DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Venres, 2 de maio de 2025 Páx. 25267

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2025 pola que se somete a información pública a proposta de delimitación das aglomeracións urbanas de saneamento de Galicia.

O artigo 6.1 da Lei 1/2022, do 12 de xullo, de mellora da xestión do ciclo integral da auga de Galicia, dispón que, coa finalidade de ordenar a xestión dos sistemas de saneamento e de depuración da Comunidade Autónoma de Galicia e contribuír ao cumprimento das obrigas relacionadas co tratamento das augas residuais urbanas, a Administración hidráulica de Galicia fixará as aglomeracións urbanas en que se estrutura o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nesta materia, a Lei 1/2022, do 12 de xullo, de mellora da xestión do ciclo integral da auga de Galicia, desenvolve as directrices marcadas pola Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas e pola Directiva 91/271/CEE do Consello, do 21 de maio de 1991, sobre o tratamento das augas residuais urbanas, que establece a necesidade dunha planificación eficiente e integrada do ciclo urbano da auga.

Así mesmo, a Lei 1/2022, do 12 de xullo, reforza o principio de colaboración entre administracións e promove a transparencia e o exercicio dunha participación pública substantiva como elementos estruturais esenciais para a toma de decisións en materia de auga.

Neste sentido, cómpre sinalar que a Directiva (UE) 2024/3019 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de novembro de 2024, sobre o tratamento das augas residuais urbanas, mantén esta mesma liña estratéxica, reforzando os requisitos de control, eficiencia enerxética e planificación sustentable nas aglomeracións urbanas.

Destaca a importancia de definir e delimitar as aglomeracións urbanas de saneamento como unidades territoriais básicas para a planificación e xestión destes servizos. Esta delimitación permite identificar con claridade os espazos sobre os que se deben aplicar as políticas públicas, cumprir coas exixencias da normativa europea e estatal, especialmente no relativo ao control de verteduras, e contribuír ao logro dos obxectivos ambientais establecidos nas diferentes directivas comunitarias, como a Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas e a Directiva 91/271/CEE do Consello, do 21 de maio de 1991, sobre o tratamento das augas residuais urbanas.

O artigo 6.3 da Lei 1/2022, do 12 de xullo, de mellora da xestión do ciclo integral da auga de Galicia, establece que a proposta para a determinación das aglomeracións urbanas será sometida a audiencia das administracións públicas responsables dos servizos de saneamento e depuración afectados e das administracións públicas titulares das infraestruturas durante un prazo de 2 meses.

Co fin de garantir que todas as administracións que se consideren afectadas poidan formular cantas alegacións, observacións, suxestións e reclamacións consideren procedentes, estímase oportuno aprobar un trámite de información pública adicional ao devandito trámite de audiencia preceptivo.

Consonte o exposto, resolvo someter a información pública a proposta de delimitación das aglomeracións urbanas de saneamento de Galicia.

A documentación coa proposta de delimitación das aglomeracións urbanas de saneamento de Galicia poderá consultarse na páxina web de Augas de Galicia: https://augasgalicia.xunta.gal/, no punto de plan de saneamento, rexistro oficial de aglomeracións.

As administracións públicas responsables dos servizos de saneamento e depuración e as administracións públicas titulares das infraestruturas poderán presentar alegacións durante o prazo de dous meses contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, en calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As achegas deberán presentarse a través do formulario electrónico do procedemento PR004A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A, dirixíndoas a Augas de Galicia e indicando no asunto: delimitación aglomeracións urbanas de saneamento de Galicia.

Xunto coa achega, e co fin de dar cumprimento ao disposto no artigo 7 da Lei 1/2022, do 12 de xullo, de mellora da xestión do ciclo integral da auga de Galicia, poderase incorporar documentación que permita acreditar a titularidade das infraestruturas ou a responsabilidade na prestación dos servizos, como ordenanzas, convenios, contratos de xestión ou outros documentos administrativos equivalentes.

Calquera dúbida relacionada co proceso poderá dirixirse á Subdirección Xeral de Planificación dos Recursos Hídricos de Augas de Galicia a través do correo electrónico subdireccionplanificacion.augas@xunta.gal

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2025

Roi Fernández Añón
Director de Augas de Galicia