O artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, sinala que nos supostos de disolución dunha mancomunidade a iniciativa corresponderalle ao Pleno desta, de oficio ou por instancia dos concellos que a constitúen. Este acordo someterase á información pública durante o prazo dun mes e, simultaneamente, ao informe da deputación ou deputacións provinciais respectivas e da consellería competente en materia de réxime local.
O artigo 142 da devandita Lei 5/1997 establece que a organización e o funcionamento das mancomunidades se rexerán polo disposto no seus propios estatutos. A Orde do 10 de xaneiro de 2007 publica os estatutos da Mancomunidade Terras de Pontevedra para a dinamización de produto turístico dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Barro e Campo Lameiro (Diario Oficial de Galicia número 13, do 18 de xaneiro), que se modificaron posteriormente mediante a Orde do 13 de xuño de 2012 (DOG número 121, do 26 de xuño) e a Orde do 16 de outubro de 2020 (DOG número 216, do 27 de outubro).
O artigo 19 dos estatutos da Mancomunidade Terras de Pontevedra establece que poderá disolverse ben por imposibilidade legal ou material de cumprir as súas finalidades, ou ben por acordo expreso de todos os concellos que forman parte dela. E o seu artigo 20 indica que, ao disolverse a Mancomunidade, o seu patrimonio reverterá nos concellos mancomunados por partes proporcionais á súa achega.
En síntese, para a adopción do acordo de disolución desta mancomunidade observouse a seguinte tramitación:
• O expediente para a disolución e liquidación da Mancomunidade aprobouno o Pleno da Mancomunidade na súa sesión extraordinaria do 13 de novembro de 2024.
• O citado acordo someteuse a información pública durante o prazo dun mes, mediante anuncio inserido no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, número 225, do 19 de novembro de 2024, sen que se presentasen alegacións en contra de tal acordo.
• A Deputación Provincial de Pontevedra e a Dirección Xeral de Administración Local emitiron os informes preceptivos e favorables á disolución.
• O acordo de disolución da Mancomunidade foi ratificado polos plenos dos concellos integrantes desta co quórum de maioría absoluta exixido polo artigo 143 da Lei 5/1977, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, nas seguintes datas:
– Concello de Pontevedra, o 23 de decembro de 2024.
– Concello de Poio, o 30 de decembro de 2024.
– Concello de Marín, o 9 de xaneiro de 2025.
– Concello de Vilaboa, o 27 de xaneiro de 2025.
– Concello da Lama, o 27 de xaneiro de 2025.
– Concello de Ponte Caldelas, o 30 de xaneiro de 2025.
– Concello de Barro, o 17 de febreiro de 2025.
– Concello de Cerdedo-Cotobade, o 27 de febreiro de 2025.
– Concello de Campo Lameiro, o 6 de marzo de 2025.
• O presidente da Mancomunidade Terras de Pontevedra remitiu certificación do acordo do Pleno da Mancomunidade da disolución e liquidación desta e dos acordos adoptados polos plenos dos concellos mancomunados anteriormente mencionados.
O procedemento de disolución tramitado cumpriu o establecido nos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
Segundo o antedito e de conformidade co disposto nos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e na demais normativa de aplicación,
DISPOÑO:
Artigo único
Publicar o acordo de disolución, liquidación e distribución do patrimonio da Mancomunidade Terras de Pontevedra, de conformidade co establecido no artigo 143 en relación co 144 da Lei de Administración local de Galicia, que se recolle como anexo desta orde.
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
ANEXO
O Pleno da Mancomunidade de Municipios Terras de Pontevedra, na sesión extraordinaria realizada o día 13 de novembro de 2024, adoptou, entre outros, o acordo que literalmente di:
«6. DISOLUCIÓN E LIQUIDACIÓN DA MANCOMUNIDADE TERRAS DE PONTEVEDRA. Expte.: 2024/TERRASXEN/000015.
Examinado o expediente que figura no asunto e vista a proposta da Presidencia da Mancomunidade, do 7.11.2024 (CSV NB683QYX4BUOAJAW), cuxa parte expositiva a continuación se reproduce:
“O 29 de xaneiro de 2007 tivo lugar o Pleno constitutivo da Mancomunidade Terras de Pontevedra para a dinamización de produto turístico dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cotobade, Barro e Campo Lameiro.
De conformidade co artigo 3 dos seus estatutos (BOP nº 13, do 18 de xaneiro de 2007), os fins da Mancomunidade eran a xestión do Plan de dinamización de produto turístico dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cotobade, Barro e Campo Lameiro; a xestión de plans e proxectos turísticos de natureza semellante á anterior, e o fomento en xeral da actividade turística nos concellos que integran a Mancomunidade.
O 23 de marzo de 2011 modifícanse os estatutos (DOG nº 121, do 26 de xuño de 2012) e altérase a denominación da Mancomunidade, que pasa a denominarse Mancomunidade Terras de Pontevedra dos Concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cotobade e Campo Lameiro. Os fins da Mancomunidade consonte esa modificación son: a xestión dos plans de dinamización do produto turístico que afecten os municipios que a integran; a xestión de plans e proxectos turísticos de natureza semellante á anterior; e o fomento e a promoción, en xeral, da actividade turística nos concellos que integran a Mancomunidade, sempre que afecten máis dun municipio dos que a integran.
Finalmente, mediante a modificación dos estatutos do ano 2020 (DOG nº 216, do 27 de outubro de 2020), a Mancomunidade pasa a denominarse Mancomunidade Terras de Pontevedra.
Nos últimos anos a actividade da Mancomunidade foi reducíndose e encóntrase vinculada á subvención que se lle outorga anualmente desde a Axencia de Turismo de Galicia, cuxa contía non é elevada (nos últimos anos non supera os 40.000 euros). A xestión administrativa da Mancomunidade resulta complexa en relación co seu volume de ingresos e de actividade.
En consecuencia, e na liña xa salientada polo Consello de Contas no seu Informe de fiscalización das mancomunidades de Galicia [1702022-06], aprobado polo Pleno do Consello de Contas o 31 de maio de 2024 (publicado no Diario Oficial de Galicia número 112, do 11 de xuño), cómpre analizar se existe unha adecuación de fins e medios das mancomunidades e se subsisten as circunstancias que motivaron a creación da entidade ou, de ser o caso, se a mancomunidade é o medio máis adecuado para conseguir os fins e obxectivos acordados polos concellos en xestión mancomunada.
No Pleno da Mancomunidade Terras de Pontevedra, que tivo lugar o 30 de agosto de 2024, abordouse esta cuestión, e manifestouse que o volume de ingresos que manexa a Mancomunidade é moi reducido e que os gastos de administración desta resultan proporcionalmente elevados. Ademais, debe terse en conta que a xestión deste ámbito do turismo é moi complexa, coa intervención de diversos actores e entidades. En consecuencia, os membros da Mancomunidade, por unanimidade, adoptaron o seguinte acordo:
“Primeiro. Manifestar a vontade de que se deberían iniciar os trámites para a extinción da Mancomunidade Terras de Pontevedra.
Segundo. Dar traslado desta vontade aos concellos que integran a Mancomunidade para que no prazo de 15 días hábiles manifesten, se así o consideran, a súa postura sobre a extinción desta entidade local”.
No prazo concedido para o efecto, ningún dos concellos integrantes da Mancomunidade realizou alegación ou manifestación ningunha.
O artigo 44 da Lei 7/1985, reguladora das bases de réxime local, establece o procedemento de aprobación dos estatutos das mancomunidades, e indica que se seguirá un procedemento similar para a modificación ou supresión destas entidades locais.
O artigo 19 dos estatutos da Mancomunidade sinala que esta poderá disolverse por imposibilidade legal ou material de cumprir as súas finalidades ou por acordo expreso de todos os concellos que forman parte dela. Engade o citado precepto que o procedemento que se debe seguir para a disolución será o previsto no artigo 143 da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia (Lalga), cos efectos do artigo 144 da citada lei.
O artigo 143.1 da Lalga dispón que a disolución da Mancomunidade se axustará ao seguinte procedemento:
a) A iniciativa corresponderalle ao Pleno da Mancomunidade, de oficio ou por instancia dos concellos que a constitúen.
b) Unha vez adoptado o acordo, someterase a información pública durante o prazo dun mes e, simultaneamente, seralles remitido á Deputación ou deputacións provinciais respectivas e á consellería competente en materia de réxime local para o seu informe, durante o prazo dun mes.
c) Unha vez rematado o prazo de exposición pública e recibidos os informes a que se refire a letra anterior ou transcorrido o prazo dun mes sen que fosen emitidos, someterase o acordo de disolución da Mancomunidade aos plenos dos concellos mancomunados. A adopción do devandito acordo, que resolverá tamén as alegacións, no caso de que estas fosen presentadas, requirirá o voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros de cada unha das corporacións.
d) Tras seren aprobados os acordos de disolución desta pola maioría dos concellos mancomunados, o presidente da Mancomunidade remitiralle copia certificada deles á consellería competente en materia de réxime local para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia, e comunicarallos á Administración central do Estado para os efectos establecidos pola lexislación básica de réxime local.
Así mesmo, o artigo 144 da Lalga establece que, en caso de disolución dunha mancomunidade, esta manterá a súa personalidade xurídica en canto non adopte o Pleno o acordo de liquidación e distribución do seu patrimonio, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, xunto coa súa disolución.
En relación coa liquidación do seu patrimonio, o artigo 20 dos estatutos establece que, ao disolverse a Mancomunidade, o seu patrimonio reverterá nos concellos mancomunados por partes proporcionais á súa achega.
Deste xeito, en canto ao patrimonio da Mancomunidade, debe efectuarse a súa liquidación e distribución de conformidade coas seguintes consideracións:
– A Mancomunidade non é titular de ningún inmoble. Os investimentos realizados no seu día sobre bens municipais realizados pola Mancomunidade xa foron dados de baixa na súa contabilidade, polo que non consta inmobilizado na contabilidade da Mancomunidade.
– Na conta bancaria da Mancomunidade existen fondos en data do 5 de novembro de 2024 por un importe de 47.179,12 euros.
De acordo co disposto no artigo 20 dos estatutos, a distribución destes fondos debe realizarse atendendo á proporción das achegas que corresponden a cada concello. Esta proporción é a seguinte:
|
Concello |
Porcentaxe de achega |
|
Pontevedra |
55,43 % |
|
Marín |
16,31 % |
|
Poio |
11,39 % |
|
Ponte Caldelas |
3,68 % |
|
Vilaboa |
3,99 % |
|
Cerdedo-Cotobade |
3,89 % |
|
Barro |
2,49 % |
|
A Lama |
1,63 % |
|
Campo Lameiro |
1,21 % |
Deste xeito, correspóndelle a cada concello a parte proporcional ás achegas que estas entidades locais realizaban.
En consecuencia, considérase que a liquidación da Mancomunidade se debe realizar de tal forma que os dereitos e as obrigas da Mancomunidade se transmitan aos concellos integrantes da Mancomunidade en partes proporcionais á súa achega.
A competencia para iniciar a disolución e a liquidación da Mancomunidade é do Pleno, de conformidade co artigo 143.1.a) da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia”.
Tendo en conta o anteriormente exposto, e con base e de conformidade cos feitos e fundamentos xurídicos expostos, o Pleno da Mancomunidade, por unanimidade dos membros presentes Miguel Anxo Fernández Lores, Anabel Gulías Torreiro (representante do Concello de Pontevedra), Eva María Villaverde Pego (representante do Concello de Pontevedra), María Ramallo Vázquez (representante do Concello de Marín), Rocío Cochón Castro (representante do Concello de Poio), David Carrera Cal (representante do Concello da Lama), Jorge Cubela López (representante do Concello de Cerdedo-Cotobade), Xosé Manuel Fernández Abraldes (representante do Concello de Barro) e Carmen Gallego Calvar (representante do Concello de Vilaboa), que representa a maioría absoluta do número legal de membros deste órgano, presta a súa aprobación á proposta da Presidencia da Mancomunidade de data 7.11.2024 e, en consecuencia, acorda:
Primeiro. Aprobar a disolución da Mancomunidade Terras de Pontevedra ao abeiro do disposto no artigo 19 dos seus estatutos, atendendo á motivación exposta neste acordo.
Segundo. Aprobar a liquidación e distribución dos bens, dereitos e obrigas da Mancomunidade con efectos do día de publicación no Diario Oficial de Galicia da súa disolución, de xeito que os bens, dereitos e obrigas se transmitirán aos concellos integrantes da Mancomunidade en partes proporcionais á súa achega.
Terceiro. Someter o acordo e o expediente de disolución e liquidación a información pública durante o prazo dun mes mediante anuncio que se publicará no Boletín Oficial da provincia e no taboleiro de anuncios da Mancomunidade, que é o mesmo que o do Concello de Pontevedra. Simultaneamente, remitiráselles á Deputación de Pontevedra e á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes o presente acordo para que emitan o informe correspondente no prazo dun mes.
Cuarto. Facultar a Anabel Gulías Torreiro, membro da Mancomunidade Terras de Pontevedra, para realizar todos os trámites e adoptar todos os acordos que sexan necesarios e adecuados para a disolución e liquidación da Mancomunidade.
Quinto. Custodiar toda a documentación e información da Mancomunidade Terras de Pontevedra no Concello de Pontevedra e facultar este concello para a súa xestión e tratamento de conformidade coa normativa aplicable.
Sexto. Darlles traslado do presente acordo aos concellos afectados.».
