Expediente: IN407A 2024/051-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: Desmontaxe do CT avenida Malecón-15SLLF e RBT e CT Cordieiro.
Concello: Ribeira.
Feitos:
O día 30.11.2024, UFD Distribución Electricidad, S.A. achegou unha solicitude de autorización administrativa para o peche definitivo das instalacións recollidas no proxecto nomeado Desmontaxe do CT avenida Malecón-15SLLF e RBT e CT Cordieiro, situadas na avenida do Malecón, concello de Ribeira, asinado o 21.11.2024.
No proxecto expóñense as circunstancias técnicas, económicas, ambientais ou de calquera outra orde, polo que se pretende o peche da instalación: evitar as inundacións que se producen a causa da choiva no interior do CT soterrado denominado avenida Malecón (15SLLF).
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
Terceira. As características técnicas das instalacións descritas no proxecto e das que se solicita o peche e desmantelamento son as seguintes:
Nº de expediente: IN407A 2016/1143-1.
Titular da instalación: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación da instalación: CT avenida Malecón.
Data de autorización de posta en explotación: 17.3.2017.
Potencia instalada: 630 kVA.
Coordenadas UTM ETRS89 fuso 29 X: 500.666 Y: 4.711.680.
Cuarta. O proxecto recolle as seguintes actuacións:
– Desmantelamento do CT avenida Malecón (15SLLF).
– Desmantelamento de 20 m de liña subterránea de media tensión (LMTS) en cable RHZ-3×(1×240) e realización duns empalmes sobre unha arqueta existente para dar continuidade á LMTS.
Quinta. No expediente consta un informe favorable do 6.3.2025 dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o sinalado,
RESOLVO:
I. Conceder a autorización administrativa de peche da dita instalación de distribución eléctrica.
II. A desmontaxe da instalación executarase no prazo de seis meses, contado a partir do día seguinte ao da comunicación desta resolución.
III. Unha vez efectuada a desmontaxe das instalacións deberá comunicalo a esta dirección territorial para emitir a acta de peche.
Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que fosen de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria , no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.
Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas a esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 28 de marzo de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
