O 29 de xaneiro de 2025 publicouse no DOG núm. 19 a Resolución do 26 de decembro de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades empresariais non agrícolas, e se anuncia a convocatoria para o ano 2025.
Para o financiamento desta convocatoria está previsto un crédito de 1.700.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 15-A1-712A-770.0 dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2025 (código de proxecto 2016-00004). Este crédito está financiado exclusivamente mediante fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
As axudas ampáranse no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. A intensidade de axuda que corresponde a cada proxecto subvencionado será do 45 % dos custos elixibles.
De acordo co disposto no artigo 2.3 da Resolución do 26 de decembro de 2024 antes citada, a contía indicada poderase incrementar en función das solicitudes presentadas, sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo prevé o artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei, e deberase publicar no DOG o aludido incremento da contía.
Rematado o prazo de presentación de solicitudes, contabilízanse 190 solicitudes presentadas, que supoñen un orzamento presentado superior a 15.000.000 €, superando as previsións iniciais recollidas no momento de tramitación das bases reguladoras.
Estando o procedemento en fase de instrución, visto o volume de solicitudes presentadas, e tendo en conta a dispoñibilidade de crédito na aplicación orzamentaria/proxecto que financia esta convocatoria por importe de 400.000,00 €, considérase necesario ampliar o crédito inicialmente coa finalidade de financiar o maior número de proxectos que respondan aos obxectivos desta liña de axudas e sempre e cando cumpran os requirimentos expresados nas propias bases reguladoras.
A competencia para resolver a ampliación de crédito corresponde á directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, en virtude das competencias delgadas polo Acordo do Consello de Dirección da axencia, do 11 de xullo de 2023 (Resolución do 24 de xullo de 2013, DOG núm. 148, do 4 de agosto).
Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Amplíase en 400.000,00 € o crédito orzamentado para esta convocatoria, segundo o artigo 2 da Resolución do 26 de decembro de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades empresariais non agrícolas e se anuncia a convocatoria para o ano 2025 (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro), que queda establecido do seguinte xeito:
|
Partida orzamentaria |
Ano 2025 |
|
15-A1-712A-770.0 |
2.100.000 € |
Segundo. Esta ampliación de crédito non supón a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.
Cuarto. Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2025
María Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
