BDNS (Identif.): 829962.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/829962
Primeiro. Entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias da concesión de subvencións deberán estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, na sección A: organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, e na sección D: outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.
Segundo. Obxecto
Estas bases regulan a concesión de subvencións para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación (procedemento PR804B).
Para os efectos desta convocatoria, enténdense por microproxectos aquelas intervencións puntuais de cooperación ao desenvolvemento no exterior que fortalezan a capacidade de resposta ás necesidades da poboación destinataria ou que complementen actuacións levadas a cabo por axentes de cooperación no mesmo territorio, de duración non superior a 12 meses e executadas por organizacións de recente constitución ou que executen proxectos de limitada intensidade e contía.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 21 de abril de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR804B).
Cuarto. Importe
Para a concesión destas axudas destínase un crédito por un importe total de 150.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 05.07.331A.490.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2025.
O importe máximo que se poderá financiar será un 95 % do orzamento total do microproxecto, ben que a subvención concedida non superará en ningún caso os 30.000 euros.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
