DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Mércores, 7 de maio de 2025 Páx. 25931

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2025 pola que se convoca formación en prevención de riscos laborais para o persoal do Servizo de Prevención e delegados/as de Prevención de Riscos da Consellería de Política Social e Igualdade para a avaliación e investigacións das situacións de violencia que se poden dar nos centros asistenciais.

De acordo co convenio de colaboración entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e Vitaly Health Services, S.L. para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar o curso que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2025

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Poderá participar nas accións formativas convocadas mediante esta resolución o persoal do Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta de Galicia e delegados/as de Prevención do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Política Social e Igualdade.

Este persoal terá que estar en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e reunir os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada unha delas se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web https://egap.xunta.gal

Terceira. Acceso ás actividades formativas

O acceso será a través da páxina web da EGAP: https:// egap.xunta.gal e unha vez dentro, haberá que seguir as seguintes instrucións:

1. É preciso estar rexistrado na área de matrícula da EGAP. Para iso ten que premer na icona «área de matrícula» da páxina web da EGAP e rexistrarse premendo en «rexistrar unha conta para acceder ás aplicacións», situada na parte inferior da pantalla (no caso de que o/a traballador/a xa estivese rexistrado/a, este paso non será necesario).

2. A EGAP procederá á matriculación do alumnado indicado polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais .

3. Unha vez rexistrado/a e matriculado/a, poderá acceder ao curso o día do seu comezo.

4. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

5. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35, en horario de atención ao publico (das 9.00 ás 14.00 horas) e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal

Cuarta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso. Neste caso, a persoa interesada deberá indicalo e incluír os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular, así como achegar ademais unha copia dos documentos a cuxa consulta se opón a través do seguinte enderezo electrónico: xestion.egap@xunta.gal

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente e incluír os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular, así como achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico xestion.egap@xunta.gal

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección.

Quinta. Criterios de selección

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais indicará o persoal obrigado a realizar esta formación.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo https://egap.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Sétima. A asistencia

A asistencia:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e máis a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos os controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de dez (10) días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais, pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación, que se realizará ao final dela.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP e Vitaly Health Services, S.L.

1. A EGAP e Vitaly Health Services, S.L. poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Tamén lle corresponde a ambos os dous organismos prover canto sexa necesario para a execución e o cumprimento desta resolución.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e Vitaly Health Services, S.L. resérvanse o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e Vitaly Health Services, S.L. garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV25075.

Área de coñecemento: coñecementos transversais.

Nome do curso: Avaliación e investigación de situacións de violencia no traballo.

1. Obxectivos.

Formar ao persoal do Servizo de Prevención e os/as delegados/as de Prevención de Riscos Laborais da Consellería de Política Social e Igualdade para a avaliación e a investigacións das situacións de violencia que se poden dar nos centros asistenciais.

2. Destinatarios/as.

Persoal do Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta de Galicia e delegados/as de Prevención do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Política Social e Igualdade.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 12 horas.

Prazas: 30.

Edicións: unha.

Primeira edición: Santiago,

Datas e horario: 9 e 12 de maio de 9.00 a 15.00 horas.

Lugar: EGAP rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela.

Contido.

1. Avaliación de situacións potencialmente violentas no noso traballo:

– Os factores de risco psicosocial: situacións de violencia e agresións na nosa contorna de traballo

– Efectos da exposición: efectos na saúde e naorganización das situacións de exposición á violencia.

2. Prevención de situacións de violencia desde distintos niveis de interacción e de intervención:

– Que se considera conduta problemática: diferenzas entre condutas disruptivas, problemáticas, incidente con dano e agresión.

– Fases da escalada e a desescalada de axitación.

– Tipo de xestión fronte unha situación de violencia no posto de traballo:

a) Intervención primaria.

b) Intervención secundaria.

c) Intervención terciaria.

3. Investigación de accidentes/ incidentes producidos por situacións de violencia no traballo

– Modelo de investigación,

– Estratexias e medidas preventivas.