DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 6 de maio de 2025 Páx. 25577

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 21 de abril de 2025 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio de 2025 (código de procedemento BS306B).

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no artigo 27, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva, entre outras, nas materias de promoción do deporte e a axeitada utilización do lecer e de promoción do desenvolvemento comunitario.

A través do Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural no ámbito da xuventude e do desenvolvemento comunitario.

Segundo o Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, correspóndelle á Dirección Xeral de Xuventude, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de xuventude, así como as políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil e o fomento da participación da xuventude na vida social.

A Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, establece, no seu artigo 9, que a Xunta de Galicia fomentará o espírito emprendedor e que potenciará entre a xuventude un sistema de actitudes e preocupacións do que formen parte a iniciativa propia, a responsabilidade, a planificación de obxectivos vitais, a perseveranza, o compromiso e a flexibilidade.

Así mesmo, establece no seu artigo 12 que, co obxecto de fomentar a participación directa da mocidade nos programas de actuación que desenvolvan as administracións públicas galegas, se deseñarán medidas específicas para favorecer a participación de grupos informais de persoas mozas.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude considera que, para arrogarse de responsabilidades, é necesario que a xente nova asuma directamente o protagonismo e a execución das súas iniciativas e administre os recursos necesarios para a súa posta en marcha e consolidación. Para isto é fundamental apoiar aquelas iniciativas que, cunha fórmula participativa, estean estreitamente ligadas ás súas necesidades, aspiracións e intereses.

Así mesmo, considera prioritario abrir as axudas a grupos informais de mozos e mozas para favorecer que se poidan levar a cabo proxectos interesantes que, nun momento dado, poidan xurdir á marxe das asociacións e entidades legalmente constituídas, pero que igualmente reúnen determinados requisitos que os fan merecedores do apoio da Administración. Deste xeito, estaranse a impulsar iniciativas voluntarias da mocidade que verdadeiramente respondan aos seus intereses e inquedanzas.

En definitiva, trátase de fomentar a participación da mocidade en iniciativas entendidas como importantes experiencias de aprendizaxe non formal, co propósito de estimular o seu espírito de protagonismo e liderado, a creatividade e o talento xuvenís e a posta en práctica das súas ideas relacionadas co emprendemento e coa empregabilidade. Non en balde, as habilidades transversais como a comunicación, a capacidade para resolver problemas, traballar en equipo e o pensamento crítico, que se poden adquirir a través dos proxectos que constitúen a finalidade desta convocatoria, están altamente valoradas dentro do mercado de traballo, atopándose entre as aptitudes máis demandadas polos empregadores.

Así, é obxecto desta orde establecer as bases que rexerán a convocatoria de axudas dirixidas a grupos informais de mozos e mozas e ás asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións. Tratarase, en todos os casos, de apoiar proxectos en que a mocidade participe de forma activa e directa en actividades concibidas por ela mesma e das cales ela sexa a súa principal protagonista.

Outorgarase, ademais, un galardón conmemorativo do programa, en forma de recoñecemento público, aos tres proxectos que acaden as maiores puntuacións, tanto por parte das entidades coma dos grupos informais. Estes galardóns non terán a condición de subvención, por se outorgaren sen previa solicitude da persoa beneficiaria.

O número 3 do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que as administracións poderán establecer regulamentariamente a obriga de relacionarse con elas a través de medios electrónicos para determinados procedementos e para certos colectivos de persoas físicas respecto das cales, por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, quede acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios. Os grupos informais de mozos e mozas están formados por persoas con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos que van planificar, deseñar e xestionar un proxecto de actividades e un orzamento. En vista dos datos do informe Competencias dixitais da poboación galega. Ano 2023, do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga), pódese concluir que a totalidade da poboación moza galega destinataria destas axudas ten a capacidade requirida para seren suxeitos obrigados a relacionarse electronicamente coa Administración convocante.

A convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións; ás demais disposicións establecidas no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e á súa normativa de desenvolvemento; á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove, que están destinadas á posta en marcha de iniciativas xuvenís durante o ano 2025, e proceder á súa convocatoria (código de procedemento BS306B).

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderanse por iniciativas xuvenís os proxectos liderados polas persoas novas da Comunidade Autónoma de Galicia, nos cales estas sexan as verdadeiras protagonistas, a través da participación activa na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas.

3. A finalidade destas subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz das persoas novas no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o seu benestar a través de proxectos integrais e específicos de actuación nas áreas establecidas no artigo 2.

4. Posto que as dificultades de acceso ao emprego son unha das maiores preocupacións entre a xuventude, daráselle unha especial valoración aos proxectos que teñan unha vocación de permanencia no tempo de cara a favorecer a empregabilidade, o emprendemento e o cooperativismo. Para estes efectos, e co obxectivo de crear sinerxías que poidan constituír o xerme dunha futura oportunidade laboral, facilitarase a comunicación das persoas beneficiarias, particularmente dos grupos informais, cos polos de emprendemento co obxectivo de obter o apoio e o asesoramento necesarios para que os seus proxectos vinculados ao territorio poidan consolidarse.

Artigo 2. Áreas de actuación

As áreas de actuación sobre as que poden versar os proxectos son:

a) Iniciativa Xove Emprendedora, formada por proxectos que lle permitan á mocidade poñer en marcha as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.

b) Promoción de hábitos saudables, fomento da actividade física e o deporte, e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, en especial, contra a violencia de xénero.

c) Posta en valor e promoción do Camiño de Santiago e do fenómeno Xacobeo.

d) Fomento de actitudes creativas e innovadoras da xuventude na súa comunidade e na súa contorna.

e) Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade das persoas mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.

f) Promoción de sectores emerxentes vinculados ao sector das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).

g) Fomento da participación e do empoderamento das mulleres novas galegas.

h) Promoción de actitudes e hábitos sustentables e de concienciación sobre o cambio climático, así como de posta en valor do patrimonio cultural e natural.

i) Desenvolvemento e dinamización do medio rural.

j) Dinamización da lingua galega entre a mocidade.

k) Transmisión e posta en valor dos oficios tradicionais galegos entre a mocidade.

l) Promoción do benestar emocional e coidado da saúde mental das persoas mozas.

Artigo 3. Orzamento

1. Para o financiamento destas axudas destinarase un crédito de 383.500 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.313A.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

2. Poderase ampliar a contía máxima do crédito dispoñible para esta convocatoria. O incremento queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dalgunha das circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xuño, e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación do crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo do prazo para resolver.

O órgano competente para resolver acordará, ata o límite do crédito dispoñible e sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención á solicitude ou solicitudes seguintes na orde de puntuación que formen parte da lista de reserva recollida no número 2 do artigo 18, seguindo os criterios de avaliación recollidos no artigo 17.

Artigo 4. Persoas solicitantes

Poderán solicitar a axuda, ao abeiro destas bases reguladoras:

a) As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten sexa diferente do que presenten, de ser o caso, as asociacións xuvenís ou entidades prestadoras que formen parte da federación.

b) Os grupos informais de persoas mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e que reúnan os requisitos establecidos no artigo 5.

Artigo 5. Requisitos

1. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas, no momento de presentación da solicitude, no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, regulado na Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, e no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, e cumprir a legalidade vixente no referente ás idades das persoas membro das asociacións xuvenís, de conformidade co Real decreto 397/1988, do 22 de abril, polo que se regula a inscrición rexistral de asociacións xuvenís.

2. Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 8 persoas mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, debidamente identificadas. Unha destas persoas asumirá o papel de representante do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden ao grupo e, en consecuencia, a todas as persoas que o forman. Así mesmo, deben presentar unha declaración responsable asinada por cada integrante do grupo onde conste o compromiso de execución asumido por cada un deles, expresado en porcentaxe, segundo o modelo establecido como anexo XI.

Será obrigatorio que o grupo teña unha denominación que o identifique. As persoas que o compoñan deberán estar empadroadas nalgún dos municipios pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia no momento de presentación da solicitude e non poderá modificarse a composición do grupo unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes.

3. Non se admitirá que unha mesma persoa forme parte ou pertenza a outro grupo ou asociación solicitante destas axudas.

4. É requisito para ser persoa beneficiaria destas axudas non estar incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Só se poderá presentar un proxecto por solicitante.

Artigo 6. Proxectos subvencionables

1. O orzamento total do proxecto que presenten as persoas solicitantes mencionadas no artigo 4 non poderá ser superior a 5.000 €.

2. O proxecto deberá levarse a cabo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No caso daqueles proxectos que, para o seu desenvolvemento, indiquen que precisan formación, acreditarase suficientemente que as persoas docentes están cualificadas para impartir a dita formación, para o que se xuntará o seu currículo, ademais da correspondente documentación acreditativa. Así mesmo, especificaranse os contidos e xuntarase o programa de formación que se vai impartir.

A variación nas persoas que vaian impartir a formación, no seu caso, comunicarase con anterioridade ao inicio desta á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, para o que se ha de enviar a nova documentación acreditativa. As novas persoas que vaian impartir a formación deberán ter o nivel de capacitación axustado á citada finalidade.

4. Calquera das actividades desenvolvidas serán de carácter gratuíto para as persoas destinatarias do proxecto e non poderán xerarse ingresos por pagamento de cotas, entradas ou outros de similar natureza.

5. As actividades que constitúen o obxecto do proxecto deberán realizarse de forma directa pola entidade ou grupo beneficiario e non poderán ser subcontratadas.

Entenderase que hai subcontratación, en todo caso, cando as actividades do proxecto sexan executadas por terceiros, circunstancia que concorre se a entidade ou grupo se limita a obter a axuda e a actuar como intermediario con outras persoas físicas ou xurídicas que realmente executan o proxecto, e cando se contraten actividades de planificación, coordinación, avaliación e xestión do proxecto.

Entenderase que non hai subcontratación cando se contraten tarefas concretas non incluídas no parágrafo anterior e que non poidan ser levadas a cabo directamente pola entidade ou grupo beneficiario da subvención. En todo caso, estas tarefas concretas deben estar identificadas no proxecto, con clara indicación dos motivos específicos polos que a entidade ou grupo non pode realizalas e o importe estimado destas tarefas debe figurar no orzamento.

6. Non serán subvencionables as actividades que consistan na celebración de concertos ou festas, excepto cando estas formen parte dos proxectos e iniciativas xuvenís subvencionables cunha entidade menor no seu conxunto. Neste caso, xustificarase a súa necesidade e oportunidade dentro do desenvolvemento do dito proxecto e iniciativa xuvenil que se vai subvencionar.

7. Serán excluídos aqueles proxectos que non se axusten ao obxecto e finalidade destas axudas recollidos no artigo 1.

8. Quedan excluídos, para os efectos da axuda, os proxectos docentes e deportivos previstos nos plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Consideraranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubitado respondan á natureza do proxecto presentado, resulten estritamente necesarios para levalo a cabo e financien actividades realizadas desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2025.

2. No anexo III (proxecto de iniciativas xuvenís) recollerase a relación de gastos subvencionables, explicando, o máis detalladamente posible, os gastos incluídos no cadro de orzamento e a súa desagregación por conceptos, vinculando cada concepto coas actividades programadas.

3. Os gastos ordinarios de funcionamento das entidades solicitantes só serán subvencionables cando estean asociados co proxecto e recollidos no orzamento de gastos do dito anexo III. En todo caso, non poderán superar nunca o cinco por cento do orzamento total do proxecto, ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel.

4. O importe total de gastos de manutención, como as comidas, os servizos de restauración ou a compra de produtos alimenticios, non poderá superar o dez por cento do orzamento total do proxecto, ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel. Ademais, deberán estar vinculados de xeito inequívoco coa actividade a subvencionar e realizados durante a súa execución material.

En ningún caso se admitirán gastos de comidas, consumicións ou aloxamento de persoas membro da entidade ou do grupo beneficiario para reunións previas ou posteriores de preparación ou avaliación, nin os ditos gastos efectuados por estas persoas durante a execución material da actividade subvencionada pero que non formen parte dela.

5. O importe total de gastos en alugueiro de espazos e equipamento non poderá superar, en conxunto, o corenta por cento do orzamento total do proxecto, ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel.

6. No caso dos premios que se outorguen nos concursos ou competicións previstos no proxecto e dos obsequios para persoas que teñan colaborado no desenvolvemento dalgunha actividade, estes deberán incluírse no seu orzamento. O límite para os gastos por este concepto será do dez por cento do orzamento total do proxecto, ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel. As persoas membro da entidade ou do grupo informal beneficiarios da subvención non poderán recibir ningún premio ou obsequio dos previstos neste número.

7. Para os gastos de desprazamento das persoas membro da entidade ou do grupo informal o límite será do dez por cento do orzamento do total do proxecto, ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel. Estes gastos comprenderán, así mesmo, o desprazamento das persoas que colaboran na realización do proxecto sen seren membros da entidade ou grupo informal e o do persoal contratado laboralmente pola persoa ou entidade beneficiaria.

O límite non se aplicará aos gastos de desprazamento das persoas destinatarias do proxecto durante a execución das actividades.

8. Será subvencionable a adquisición de equipamento e material non inventariable. Considéranse non inventariables:

a) Os ben funxibles.

b) Os bens cuxa vida útil non sexa superior a un ano.

c) Os bens non comprendidos nas letras anteriores cuxo custo de adquisición sexa inferior a 150 euros. A adquisición destes bens, no conxunto do proxecto, non poderá supoñer un custo superior aos 600 euros.

9. Poderán ser subvencionados os gastos de persoal laboral correspondentes ás horas dedicadas directamente ás actividades do proxecto.

10. Non poderán ser subvencionados os gastos correspondentes a honorarios ou remuneracións de calquera clase á entidade ou ao grupo informal beneficiario, ou a calquera dos seus membros. Así mesmo, non poderán ser subvencionados os gastos que sexan facturados por provedores cos cales teña vinculación directa a entidade ou o grupo informal beneficiario, ou calquera dos seus membros.

Artigo 8. Incompatibilidade das axudas

1. Estas axudas son incompatibles co aproveitamento de calquera outro tipo de axudas de institucións públicas ou privadas destinadas á mesma actuación.

2. Cando a entidade ou grupo informal solicitante teña concedida ou solicitada outra subvención incompatible con estas axudas fará constar esta circunstancia na solicitude (anexo I), para as entidades e a persoa representante do grupo informal, e na declaración/comprobación de datos (anexo II), para as restantes persoas membro do grupo informal. No caso de que lle sexan concedidas as axudas previstas nesta orde, a resolución de concesión condicionará os seus efectos á presentación por parte da persoa beneficiaria da renuncia ás axudas previamente obtidas, así como, se é o caso, ao reintegro dos fondos públicos que percibise.

3. Procederá a perda do dereito ao cobramento ou o reintegro da subvención cando o órgano concedente teña coñecemento de que a persoa beneficiaria percibiu outra ou outras subvencións incompatibles coa outorgada sen ter efectuado a correspondente renuncia.

4. A declaración de axudas deberá efectuarse así mesmo na fase de xustificación, a través da declaración complementaria recollida no anexo VIII.

Artigo 9. Solicitude e prazo de presentación

1. As persoas solicitantes deberán achegar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo I.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación común:

– Proxecto de iniciativas xuvenís, redactado seguindo estritamente o modelo publicado como anexo III.

b) Documentación específica para asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións:

– Certificación do secretario ou secretaria da entidade que inclúa a composición completa do órgano de dirección desta no momento de presentación da solicitude. Dita certificación deberá incluír, para cada membro, nome completo, NIF e cargo ou función que desempeña dentro do citado órgano de dirección.

c) Documentación específica para grupos informais de persoas mozas:

– Anexo II. Declaración/comprobación de datos. Un anexo por cada persoa membro excepto a persoa representante, debidamente cuberto.

– Anexo IV. Poder de representación a favor dunha persoa membro do grupo informal, asinado por todas as persoas que o compoñen.

– Anexo XI. Declaración responsable da distribución dos compromisos de execución do proxecto entre os membros do grupo, expresado en porcentaxe.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade e das persoas membro do grupo informal.

b) NIF da entidade solicitante, se é o caso.

c) NIF da entidade representante, se é o caso.

d) Certificado de que a entidade e as persoas membro do grupo informal están ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de que a entidade e as persoas membro do grupo informal están ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Certificado de que a entidade e as persoas membro do grupo informal están ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Certificado de residencia con data de última variación padroal das persoas membro do grupo informal, se é o caso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Publicación dos actos e notificacións

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos de requirimento de emenda de documentación, así como a correspondente resolución.

Así mesmo, de forma complementaria poderase efectuar a notificación de todos os actos administrativos de acordo co reflectido nos números seguintes.

2. As notificacións complementarias de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear, de oficio, o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de se relacionaren por medios electrónicos.

5. As notificacións complementarias entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artículo 13. Emenda de defectos

1. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, o órgano instrutor requirirá a entidade ou o grupo informal solicitante para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se non o fixese, considerarase que desistiu da súa petición, de acordo co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo da resolución que será ditada nos termos do artigo 21 da referida lei.

2. Debido a que se establece un réxime de concorrencia competitiva para a concesión destas axudas, e atendendo ao principio de igualdade, a non presentación do proxecto de iniciativas xuvenís xunto coa solicitude, no prazo establecido no número 2 do artigo 9, constituirá un defecto non emendable e comportará a inadmisión a trámite da solicitude.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Contía da axuda

A contía da axuda concedida será igual á contía do orzamento do proxecto. En consecuencia, financiarase a través do programa Iniciativa Xove o cento por cento do proxecto. O orzamento non poderá superar os 5.000 euros, tal e como dispón o artigo 6.1.

Artigo 16. Instrución e Comisión de Avaliación

1. A instrución do procedemento corresponderalle ao Instituto de Xuventude de Galicia da Dirección Xeral de Xuventude, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales debe realizar a proposta de resolución.

2. Constituirase como órgano colexiado unha comisión de avaliación, á cal corresponderá a valoración dos proxectos. A comisión estará integrada por:

a) Presidencia: a persoa titular do Servizo de Participación Xuvenil e da Escola Galega de Xuventude.

b) Secretaría: exercerá a secretaría unha das persoas vogais da comisión.

c) Vogalías: a persoa titular do Servizo de Actividades para a Xuventude e unha persoa funcionaria adscrita á Dirección Xeral de Xuventude.

3. No caso de ausencia de calquera das persoas que formen parte da Comisión de Avaliación, a súa suplencia será asumida pola persoa funcionaria nomeada pola persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude.

Na composición da Comisión de Avaliación procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

4. Como órgano colexiado, a Comisión de Avaliación sométese ao disposto na sección 3ª do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

5. O órgano instrutor, por petición da Comisión de Avaliación, poderá solicitar das persoas interesadas calquera aclaración relativa ao contido do proxecto presentado e que se considere necesaria ou conveniente para a súa valoración correcta.

6. Unha vez avaliadas todas as solicitudes admitidas a trámite, a Comisión de Avaliación emitirá un informe en que se concretará o resultado da avaliación previa e a prelación das solicitudes por orde decrecente de puntuación.

7. No caso de empate na puntuación entre un ou varios grupos informais ou entidades solicitantes das axudas e co fin de determinar a orde de prelación entre proxectos que obtiveron a mesma puntuación, fíxase como sistema de desempate a maior puntuación en cada un dos criterios do artigo 17, seguindo a orde establecida nel. Se todos os criterios obteñen a mesma puntuación, atenderase á data e hora de presentación de solicitudes.

Artigo 17. Criterios de avaliación

De conformidade co disposto no artigo 1, a concesión da axuda tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. Para acceder á axuda requirirase unha puntuación mínima de 50 puntos na avaliación dos proxectos.

A Comisión de Avaliación aplicará os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes, cun máximo de 100 puntos:

a) Calidade do contido do proxecto e das actividades: ata 20 puntos.

b) Calidade do deseño do proxecto e metodoloxía: ata 20 puntos.

c) Número de áreas de actuación das sinaladas no artigo 2 a que se adecúa o proxecto: ata 15 puntos.

d) Grao de implicación activa das persoas promotoras do proxecto: ata 15 puntos.

e) Creatividade, innovación e orixinalidade do proxecto: ata 10 puntos.

f) Persoas destinatarias do proxecto, onde se valorará positivamente que as actividades estean dirixidas a persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos: ata 5 puntos.

g) Vocación de permanencia do proxecto no tempo, de cara a favorecer a empregabilidade, o emprendemento, e o cooperativismo: ata 5 puntos.

h) Grao de difusión e visibilidade das actividades do proxecto: ata 5 puntos.

i) Emprego da lingua galega no desenvolvemento das actividades do proxecto, nos materiais escritos e audiovisuais que se elaboren e nas canles de difusión utilizadas para dalo a coñecer: ata 5 puntos.

Artigo 18. Proposta de resolución

1. O órgano instrutor, en vista do expediente e do informe da Comisión de Avaliación, elevará ao órgano competente para resolver o procedemento a proposta de resolución das axudas. Esta proposta concretará:

a) As persoas solicitantes para as cales se propón a concesión da axuda. Esta concesión efectuarase consonte a orde de prelación establecida no informe da Comisión de Avaliación e ata esgotar o crédito orzamentario.

b) As persoas solicitantes para as que se propón a denegación da axuda por non acadar a puntuación mínima establecida no artigo 17.

c) As persoas solicitantes para as que se propón a súa denegación por non ser o proxecto subvencionable.

2. As persoas solicitantes que, tendo alcanzado a puntuación mínima establecida no artigo 17, non foren propostas como adxudicatarias inicialmente por esgotarse o crédito orzamentario, pasarán a conformar unha lista de reserva que formará igualmente parte da proposta de resolución, coa finalidade prevista no número seguinte.

3. No caso de se produciren renuncias a estas axudas por parte das persoas beneficiarias, o órgano instrutor poderá realizar, se o considera oportuno, novas propostas de resolución de concesión da axuda ás persoas solicitantes incluídas na lista de reserva prevista no número anterior, con atención rigorosa á orde establecida nela.

Artigo 19. Resolución

1. O órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, será a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude.

2. A resolución da solicitude de axuda, que terá lugar no prazo de 15 días hábiles desde a elevación da proposta de resolución, publicarase no Diario Oficial de Galicia, polo cal se entenderán notificadas para todos os efectos as persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (https://culturaelingua.xunta.gal).

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco (5) meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Finalizado o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.

A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditase no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, se o acto for expreso. Se o acto non for expreso, poderase interpor o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Esta resolución tamén poderá ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza, o órgano contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, se o acto é expreso, e de seis meses, se é presunto, a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. A entidade ou o grupo informal beneficiario disporá dun prazo de dez días hábiles, desde a publicación da resolución de concesión, para realizar algún dos seguintes trámites mediante a presentación do anexo V, de solicitude de anticipo/renuncia:

a) Renunciar á subvención concedida se por calquera circunstancia non puidese realizar o proxecto subvencionado.

b) Solicitar o anticipo previsto no artigo 26.2. Para iso deberá presentar ademais:

1º. O anexo X, de declaración responsable de titularidade da conta bancaria, debidamente cuberto. No caso dos grupos informais, todas as persoas que o compoñen deberán ser titulares da conta bancaria e asinar este anexo.

2º. Os certificados de que a entidade e as persoas membro do grupo informal están ao día no pagamento coa Seguridade Social e no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, só no caso de que se tiveren oposto expresamente á súa consulta automática no trámite de solicitude.

3º. O certificado de que a entidade e as persoas membro do grupo informal están ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, só no caso de que non tiveren dado o consentimento expreso para realizar a consulta no trámite de solicitude.

Transcorrido o prazo de dez días hábiles, non se admitirán máis solicitudes de anticipo.

5. As persoas beneficiarias que presentasen proxectos cuxo obxectivo fundamental estea relacionado coa empregabilidade e o emprendemento recibirán orientación para a súa posta en contacto cos polos de emprendemento a que se refire o artigo 1.4.

6. As tres entidades e os tres grupos informais beneficiarios que presentasen os proxectos coas maiores puntuacións recibirán un galardón conmemorativo do programa. Estes galardóns serán entregados nun acto público, co obxecto de darlles a maior visibilidade e difusión aos seus proxectos.

Artigo 20. Documentación xustificativa

1. Unha vez publicada a resolución de concesión da axuda, a entidade ou o grupo informal beneficiario procederá, ata o 15 de novembro de 2025, á xustificación da totalidade do proxecto mediante a presentación da seguinte documentación e na forma en que se indica:

a) Unha memoria das actividades realizadas no proxecto de iniciativas xuvenís, seguindo o modelo publicado como anexo VI. Deberase xuntar á memoria unha reportaxe fotográfica que reflicta o desenvolvemento destas actividades, así como un exemplar de cada un dos materiais de difusión e publicacións financiados a través desta axuda. Ademais, indicarase o URL das páxinas web e/ou redes sociais utilizadas para a súa difusión pública e, de ser o caso, achegarase a referencia das aparicións do proxecto nos medios de comunicación social, indicando o medio e a data de aparición.

b) Facturas e demais documentos xustificativos do gasto, de acordo co establecido nos artigos 21, 22, 23 e 24.

c) Documentos xustificativos do pagamento, de acordo co establecido no artigo 25.

d) O anexo VII, relación de todas as facturas ordenadas numericamente. No caso dos grupos informais, o anexo VII deberá ser asinado pola persoa representante deste e, no caso das asociacións, pola persoa que ostente a representación da entidade.

e) O anexo VIII, declaración complementaria de non ter solicitado nin terlle sido concedida ningunha outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto. En caso contrario, a entidade ou grupo informal beneficiario deberá renunciar á axuda outorgada ao abeiro desta orde, co reintegro das cantidades que percibise en concepto de anticipo, ou acreditar, ante o órgano instrutor, a renuncia ás outras axudas para o mesmo proxecto e o reintegro dos fondos públicos que percibise, se é o caso.

f) Unha memoria económica, redactada segundo o modelo publicado como anexo IX, na que se reflicta a vinculación detallada de cada gasto executado co proxecto subvencionado. Deberá quedar acreditado que cada gasto que se xustifique é totalmente necesario para a realización do proxecto e deberá quedar vinculado a unha actividade ou actuación concreta dentro deste, non sendo válida de ningún xeito a simple descrición do concepto facturado, polo que, de non xustificarse dita vinculación e necesidade, o gasto non será considerado como subvencionable.

Ademais, a distribución dos gastos entre os diversos conceptos deberá corresponderse substancialmente coa desagregación orzamentaria contida no proxecto de iniciativa xuvenil presentado coa solicitude.

Esta memoria económica deberá estar asinada, en todas as súas follas, por todas as persoas membro do grupo informal e, no caso das entidades, pola persoa que ostente o poder de representación da entidade.

g) O anexo X, de declaración responsable de titularidade da conta bancaria, debidamente cuberto, só no suposto de non telo presentado xa coa petición de anticipo. No caso dos grupos informais, todas as persoas que o compoñen deberán ser titulares da conta e asinar este anexo.

h) Os certificados de que a entidade e as persoas membro do grupo informal están ao día no pagamento coa Seguridade Social e no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, só no caso de que se tiveren oposto expresamente á súa consulta automática no trámite de solicitude.

i) O certificado de que a entidade e as persoas membro do grupo informal están ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, só no caso de que non tiveren dado o consentimento expreso para realizar a consulta no trámite de solicitude.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado, o órgano instrutor requirirá á entidade ou grupo informal beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente para os efectos previstos neste artigo. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a entidade beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 21. Xustificación específica dos gastos de desprazamento

1. Os gastos de desprazamento das persoas membro da entidade ou do grupo informal poderanse xustificar a través de facturas de transporte, peaxes, estacionamento e combustible. Na memoria económica incluirase a data das viaxes, o percorrido e os quilómetros realizados.

2. Se o desprazamento é realizado por persoas que colaboran na realización do proxecto sen seren membros da entidade ou grupo informal ou por persoas contratadas laboralmente pola persoa ou entidade beneficiaria, admitirase como documento de gasto unha axuda de custo na que quede perfectamente identificado quen realiza o pagamento e quen o recibe, asinado por ambas as partes. No dito documento deberá incluírse a data de pagamento, data das viaxes e percorrido realizado e, de ser o caso, matrícula do vehículo, quilómetros totais, peaxes e gastos de estacionamento e deberá acompañarse coas facturas de transporte, peaxes e estacionamento que se relacionen na axuda de custo. No caso de utilización de vehículo particular, a cantidade que se vai pagar por cada quilómetro será de 0,19 euros e non se reembolsarán os gastos de combustible.

Artigo 22. Xustificación específica do gasto en premios e obsequios

No caso dos gastos en premios e obsequios, estes xustificaranse mediante factura emitida a nome da asociación ou da persoa representante do grupo informal pola adquisición do produto que constitúa o premio ou obsequio. Ademais, deberá xuntarse un documento que acredite a súa recepción por parte da persoa destinataria e, no caso dos premios, a acta ou documento equivalente que acredite a súa concesión.

Artigo 23. Xustificación específica do gasto de persoal laboral

A documentación xustificativa do gasto de persoal laboral consistirá na presentación de:

a) O contrato de traballo, nóminas, documentos de cotización á Seguridade Social e documento de ingreso das retencións á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas (modelo 111).

b) Os partes de traballo asinados pola empresa e a persoa traballadora en que consten as horas dedicadas ao proxecto ou actividade subvencionada, con descrición das tarefas realizadas.

Artigo 24. Facturas xustificativas do gasto

1. No caso dos grupos informais, as facturas deberán emitirse a nome da persoa representante do grupo informal.

2. En casos excepcionais en que se xustifique a imposibilidade de obter a correspondente factura ordinaria, poderase admitir a xustificación de gastos mediante a achega de facturas simplificadas.

En todo caso, o importe total no proxecto destas facturas simplificadas incluídas na xustificación do proxecto, non poderá ser superior a 400 euros, IVE incluído.

3. Tanto as facturas ordinarias como as simplificadas deberán axustarse ao establecido no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

4. A acreditación dos gastos tamén poderá efectuarse mediante facturas electrónicas, sempre que cumpran os requisitos esixidos para a súa aceptación no ámbito tributario.

Artigo 25. Documentos xustificativos do pagamento

1. Segundo exixe a Lei 9/2007, do 13 de xuño, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

Considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, polo que, todos os documentos xustificativos do gasto deberán presentarse acompañados do correspondente documento bancario xustificativo do pagamento. Estes documentos xustificativos deberán ser completos, contendo, en todo o caso, a data da transferencia, importe, concepto, número de factura, ordenante e persoa provedora.

2. No caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito/débito, deberá acompañarse, ademais, a acreditación da súa titularidade. No caso das asociacións, a dita tarxeta deberá estar asociada á conta da entidade. No caso dos grupos informais, a titularidade deberá corresponderlle, en todo caso, a algunha das persoas membro do grupo informal. En ningún outro caso se admitirán pagamentos mediante tarxeta.

Artigo 26. Pagamento da axuda

1. Unha vez recibida e comprobada a documentación, poderase proceder ao pagamento da axuda concedida. No caso de que o gasto certificado sexa inferior á cantidade concedida, a contía da axuda será minorada na mesma porcentaxe.

2. De acordo co previsto no artigo 63 do Regulamento aprobado a través do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, faránselles anticipos de pagamento do oitenta por cento do importe total da subvención concedida, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, a aquelas entidades e grupos informais que, unha vez publicada a resolución de concesión da axuda, o soliciten expresamente, da forma e no prazo establecido no artigo 19.3.

3. De acordo co artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, os beneficiarios quedarán exonerados da constitución da garantía a que se refire o artigo 63.2 do dito decreto.

Artigo 27. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias das axudas deberán:

a) Realizar o proxecto que fundamenta a concesión da axuda por si mesmas.

b) Acreditar ante a Dirección Xeral de Xuventude a realización da actividade ou actividades que conforman o proxecto de iniciativa xuvenil, así como o cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinan a concesión ou o aproveitamento da axuda. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, na normativa regulamentaria de desenvolvemento e no disposto nas bases reguladoras.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, e achegar canta información se lles requira no exercicio das actuacións anteriores.

d) Para o caso das asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións, dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados, nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Difundir as actividades pola internet, a través de páxinas web e/ou redes sociais, publicamente e con antelación á súa realización, co obxecto de que poidan ser coñecidas por todas as persoas potencialmente beneficiarias destas e de facilitar as actuacións de comprobación e control por parte da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. As actuacións de difusión a través das redes sociais deberán mencionar os canais oficiais da Dirección Xeral de Xuventude.

g) Adoptar as medidas contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de xeito que se inclúa, en todo o material de divulgación das actividades obxecto desta axuda, a referencia de que están subvencionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, mediante a inclusión da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

h) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude, con 15 días de antelación, o inicio da realización das actividades para as que se concedeu a axuda. Esta comunicación realizarase preferentemente a través do enderezo electrónico instituto.xuventude@xunta.gal

i) Levar a cabo unha xornada para a difusión do proxecto realizado ao abeiro desta convocatoria, nalgún dos centros xuvenís dependentes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en especial nalgún dos espazos xoves que conforman a rede autonómica, no caso de que así o solicite a Dirección Xeral de Xuventude.

j) Figurar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, non ser persoa debedora, de acordo con resolución declarativa de procedencia de reintegro, e non ter ningunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma. En caso contrario, non se fará o pagamento da axuda.

k) No caso dos grupos informais de persoas mozas, respectar o prazo mínimo para a disolución de agrupacións de persoas beneficiarias a que fai referencia o artigo 8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, consonte os artigos 35 e 63 da mesma norma.

l) Cumprir coas restantes obrigas reguladas nesta orde e coa demais normativa vixente en materia de subvencións.

m) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. A participación nesta convocatoria supón a autorización das persoas beneficiarias, a favor da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, para a difusión dos proxectos presentados, así como para a exhibición, reprodución ou publicación, por calquera medio que se considere oportuno, das imaxes e dos contidos que consten nos proxectos ou memorias presentadas, sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

Artigo 28. Control e reintegro da axuda

1. Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos nos artigos 28.10 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, en concreto, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, incorrecta ou fóra de prazo, tendo en conta neste caso os prazos adicionais outorgados pola lei.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) Incumprimento das obrigas impostas ou dos compromisos asumidos con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben acadarse os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da axuda.

d) Incumprimento das obrigas impostas ou dos compromisos asumidos con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo anterior.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

g) Nos demais supostos previstos nesta orde e na demais normativa vixente en materia de subvencións.

2. Con independencia das causas de reintegro enumeradas neste artigo, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorreren as causas previstas nos artigos 47 e 48 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

3. As cantidades que se deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 29. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, nos termos establecidos nesta orde.

Artigo 30. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 31. Base de datos nacional de subvencións

1. De conformidade coa Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria.

2. As subvencións outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, para resolver a concesión, denegación, modificación, recursos de reposición, procedementos de perda do dereito ao cobramento e de reintegro e outras incidencias das axudas previstas nesta orde.

Disposición adicional segunda. Réxime de infraccións e sancións

As entidades ou persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previstas no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V, capítulo II da Lei 6/2012, do 19 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude para que dite cantos actos sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file