Mediante a Orde do conselleiro de Facenda e Administración Pública, do 8 de maio de 2024 (DOG núm. 99, do 23 de maio), aprobáronse as bases reguladoras e convocouse a XXVII edición do Premio Manuel Colmeiro, para traballos de investigación que teñan como obxecto a Administración pública de Galicia.
En cumprimento do establecido na base décimo primeira da dita Orde do 8 de maio de 2024, a competencia para ditar resolución sobre a adxudicación do premio correspóndelle á directora da Escola Galega de Administración Pública.
De acordo co exposto, faise pública a Resolución do 29 de xaneiro de 2024, da concesión do premio Manuel Colmeiro na súa vixésimo sétima edición, que foi adoptada de acordo coa proposta do xurado e seguindo o procedemento regulado na referida Orde do 8 de maio de 2024, e que literalmente di:
«En vista de todo o exposto,
RESOLVO:
Que se adxudique o Premio Manuel Colmeiro, na súa XXVII edición, a Jaime Pensado Sande (NIF ***9225**), polo traballo titulado El régimen jurídico de las indicaciones geográficas gallegas.
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Dirección da EGAP, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou ben de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46, respectivamente, da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2025
A directora da Escola Galega de Administración Pública
Por delegación de sinatura (Resolución do 11.3.2025)
José Antonio González Faílde
Xefe do Servizo Económico-Administrativo
