En cumprimento do disposto no artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, e nas demais normas vixentes de aplicación, sométese a información pública a solicitude relacionada co proxecto que se detalla a continuación.
1. Antecedentes.
1º. Con data do 9.12.2024 o proxecto dunha planta de conversión de madeira en carbón vexetal promovido por Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U., que se vai implantar no concello de Dumbría (A Coruña), foi declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) por Acordo do Consello da Xunta de Galicia, ao abeiro do establecido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.
2º. O 21.2.2025 a promotora presenta a documentación exixida pola normativa aplicable. Unha vez completa a documentación e de acordo co artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria continúa coa tramitación do expediente e somete a información pública o proxecto dunha planta de conversión de madeira en carbón vexetal que se vai implantar no concello de Dumbría (A Coruña), mediante anuncio que foi publicado no Diario Oficial de Galicia o 29.4.2025.
3º. Con data do 2.5.2025, o promotor presenta un escrito ante a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético no cal expón que na documentación presentada con data do 21.2.2025, e que foi sometida a información pública, figura certa información incluída por erro, polo que presentan de novo, corrixida, a documentación que se debe someter a información pública.
4. Con base no anterior, publícase un novo anuncio polo que se somete a información pública o proxecto dunha planta de conversión de madeira en carbón vexetal promovido por Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U., que se vai implantar no concello de Dumbría (A Coruña), declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 9 de decembro de 2024, e déixase sen efecto o anuncio publicado con data do 29.4.2025.
2. Datos do proxecto.
• Solicitante/promotora: Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U.
• NIF: A80420516.
• Domicilio social: Diego de León, 59, 2º C, 28006 Madrid.
• Denominación do proxecto: implantación dunha planta de conversión de madeira en carbón vexetal.
• Concello afectado pola industria: Dumbría (A Coruña).
• Situación da industria: estrada de Muros, s/n, lugar de Hospital,15151 Dumbría.
• Actividade: 2410. Fabricación de produtos básicos de ferro, aceiro e ferroaliaxes.
• Categoría principal da actividade: categoría 2.5.a) do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, onde se inclúen as instalacións para a produción de metais en bruto non ferrosos a partir de minerais, de concentrados ou de materias primas secundarias mediante procedementos metalúrxicos, químicos ou electrolíticos.
• Descrición do proxecto: este proxecto propón a mellora ambiental e de eficiencia da planta de Dumbría coa execución dunha planta de fabricación de carbón vexetal, substituíndo 15.000 t/ano de carbón mineral (hulla) consumido na actualidade. A planta terá unha capacidade de produción anual de entre 11.000 e 14.000 t/ano a partir do consumo de aproximadamente 70.000 toneladas de madeira. A nova planta construirase nas parcelas propiedade da empresa.
• Investimento: 21.596.934 €.
• Principais instalacións da planta:
– Picadora de toros de disco, con dúas liñas para procesamento de leña:
• Unha liña de só corte para madeira delgada.
• Unha liña para corte e fendedura de leña.
– Secadoiro: cámaras de secado convencional, de carga frontal. O fluído térmico empregado para o proceso de secado será auga quente. O sistema de intercambio térmico realizarase mediante serpentíns de aluminio conectados a colectores de aceiro inoxidable.
– Fornos de carbonización de tipo dobre retorta.
– Pontes guindastre.
– Cintas transportadoras.
– Sistema virador baseado en mecanismo hidráulico.
– Moegas.
– Sistema de carro de transporte de gaiolas.
– Caldeiras de biomasa.
– Cámaras de secado.
– Equipamento de recuperación de calor.
– Sistema de protección contra incendios.
– Sistema de climatización e ventilación.
a) Sistema de captación de auga.
A fábrica de Xeal en Dumbría ten una concesión para a captación de auga do río Xallas. A subministración de auga realizarase desde a rede que abastece as instalacións actuais.
b) Enerxía eléctrica da planta.
O esquema estará baseado nunha distribución radial simple en baixa tensión (BT) a 400/230 V con subministración en media tensión (MT) proveniente da rede de MT da planta de ferroaliaxes.
Acometida eléctrica: a planta de ferroaliaxes existente conta cunha rede en media tensión (MT), que dará servizo eléctrico a un novo centro de transformación. A rede de MT executarase de forma subterránea ou aérea mediante bandexas eléctricas.
Centro de transformación (CT): novo centro de transformación (CT) de superficie.
Rede de baixa tensión (BT): a rede de subministración en BT parte desde o cadro xeral de baixa tensión (CGBT), alimentado desde o CT. A tensión de subministración será de 400/230 V. A distribución executarase con liñas aéreas canalizadas a través de bandexas portacables cando os equipamentos estean dentro de edificacións e con liñas subterráneas cando os equipamentos estean localizados no exterior.
Cadros eléctricos: rede de cadros eléctricos alimentados desde o CGBT, para:
• Sistema de equipamentos de proceso (plantas de picado, cámaras de secado, fornos, pontes guindastre, cintas, vagóns, etc.).
• Sistema de iluminación, forza e clima.
Sistema de iluminación: disporase de iluminación xeral e iluminación de emerxencia.
c) Sistema de xestión de efluentes.
O sistema de evacuación de augas será separativo, con tres redes independentes:
• Rede de pluviais: estará formada por canlóns, cazoletas e baixantes para a recollida das augas pluviais das distintas cubertas. As baixantes descargarán en arquetas de pé que irán conectadas á rede de pluviais da fábrica.
• Rede de residuais de fecais: os aparellos sanitarios dos aseos da sala de control conectaranse aos colectores da rede de residuais da fábrica mediante ramais, arquetas e pozos de rexistro.
• Rede de residuais industriais: dado que as augas residuais derivadas do proceso poden conter aceites de corte, estas conduciranse a un depósito de recollida que baleirará un xestor autorizado.
3. Obxecto da información pública.
O proxecto industrial estratéxico (PIE) denominado planta de produción de conversión de madeira en carbón vexetal de Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U. para os efectos das autorizacións administrativas que procedan. Todo o anterior de forma conxunta en virtude do disposto no artigo 79.4. do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.
Documentación que se expón:
• Memoria do proxecto.
• Planos do proxecto.
• Anexo II. Estudo de impacto e integración paisaxística.
• Anexo III. Estudo de impacto sobre o patrimonio cultural. Prospección arqueolóxica.
• Anexo IV. Estudo de tráfico.
• Anexo V. Análise de compatibilidade estratéxica (ACE).
• Anexo VI. Informe Prospección de Dryopteris nos terreos afectados pola construción da nova planta de produción de carbón vexetal na fábrica de Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U., no concello de Dumbría.
O que se fai público, de conformidade co artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial e demáis normas anteriormente citadas, para coñecemento xeral, e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren afectadas nos seus dereitos ou intereses, poidan examinar a documentación técnica anteriormente relacionada e, se é o caso, presentar as alegacións ou observacións que consideren oportunas dentro do prazo de trinta (30) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG).
A dita documentación poderá consultarse no portal web da Consellería de Economía e Industria, a través da seguinte ligazón:
https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/proxectos-industriais-estratexicos
Santiago de Compostela, 2 de maio de 2025
Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético
