; a colocación da primeira pedra da nova Igrexa da nosa Señora dos Praceres en Lourizán, a execución da gruta baixo a escaleira e da Gruta dos Espellos; a colocación nas escaleiras do Pazo de catro estatuas como agasallo das deputacións de Galicia pola intervención de Eugenio Montero Ríos no conflito do estanco do sal.
Tamén é necesario destacar as obras da cripta baixo a capela de Lourizán e o uso que fai Joaquín Luque Roselló cando pasa o verán neste predio, co fin de pintar unha serie de panneaux que decorarían o salón principal, ou a pintura mural dun Cristo crucificado sen cruz, a modo de cabeceiro do dormitorio de Eugenio Montero Ríos e da súa esposa Avelina Villegas Rubiño. Entre 1909 a 1911 prodúcense de novo obras, neste momento de construción do Pazo de Lourizán con proxecto de Jenaro de la Fuente e como contratista Juan Bouzón Figueroa. Pouco despois, en 1914, morre Montero Ríos en Madrid, e os seus restos son trasladados a Lourizán para ser enterrado na Cripta, na mesma que se enterrou a Avelina Villegas Rubinos cando falece o 31 de xaneiro de 1923.
O 21 de xuño de 1943 celébrase unha sesión extraordinaria da Deputación de Pontevedra para a adquisición dun predio no que instalar o Centro Rexional de Ensinanzas, Investigacións e Experiencias Forestais e o 8 de outubro dese mesmo ano, realiza a compra do predio de Lourizán.
Posteriormente, en 1944, a Deputación fai un inventario do mobiliario existente na propiedade e en 1945 os restos mortais de Eugenio Montero Ríos e Avelina Villegas son trasladados á Igrexa de Sant Andrés de Lourizán. Non foi ata 1949 cando se creou o Arboredo de Lourizán.
En 1991 a Deputación de Pontevedra cede á Xunta de Galicia os dereitos de xestión por un prazo de trinta anos e no que continúa a actividade do Centro de Investigación Forestal (CIF), que mantén a tradición ligada ao coñecemento e capacitación na materia.
3.2. Descrición xeral: o Pazo, tal e como o coñecemos hoxe en día, é froito da reforma levada a cabo por Jenaro de la Fuente a comezos do s. XX, con Eugenio Montero Ríos como propietario. Esta última reforma da residencia tiña a clara vontade de converter a quinta nun pazo, imitando e superando en tamaño a tipoloxía dos hôtels ou palacetes residenciais á moda do estilo Segundo Imperio Francés, que tan boa acollida tiveran en España desde a etapa da Restauración de Alfonso XII. O pavillón adiantado, que acolle a entrada, está presidido polo balcón principal e remata co frontón e reloxo na esvelta cuberta de sección piramidal. Acompañan este pavillón central dous pavillóns máis estreitos nos extremos do corpo principal da vivenda, nos que se repiten as altas ventás, pilastras, balcóns, lucarnas e cúpulas forradas de escamas de zinc do tipo dôme à l’imperiale, que reforzan a ambición e elegancia da nova fachada ecléctica.
En Lourizán a preexistencia dos muros do vello Pazo aproveitados como alicerces condicionou un desenvolvemento como construción alongada e de curto fondo, na que o corpo central si que recorda nitidamente os modelos franceses, pero non así os corpos laterais, resoltos con galerías vidradas e terrazas que lle dan ao Pazo un aspecto máis lixeiro, aberto e alegre.
En canto ás escaleiras que completan a fachada occidental de Lourizán, o evidente papel para a conexión co primeiro xardín e parque confírmase na mesma obra de Jenaro de la Fuente, que amplía o efecto de derrame e apertura dos primeiros chanzos e engade o corpo central rotondo para cubrir a gruta que xa se instalara nas reformas de 1897 a 1898. O tipo de escaleira con formato rotondo para xerar un miradoiro desde o que contemplar as vistas (a imitación do barroco francés).
Ademais, as escaleiras e terrazas abertas que protagonizan unha fachada principal reaparecen noutros proxectos de Jenaro de la Fuente, en especial no Gran Hotel de Mondariz, o que confirma a relación antes apuntada entre Lourizán e as arquitecturas do lecer máis cosmopolitas do século XIX. O complemento da gruta e das estatuas que se reparten desde a base ata o miradoiro superior contribúe a darlle unha categoría de peza artística con personalidade e presenza diferenciada con respecto ao resto do Pazo.
A distribución interior do Pazo de Lourizán como resultado das reformas abordadas entre 1893 a 1897 e 1909 a 1911 organízase arredor dos tres pisos en altura visibles desde o exterior, nos que a planta baixa e o primeiro andar conteñen restos dos muros da primeira casa e Pazo. De xeito horizontal, as estancias distribúense en función de dúas metades separadas por un longo corredor que recorre a totalidade lonxitudinal do edificio, ao igual que ocorre nas arquitecturas de carácter pacego, deixando as estancias de maior rango, os cuartos para recepción de visitas, salóns e despachos, cara á fachada dianteira mirando o parque, e as pezas accesorias como dependencias da servidume, cociña e despensas cara á traseira orientada ao curral.
Na planta baixa, a adega e as tullas do Pazo foron reconvertidos en espazos dedicados ás galerías de recreo e algún despacho, xunto coa cripta incorporada en 1897 para substituír a capela destruída no andar principal. Polo contrario, a planta principal adquiriría un carácter público e semipúblico, xa que nela estarían localizadas as estancias de recepción, os despachos, e o comedor, e desaparece a capela. Na segunda planta repartiríanse os espazos de carácter privado, como salóns e dormitorios familiares, así como dúas pequenas galerías a modo de miradoiros desde os que observar o predio, que darían acceso directo ás terrazas. As estancias dedicadas ao servizo, os baños e a cociña quedarían relegadas a un segundo plano, maiormente concentradas na fachada traseira do edificio.
3.3. Contorna: na zona norte da propiedade, no ámbito máis próximo ao Pazo, atópanse unha serie de edificacións das que fai uso o CIF (Centro de Investigación Forestal de Lourizán) reconvertidas en espazos de investigación, formación e divulgación. Do mesmo xeito, a propiedade conta con viveiros e zonas de plantacións destinados á investigación de diferentes especies e zonas destinadas á divulgación, como, por exemplo, o Parque das Autonomías, que forma parte do xardín botánico aberto ao público.
Destaca a estufa orixinal modificada na súa organización interior. Os xardíns e os espazos recreativos creados na época de Montero Ríos manteñen a súa estrutura e organización, aínda que non todos conservan o aspecto orixinal. Tamén son de interese o Parque das Rías, que mantén o trazado da auga, a gruta e a fervenza de Echegaray; os paseos que o comunican co Pazo; a eira, que conserva un dos hórreos orixinais; e o paseo e escalinata de acceso e inclúe a Fonte dos Espellos.
Consérvanse as estruturas dos enxeños de auga: muíños, fábrica da luz, etc. e as canles que os fornecen. A zona sur da propiedade está destinada case na súa totalidade a plantacións de diferentes especies e que tamén teñen un gran valor para a ciencia e o coñecemento.
3.4. Accesos: o acceso ao predio é efectuado polo límite noroeste da propiedade, desde a estrada Pontevedra-Marín (PO-546). Pódese acceder con vehículo, para os que existen varias zonas de aparcadoiro próximas ao Pazo.
O acceso ao interior do Pazo realízase a través da fachada principal e sóbese desde o xardín pola escaleira proxectada por Jenaro de la Fuente. Unha porta acristalada, coas iniciais «E-A» (Eugenio e Avelina) gravadas sobre o vidro, dá paso ao vestíbulo, comunicado co corredor principal ao redor do cal se distribúen o resto das estancias, co salón principal á esquerda e coa antesala ao comedor á dereita.
Existe un segundo acceso a través do patio traseiro, que dá paso ás dependencias de servizos da residencia.
3.5. Materiais: no Pazo, os materiais máis visibles cara ao exterior son o granito e o vidro, xa que son os que compoñen a fachada (muros portantes e galerías). Os muros de pedra revístense cara ao interior, e nalgunhas zonas tamén ao exterior, con morteiro de cemento. A madeira tamén cobra grande importancia e faise uso dela nas estruturas horizontais, nas carpintarías, nos pavimentos e como revestimento nalgúns espazos interiores.
Nas cubertas destacan as tellas planas de cerámica, e as escamas de cinc e lousa, empregadas as últimas unicamente para cubrir as tres cúpulas.
As esculturas que aparecen nas escaleiras principais, así como as que se atopan en diferentes puntos do predio, están feitas en mármore.
Na maior parte do resto das construcións localizadas na proximidade do Pazo, como o hórreo, o pombal, o lavadoiro ou as fontes, o material protagonista é de novo a pedra, agás no invernadoiro, cuxa construción está realizada en ferro e cristal.
3.6. Outras partes integrantes do edificio principal:
3.6.1. Escalinata do xardín: a escalinata do xardín constitúese por sete niveis e seis tramos de escaleira antes de ascender pola grande escalinata do Pazo, solución arquitectónica que é debida á ordenación artificial do xardín. A súa construción é da época de Montero Ríos, xa que non aparece mencionada nas escrituras precedentes. As balaustradas seguen formas propias da arquitectura pacega pontevedresa e, concretamente, a tipoloxía de balaústre inspirou decididamente a obra que executaría a partir de 1909 o proxecto asinado por Jenaro de la Fuente para o Pazo; así mesmo, este tipo de balaústre tamén o empregou noutros edificios coetáneos, como, por exemplo, no chalé de Augusto González Besada en Poio (1913). Encima de cada pequeno pilar existiron distintas xardineiras de cemento que recreaban formas de troncos de árbores que aínda se conservan, ben que nas primeiras fotografías de Lourizán aparecen vasos de ferro fundido pintados de cor branca.
3.6.2. Estatuas das escaleiras: co proxecto de Manuel Lafuente, colócanse varias estatuas de mármore en distintas partes do xardín. A maior parte delas instálanse arredor da denominada Avenida das Estatuas e fronte á casa principal, unha de Cristóbal Colón, que foi colocada en Lourizán canda o proxecto de Manuel Lafuente e realizada polo escultor Juan Sanmartín y Senra. Non en balde, existían dúas que se situaron noutras zonas: a da Caridade no miradoiro e a Diana Cazadora no Parque das Rías.
Así pois, as da Avenida das Estatuas cambiáronse de sitio coa reforma de Jenaro de la Fuente de 1909, con destino á escaleira monumental de acceso ao Pazo, onde aínda radican, e a de Cristóbal Colón para o interior do invernadoiro, antes de ser trasladada aos xardíns de Vincenti de Pontevedra en 1959, onde está actualmente.
A súa situación actual descríbese a continuación en sentido de esquerda a dereita e en ascenso mirando de fronte ao Pazo: nos pedestais do arranque das escaleiras están as de Xermánico, Discóbolo, O Escravo Moribundo e Sófocles; sobre os extremos da rotonda as de Palas Atenea e Diana de Gabies; e, por último, nos fornelos da fachada principal a carón da porta de entrada ao vestíbulo as alegorías da Primavera e do Verán. Moitas destas esculturas son copias doutras existentes en diversos museos, como, por exemplo, a Diana de Gabies. Isto indica que o escultor era perfectamente coñecedor das belas artes que se xeraban nas academias, onde a súa formación se fundamentaba nos modelos clásicos.
3.6.3. Fonte do patio: no patio traseiro do Pazo hai unha fonte do século XVIII na que destaca unha faciana anónima de cantaría diferente ao resto do conxunto. Tamén contén unha campá, que aínda que ten unha chapa adherida coa data de 1961, posúe unha ornamentación de palmetas característica do século XIX, posiblemente en época de Montero Ríos.
3.7. Outros elementos integrantes na contorna do Pazo.
3.7.1. Antiga fábrica de augardentes e xeo artificial: no camiño de acceso, edificio que antes de Montero Ríos funcionara como fábrica de augardentes e que, desde o verán de 1892 acollería unha fábrica de xeo artificial.
3.7.2. Fonte dos Tres Canos: está situada a carón da antiga fábrica de augardentes, tamén denominada Fonte de Jesús. Con restos decorativos barrocos, destaca polo escudo da liñaxe dos Montenegro, semellante ao que se labrou no frontal do sepulcro fundado por Catalina Alonso de Pazos na basílica de Santa María a Maior de Pontevedra. A parte decorativa xorde dos surtidores, xa que na parte superior posúe dúas carautas desde onde sae un cano de cada unha, cuxa auga cae a un vaso inferior, desde o que mana a auga por medio de tres carautas cara á pía baixa.
3.7.3. Lavadoiro: o lavadoiro está en contacto co muro leste da antiga fábrica de augardentes e coa fonte dos Tres Canos. A pía para lavar a roupa probablemente sexa anterior á época de Montero Ríos, pero o resto do conxunto non.
Neste sentido, as columnas que suxeitan a cuberta teñen a mesma forma que os piares da escalinata do xardín, que se deberon construír a principios da década de 1880.
3.7.4. Gruta dos Espellos: a construción da Gruta dos Espellos posibilitouse polo asocalcamento da escalinata. O seu revestimento é de rocalla, con dúas entradas a ambos os lados e un grande orificio a modo de gran ventá no centro imitando unha gruta artificial. No interior, continúan as formas cavernosas e adquire o protagonismo a fonte central. Esta é un tipo de aplique de ferro fundido coa imaxe dun golfiño no que a súa boca exerce de surtidor para que a auga caia sobre unha cuncha de ferro fundido e desde esta a unha pía baixa. No resto da gruta tiñan principal importancia os espellos, pois a súa colocación pensouse que era para realizar un xogo de luces con escintileos luminosos.
3.7.5. Muíño: o muíño hidráulico é outra das arquitecturas preexistentes á chegada de Eugenio Montero Ríos, xa que en 1879 aparece mencionado en funcionamento grazas á auga que baixaba dunha canle antiga proveniente do terreo da Touza. Aínda que está en ruínas, pódese albiscar boa parte da súa estrutura e no exterior salienta por ter parte do paramento cuberto con rocalla.
3.7.6. Parque das Rías: as augas canalizábanse desde o lugar de Agrovello pola Gruta e a Cascada de Echegaray, e discorrían en pendente mediante regatos sinuosos que contiñan pequenos illotes e paseos artificiais con pontes ata chegar ao estanque que actualmente se conserva. O primeiro elemento é o estanque, que en orixe estaba cheo de auga. Augas arriba, tras dunha comporta, estaba a zona denominada Ría das Rosas e despois a Ría de Diana, onde se situaba a estatua de Diana Cazadora, que era unha copia en mármore da que se atopa no Museo do Louvre e que, actualmente, está situada fronte ao extremo noroeste do Pazo. O ascenso hidráulico finaliza na denominada Gruta e Fervenza de Echegaray, que alude ao escritor madrileño José Echegaray, quen tiña o seu chalé de veraneo en Marín e era amigo de Montero Ríos. Trátase doutra gruta artificial cuxa estética de rocallas remite a exemplos próximos como os do Pazo Vista Real de Vilagarcía de Arousa, ou o do Pazo Torres de Agrelo de Redondela ou mesmo as posteriores grutas artificiais do Pasatempo de Betanzos.
3.7.7. Hórreo e eira: detrás do patio do Pazo, érguese un valado que coroa unha plataforma natural, onde se localiza un hórreo de pedra que segue a tipoloxía arquitectónica dos do Morrazo, unha terraza pavimentada de lousa e a Estación Meteorolóxica. Posiblemente construído cara a finais do século XVIII.
3.7.8. Invernadoiro: é un dos exemplos máis destacados da súa natureza en Galicia pola amplitude e lixeira estrutura. Tamén denominada «serra» e «estufa», este invernadoiro é de planta rectangular, cóbrese por unha estrutura de ferro e cristal con forma de bóveda de canón que abrangue a planta da superficie central e socalca en vertente aos extremos dos catro lados para definir o espazo de menor altura correspondente aos corredores laterais. Deste xeito, no espazo central pódense acoller as especies vexetais de gran tamaño, xa que o punto máis alto chega aos 7 metros, namentres que os laterais son para cultivar plantas de menor tamaño.
Tamén destaca a pérgola de ferro forxado que posúe na fachada suroeste, xa que non é frecuente situar este tipo de elemento decorativo na entrada dos invernadoiros, mais neste caso dá sombra mediante a buganvílea que escala por ela. Xunto coa pérgola, os accesos son os únicos que teñen motivos decorativos, pois o interior non posúe ningunha decoración en ferro, o que o fai diferir dos grandes invernadoiros europeos. Hoxe non quedan restos da estufa que servía para mellorar a temperatura na época de inverno.
Non obstante, esta fisionomía arquitectónica variou respecto da construción orixinal debido á reconstrución que se fai en 1953 debido ao seu mal estado de conservación que implicou o recheo da superficie central, a eliminación dos cristais para illar os corredores laterais. Ademais, a estatua de Colón que nos primeiros anos de Montero Ríos se situaba fronte á escalinata da casa principal, situouse no seu centro por moitos anos tras a reforma de Jenaro de la Fuente de 1909, antes de trasladarse aos xardíns de Vincenti de Pontevedra en 1959, onde se conserva actualmente.
3.7.9. Pombal: o pombal sitúase no actual Parque das Autonomías e da súa existencia xa hai constancia en época do Marqués de Castelar y de la Sierra. É unha construción de planta central realizada en cachotaría.
3.8. Elementos de interese no predio.
3.8.1. Portalón e reixa de peche: ata o século XIX existía un muro de pedra que delimitaba o inmoble polo oeste, pero Montero Ríos instalou o actual peche de ferro con reixa e portalón a carón da actual estrada C-550 Pontevedra-Marín e do camiño de acceso norte. Construíuse na fábrica de fundición La Industriosa de Antonio Sanjurjo Badía en Vigo, tal e como se testemuña na inscrición fabril da parte baixa dos piares que flanquean o portalón.
A reixa e o portalón sufriron danos que produciron severos quebrantamentos ao longo do século XX. Ademais, para habilitar a entrada dos medios de transporte da Escola de Capataces foi necesario ensanchar a distancia entre os piares e as follas do portalón quedaron nun recanto fóra da rampla, imposibilitando o seu peche. Por último, o recheo que se fixo para a construción das beirarrúas invisibiliza o arranque das reixas desde o muro baixo, que en boa parte está soterrado.
3.8.2. Fonte da Cuncha: é a primeira fonte no camiño de acceso. Ten forma de gruta artificial e simula un fornelo onde se sitúa o surtidor de auga que desemboca nunha portentosa cuncha natural que exerce de pía superior, e cae entre os pregues ondulados a outra pía baixa, que puido exercer de bebedoiro. A súa construción de rocalla realizouse mesturando morteiros e pedras naturais en época de Montero Ríos, xa que non aparece na descrición da Granxa de 1879.
3.8.3. Bancos de pedra con respaldo de ferro: na última terraza do xardín consérvanse tres bancos. Cada un destes posúe unha parte inferior de granito, composta de dous pés e o propio asento do banco, máis un respaldo de ferro coado. Un deles contén dous tramos de respaldo de ferro coado e os outros dous restantes conteñen un. Semella que a súa localización non é a orixinal.
3.8.4. Plataforma do miradoiro e o quiosco: próximo ao muíño, sobe un camiño cara ao xardín botánico. Case no seu inicio, hai unha plataforma na que existe un miradoiro e un quiosco. O miradoiro ocupa o espazo noroeste da plataforma e péchase ao exterior cunha balaustrada de ferro fundido. No centro hai un pequeno estanque cunha rocalla que en orixe posuía a estatua da Caridade. No resto da plataforma sitúase o quiosco. Este espazo péchase por unha estrutura de ferro fundido soportada en orixe por oito columnas e decorada con grilandas florais nos travesos de unión para exercer de pérgola. Estas columnas tamén teñen a inscrición da fundición La Industriosa. Baixo o emparrado, estaba a mesa de seis metros de lonxitude na que Montero Ríos facía as súas negociacións.
3.8.5. Parras: desde o proxecto de Manuel Lafuente, Montero Ríos pretendeu mellorar o itinerario de camiños preexistentes, acondicionándoo cunha superficie de granito descomposto ou area de mina e ensanchándoo ata catro metros. Ao longo de boa parte dos camiños dispuxo unha pérgola con arcada de ferro fundido para suxeitar as parras, da cal se conserva algún fragmento das súas columnas na pendente situada entre o Pazo e o muíño.
3.9. Bens mobles: desde que Montero Ríos adquire a Granxa da Serra, introducíronse mobles cunha finalidade funcional e decorativa para garantir o confort persoal e a ostentación pública, conforme os usos da época. O inventario que acompaña o informe de taxación realizado por Jesús Morandeira en 24 de febreiro de 1944 para a Deputación Provincial de Pontevedra enumera un conxunto de bens mobles existentes nese momento, aínda que con descricións e denominacións que son maioritariamente xenéricas, e que pode ser unha ferramenta de utilidade para unha futura investigación da súa vinculación. No Pazo consérvanse algunhas pinturas e pezas de mobiliario, entre as que se destacan polas súas características e vinculación á época de Montero Ríos:
– Retrato de Eugenio Montero Ríos de J. M. Ortiz (1897).
– Copia de O soño do patricio de Murillo de Jenaro Carrero.
– Armario-vitrina e a cadeira do despacho coas iniciais de Eugenio Montero Ríos.
– Cubertaría de prata coas iniciais de Eugenio Montero Ríos.
– Dous grupos de figuras de bronce francesas: Margarita e o Fausto e Romeo e Xulieta.
– Teteiras do antigo Hotel de Placeres, que fundara o propio Montero Ríos.
No Museo Provincial de Pontevedra, dependente tamén da Deputación Provincial, existen outros bens mobles e documentación de interese relacionada coa historia do Pazo de Lourizán.
Ningún destes bens mobles se inclúe na declaración de ben de interese cultural do monumento como bens vinculados co inmoble. Ben que no futuro esta relación podería cambiar como resultado dos estudos e investigacións que se realicen.
3.10. Patrimonio inmaterial.
No Pazo de Lourizán destaca a vinculación da figura de Montero Ríos como personalidade política da transición ao século XX, que no caso de España levou á perda definitiva das colonias ultramarinas, e abrangueu as etapas do Sexenio Democrático (1868-1873) e a Restauración Alfonsina (1874-1914), e as diferentes mencións na documentación e literatura ao Pazo de Lourizán e os seus xardíns como lugar no que puideron acontecer momentos relevantes de xuntanzas e decisións políticas de todo tipo. Tamén cómpre destacar a presenza desde mediados do século XX da actividade de investigación e docencia en materia forestal, como institución de referencia neste eido e na actualidade, do que queda como mostra o propio arboredo do predio, que conta con exemplares excepcionais e recoñecidos pola súa singularidade e valores naturais.
4. Estado de conservación.
4.1. Cimentación: non se aprecian problemas nos alicerces da edificación. Tampouco fendas nos muros da fachada que puidesen indicar unha falta de estabilidade desta, polo que se considera en bo estado.
4.2. Estrutura: a estrutura vertical de granito atópase en bo estado. A estrutura horizontal de madeira, así como a estrutura de madeira da cuberta, foron obxecto de recentes estudos de diagnose previa que detectaron ataques activos de xilófagos, nomeadamente de térmites e lesións que afectan parcialmente e de forma localizada estes sistemas estruturais. É recomendable e necesario realizar un estudo máis fondo do sistema estrutural lígneo e analizar a súa capacidade resistente e completar a diagnose sobre o estado de conservación das distintas pezas e materiais (tipos de madeira) que o compoñen.
4.3. Fachadas e carpintarías: o trazo rico en volumes da arquitectura favorece o depósito de auga e substrato para a xerminación de fungos e plantas. Abundan as zonas de liques de tons brancos e amarelos, así como a presenza de musgos nas zonas sombrías e húmidas. As carpintarías de madeira en fachada están na maioría deterioradas por mor da auga e da humidade. A perda de estanquidade é total e xa se teñen producido filtracións de auga cara ao interior.
4.4. Cuberta: existen varios tipos de cubertas no inmoble: as máis extensa de tella cerámica plana mentres que a de escamas de zinc e lousa aparece nas cúpulas, así mesmo, mentres que nas terrazas destaca o solado de morteiro impermeabilizado, que foi intervido recentemente e aparentemente se atopa en bo estado. Na cuberta de tella plana obsérvanse liques e manchas de humidade na parte interior e a cuberta de zinc e lousa, parece estar en bo estado. Puntualmente, a rotura ou maior separación entre pezas produciu a entrada de auga e hai que destacar a presenza das pátinas vexetais sobre estes materiais de cobertura.
4.5. Instalacións: o edificio conta con enerxía eléctrica e cadros eléctricos relativamente novos, que se atopan en servizo. Os interruptores, nalgúns casos bastante antigos, funcionan. Polo exterior do inmoble obsérvase o que parece ser a instalación de posta a terra dun pararraios, do que se descoñece o seu estado de funcionamento. Algunhas partes das instalacións (contador de gas, termo, depósitos de auga de fibrocemento etc) semellan obsoletos ou fóra de uso.
4.6. Vexetación: a proximidade da vexetación ao inmoble exixe un mantemento das especies máis confinantes para que estas ou partes delas non produzan ningún dano sobre o inmoble, con especial mención para o cedro do Líbano cuxo estado sanitario se viu deteriorado nos últimos anos, e presenta un risco grave para o inmoble.
5. Valoración cultural.
O Pazo de Lourizán posúe sobranceiros valores arquitectónicos e destaca como exemplo da arquitectura civil de estilo ecléctico, cos elementos configuradores propios do estilo coñecido como Segundo Imperio Francés, no seu carácter e dimensións único en Galicia.
Así mesmo, exemplifica os diferente períodos históricos e a súa capacidade de adaptación a diferentes usos, desde unha orixinal granxa, cara a unha quinta de recreo, e logo unha residencia ostentosa con funcións representativas.
A súa configuración actual responde principalmente á reforma e ampliación abordada baixo o proxecto do mestre de obras Jenaro de la Fuente Domínguez entre 1909 a 1912, ben que na súa orixe existía unha casa de campo, quinta e granxa anterior, da que se conservan partes integradas no edificio ecléctico, así como construcións propias dun tipo de arquitectura relacionado coas actividades agrarias e gandeiras, como o pombal, o muíño e o hórreo, e que tamén exemplifica un proceso de transformación e evolución tanto no formal como no uso.
O conxunto formado polo Pazo, construcións auxiliares, hórreo, pombal, lavadoiro, fontes, antiga fábrica de augardentes e xeo, muíño, invernadoiro, sen esquecer os xardíns, canais, estanques, grutas, escalinatas, emparrados, muros e socalcos, xa constitúe por si mesmo un destacado conxunto etnográfico.
Outro elemento significativo do conxunto son os xardíns que se integran no predio e que, no seu momento, foron deseñados para o desfrute do espazo e con anterioridade á implantación da reforma do edificio principal, seguindo os criterios propios do paisaxismo da época, como poden ser os estanques, as grutas, as fontes ou mesmo as escadas que aparecen nos muros, poderían constituír por si mesmos un xardín ecléctico de gran valor.
Tamén o arboredo xerado no predio é dos máis importantes de Europa, e que posúe elementos identificados polos seus valores naturais, que deben ser considerados no seu propio marco sectorial.
6. Usos: en orixe o predio de Lourizán, coñecido como Granxa da Serra, estaba dedicado a casa de campo e granxa, polo que a actividade principal era agrogandeira. A construción foi mudando e converteuse nun pazo tradicional que contaba con capela, curral, cortes, vivenda de criados e casa dos señores, e pasou a ter un uso residencial máis definido.
A compra e o uso de Montero Ríos derivou totalmente cara a un espazo de residencia lecer e recreativo, que transformou os espazos inmediatos en xardíns con diferentes especies, e mesmo adquiriu un carácter representativo e social derivado dos cargos do goberno da época do seu propietario.
Tras a creación do Centro de Investigación Forestal (CIF), o Pazo foi empregado durante un tempo como residencia de estudantes da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Montes. Moitas das súas dependencias están adaptadas a este uso, que implica estadías prolongadas no predio de Lourizán. Tamén a zona sur do Pazo foi utilizada como residencia do director do CIF ata os anos 2000 aproximadamente, momento no que queda sen uso. Todo o predio está aberto ao público xeral, mais o seu acceso depende dos labores levados a cabo polo CIF. Na actualidade a entrada ao edificio do Pazo non está permitida a visitantes, unicamente poden acceder a el persoas autorizadas. Só é visitable polo exterior.
Toda a propiedade ten ademais un gran potencial e interese cultural e turístico e permítense as visitas ao público xeral. O inmoble é un dos doce Pazos integrantes da ruta da Camelia, impulsado pola Axencia de Turismo de Galicia e dada a súa actual condición, debe considerarse a posibilidade da introdución de novos usos, tanto relacionados coa actividade de investigación como os da interpretación do patrimonio cultural e servizos para visitantes de carácter cultural e turístico.
7. Réxime de protección.
7.1. Natureza e condición:
– Natureza: material.
– Condición: inmoble.
– Categoría: monumento.
– Interese cultural: arquitectónico, histórico, artístico, etnolóxico e científico-técnico.
– Nivel de protección: integral.
7.2. Directrices para futuras intervencións.
As intervencións no ben que se estiman compatibles coa protección dos seus valores culturais son as incluídas no artigo 42 da LPCG. Débense entender incluídas as accións e medidas que teñan por obxecto permitir a recuperación do uso que tivo o edificio na súa formalización actual ou un novo, coherente e compatible cos valores do ben, sempre que non se alteren os elementos e atributos que testemuñan o seu valor cultural. No contexto da mellor conservación e sustentabilidade cara ao futuro, poderán realizarse proxectos que teñan por obxecto implantar usos que respecten as características do inmoble nos que se apliquen e respecten os criterios xerais recollidos nos artigos 44, 46 e 89 da LPCG.
No caso dunha especial complexidade ou diversidade funcional das propostas, recoméndase a redacción dun plan director ou, se é o caso, incorporar nos proxectos integrais de conservación os estudos interdisciplinarios e as medidas necesarias para a caracterización completa dos elementos e atributos que testemuñan o seu valor cultural, a súa avaliación e estudo integral, segundo o que determina o artigo 90.2 da LPCG.
Calquera actuación, nova construción ou instalación deberá garantir a protección do ben declarado de interese cultural e das súas partes integrantes, así como da súa relación cos elementos do conxunto que teñen unha especial relevancia na súa historia e configuración, tomando en conta os aspectos concretos que se sinalan nesta declaración e as caracterizacións culturais que deriven dos futuros procesos de investigación.
7.2.1. Actuacións no ben e as súas partes integrantes:
– O nivel de protección integral supón a conservación íntegra dos bens e de todos os seus elementos e compoñentes nun estado o máis próximo posible ao orixinal, desde a perspectiva de todos os valores culturais que conforman o interese do ben, respectando a súa evolución, transformacións e contribucións ao longo do tempo.
– As estruturas de madeira serrada da cuberta forman parte de intervencións máis recentes, polo que, ao non ser elementos orixinais, poderán ser substituídos mantendo a función orixinal e tomando en especial consideración a súa formalización e imaxe.
– Os pavimentos de madeira, os acabamentos decorativos de paredes e carpintaría interior orixinais respectaranse e procurarse a súa conservación íntegra.
– No caso das carpintarías de madeira priorizarase a súa restauración sobre a substitución, mantendo a posición cando responda á disposición propia da construción orixinal. En caso de unidades ou partes irrecuperables, ou da ineludible necesidade de renovación por razóns de seguridade de utilización ou obrigado cumprimento de normativas, substituiranse por carpintarías de madeira con similares características, que respecten os valores culturais do monumento.
– Tendo en conta os recentes estudos que teñen detectado un importante grao de deterioración nos sistemas estruturais e construtivos lígneos, o criterio de mantemento destes débese entender como unha orientación e obxectivo xeral, que poderá ser matizado e particularizado en función do resultado dos necesarios estudos de caracterización dos materiais e sistemas estruturais e construtivos, que deberán ter sempre un carácter interdisciplinar que permita incluír a consideración e a protección do valor cultural.
– Non se considera que as instalacións existentes teñan un especial valor cultural, ben que, de ser o caso, valorarase o mantemento das partes visibles como parte da historia do propio edificio sempre que resulten aptas para o seu uso actual.
– No caso de substitución total ou parcial dos materiais deteriorados irrecuperables que formen parte dos acabados ou dos elementos ornamentais e decorativos, procurase a integración do novo elemento empregando os mesmos materiais e técnicas propias da construción e atendendo ás súas características dimensionais, cromáticas e de acabamento.
– A análise crítica necesaria que cómpre realizar nas propostas de intervencións que desenvolvan as futuras intervencións no monumento poderán identificar elementos, materiais e sistemas construtivos e estruturais que non resulten compatibles coa conservación do ben ou que non resulten relevantes para a conservación do seu valor cultural.
7.2.2. Actuacións e usos no contorno de protección:
– A planificación da xestión dos espazos do CIF destinados á súa actividade de investigación forestal recollerase nun documento que conteña os obxectivos, as actuacións e os criterios para a conservación preventiva, mantemento e explotación dos espazos forestais e axardinados e que incluirán entre eles a compatibilidade coa protección, a conservación e a salvagarda dos valores culturais existentes e que son obxecto da declaración de ben de interese cultural.
– As actuacións forestais e de plantación, conservación, mantemento e corta do arboredo e da vexetación e solos cultivados propias da actividade do CIF que desenvolvan a planificación devandita, non precisarán da autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.
– Non se aprecia un valor cultural que requira de protección nas instalacións ou nas edificacións de recente construción existentes no ámbito da declaración. As instalacións novas ou as modificacións das existentes deberán propoñerse e avaliarse de forma compatible coa conservación e as condicións de apreciación do ben cultural no seu contorno, e a relación entre si das partes integrantes.
Da mesma forma, as actuacións de reforma, ampliación ou as demolicións totais ou parciais das instalacións e edificacións existentes de recente construción que excedan as intervencións de conservación dos espazos interiores e mantemento ordinario, requirirán da autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
– Empregarase como criterio prioritario a conservación da estrutura propia do desenvolvemento histórico do predio e ás relacións entre os elementos que se localizan neles.
7.2.3. Actuacións e usos na zona de amortecemento:
– Manteranse e procurarase a integración no percorrido cultural do Pazo dos elementos relacionados co seu uso previo e que se atopan espallados pola propiedade orixinal tanto no contorno de protección como na zona de amortecemento, como o portalón e a reixa de peche, a fonte da Cuncha, os bancos de pedra con respaldo de ferro, a plataforma do miradoiro e o ceador, os restos dos emparrados. As intervencións que afecten estes elementos deberán contar coa autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
– Estímase que pola natureza do predio, a súa actividade histórica e actual, non son compatibles coa súa conservación as actividades extractivas mineiras, as instalacións de produción, transporte ou depósito enerxéticas, nin as instalacións de carácter industrial. Todas elas coa excepción das de xeración eléctrica de autoconsumo e as actividades e infraestruturas que sexan previstas e necesarias para o propio desenvolvemento das actividades existentes de investigación forestal ou funcionamento das súas instalacións, e que requirirían da autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
– A actividade forestal existente asociada á investigación e á docencia poderá seguir a desenvolverse, estimando que é un uso propio da evolución e historia do conxunto. Só as modificacións que supoñan unha transformación das condicións territoriais do predio precisarán da autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, sen prexuízo de que se deba realizar sempre unha avaliación específica sobre os efectos sobre a conservación e as condicións de apreciación do patrimonio cultural existente no ámbito.
– Calquera nova construción de carácter temporal ou permanente de dimensións superiores a 200 m², así como a apertura para tráfico rodado de vías pavimentadas, tamén requirirá da autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
7.3. Réxime xeral: esta declaración determina a aplicación do réxime de protección previsto na LPCG para os bens declarados ben de interese cultural, e que de forma resumida supón:
– Autorización: as intervencións que se pretendan realizar sobre o ben e as súas partes integrantes terán que ser autorizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e o seu uso quedará subordinado a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola citada consellería.
– Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o inmoble están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.
– Acceso: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas a permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración nas condicións legais establecidas.
– Comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais están obrigadas a comunicar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural calquera dano ou perda que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.
– Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre o ben permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente, sen prexuízo das necesarias condicións e limitacións que poidan ser impostas por cuestións de seguridade e funcionalidade das actividades propias no ben, o seu contorno de protección e zona de amortecemento.
– Transmisión: calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos bens de interese cultural deberá ser notificada, de forma que faga fe, á consellería competente en materia de patrimonio cultural con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente.
– Expropiación: o incumprimento das obrigas de conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente.
ANEXO II
Delimitación do ben, contorno de protección e zona de amortecemento
1. Delimitación do Pazo de Lourizán: constituído polo edificio principal, a escalinata rotonda de acceso, pórticos e escaleiras laterais. Tamén se inclúen as construcións anexas da cabalaría, o patio traseiro (entrada principal cando era granxa) onde se atopa a fonte, e os peches e as zonas pavimentadas próximas ao edificio. A relación de elementos inmobles localizados no contorno de protección, e que teñen a consideración de partes integrantes do ben de interese cultural son os que seguen e se sinalan na planimetría:
– Antiga fábrica de augardentes e xeo artificial (C01).
– Fonte dos Tres Canos (C02).
– Lavadoiro (C03).
– Gruta dos Espellos (C04).
– Muíño (C05).
– Parque das Rías (C06).
– Hórreo e eira (C07).
– Invernadoiro, «serra» ou «estufa» (C08).
– Pombal (C09).
2. Contorno de protección: o contorno de protección recolle os espazos próximos e de relación entre os elementos relacionados co Pazo e que teñen unha vinculación cos seus usos orixinais. O límite do contorno, comezando no camiño que da acceso ao predio, recolle a vacariza, a fonte dos tres canos e o lavadoiro (elementos que se atopan a beira deste camiño). Continúa bordeando o Parque das Autonomías ata chegar ao invernadoiro de vidro (deixando fóra os aparcadoiros e os edificios de protección ambiental e das escolas de capataces). Na zona traseira do Pazo, está dentro do contorno o edificio no que actualmente se atopa o laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, o hórreo, o sequeiro e a estación meteorolóxica. Dentro desta zona norte do contorno de protección atópanse, ademais dos elementos xa mencionados, o pombal, a fonte dos espellos, as ruínas do muíño e a horta das laranxeiras. O contorno esténdese cara ao sur para incluír o Parque das Rías, que ten como límites o sendeiro que une o Pazo co parque ao leste e as plantacións de eucaliptos ao oeste. Recollese nesta zona a gruta e a fervenza de Echegaray.
3. Zona de amortecemento: a existencia dun límite físico como é o muro de peche do predio, realizado en cachotaría, conforma o perímetro máximo do predio. Tamén se incorpora á zona de amortecemento a mina de auga, que tamén é parte importante para o funcionamento hidráulico do sistema de xardíns do Pazo.
4. Planimetría.

