DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Mércores, 7 de maio de 2025 Páx. 25937

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2025 pola que se dá publicidade dos acordos do Consello de Dirección que aproban a modificación da súa estrutura organizativa.

De acordo co previsto na Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, o Consello de Dirección do Instituto, nas súas xuntanzas do 12 de febreiro e do 5 de maio de 2025, acordou modificar a estrutura organizativa da entidade nos seguintes termos:

Configurar a Oficina Económica de Galicia como Dirección de Área da Oficina Económica de Galicia do Instituto Galego de Promoción Económica, a cuxa fronte figurará un/unha director/a de área baixo a dependencia da Dirección Xeral.

A Área da Oficina Económica de Galicia continuará a exercer as funcións e competencias desenvolvidas pola Oficina Económica de Galicia, segundo o previsto na Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 29 de decembro), que modificou a Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, e na Lei 9/2021, de 25 de febreiro, de simplificación administrativa e apoio á reactivación económica de Galicia.

Así, corresponden á Área da Oficina Económica de Galicia as funcións de:

a) Facilitar a información ás empresas e ás persoas emprendedoras.

b) Acompañar e dar soporte ás empresas e aos suxeitos promotores das iniciativas empresariais, analizando as solicitudes telemáticas recibidas ou as consultas realizadas por vía telefónica ou presencial.

c) Asignar ao centro directivo con competencias en materia de industria aquelas iniciativas empresariais susceptibles de seren declaradas proxectos industriais estratéxicos ou de seren incluídas no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, de acordo co establecido no texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

d) Impulsar a tramitación das iniciativas empresariais mediante a consulta a outros órganos ou entidades, da mesma ou doutra Administración, así como a través da proposta ou requirimento de actuación ou de realización de trámites aos correspondentes departamentos do sector público autonómico de Galicia.

e) Analizar, por petición da persoa interesada ou por iniciativa propia, as actividades económicas en curso que sexan estratéxicas para a Comunidade Autónoma de Galicia e estean en situación de risco de continuidade, elevando un informe de valoración da situación e das alternativas á persoa titular da consellaría con competencias en materia de economía e empresa e realizando o seguimento destas actividades, con atención especial ás actuacións administrativas propostas.

f) Elaborar un informe anual de actividade en relación coa avaliación e tramitación das iniciativas empresariais.

g) Realizar outras actuacións que permitan impulsar, aprobar e manter proxectos estratéxicos para a Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Calquera outra que se estableza legal e regulamentariamente.

Para o exercicio das súas competencias e o desenvolvemento das funcións sinaladas, a Dirección da Área da Oficina Económica de Galicia conta na actualidade coa Subdirección de Asesoramento Empresarial e Apoio á Oficina Económica de Galicia, a quen lle atinxen as seguintes funcións:

a) Identificación e apoio a proxectos susceptibles de exerceren un especial efecto tractor sobre o tecido produtivo galego, así como das candidaturas promovidas por empresas galegas no marco de potenciais proxectos importantes de interese común europeo. Todas estas iniciativas deberán contar cunha especial capacidade de xerar emprego, crecemento e competitividade, actuando tamén como vertebradoras doutras posibles iniciativas empresariais.

b) Realización de contactos, tarefas de acompañamento e asesoramento eficaz das empresas integrantes ou impulsoras dos proxectos referidos no punto anterior, os cales poderán proceder do propio Igape, doutros organismos ou departamentos da Xunta de Galicia ou doutros axentes do tecido empresarial, económico e social.

c) Conformación dunha carteira de proxectos de empresas privadas ás cales poder asesorar sobre as mellores liñas de apoios públicos existentes para una maior probabilidade de éxito na súa implementación, así como o apoio na procura de posibles sinerxías ou escalabilidade destes.

d) Comunicación periódica ás empresas integrantes da carteira de proxectos das principais novidades e oportunidades relativas á obtención de axudas públicas.

e) Seguimento e inventariado da información relativa aos proxectos referidos nos puntos anteriores.

f) Captación de investimentos empresariais susceptibles de seren postos en marcha en Galicia, con independencia da súa procedencia nacional ou internacional.

g) Preparación de documentación ou redacción de informes que se soliciten sobre cuestións relacionadas co marco europeo e nacional de axudas públicas, así como sobre o estado de situación e viabilidade tanto de proxectos susceptibles de exerceren un especial efecto tractor sobre o tecido produtivo galego coma daqueles que consten na carteira de proxectos.

h) Interlocución co resto de administracións e axentes tanto autonómicos ou locais e estatais coma europeos relacionados co ecosistema das axudas públicas e dos proxectos.

A persoa titular da subdirección estará apoiada para o exercicio das funcións que ten atribuídas por catro técnicos responsables, dous de asesoramento empresarial e atracción de investimentos, e dous técnicos/as responsables dos ámbitos sur (1) e norte (1), respectivamente.

Finalmente, para avanzar no despregamento das funcións da Área da Oficina Económica de Galicia, créase o posto denominado adxunto/a á Oficina Económica de Galicia en Madrid, que se proverá polo procedemento de libre designación ou contrato de alta dirección, e estará adscrito á Dirección da Área da Oficina Económica de Galicia, co obxectivo declarado de captar oportunidades para as empresas galegas na capital, configurar unha rede de contactos e oportunidades que posibilite ofrecerlles un mellor marco competitivo, así como canalizar o retorno a Galicia de empresas e persoas emprendedoras, con ou sen vinculación anterior con Galicia, pero que queiran desenvolver nela a súa actividade empresarial. Á dita unidade atínxenlle, baixo a coordinación da persoa titular da Dirección da Área da Oficina Económica de Galicia, as seguintes funcións:

a) Identificación e apoio a proxectos e posibles iniciativas empresariais que poidan impactar no tecido produtivo galego pola capacidade de xerar emprego, crecemento e competitividade.

b) Busca especializada de contactos singularizados, realización de tarefas de acompañamento e asesoramento específico das empresas integrantes ou impulsoras dos proxectos referidos no punto anterior procedentes de distintos axentes do tecido empresarial, económico e social, en particular aproveitando o ecosistema económico empresarial da capital do Estado.

c) Apoio técnico para conformar una carteira propia de proxectos de empresas privadas nacional ou internacional ás cales poder asesorar sobre as mellores liñas de apoios públicos existentes para unha maior probabilidade de éxito na implementación destes, así como o apoio na procura de posibles sinerxías ou escalabilidade destes, e coa intención última da súa implantación en Galicia.

d) Colaborar na comunicación periódica ás empresas integrantes da carteira de proxectos das principais novidades e oportunidades relativas á obtención de axudas públicas, así como o apoio ao seguimento e inventariado da información relativa aos proxectos referidos nos puntos anteriores.

f) Dar soporte específico á captación de investimentos empresariais susceptibles de ser postos en marcha en Galicia, con independencia da súa procedencia nacional ou internacional.

g) Apoio técnico á preparación de documentación ou redacción de informes solicitados sobre cuestións relacionadas co marco de axudas públicas europeo e nacional, así como sobre o estado específico de situación e viabilidade tanto de proxectos susceptibles de exercer un especial efecto tractor sobre o tecido produtivo galego coma daqueles que consten na carteira de proxectos.

h) Colaborar, na interacción co resto de administracións e axentes públicos tanto autonómicos, estatais coma europeos relacionados co ecosistema das axudas públicas e dos proxectos.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2025

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica