BDNS (Identif.): 830593.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/830593
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) e as grandes empresas que proxecten levar a cabo un investimento para a posta en marcha dun novo establecemento turístico localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento de presentar a solicitude da axuda.
2. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias:
a) As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante.
b) As empresas que se encontren en situación de crise, de acordo coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión 2014/C 249/1, do 31 de xullo). A acreditación deste requisito realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante, sen menoscabo das accións de comprobación que poida realizar para estes efectos a Axencia de Turismo de Galicia.
c) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.
d) No caso de que a subvención supere os 30.000,00 euros e a entidade solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, para os efectos de presentación da conta de perdas e ganancias abreviada as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei.
e) Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.
4. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice a persoa beneficiaria para realizar o investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 10 destas bases.
5. Os requisitos para ser persoa beneficiaria deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
Segundo. Obxecto e réxime
1. Estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas para a posta en marcha de proxectos tractores que teñan un efecto transformador no sector turístico de establecementos na categoría de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, cos obxectivos de ampliar a oferta existente de aloxamentos turísticos con servizo de balneario ou talaso, así coma o de promover un turismo de balnearios e talasos sustentable na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As axudas reguladas nestas bases ampáranse no Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño) (en diante, Regulamento (UE) nº 651/2014) e, en particular, no seu artigo 14, que regula as axudas rexionais ao investimento (actuacións da liña 1), e no artigo 38.bis, que regula as axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética en edificios (actuacións da liña 2).
Terceiro. Actuacións subvencionables e contías
1. Será requisito da actuación subvencionable que o proxecto achegado teña como finalidade a creación dun novo establecemento de aloxamento turístico con servizo de balneario ou talaso, segundo os artigos 55, 60 e 61 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, de acordo con algunha das seguintes tipoloxías:
– Hoteis balneario.
– Hoteis talaso.
2. O establecemento turístico obxecto da axuda deberá dispor da declaración da condición de mineral, termal ou de manancial das augas no momento de presentación da solicitude. No momento de presentación da solicitude de axuda, o proxecto presentado deberá contar con circuítos termais nas instalacións do balneario ou talaso e deberá ofrecer servizos e tratamentos vinculados ao emprego de augas mineromedicinais ou do mar. En relación co anterior, deberá achegarse unha memoria explicativa do proxecto que se vai desenvolver na cal se especifiquen cales son os servizos e os tratamentos que se van ofertar, o número de empregados con que contará a parte de balneario ou talaso e as súas titulacións, as horas en que estarán abertas as súas instalacións e os circuítos que se poderán contratar.
3. Pódense diferenciar como gasto subvencionable:
a) Liña 1: construción, reforma ou rehabilitación sustentable de edificios e adaptación de infraestruturas ou instalacións para a posta en marcha dun novo establecemento turístico de aloxamento vinculado a un balneario ou talaso.
Trátase de proxectos de construción, reforma ou rehabilitación sustentable de edificacións para a posta en marcha de novos establecementos turísticos de aloxamento na categoría de hoteis balneario e hoteis talaso.
b) Liña 2: sistemas de enerxías renovables e economía circular no novo establecemento turístico vinculado a un balneario ou talaso.
Trátase de medidas que contribúan á mitigación do cambio climático: mellora da eficiencia enerxética nas instalacións termais.
4. A contía da axuda, no caso de actuacións da liña 1, será o resultado de multiplicar o investimento subvencionable polas seguintes intensidades de axuda, segundo a categoría de empresa:
– 35 %, no caso das pequenas empresas.
– 25 %, no caso das medianas empresas.
– 15 %, no caso de grandes empresas.
5. A contía da axuda, no caso de actuacións da liña 2, será o resultado de multiplicar o investimento subvencionable polas seguintes intensidades de axuda, segundo a categoría de empresa:
– 55 %, no caso das pequenas empresas.
– 45 %, no caso das medianas empresas.
– 35 %, no caso de grandes empresas.
O límite máximo de axuda pública será de 1.000.000,00 euros por proxecto. Para estes efectos, enténdese por proxecto a posta en marcha dun novo establecemento turístico de aloxamento.
Cuarto. Condicións dos proxectos
1. Os proxectos deberán cumprir, polo menos, dúas das seguintes condicións:
• Creación dun mínimo de cinco (5) postos de traballo directos. Deberá achegarse unha declaración responsable coa solicitude en que conste este compromiso, que deberá materializarse antes do remate do prazo de xustificación.
• Creación de vínculos con axentes públicos e privados do territorio que poidan exercer un efecto panca positivo no sector turístico ou noutros sectores de actividade. Deberán achegarse os acordos ou convenios de colaboración que xustifiquen as colaboracións e unha memoria descritiva da contribución á dinamización económica da rexión.
• Contribución á sostibilidade turística mediante programas de actividades ou xornadas de sensibilización respecto dos espazos naturais, da cultura, dos produtos autóctonos e a diversidade social da zona. Deberá achegarse o programa de actividades ou das xornadas.
2. As axudas reguladas nestas bases só serán aplicables se teñen carácter incentivador sobre a actividade da empresa, polo que os traballos non poderán iniciarse con anterioridade á data de presentación da solicitude; no caso de se teren iniciado os traballos con anterioridade á presentación da solicitude, a totalidade do proxecto será considerado non admisible.
Enténdese por inicio dos traballos, conforme a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido de equipamentos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior. A merca de terreos e os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade non se consideran inicio dos traballos.
As axudas a estes proxectos regularanse polo disposto no artigo 14 do Regulamento 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, no caso das actuacións da liña 1, e no artigo 38.bis do dito regulamento, no no caso das actuacións da liña 2.
3. Os proxectos achegados deberán ascender a un mínimo de 500.000,00 euros de investimento.
4. Os proxectos deberán contribuír á creación de oferta de aloxamento con servizo de balneario ou talaso, que se xustificará coa alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (en adiante, REAT) antes do remate do período de xustificación (30 de xuño de 2026). A Axencia de Turismo comprobará o cumprimento deste requisito ao rematar o período de xustificación.
5. O proxecto de establecemento turístico deberá contar con informe previo favorable da Axencia de Turismo de Galicia no momento da presentación da solicitude da axuda, de conformidade coa normativa turística de aplicación.
6. De seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar coa autorización ou licenza urbanística ou sectorial, tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas, en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras, segundo proceda.
Quinto. Bases reguladoras
Resolución do 25 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos tractores de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria con carácter plurianual (2025-2026) (código de procedemento TU985G).
Sexto. Importe
1. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 1.700.000,00 euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, proxecto 2022 00001, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2025 e 2026. O orzamento divídese en dúas liñas de actuación subvencionables: a liña 1 (eixe 1), construción, reforma ou rehabilitación sustentable de edificios e adaptación de infraestruturas ou instalacións para a posta en marcha dun novo establecemento turístico de aloxamento vinculado a un balneario ou talaso, cun orzamento de 1.400.000,00 euros, e a liña 2 (eixe 2), sistemas de enerxías renovables e economía circular no novo establecemento turístico de aloxamento vinculado a un balneario ou talaso, cun orzamento de 300.000,00 euros.
2. As subvencións previstas nesta resolución financiaranse co seguinte detalle:
|
Liñas |
Anualidade 2025 |
Anualidade 2026 |
Total |
|
Liña 1 |
280.000,00 € |
1.120.000,00 € |
1.400.000,00 € |
|
Liña 2 |
60.000,00 € |
240.000,00 € |
300.000,00 € |
|
340.000,00 € |
1.360.000,00 € |
1.700.000,00 € |
Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses. O dito prazo comezará a contar unha vez que transcorran oito días naturais desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Oitavo. Período de execución dos investimentos subvencionables e xustificación
As entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 1 de decembro de 2025, na primeira anualidade, sen prexuízo de que as certificacións de obra e as facturas emitidas desde esta data ata o 31 de decembro poidan aplicarse para xustificar a anualidade 2026.
Na segunda anualidade, o prazo de execución e xustificación finalizará o 30 de xuño de 2026.
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2025
José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia
