Mediante a Resolución do 30 de novembro de 2023 (DOG núm. 231, do 5 de decembro), a Dirección Xeral da Función Pública convocou o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas de prevención e defensa contra incendios forestais.
En virtude da Resolución do 28 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, acordouse a apertura do período de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e de xustificación da posesión de méritos e requisitos do concurso.
Mediante a Resolución do 24 de febreiro de 2025 aprobouse a relación provisional de persoas admitidas e excluídas do concurso, que foi modificada pola Resolución do 29 de abril de 2025 pola que se modifica a Resolución do 24 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas no concurso para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas de prevención e defensa contra incendios forestais (DOG núm. 84, do 5 de maio), que incorporou novas persoas concursantes.
Con base na resolución anterior, é preciso introducir como potenciais resultas os postos xerados pola inclusión das novas persoas participantes, que non foron tidos en conta no momento de publicar a Resolución do 28 de xaneiro de 2025.
Coa finalidade de garantir a igualdade no acto de elección de postos de todas as persoas participantes, faise necesario abrir un novo prazo de 15 días hábiles, conforme o establecido na base VI da convocatoria, para poder presentar a solicitude de elección de postos de traballo.
Non obstante, a aquelas persoas que xa presentasen a súa solicitude de elección de postos e non desexen realizar ningunha modificación conservaráselles a súa solicitude de elección de postos presentada dentro do prazo establecido na Resolución do 28 de xaneiro de 2025.
Así mesmo, a base VII da convocatoria do concurso determina que os méritos e os requisitos específicos para o acceso aos postos deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso, que foi o 22 de decembro de 2023. Do mesmo modo, establece que se poderá xustificar a posesión de méritos e requisitos ata o último día do prazo de solicitudes de elección de postos de traballo.
En cumprimento do disposto anteriormente e co obxecto de que as persoas concursantes poidan solicitar os postos e acreditar os méritos e requisitos, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Publicar o novo prazo para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo, que será de quince (15) días hábiles, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, concretamente desde o 8 de maio ata o 28 de maio de 2025.
Segundo. Os concursantes que xa presentaron solicitude de elección de postos e non desexen modificala conservarán a inicialmente presentada.
Terceiro. En canto ao procedemento para a presentación das solicitudes de elección de postos de traballo e o procedemento de acreditación de méritos e requisitos, seguirase o disposto na Resolución do 28 de xaneiro de 2025. O prazo para acreditar méritos rematará segundo o indicado no punto primeiro desta resolución.
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2025
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
