Antecedentes:
O presidente do Consello de Administración de Portos de Galicia, por delegación da conselleira do Mar, resolveu o 4 de maio de 2016 aprobar o documento de delimitación dos espazos e os usos portuarios (DEUP) do porto de Viveiro-Celeiro (Diario Oficial de Galicia número 97, do 24 de maio), redactado conforme o disposto no artigo 69 do texto refundido da Lei de Portos do Estado e da mariña mercante, Real decreto lexislativo 2/2011, aplicable de xeito supletorio ao dominio público portuario competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en defecto de lexislación autonómica propia.
O 27 de setembro de 2024 acórdase iniciar a tramitación da modificación do citado DEUP para corrixir un erro existente na delimitación da zona de servizo do porto, para adaptar os usos á normativa sectorial autonómica vixente e para realizar unha resignación dos usos conforme a operativa actual do porto.
Para iso, en setembro de 2024, foi redactado o documento de delimitación dos espazos e os usos portuarios (DEUP) modificado polos enxeñeiros de camiños, canais e portos Andrés D. Cervantes Refojos, como xefe do departamento de planificación portuaria de Portos de Galicia, e Ana Isabel Calzadilla Bouzón, como xefa da área de explotación e planificación portuaria da dita entidade pública.
Este documento foi tramitado de acordo co disposto nos artigos 52 e 53 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.
Finalizada a tramitación oportuna, na reunión do Consello Reitor de Portos de Galicia que tivo lugar o día 6 de febreiro de 2025, acórdase dar a súa conformidade á proposta da xefa da Área de Explotación e Planificación, co visto e prace do director, da modificación da DEUP do porto de Viveiro-Celeiro, así como elevala e propoñela para a súa aprobación. O documento aprobado non sufriu modificación derivada da tramitación.
Consideracións legais:
Visto o artigo 53 da Lei 6/2017, de 12 de decembro, de portos de Galicia, que determina cando se considera que se produce unha modificación significativa nunha delimitación de espazos e usos portuarios.
Vista a disposición transitoria quinta da Lei 6/2017, sobre o réxime transitorio aplicable a plans de utilización de espazos portuarios, a delimitacións dos espazos e usos portuarios e a plans directores de infraestruturas.
Visto o acordo do Consello Reitor de Portos de Galicia que tivo lugar en sesión celebrada o día 6 de febreiro de 2025, dando a conformidade á proposta da modificación da DEUP do porto de Viveiro-Celeiro e elevándoa e propoñéndoa para a súa aprobación.
O presidente da entidade pública empresarial Portos de Galicia, por delegación do conselleiro do Mar, conferida pola Orde de 15 de marzo de 2022, pola que se modifica a Orde de 21 de febreiro de 2022,
RESOLVE:
Aprobar a modificación do documento da Delimitación dos espazos e dos usos portuarios do porto de Viveiro-Celeiro (Viveiro, Lugo), datado en setembro de 2024.
O texto íntegro do documento está dispoñible para consulta no sitio web da entidade pública empresarial Portos de Galicia, no seguinte enlace: https://portosdegalicia.gal/gl/
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.
Non obstante, os interesados poderán interpor contra esta resolución recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao desta publicación, ante o mesmo órgano que a ditou, de acordo co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2025
José Antonio Álvarez Vidal
Presidente de Portos de Galicia
