DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 9 de maio de 2025 Páx. 26387

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a rehabilitación ou reforma de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria con carácter plurianual (2025-2026) (código de procedemento TU985H).

A Comunidade Autónoma de Galicia, con respecto á súa política en materia de turismo e ás intervencións que deben orientar a súa estratexia de sostibilidade turística en destino, require de continuidade nos esforzos pola revalorización de espazos e infraestruturas termais que contribúan á posta en valor de balnearios e talasos de Galicia, coa finalidade da súa rehabilitación e aproveitamento para potenciar e atraer o turismo termal e de saúde, de crear nova oferta aloxativa vinculada a este sector e, á vez, que promoven un escenario favorable para a creación e o desenvolvemento de produtos e experiencias turísticas de alto valor engadido para o modelo turístico da Comunidade vinculado ao ámbito da saúde.

O termalismo é unha das maiores fortalezas de Galicia como destino turístico. Os balnearios en Galicia representan unha ferramenta para o desenvolvemento socioeconómico de todo o territorio ao longo de todo o ano, desestacionalizando a oferta e promovendo un turismo especializado sostible. Neste contexto, este programa ten vocación de mellorar a competitividade, a innovación e a creación de produtos que incrementen a rendibilidade do turismo de balnearios que poden enriquecerse na súa experiencia do patrimonio histórico, etnográfico e ambiental da historia das vilas onde se localizan.

Pode considerarse o destino de turismo de balnearios e talasos como unha oferta coherente e complementaria que xera un efecto multiplicador do investimento no territorio plenamente técnica e diversa, favorecendo unha economía circular mediante a equidistribución da renda turística en toda a Comunidade, unha aposta pola conservación do patrimonio material e inmaterial das nosas vilas termais, poñendo en valor recursos de proximidade arquitectónicos, gastronómicos, arqueolóxicos e naturais, dentro dunha rede cohesionada de produtos turísticos que poidan satisfacer a crecente demanda de destinos turísticos con identidade propia, diversa e innovadora dentro do mercado turístico.

No marco da Estratexia de sostibilidade turística en destinos, aprobouse o Plan territorial de sostibilidade turística de vilas termais e cascos históricos de Galicia 2023, que ten como prioridade o impulso do turismo termal sostible en Galicia mediante o fortalecemento e a posta en valor dos seus recursos termais, naturais e culturais, destacando o seu valor como reclamo turístico, promovendo a xestión sostible desde os destinos e potenciando os balnearios do territorio galego como un espazo de desenvolvemento turístico competitivo cuxa proxección e comercialización acaden o ámbito nacional e internacional.

O dito plan prevé como actuación de cohesión entre destinos (ACD), entre outras, a ACD Galicia, destino termal, que entre os obxectivos previstos persegue mellorar a comercialización e promoción dos balnearios e talasos de Galicia como experiencia turística, incrementando o posicionamento de Galicia como destino turístico no ámbito nacional e internacional neste sector. Por un lado, mediante a creación de novas infraestruturas aloxativas vinculadas a balnearios e talasos como experiencia turística a través da posta en común e valorización de toda a cadea de valor, de produtores e xestores de servizos de valor engadido para as persoas que visitan Galicia e, por outro lado, mediante a participación activa do sector privado, que contribuirá a mellorar a oferta turística e a profesionalización do sector turístico no ámbito termal.

Cos balnearios e talasos como fonte natural de riqueza turística con produtos e profesionais cunha ampla experiencia no sector, o que se pretende é converter Galicia nun destino turístico especializado en turismo de saúde a través de toda a oferta termal con que conta, aspiracional e sostible, co obxectivo de atraer máis persoas usuarias turísticas, ampliando e abrindo novos mercados, ao tempo que mellorando e tecnificando os destinos existentes.

As axudas desta convocatoria teñen como obxectivo modernizar as infraestruturas de balnearios e talasos preexistentes, priorizando aquelas que contribúan á sostibilidade turística da rexión e ao desenvolvemento de experiencias que contribúan á posta en valor de balnearios e talasos de Galicia, no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O Consello Europeo aprobou, o 21 de xullo de 2020, a creación do programa NextGenerationEU, como instrumento de estímulo económico en resposta á crise causada polo coronavirus.

O día 10 de novembro de 2020, o Parlamento Europeo e o Consello alcanzaron o acordo sobre o paquete de medidas que inclúe os fondos de NextGenerationEU e o Marco financeiro plurianual 2021-2027, creando o Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia como instrumento de apoio aos Estados membros a través de transferencias directas e préstamos para incrementar os investimentos públicos e acometer reformas para paliar os devastadores danos producidos pola Covid-19.

O Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, sinala que os Estados membros elaborarán plans de recuperación e resiliencia nacionais para acollerse a este e alcanzar os obxectivos establecidos e presentaranos formalmente, como moi tarde, o 30 de abril.

En virtude da resolución da Subsecretaría de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, do 29 de abril de 2021, publícase o Acordo do Consello de Ministros do 27 de abril de 2021, polo que se aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que define as estratexias que se seguirán no desenvolvemento dos fondos europeos de recuperación. As medidas que recolle o dito plan cumpren cos 6 piares establecidos polo antedito Regulamento da UE nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, e articúlanse ao redor de catro eixes principais: a transición ecolóxica, a transformación dixital, a cohesión social e territorial e a igualdade de xénero. Estes catro eixes de traballo desenvólvense a través de dez políticas panca que integran, á súa vez, 30 compoñentes para contribuír a alcanzar os obxectivos xerais do plan.

Esta resolución encádrase no marco do compoñente 14 Plan de modernización e competitividade do sector turístico, incluído no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no contexto da liña de investimento 1: Transformación do modelo turístico cara á sostibilidade, directamente relacionado coa submedida 2: Plans de sostibilidade turística en destino do Plan estatal de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e no cumprimento da normativa autonómica, estatal e da Unión Europea que regula este tipo de investimentos, e quedan suxeitas, en todo caso, ao cumprimento, execución e realización dos obxectivos do referido plan.

Este investimento ten por obxecto implementar actuacións de impulso da sostibilidade turística na súa tripla vertente: ambiental, socioeconómica e territorial; beneficiando os destinos turísticos, os axentes sociais e os operadores privados do sector.

De acordo coa Resolución do 29 de decembro de 2023, da Secretaría de Estado de Turismo, pola que se publica o Acordo da Conferencia Sectorial de Turismo do 9 de maio de 2023, modificado polo Acordo do 29 de decembro de 2023, polo que se fixan os criterios de distribución, así como a repartición resultante para as comunidades autónomas, do crédito destinado ao financiamento de actuacións de investimento por parte de entidades locais no marco do compoñente 14 investimento 1 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e tal e como establece a Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do PRTR de España (CID, polas súas siglas en inglés), o investimento 1.2 do compoñente 14 (C14.I1.2) será executada polas entidades locais e as comunidades autónomas e inclúe os obxectivos 217, 218, 219, 220 e 221.

O Acordo do 9 de maio de 2023, da Conferencia Sectorial de Turismo, publicado pola Resolución do 22 de maio de 2023, da Secretaría de Estado de Turismo, establece os criterios de distribución, así como a repartición resultante para as comunidades autónomas, do crédito destinado ao financiamento de actuacións de investimento no marco do compoñente 14 investimento 1 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e destina 10.035.000,00 euros a Galicia para o desenvolvemento da actuación de cohesión entre destinos (ACD) Galicia, destino termal, no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, coa seguinte distribución:

Eixes de actuación

Actuación

Total

Transición verde e sostible

1

Redacción do proxecto de rehabilitación externa e interna do Pazo Provincial de Ourense, actual sede da Deputación Provincial de Ourense, baixo criterios de sostibilidade, para a súa adaptación ao cambio climático, conservación, implantación de medidas de economía circular e mellora da accesibilidade do edificio que albergará os espazos termais/balneario e centro de innovación e de investigación do termalismo de Galicia

200.000,00 €

2

Pazo Provincial de Ourense. Rehabilitación sostible do edificio (que albergará os espazos termais/balneario e centro de innovación e de investigación do termalismo de Galicia), adaptándoo ao cambio climático, promovendo o manexo adecuado de residuos e implantando outras medidas de economía circular, e integrando vexetación nos proxectos edilicios. Esta actuación inclúe tamén a incorporación de elementos que faciliten o uso de transporte non motorizado.

2.300.000,00 €

3

Rehabilitación e mellora sostible das infraestruturas termais e balnearios de Galicia: esta actuación está orientada á mellora, diversificación e creación de infraestruturas termais e de balnearios que caractericen o destino, facilitando a súa adaptación ao cambio climático, considerando as súas contornas naturais e arquitectónicas, así como a implantación de medidas de economía circular (para o correcto manexo de residuos) e a mellora das súas accesibilidades de modo que non xeren un impacto negativo no ambiente e se poidan conservar a longo prazo (liña de axudas ao sector)

1.765.000,00 €

Total eixe 1

4.265.000,00 €

Mellora da eficiencia enerxética

2

Pazo Provincial de Ourense. Xestión enerxética dos espazos termais/balneario e centro de innovación e de investigación do termalismo de Galicia. Trátase de garantir a sostibilidade e eficiencia enerxéticas das instalacións termais, que ademais manexan en orixe recursos con propiedades xeotérmicas.

1.560.000,00 €

3

Mellora da eficiencia enerxética das infraestruturas termais e balnearios de Galicia: esta actuación está orientada á mellora, diversificación e creación de infraestruturas termais e de balnearios que caractericen o destino, adaptadas ás súas contornas e prevendo as súas accesibilidades

2.000.000,00 €

Total eixe 2

3.560.000,00 €

Transición dixital

2

Pazo Provincial de Ourense. Desenvolvemento de contornas intelixentes dos espazos termais/balneario e centro de innovación e de investigación do termalismo de Galicia. (Implantación de sensores que melloren a xestión do edificio e da contorna: iluminación intelixente, rega intelixente, eficiencia enerxética intelixente, aparcamento intelixente, sensorización de espazos ambientais intelixentes (calidade das augas, ruídos, control da afluencia, etc.).

1.150.000,00 €

Total eixe 3

1.150.000,00 €

Competitividade

5

Identificación de necesidades de formación, capacitación, investigación e innovación do turismo termal

240.000,00 €

2

Pazo Provincial de Ourense. Recuperación do patrimonio termal: creación dun centro de innovación e de investigación turístico termal. (Investigación da auga para o desenvolvemento da formación de calidade, desenvolvemento de investigacións pioneiras dos recursos naturais da auga de Galicia, a investigación e promoción como destino de saúde e benestar de Galicia)

360.000,00 €

6

Difusión da cultura termal galega apoiando os establecementos de turismo termal repartidos polas catro provincias, potenciando a colaboración entre empresas turísticas. Potenciando e aproveitando o impacto do AVE Madrid-A Gudiña-Ourense

280.000,00 €

7

Asistencia técnica

180.000,00 €

Total eixe 4

1.060.000,00 €

Total

10.035.000,00 €

Na reunión do 24 de setembro de 2024, da Comisión Bilateral Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, aprobouse unha modificación da ACD Galicia, destino termal nos termos que se expoñen a seguir:

Eixes de actuación

Actuación

Total

Transición verde e sostible

1

2

Casa de Baños de Arteixo. Rehabilitación sostible do edificio (que albergará os espazos termais/balneario e centro de innovación e de investigación do termalismo de Galicia), adaptándoo ao cambio climático, promovendo así o aforro enerxético, o uso de enerxías renovables, o manexo adecuado de residuos, a integración de vexetación nos proxectos edilicios (como teitos, paredes e terrazas verdes).

1.000.000,00 €

3

Mellora sostible das infraestruturas termais e balnearios de Galicia: esta actuación está orientada á mellora, diversificación e creación de infraestruturas termais e de balnearios que caractericen o destino, adaptadas ás súas contornas e prevendo as súas accesibilidades.

1.765.000,00 €

Total eixe 1

2.765.000,00 €

Mellora da eficiencia enerxética

2

Casa de Baños de Arteixo. Xestión enerxética dos espazos termais/balneario e centro de innovación e de investigación do termalismo de Galicia. Trátase de garantir a sostibilidade e eficiencia enerxéticas das instalacións termais, que ademais manexan na orixe recursos con propiedades xeotérmicas.

500.000,00 €

3

Mellora da eficiencia enerxética das infraestruturas termais e balnearios de Galicia: esta actuación está orientada á mellora, diversificación e creación de infraestruturas termais e de balnearios que caractericen o destino, adaptadas ás súas contornas e contemplando as súas accesibilidades.

5.500.000,00 €

Total eixe 2

6.000.000,00 €

Transición dixital

2

Casa de Baños de Arteixo. Desenvolvemento de contornas intelixentes dos espazos termais/balneario e centro de innovación e de investigación do termalismo de Galicia. (Implantación de sensores que melloren a xestión do edificio e da contorna: iluminación intelixente, rega intelixente, eficiencia enerxética intelixente, aparcamento intelixente, sensorización de espazos ambientais intelixentes (calidade das augas, ruídos, control da afluencia, etc.).

500.000,00 €

Total eixe 3

500.000,00 €

Competitividade

5

Identificación de necesidades de formación, capacitación, investigación e innovación do turismo termal.

240.000,00 €

2

Casa de Baños de Arteixo. Recuperación do patrimonio termal: creación dun centro de innovación e de investigación turístico termal. (Investigación da auga para o desenvolvemento da formación de calidade, desenvolvemento de investigacións pioneiras dos recursos naturais da auga de Galicia, a investigación e promoción como destino de saúde e benestar de Galicia).

250.000,00 €

6

Difusión da cultura termal galega apoiando aos establecementos de turismo termal repartidos polas catro provincias, potenciando a colaboración entre empresas turísticas.

280.000,00 €

7

Total eixe 4

770.000,00 €

Total

10.035.000,00 €

E o 28 de outubro de 2024, a Comisión Bilateral Estado-Comunidade Autónoma de Galicia aprobou unha nova modificación da ACD Galicia, Destino Termal, tendo en conta a convocatoria de dúas liñas de axudas, unha para proxectos tractores de creación e mellora de establecementos aloxativos vinculados a balnearios e outra de modernización de infraestruturas de balnearios preexistentes, nos seguintes termos:

Eixes de actuación

Actuación

Total

Transición verde e sostible

1

2

Casa de Baños de Arteixo. Rehabilitación sostible do edificio (que albergará os espazos termais/balneario e centro de innovación e de investigación do termalismo de Galicia) adaptándoo ao cambio climático, promovendo así o aforro enerxético, o uso de enerxías renovables, o manexo adecuado de residuos e a integración de vexetación nos proxectos edilicios (como teitos, paredes e terrazas verdes).

1.000.000,00 €

3

Mellora sostible das infraestruturas termais e balnearios de Galicia: esta actuación está orientada á mellora, diversificación e creación de infraestruturas termais e de balnearios que caractericen ao destino, adaptadas ás súas contornas e contemplando as súas accesibilidades.

6.665.000,00 €

Total eixe 1

7.665.000,00 €

Mellora da eficiencia enerxética

2

Casa de Baños de Arteixo. Xestión enerxética dos espazos termais/balneario e centro de innovación e de investigación do termalismo de Galicia. Trátase de garantir a sostibilidade e eficiencia enerxéticas das instalacións termais, que ademais manexan en orixe recursos con propiedades xeotérmicas.

500.000,00 €

3

Mellora da eficiencia enerxética das infraestruturas termais e balnearios de Galicia: esta actuación está orientada á mellora, diversificación e creación de infraestruturas termais e de balnearios que caractericen ao destino, adaptadas ás súas contornas e contemplando as súas accesibilidades.

600.000,00 €

Total eixe 2

1.100.000,00 €

Transición dixital

2

Casa de Baños de Arteixo. Desenvolvemento de contornas intelixentes dos espazos termais/balneario e centro de innovación e de investigación do termalismo de Galicia. (Implantación de sensores que melloren a xestión do edificio e da contorna: iluminación intelixente, rega intelixente, eficiencia enerxética intelixente, aparcamento intelixente, sensorización de espazos ambientais intelixentes (calidade das augas, ruídos, control da afluencia, etc.).

500.000,00 €

Total eixe 3

500.000,00 €

Competitividade

5

Identificación de necesidades de formación, capacitación, investigación e innovación do turismo termal.

240.000,00 €

2

Casa de Baños de Arteixo. Recuperación do patrimonio termal: creación dun centro de innovación e de investigación turístico termal. (Investigación da auga para o desenvolvemento da formación de calidade, desenvolvemento de investigacións pioneiras dos recursos naturais da auga de Galicia, a investigación e promoción como destino de saúde e benestar de Galicia).

250.000,00 €

6

Difusión da cultura termal galega apoiando aos establecementos de turismo termal repartidos polas catro provincias, potenciando a colaboración entre empresas turísticas.

280.000,00 €

7

Total eixe 4

770.000,00 €

Total

10.035.000,00 €

A Axencia de Turismo de Galicia, creada en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, coma unha axencia pública autonómica, coa finalidade de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade, realiza esta convocatoria de axudas, baixo o procedemento de concorrencia non competitiva, dirixidas a pemes e grandes empresas, que poden presentar proxectos para a modernización das infraestruturas dos aloxamentos con servizo de balneario ou talaso no marco de tres liñas de actuación: liña 1-Reforma ou rehabilitación de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, a liña 2-Medidas de eficiencia enerxética e economía circular en hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, e a liña 3-Difusión da cultura termal galega.

As liñas de actuación encádranse na ACD Galicia, Destino Termal do Plan territorial de sostibilidade turística vilas termais e cascos históricos de Galicia; en particular, a liña 1 enmárcase no eixe 1 (transición verde e sustentable), a liña 2 no eixe 2 (eficiencia enerxética) e a liña 3 no eixe 4 (competitividade).

Consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei, e de conformidade coa competencia conferida polo artigo 19 dos estatutos da Axencia de Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro,

RESOLVO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para rehabilitación ou reforma de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria con carácter plurianual (2025-2026) (código de procedemento TU985H).

Segundo. Solicitudes

1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 11 das bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 10 das bases reguladoras.

Terceiro. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos catro (4) meses contados desde a data de presentación da solicitude.

Cuarto. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter a documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia: https://www.turismo.gal/canle-institucional/transparencia/axudas-e-subvencions

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento.

c) Os teléfonos 981 54 74 04 e 981 54 63 60.

d) Enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal

Quinto. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela ou do enderezo da persoa solicitante, a súa elección, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2025

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia

ANEXO I
Resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión,
en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a
rehabilitación ou reforma de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia,
no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria con carácter plurianual (2025-2026) (código de procedemento TU985H)

Artigo 1. Obxecto e réxime xurídico

1. Estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a rehabilitación ou reforma de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria con carácter plurianual (2025-2026) (código de procedemento TU985H).

2. A xestión destas axudas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

3. Para o non establecido nestas bases, aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. En defecto do previsto nesta normativa aplicaranse as normas de dereito administrativo. As axudas obxecto desta convocatoria réxense ademais polas normas comunitarias aplicables por razón do financiamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas; en particular, o Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia; o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; a Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; a Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información a proporcionar polas entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; a Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia; e a Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021; Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 6.085.000,00 euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, proxecto 2022 00001, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2025 e 2026. O orzamento divídese en tres liñas de actuación subvencionables: a liña 1 (eixe 1), Reforma ou rehabilitación de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, cun orzamento de 5.265.000,00 €; a liña 2 (eixe 2), Medidas de eficiencia enerxética e economía circular en hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, cun orzamento de 300.000,00 €; e a liña 3 (eixe 4), Difusión da cultura termal galega, cun orzamento de 520.000,00 €.

2. As subvencións previstas nesta resolución financiaranse co seguinte detalle:

Liñas

Anualidade 2025

Anualidade 2026

Total

Liña 1

600.000,00 €

4.665.000,00 €

5.265.000,00 €

Liña 2

50.000,00 €

250.000,00 €

300.000,00 €

Liña 3

40.000,00 €

480.000,00 €

520.000,00 €

690.000,00 €

5.395.000,00 €

6.085.000,00 €

A modificación da distribución establecida no punto anterior requirirá a tramitación do correspondente reaxuste de anualidades no expediente de gasto, segundo se establece nos artigos 26 e 27 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Estas axudas están financiadas ao 100 % polos fondos NextGenerationEU a través do Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia establecido polo Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un Instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da Covid-19, e regulado segundo o Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, dentro do compoñente 14: Plan de modernización e competitividade do sector turístico, liña de investimento I1. O dito financiamento queda legalmente vinculado á realización das actuacións subvencionadas, medidas integradas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España.

4. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

5. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e quedará suxeito ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro).

A aplicación do réxime de minimis implica que a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 300.000,00 euros durante calquera período de tres anos.

En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Non obstante, naqueles supostos nos que se lles requira ás solicitantes a emenda dos erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada a data na que o dito requirimento estea correctamente atendido. Considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria.

Artigo 3. Réxime de compatibilidade das subvencións

A percepción destas axudas non é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración, entes públicos ou privados.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia. En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen nos hoteis balneario e nos hoteis talaso, de acordo co establecido nos artigos 58, 60 e 61 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención.

No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

2. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) e grandes empresas que proxecten levar a cabo un proxecto localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento da presentación da solicitude de axuda.

3. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante.

b) As empresas que se atopen en situación de crise, de acordo coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión, 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014). A acreditación deste requisito realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante, sen menoscabo das accións de comprobación que poida realizar para estes efectos a Axencia de Turismo de Galicia.

c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

d) No caso de que a subvención supere os 30.000,00 euros e a entidade solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital para os efectos de presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei.

e) Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.

5. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice a persoa beneficiaria á realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 24 destas bases.

6. Os requisitos para ser persoa beneficiaria deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Actuacións subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, considéranse actuacións subvencionables aquelas que, de forma indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable, nos termos previstos no artigo 1 destas bases, e se realicen no prazo establecido nestas bases.

2. Será requisito da actuación subvencionable que o proxecto achegado teña como finalidade a rehabilitación ou reforma de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia ou a execución de actuacións de eficiencia enerxética e economía circular que se leven a cabo neles, así coma a difusión da cultura termal galega.

3. O establecemento turístico obxecto da axuda deberá estar clasificado coma hotel balneario ou hotel talaso, de xeito que cumpra os seguintes requisitos no momento de presentación da solicitude de axuda:

– Deberá contar con circuítos termais nas instalacións do balneario ou talaso, segundo proceda.

– Deberá ofrecer servizos e tratamentos vinculados ao emprego de augas mineromedicinais ou do mar, segundo proceda.

4. En relación cos servizos e tratamentos ofertados nas instalacións do balneario ou talaso, deberá achegarse unha memoria explicativa dos circuítos e/ou servizos ofertados nas instalacións destinadas a balneario ou talaso, indicando o número de empregados cos que conta a parte de balneario ou talaso e as súas titulacións, as horas nas que están abertas as súas instalacións e os circuítos que se poden contratar.

5. Pódense diferenciar tres liñas de gasto subvencionable para cada proxecto:

a) Liña 1. Reforma ou rehabilitación de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia.

Trátase de proxectos para reformar ou rehabilitar establecementos turísticos de aloxamento clasificados coma hoteis balneario ou hoteis talaso, integrados coa contorna e o medio ambiente natural.

Poderá incluír o equipamento necesario para a reforma ou rehabilitación das instalacións que, en todo caso, deberá obedecer a criterios de sostibilidade.

Deberán aplicarse criterios de sostibilidade, de maneira que as obras a executar sexan respectuosas coa contorna e estean adaptadas ás súas condicións, aforrando recursos mediante o emprego de materiais de baixo impacto ambiental: procedentes de fontes non contaminantes, materiais naturais, reciclados, reciclables e reutilizables.

Incluirá a adecuación ou acondicionamento do inmoble ou inmobles e/ou dos espazos físicos onde se desenvolverán as actividades. Tanto no caso de que se realicen obras de infraestrutura como no caso de que se trate da adecuación dun espazo exterior, deberán aplicarse criterios de sostibilidade e integración coa contorna e o medio ambiente natural.

A contribución á sostibilidade e integración coa contorna natural deberá incluírse nunha memoria explicativa que a persoa promotora deberá achegar coa súa solicitude.

b) Liña 2. Medidas de eficiencia enerxética e economía circular en hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia.

Trátase de medidas que contribúan á mitigación do cambio climático: mellora da eficiencia enerxética nas instalacións termais.

c) Liña 3: difusión da cultura termal galega.

Actuacións encamiñadas á difusión da cultura termal galega e do turismo de saúde; publicacións e programas que poñan de manifesto o poder curativo e medicinal das augas, os tratamentos que se pretenden implantar e os seus beneficios para as persoas usuarias; xornadas e publicacións realizadas polo establecemento que poña en valor e divulguen as augas termais en relación coa cultura e cos recursos naturais da zona.

Artigo 6. Investimentos subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos que estean vinculados ao proxecto para o que se solicita a axuda e que se materialicen nos conceptos que se relacionan a continuación:

a) Liña 1. Reforma ou rehabilitación de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia.

– Reforma e rehabilitación sustentable de edificacións, entendida como aquela que é respectuosa coa contorna e está adaptada ás súas condicións, aforrando recursos mediante o emprego de materiais de baixo impacto ambiental (procedentes de fontes non contaminantes, materiais naturais, reciclados, reciclables e reutilizables) e aumente a vida útil do edificio.

– Incluirá o equipamento necesario para o desenvolvemento das actividades (aloxativa e de prestación de servizos de balneario e/ou talaso), sempre e cando se utilicen materiais de baixo impacto ambiental nos termos da epígrafe anterior. Non serán subvencionables o enxoval das habitacións e baños, o enxoval de cociña e comedor, nin a adquisición de bens de embelecemento e decoración de estancias.

Deberá achegar unha memoria explicativa que acredite os requisitos establecidos nos dous parágrafos anteriores.

– Actuacións en establecementos turísticos que reduzan a pegada de carbono: a instalación de cubertas vexetais e a optimización de sistemas de ciclo de auga, entre outros.

– Gastos de elaboración do proxecto de obra. Será subvencionable por este concepto ata o 5 % do investimento subvencionable, co límite máximo de 5.000,00 euros.

Os proxectos presentados nesta liña, de ser o caso, deberán contar con informe previo favorable da Axencia de Turismo de Galicia no momento de presentación da solicitude da axuda, de conformidade coa normativa turística de aplicación.

b) Liña 2. Medidas de eficiencia enerxética e economía circular en hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia.

Terán a consideración de gastos subvencionables os seguintes sistemas de enerxías renovables:

A. Instalacións fotovoltaicas para autoconsumo.

Serán actuacións subvencionables aquelas destinadas ao desenvolvemento de instalacións solares fotovoltaicas para produción de electricidade de orixe renovable, incluídas as instalacións de almacenamento de enerxía.

Enténdese por instalacións de autoconsumo as establecidas no Real decreto 244/2019, do 5 de abril, polo que se regulan as condiciones administrativas, técnicas e económicas do autoconsumo de enerxía eléctrica. Así mesmo, para os efectos desta resolución, tamén se consideran actuacións subvencionables as instalacións illadas da rede non reguladas no citado Real decreto 244/2019.

Enténdese por instalacións de almacenamento aquelas nas que se difire o uso final de electricidade a un momento posterior a cando foi xerada, ou que realizan a conversión de enerxía eléctrica nunha forma de enerxía que se poida almacenar para a subseguinte reconversión da dita enerxía en enerxía eléctrica. Para que estas instalacións sexan elixibles, deberase dar a condición de que o almacenamento non estea directamente conectado á rede, senón que será parte da instalación de autoconsumo.

As características que deberán verificar as instalacións para ser consideradas subvencionables serán as seguintes:

a) As instalacións realizadas deberán cumprir cos requisitos establecidos no Regulamento electrotécnico para baixa tensión (REBT), así como coa normativa vixente que lles sexa de aplicación e contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas, no caso de que estas as requiran.

b) Só serán consideradas elixibles as instalacións de almacenamento que non superen un cociente de capacidade instalada de almacenamento fronte a potencia de xeración de 2 kWh/kW. Ademais, deberán contar cunha garantía mínima de 5 anos.

As tecnoloxías chumbo-ácido para almacenamento non serán elixibles.

c) Deberán dispoñer dun sistema de xestión, control activo e monitorización tanto da xeración como da acumulación e a demanda de enerxía eléctrica.

d) Establécese un custo elixible unitario máximo de 1.450,00 €/kW pico instalado, considerando a potencia instalada no campo xerador.

No caso de instalacións de acumulación, consideraranse uns custos elixibles máximos de 850,00 €/kWh de capacidade de acumulación.

B. Enerxía solar térmica.

Serán actuacións subvencionables as instalacións de enerxía solar térmica para a produción de auga quente sanitaria, calefacción, refrixeración ou climatización de piscinas.

Non se consideran subvencionables as conducións de distribución interior do calor e os equipos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.

As instalacións solares térmicas deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) Responderán á definición de «instalación solar térmica». Enténdese por instalación solar térmica o conxunto de compoñentes encargados de realizar as funcións de captar a radiación solar incidente mediante captadores solares térmicos (captadores de aire, de concentración, captadores planos, híbridos, tubos sen carga, etc.), transformala directamente en enerxía térmica útil quentando un fluído, transportar a enerxía térmica captada ao sistema de intercambio ou de acumulación a través dun circuíto para poder utilizala despois de forma directa como calor, ou como frío a través de máquinas de absorción, adsorción, etc., nos puntos de consumo.

b) As actuacións deben cumprir coa normativa vixente que lles sexa de aplicación e contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas no caso de que estas as requiran.

c) Establécese un custo elixible unitario máximo de 1.190,00 €/kW. A potencia de produción térmica calcularase tendo en conta o cociente de 0,7 kW/m2 área total captador. No caso de incorporar sistemas de produción de frío mediante enerxía térmica, como máquinas de absorción, adsorción, etc., o custo subvencionable unitario máximo verase incrementado nun 50 %.

C. Enerxía xeotérmica.

Serán actuacións subvencionables as instalacións xeotérmicas para produción de auga quente sanitaria, calefacción, refrixeración ou climatización de piscinas.

As instalacións de xeotermia poderán ser de circuíto aberto ou pechado, ou ben sistemas de aproveitamento xeotérmico de uso directo.

No caso das instalacións de xeotermia, se considerarán custos elixibles os seguintes conceptos: o investimento en equipos efectuado, os custos de execución da instalación, obra civil asociada e instalacións auxiliares necesarias, así como, o custo da realización dos estudios, ensaios, sondaxes e simulacións preliminares previas á realización do deseño da instalación, sondaxes exploratorios e TRT, escavacións, cimentacións, gabias, urbanización e demais elementos necesarios para a súa explotación. Non se consideran subvencionables as conducións de distribución interior do calor e os equipos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.

As instalacións xeotérmicas deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) As instalacións realizadas deberán cumprir cos requisitos establecidos no Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (RITE), así como coa normativa vixente que lles sexa de aplicación e contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas, no caso de que estas as requiran.

b) As bombas de calor xeotermia deberán ter unha etiqueta de clase de eficiencia enerxética en modo calefacción a baixa temperatura de A ou superior, de acordo co establecido no Regulamento delegado nº 811/2013 e as súas actualizacións.

Ademais, para poder considerar o sistema como renovable, a bomba de calor deberá ter un SPF superior a 2,5. Esta circunstancia xustificarase de acordo coas especificacións técnicas do fabricante do equipamento que acredite o SCOPnet a baixa temperatura segundo norma UNE-EN 14825, ou tamén co documento Prestacións medias estacionais das bombas de calor para a produción de calor en edificios, emitido polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía.

c) Establécese un custo elixible unitario máximo de 2.355,00 €/kW no caso de instalacións con circuíto aberto, e de 3.530,00 €/kW para instalacións en circuíto pechado, con captación vertical. Tomarase como potencia Ps da instalación a potencia en calefacción B0W35 extraída da ficha técnica ou especificacións do fabricante de acordo cos ensaios da norma UNE-EN 14511. Naqueles casos onde a potencia Ps non se poida xustificar con base na dita norma, presentarase un informe asinado por técnico/a competente ou empresa instaladora que xustifique a dita potencia.

D. Biomasa nas instalacións térmicas:

Serán actuacións subvencionables a instalación de caldeiras alimentadas por biomasa, destinadas á calefacción, produción de auga quente sanitaria ou climatización de piscinas, que inclúan sistema de intercambio fumes/auga.

Non son subvencionables os aparatos de calefacción local recollidos no Regulamento delegado (UE) 2015/1186.

No caso das instalacións de biomasa, se considerarán custos elixibles os seguintes conceptos: o custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción de cinzas), o custo do sistema de almacenamento do combustible e o custo do sistema de alimentación do combustible. Non se consideran subvencionables as conducións de distribución interior do calor e os equipos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.

As instalacións de biomasa deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) As instalacións realizadas deberán cumprir cos requisitos establecidos no Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (RITE), así como coa normativa vixente que lles sexa de aplicación e contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas, no caso de que estas as requiran.

b) As instalacións de biomasa deberán lograr unha redución das emisións de gases de efecto invernadoiro de polo menos un 80 %, co fin de que se alcance un Coeficiente para o cálculo da axuda aos obxectivos climáticos do 100 %, de acordo co establecido no anexo VI do Regulamento (UE) 2021/241, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

c) O beneficiario manterá un rexistro documental suficiente que permita acreditar que o combustible empregado no equipo dispón dun certificado outorgado por unha entidade independente acreditada relativo ao cumprimento da clase A1, segundo o establecido na norma UNE-EN-ISO 17225-2, da clase A1 da norma UNE-EN-ISO 17225-3, da clase A1 da norma UNE-EN-ISO 17225-4, da clase A1 da norma UNE-EN-ISO 17225-5, da clase A1 da norma UNE-164003 ou da clase A1 da norma UNE-164004. Tamén se poderán subvencionar actuacións que inclúan equipos alimentados con leña de madeira sempre que cumpran a clase de propiedade M20, segundo o establecido na norma UNE-EN-ISO 17225-5 e non se realicen en municipios de máis de 50.000 habitantes ou capitais de provincia. Só se poderán subvencionar os equipos que funcionen exclusivamente con estes combustibles. Este rexistro, cos albarás ou facturas de venda do biocombustible, manterase durante un prazo de cinco anos.

d) Con independencia da súa potencia, deberán manterse de acordo cun programa de mantemento preventivo, cuxas operacións e periodicidades deberán adecuarse ao previsto na Táboa 3.3 Operacións de mantemento preventivo e a súa periodicidade, da IT 3.3 Programa de mantemento preventivo do Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas nos edificios. Así mesmo, o equipo disporá dun programa de xestión enerxética, que cumprirá co apartado IT.3.4 do Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas nos edificios.

e) A biomasa cumprirá os criterios de sostibilidade establecidos nos artigos 29 a 31 da Directiva 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables, así como os correspondentes actos delegados e de execución.

f) No caso de que os equipos finalmente instalados non sexan os mesmos que se fixeron constar na solicitude, deberá presentarse xunto á documentación requirida para xustificar as actuacións realizadas, para o equipo definitivamente instalado, unha acreditación por parte do fabricante do equipo do cumprimento dos requisitos de eficiencia enerxética estacional e emisións para o combustible que se vaia utilizar, que non poderán ser menos exixentes que os definidos no Regulamento de Ecodeseño en vigor (Regulamento (UE) 2015/1189 da Comisión).

g) Establécese un custo elixible unitario máximo de 560,00 €/kW. Tomarase como potencia Ps da instalación a potencia nominal do/dos equipo/s de xeración térmica, de acordo á documentación técnica do fabricante achegada.

A contribución á sostibilidade das liñas 1 e 2 deberá acreditarse na memoria explicativa que se achegue coa solicitude.

c) Liña 3. Difusión da cultura termal galega.

Terán a consideración de gastos subvencionables os que se relacionan a continuación:

• Deseño das actuacións de difusión da cultura termal galega e do turismo de saúde que poña en marcha o establecemento.

• Xornadas e publicación realizadas que poña en valor e divulguen as augas termais en relación coa cultura e cos recursos naturais da zona.

Achegaranse os deseños das actuacións e a programación das xornadas que se pretendan realizar no establecemento.

2. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG e o 30 de xuño de 2026, de acordo co período de execución establecido no artigo 7.5.

3. Non serán subvencionables os gastos a que se refire o artigo 29.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia como non subvencionables.

Ademais, non se considerarán subvencionables os seguintes gastos:

a) Autorizacións administrativas, licenzas, permisos, títulos habilitantes, custo de avais e/ou fianzas, multas e taxas.

b) Gastos asociados a xestións, contratacións, consultas ou trámites administrativos, aínda sendo necesarios para a obtención de permisos, licenzas ou títulos habilitantes.

c) Gastos recorrentes ou de mantemento.

d) Seguros subscritos pola persoa solicitante.

e) Custos financeiros.

f) Custos asociados a sancións administrativas, así coma gastos de procedementos xudiciais.

g) Licenzas destinadas a sistemas operativos e aplicacións ofimáticas.

h) A vixilancia e seguridade durante a execución da obra ata a data de posta en marcha.

i) Os custos de persoal propio.

j) Os gastos que non sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto.

k) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

l) Gastos en equipamento que impliquen o consumo de combustibles fósiles (tales como petróleo, carbón ou gas natural).

4. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Así mesmo, deberán estar efectuados os pagamentos con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido no artigo 25.

5. Así mesmo, de ser necesaria para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar co título habilitante oportuno (licenza de obras ou comunicación de inicio de obras, ou autorización sectorial correspondente, segundo proceda).

6. A inversión neta admitida será, como máximo:

– No caso da liña 1: ata 300.000,00 €.

– No caso da liña 2: ata 60.000,00 €.

– No caso da liña 3: ata 15.000,00 €.

No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior ao dito límite, requiriráselle á persoa ou entidade solicitante para que reaxuste ao citado límite o proxecto que se vai executar.

En aplicación do réxime de minimis, en ningún caso o conxunto de axudas percibidas ao abeiro desta convocatoria poderá exceder de 300.000,00 euros. Así mesmo, a axuda total de minimis concedida á entidade solicitante non poderá ser superior a 300.000,00 euros durante calquera período de tres anos.

Artigo 7. Condicións dos proxectos

1. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto. O prazo de execución abarcará desde a data de presentación da solicitude de axuda ata o día 1 de decembro de 2025 na primeira anualidade, sen prexuízo de que as certificacións de obra e as facturas emitidas desde esta data ata o 31 de decembro poidan aplicarse para xustificar a anualidade 2026.

Na segunda anualidade, o prazo de execución finalizará o 30 de xuño de 2026.

2. De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a persoa interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Comparabilidade: deberán referirse á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.

b) Data e validez: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión e un prazo de validez. As ofertas non poderán ter un prazo de validez vencido na data de presentación da solicitude.

3. Os bens obxecto de investimento deberán ser novos adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden á definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas, establecidas nos puntos 2 e 3, respectivamente, do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

4. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria, admitíndose, como excepción, a obra civil en terreos sobre os que exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa e/ou as reformas de instalacións en inmobles alugados ou en réxime de concesión. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto, e deberá constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

Artigo 8. Compromiso de non causar dano significativo ao ambiente

1. As persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución deberán garantir o pleno cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH) e a etiquetaxe climática e dixital, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021, e no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, así como na súa normativa de desenvolvemento, en todas as fases do deseño e execución dos proxectos e de maneira individual para cada actuación.

2. As actuacións financiables da liña 1 (Reforma ou rehabilitación de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia) cumprirán co indicado na etiquetaxe climática establecida, cumprindo co seguinte peso ou porcentaxe das seguintes etiquetas climáticas:

050 Protección da natureza e a biodiversidade, patrimonio e recursos naturais, infraestruturas verdes e azuis, cunha contribución a obxectivos climáticos do 40 %.

As actuacións financiables da liña 2 (Medidas de eficiencia enerxética e economía circular en hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia) cumprirán co indicado na etiquetaxe climática establecida, co seguinte peso ou porcentaxe das seguintes etiquetas climáticas:

029 Enerxía renovable: solar, cunha contribución a obxectivos climáticos do 100 %, no caso das instalacións fotovoltaicas para autoconsumo e da enerxía solar térmica.

032 Outras enerxías renovables (incluída a xeotérmica), cunha contribución a obxectivos climáticos do 100 %, no caso da enerxía xeotérmica.

030 Enerxía renovable: biomasa, cunha contribución a obxectivos climáticos do 40 %, no caso da biomasa en instalacións térmicas.

3. En todo caso, as entidades beneficiarias preverán mecanismos de verificación do cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH) para asegurar a súa implementación, do que deixarán constancia na memoria xustificativa da subvención.

4. Segundo as regulacións do principio, nas actuacións de rehabilitación as entidades beneficiaras deberán ter en conta o seguinte:

a) Na rehabilitación de edificios teranse en consideración as directrices recollidas na Directiva (UE) 2018/844 relativa á eficacia enerxética dos edificios para que sexan edificios de consumo de enerxía case nulo, permitindo reducir de forma significativa o consumo de enerxía primaria non renovable.

b) As medidas de rehabilitación permitirán contribuír á adaptación dos edificios ao cambio climático, adoptando as solucións de adaptación que sexan posibles no marco das opcións que permita a edificación existente e a súa protección no caso de que sexan edificios protexidos, como a utilización de cubertas vexetais, toldos, zonas de sombreado, …

c) Non se prevé que a medida sexa prexudicial para o uso sostible e a protección dos recursos hídricos e mariños. A medida está destinada a mellorar a adaptación dos destinos turísticos e as empresas que os conforman ás estratexias de economía circular, á redución do consumo de recursos hídricos e á protección dos recursos naturais, en especial os mariños.

d) Cando se instalen aparellos de auga, estes terán unha etiqueta de produto existente na Unión. Para evitar o impacto da obra, identificaranse e abordaranse os riscos de degradación ambiental relacionados coa preservación da calidade da auga e a prevención do estrés hídrico, de acordo cun plan de xestión de uso e protección da auga.

e) No caso de que o proxecto responda á definición do artigo 5.3.b) da Lei 21/2013, de avaliación de impacto ambiental (AIA), e estea incluído nalgún dos supostos de avaliación de impacto ambiental (AIA) recollidos no artigo 7 da citada lei, as entidades beneficiarias deberán contar coa declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto favorable á súa execución ou o informe de impacto ambiental favorable do proxecto, segundo se trate de avaliación de impacto ambiental ordinaria ou simplificada, respectivamente.

f) Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluído o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/CE) xerados nas actuacións previstas neste investimento, será preparado para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

g) Os operadores limitarán a xeración de residuos nos procesos relacionados coa construción e demolición, de conformidade co Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE e tendo en conta as mellores técnicas dispoñibles e utilizando a demolición selectiva para permitir a eliminación e manipulación segura de substancias perigosas e facilitar a reutilización e reciclaxe de alta calidade mediante a eliminación selectiva de materiais, utilizando os sistemas de clasificación dispoñibles para residuos de construción e demolición.

h) Os deseños dos edificios e as técnicas de construción apoiarán a circularidade no referido á Norma ISO 20887 para avaliar a capacidade de desmontaxe ou adaptabilidade dos edificios, como estes están deseñados para seren máis eficientes no uso dos recursos, adaptables, flexibles e desmontables para permitir a reutilización e a reciclaxe.

i) Os compoñentes e materiais de construción utilizados na construción non conterán amianto nin substancias moi preocupantes identificadas sobre a base da lista de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006, do Parlamento e do Consello. Os compoñentes e materiais de construción utilizados na construción que poidan entrar en contacto cos usuarios emitirán menos de 0,06 mg de formaldehido por m3 de material ou compoñente e menos de 0,001 mg de compostos orgánicos volátiles canceríxenos de categorías 1A e 1B por m3 de material ou compoñente, logo da proba de acordo co CEN/TS 16516 e ISO16000-3 ou outras condicións de proba estandarizadas e métodos de determinación comparables.

j) Ademais, adoptaranse medidas para reducir o ruído, o po e as emisións contaminantes durante a fase de obra e executaranse as actuacións asociadas a esta medida sempre cumprindo a normativa de aplicación vixente en canto á posible contaminación de chans e auga.

Artigo 9. Contía da axuda

A intensidade da axuda será de ata un 80 % do custo total subvencionable do proxecto, ata os límites máximos por liña de actuación recollidos no artigo 6.6.

Artigo 10. Presentación de solicitudes

1. Cada persoa interesada poderá presentar como máximo unha solicitude de axuda por cada establecemento. Para este fin, utilizarase o modelo previsto no anexo II.

2. As solicitudes (anexo II) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co artigo 14 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos, se algunha das entidades solicitantes presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, e indicaralle que, se así non o fixer, se dará por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses. O dito prazo comezará a contar unha vez que transcorran oito días naturais desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta ao que se establece nesta resolución.

3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta resolución para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser persoa beneficiaria dela.

4. No modelo de solicitude constan como de obrigada consignación os seguintes campos: datos específicos do proxecto, a anualidade ou anualidades previstas da execución das obras, o investimento total, o custo subvencionable e a contía da axuda solicitada.

5. As entidades solicitantes deberán declarar responsablemente, tal e como consta no anexo II:

a) Se, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados, se solicitou ou non, ou se recibiu ou non, algunha outra subvención, axuda, recurso ou ingreso para o mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita a subvención.

b) Se se solicitou ou non, ou se recibiu ou non, algunha axuda de minimis.

c) A veracidade de todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Se a subvención solicitada supera o importe de 30.000 euros, a entidade solicitante está incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpre os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital para os efectos de presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, declaración responsable de que se atopa ao día no cumprimento dos prazos de pagamento establecidos no artigo 4 da devandita Lei 3/2004, do 29 de decembro.

g) Estar ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

i) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

j) Non estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

k) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos da actuación para a cal se solicita a axuda.

l) Que a empresa cumpre cos criterios de definición de microempresa, pequena, mediana ou grande empresa, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, e a categoría en que se encadra.

m) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con este tipo de fondos de recuperación.

n) Conservar toda a documentación relativa á subvención, segundo o establecido nos regulamentos de aplicación aos fondos que financian a axuda concedida, durante o período indicado no artigo 24.

ñ) Estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

o) A actividade que se vai subvencionar non causa un prexuízo significativo (Do no significant harm) aos obxectivos ambientais, nos termos do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088, e a restante normativa de aplicación.

p) Que a empresa, de acordo coa definición que se establece no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, non está en crise, segundo o establecido polas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crises (Comunicación da Comisión, 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014).

q) Non ter sido sancionado con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos dous (2) anos.

r) Que se compromete a manter o investimento subvencionado e a titularidade durante un período mínimo de cinco anos, no caso de grandes empresas, e tres anos para pequenas e medianas empresas. En todo caso, o dito prazo será de cinco anos cando se trate de bens inscritibles nun rexistro público, de conformidade co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

s) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden á definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecidas nos puntos 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

t) Que se compromete a cumprir as obrigas e os requisitos que se sinalan no artigo 24 das bases reguladoras.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, segundo o modelo do anexo II:

a) Documentación que acredite a plena dispoñibilidade sobre os terreos e inmobles en que se van desenvolver as actuacións, durante un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no artigo 24. Deberá achegar documentación acreditativa da propiedade do inmoble ou calquera outro título de disposición válido en dereito no que, ademais, se autorice a realización da actuación solicitada.

b) Memoria explicativa en que se definan de xeito pormenorizado o investimento e as actuacións que se van desenvolver e que, de ser o caso, comprenderá:

• Planos de localización do investimento.

• Relación, indicando calidades, dos materiais e acabamentos propostos.

• Relación detallada dos bens mobles e equipamentos, de ser o caso, con indicación das calidades, localización e número que se van instalar.

• Reportaxe fotográfica do ben sobre o que se vai actuar: exteriores, interiores e da contorna, así como fotografías desde as que se aprecie de maneira concreta o elemento ou elementos obxecto da actuación.

• Calendario de execución do proxecto e distribución do orzamento por anualidades, de ser o caso.

• De ser o caso, a acreditación do emprego de materiais de baixo impacto ambiental prevista na liña 1.

O proxecto ou a memoria técnica incluirá un estudo de xestión de residuos onde se xustifique o cumprimento de que polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluído o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/CE) xerados no sitio de construción, prepararase para a súa reutilización, reciclaxe e valorización, incluídas as operacións de recheo, de forma que se utilicen residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos establecida no artigo 8 da Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados e co Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

c) Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa deberase achegar ademais:

• Contas anuais da empresa solicitante e das empresas asociadas ou vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de seren depositadas no rexistro correspondente.

• Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.

d) Certificado de alta no Censo de empresarios, profesionais e retenedores ou certificado de situación censual, expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

e) Memoria xustificativa da contribución do proxecto á sostibilidade no caso das liñas 1 e 2.

f) Memoria explicativa dos circuítos e/ou servizos ofertados nas instalacións destinadas a balneario ou talaso, indicando o número de empregados con que conta a parte de balneario ou talaso e as súas titulacións, as horas en que están abertas as súas instalacións e os circuítos que se poden contratar.

g) De ser o caso, os deseños das actuacións e a programación das xornadas que se pretendan realizar no establecemento previstos na liña 3.

h) Orzamento do investimento desagregado por partidas e anualidades, de ser o caso, no que se especificará o importe da execución material, así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra, e todo o equipamento proposto.

i) As tres ofertas de diferentes provedores consonte o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de ser o caso. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

j) Documentación acreditativa da representación suficiente para actuar en nome da empresa.

k) Anexo VII de declaración responsable do cumprimento do principio de non causar dano significativo aos seis obxectivos ambientais no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852, do 18 de xuño (principio «Do no significant harm-DNSH»), segundo o establecido no artigo 8.

l) Aceptación da cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantías dos dereitos dixitais (anexo VIII).

m) Declaración responsable do cumprimento dos principios transversais establecidos no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) e o cumprimento do principio DNSH (anexo IX).

n) Informe previo favorable da Axencia de Turismo de Galicia, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, esta deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de mediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha entidade presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (2 GB por presentación) ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado de domicilio fiscal.

f) Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.

g) Consulta de minimis.

h) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

i) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

j) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Seguridade Social.

k) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á súa Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Órganos competentes

A Xerencia da Axencia de Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondendo á persoa titular da Dirección da Axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 15. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez (10) días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a Axencia de Turismo de Galicia poderá requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

2. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na que se indicarán as causas desta.

3. En caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por esgotarse o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas, de ser o caso, ben co crédito que quedara libre debido á renuncia doutros/as solicitantes, á modificación dos proxectos inicialmente subvencionados ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención.

Artigo 16. Audiencia

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada que será notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Porén, poderase prescindir do trámite ao que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 17. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, facendo uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, corresponde á persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia.

2. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita pola persoa que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, do 13 de xuño. Na devandita resolución informarase á persoa beneficiaria sobre o importe da axuda expresado en equivalente de subvención bruta e o seu carácter de minimis, de acordo co establecido no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro).

3. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, as actuacións subvencionables, o custo elixible, a contía da subvención concedida, as condicións que se deberán cumprir para a execución das actuacións, o seu prazo de finalización e de xustificación e a súa distribución por anualidades.

A alteración do calendario de execución dos proxectos acordado na resolución, que terá como base o calendario de execución do proxecto e a distribución do orzamento por anualidades entregado pola persoa beneficiaria coa solicitude, rexerase polo disposto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Tendo en conta que os requisitos para ser persoa beneficiaria desta axuda deben cumprirse antes da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola persoa beneficiaria se recollen na presente resolución, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, ao terse aceptado coa presentación da solicitude.

5. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de catro (4) meses desde a presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Artigo 18. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun (1) mes, se o acto fose expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non fose expreso, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel no que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

No caso de interpoñer o recurso de reposición, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do dito recurso.

b) Directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela ou do enderezo da persoa solicitante, a súa elección, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Publicidade

No prazo máximo de tres (3) meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, será aplicable o réxime de publicidade establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

As persoas interesadas poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, en cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

Así mesmo, a solicitude para ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións estarán obrigadas a subministrar á Administración, aos organismos ou á entidade prevista no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, estas notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Modificación da resolución de concesión

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias poderán solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non se danen os dereitos de terceiras persoas. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento no que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, as persoas beneficiarias deberán presentar: unha memoria xustificativa, o orzamento modificado e a relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Axencia de Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente no que se lle dará audiencia ás persoas interesadas nos termos previstos no artigo 16.

6. Cando as persoas beneficiarias da subvención poñan de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar os dereitos de terceiras persoas.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime a persoa beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias

Ademais das obrigas recollidas nos artigos 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable, as persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co proxecto presentado ou, de ser o caso, ao modificado coa autorización da Axencia de Turismo de Galicia.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

c) Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

d) Manter o investimento subvencionado e a titularidade durante un período mínimo de cinco anos no caso de grandes empresas e tres anos para pequenas e medianas empresas. En todo caso, o dito prazo será de cinco anos cando se trate de bens inscritibles nun rexistro público, de conformidade co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención durante un prazo non inferior a cinco anos no caso de grandes empresas e tres anos no caso de pequenas e medianas empresas. Ao longo deste período deberanse levar a cabo as obras de mantemento e limpeza necesarias para a correcta conservación do investimento.

f) Conservar os documentos xustificativos e demais documentación relacionada co financiamento da actuación en formato electrónico durante un prazo mínimo de 5 anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta deste pagamento, da operación. Este período será de 3 anos se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000,00 euros, todo isto, de acordo co establecido no artigo 22.2, alínea f) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e no artigo 132 do Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

g) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que a Axencia de Turismo de Galicia considere pertinentes ao longo do proceso de execución e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás comprobacións da Comisión Europea, da Fiscalía Europea, da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), do Tribunal de Contas da Unión Europea, e aos controis derivados do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, que se realicen a través de autoridades nacionais ou europeas, facilitando canta información e documentación lles sexa requirida.

Para tal fin, deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados, nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como da documentación xustificativa da aplicación dos fondos recibidos, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, polo menos, durante o período establecido na aliña f).

h) Recadar e asegurar, para os efectos de auditoría e control e para dispoñer de datos comparables sobre o uso de fondos en relación coas medidas destinadas á execución de reformas e proxectos de investimento no marco do Plan de recuperación e resiliencia, o acceso ás categorías harmonizadas de datos contempladas no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro.

i) Ser responsable da fiabilidade e o seguimento da execución das actuacións subvencionables, de maneira que poida coñecerse en todo momento o nivel de consecución de cada actuación.

j) Establecer mecanismos que aseguren que as actuacións para desenvolver por terceiros contribúen ao logro das actuacións previstas e que os devanditos terceiros acheguen a información que, de ser o caso, fora necesaria para determinar o valor dos indicadores, fitos e obxectivos pertinentes do Plan de recuperación.

k) Asegurar a regularidade do gasto subxacente e a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de intereses e o dobre financiamento.

l) Comunicarlle á Axencia de Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actuacións, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a dita concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento no que se coñeza e, en todo caso, no momento no que se presente a solicitude de pagamento coa xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento desta obriga considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

m) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con este tipo de fondos de recuperación.

n) Cumprir coas exixencias de información e publicidade sinaladas no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. De acordo co disposto no artigo 34.2 do devandito Regulamento (UE) 2021/241, o/a beneficiario/a fará mención da orixe deste financiamento e velará por darlle visibilidade, incluído, cando cumpra, mediante o emblema da Unión Europea e unha declaración de financiamento adecuado que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», en particular, cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público. Deberá cumprirse tamén co establecido en materia de comunicación, información e publicidade na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, en especial co previsto no seu artigo 9. En particular, cómpre ter en conta a información recollida na epígrafe de identidade visual da web do Plan de recuperación, transformación e resiliencia https://planderecuperacion.gob.es/identidad-visual e o Manual de comunicación para xestores e beneficiarios do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, da Secretaría Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda, dispoñible na seguinte ligazón:
https://www.fondoseuropeos.hacienda.gob.es/sitios/dgpmrr/es-es/Documents/MANUAL%20DE%20COMUNICACI%C3%93N%20PARA%20LOS%20GESTORES%20DEL%20PLAN.pdf

ñ) En relación coa publicidade do financiamento, durante a realización do proxecto, e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, a persoa beneficiaria deberá informar o público do apoio obtido colocando, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que mencionará a axuda financeira nun lugar ben visible para o público, segundo o modelo do anexo XI. A Axencia de Turismo facilitará modelos ás persoas beneficiarias a través da súa páxina web.

o) Subministrar toda a información necesaria para que a Axencia de Turismo de Galicia poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

p) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

q) No caso de non ser quen de realizar a actuación para a cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente no momento no que se produza a certeza da non execución.

r) No deseño e execución das actuacións subvencionadas, garantir o respecto ao principio de «non causar un prexuízo significativo» ou, segundo as súas siglas en inglés, DNSH (Do no significant harm), conforme o previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e a súa normativa de desenvolvemento, en particular, a Comunicación da Comisión, Guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo», en virtude do Regulamento relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia, así como o requirido na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España, así como cumprir coa normativa ambiental autonómica, estatal e comunitaria (anexo VII).

s) Cumprir coas obrigas relacionadas coa cesión e o tratamento de datos sobre a execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) e de compromiso en relación coa execución de actuacións do mesmo plan (PRTR), coa finalidade de cumprir cos números 2 e 3 do artigo 22 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021 (anexo VIII).

t) Declarar o seu compromiso de cumprir os principios transversais establecidos no PRTR e que puidesen afectar ao ámbito obxecto da xestión, empregando para o efecto o modelo do anexo IX.

u) As persoas beneficiarias garantirán o cumprimento das obrigas de etiquetaxe climática e dixital. A etiqueta 050 «Protección da natureza e a biodiversidade, patrimonio e recursos naturais, infraestruturas verdes e azuis», cunha contribución a obxectivos climáticos do 40 %, aplícase ás actuacións da liña 1. No caso da liña 2 aplícanse as etiquetas 029 «Enerxía renovable: solar», cunha contribución a obxectivos climáticos do 100 %, no caso das instalacións fotovoltaicas para autoconsumo e da enerxía solar térmica, 032 «Outras enerxías renovables (incluída a xeotérmica)», cunha contribución a obxectivos climáticos do 100 %, no caso da enerxía xeotérmica, e 030 «Enerxía renovable: biomasa», cunha contribución a obxectivos climáticos do 40 %, no caso da biomasa en instalacións térmicas.

v) No caso da liña 3, as persoas beneficiarias deberán presentar o programa das xornadas de difusión termal e o programa das actividades que se realicen en relación coa difusión da cultura termal.

w) Cumprir coa obriga da identificación do perceptor final prevista no artigo 8, apartado 2, da Orde HFP/11030/2021, para o que se consultarán os datos previstos no artigo 5.1.

x) Todo o anterior sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 1 de decembro de 2025, na primeira anualidade, sen prexuízo de que as certificacións de obra e as facturas emitidas desde esta data ata o 31 de decembro poidan aplicarse para xustificar a anualidade 2026.

Na segunda anualidade, o prazo de execución e xustificación finalizará o 30 de xuño de 2026.

2. En caso de non xustificarse a totalidade do investimento subvencionable, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, a persoa beneficiaria deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do investimento subvencionable; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito a cobrar a subvención concedida. Se a xustificación é superior ao 50 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirase a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que se cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia de Turismo de Galicia na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas.

3. A solicitude do pagamento efectuaraa a beneficiaria a través de medios electrónicos e con anterioridade a que remate a data límite á que se refire a epígrafe 1, mediante a presentación do anexo IV, que estará dispoñible na sede electrónica e se presentará de acordo co disposto no artigo 13.

4. Á dita solicitude xuntaráselle a documentación xustificativa do investimento requirida. A Administración poderá, excepcionalmente, requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas entidades beneficiarias, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados segundo o establecido nas presentes bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará no suposto do resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física) e do representante da persoa xurídica e o NIF do solicitante (persoa xurídica), ou cando como resultado da comprobación se obteña un resultado negativo na comprobación de causas de inhabilitación para recibir subvencións ou axudas, tendo neste caso o solicitante que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación algunha, requirirase igualmente a persoa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que conforme a lei correspondan.

Artigo 26. Documentación xustificativa do investimento

1. Para os efectos do establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado nestas bases reguladoras.

2. A documentación xustificativa que deberán achegar as persoas beneficiarias das subvencións para acreditar a execución do proxecto subvencionado, nos prazos indicados no artigo 25.1, é a seguinte, xunto coa solicitude de cobramento (anexo IV):

a) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actuacións realizadas.

b) Memoria económica do custo das actividades realizadas que conterá:

b.1) Relación clasificada e ordenada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación da actuación, do acredor, número de factura, concepto do gasto, o seu importe, data de emisión e data de pagamento, consonte ao modelo do anexo V. De ser o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento. A dita ordenación deberá coincidir coa ordenación da documentación indicada no seguinte apartado.

b.2) Facturas, que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, na súa falta, as copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento. En todo caso, o importe reflectido na certificación de obra debe ser consecuente co xustificado coas ditas facturas.

En ningún caso se admitirán xustificantes ou facturas de pagamento con data anterior á data de inicio das actuacións subvencionables. As facturas ou os xustificantes non poderán ser anteriores ao período subvencionable nin posteriores á data límite establecida nestas bases para presentar a xustificación (1 de decembro de 2025 na primeira anualidade e 30 de xuño de 2026 na segunda anualidade).

c) A conta xustificativa, segundo o modelo do anexo V.

d) Deberá incluír fotos ilustrativas, anteriores e posteriores, do investimento efectuado.

e) Anexo VI: modelo de declaracións actualizado.

3. Na última anualidade do proxecto, ademais da documentación xustificativa anteriormente relacionada, as persoas beneficiarias deberán presentar dentro do prazo sinalado nestas bases:

a) Achegarase certificación de fin de obra por conceptos, que se compón de portada, certificación en orixe, por partidas e capítulos, segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución, elaborada por técnico/a competente, relativa á obra executada coa súa valoración.

b) No caso de obras, licenza de obras ou, de ser o caso, certificado do concello de non precisar a dita licenza.

c) Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, copias, captura de pantallas) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

d) Proxecto ou memoria técnica onde se inclúa un estudo de xestión de residuos de construción e demolición, así como do correspondente plan de xestión dos residuos de construción e demolición no que se concrete como se aplicará, segundo o regulado polo Real decreto 105/2008, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición. A xustificación do anterior realizarase da forma seguinte:

1º. Para a correcta acreditación do cumprimento da valorización do 70 % dos residuos de construción e demolición, o adxudicatario presentará unha memoria resumo onde se recolla a cantidade total de residuos xerados, clasificados por códigos LER, e os certificados dos xestores de destino, onde se indique a porcentaxe de valorización alcanzada en cada unha das instalacións. Os residuos perigosos non valorizables non se terán en conta para a consecución deste obxectivo.

2º. O cumprimento do establecemento de medidas para realizar unha demolición selectiva acreditarase mediante os códigos LER incluídos nos certificados expedidos polos xestores como xustificación da entrega dos residuos xerados. Estes códigos serán os correspondentes ás fraccións retiradas selectivamente, por exemplo 170101, 170102, 170201, 170202, 170203, 170402, 170403 ou 170405.

3º. No caso de que se valoricen residuos na propia obra, o adxudicatario incluirá na memoria resumo información sobre as cantidades valorizadas, por código LER, e os medios utilizados (planta móbil, xestor, etc.).

4º. No caso de que se utilicen áridos reciclados procedentes de residuos, o adxudicatario incluirá na memoria resumo a documentación que acredite a compra destes materiais, na que se indicará a cantidade e o tipo de material.

5º. No caso de que se produzan residuos de amianto, será necesario xustificar o seu adecuado tratamento a través da notificación previa do traslado dos residuos de amianto desde o lugar de xeración ata o xestor de residuos e os documentos de identificación dos traslados de residuos asociados a eses movementos, en aplicación do Real decreto 553/2020, do 2 de xuño, polo que se regula o traslado de residuos no interior do territorio do Estado.

e) Certificado da dirección de obra ou da empresa contratista na que se certifique o recollido nos apartados d), h) e i) do artigo 8.4.:

Que cando se instalen aparellos de auga, estes teñen unha etiqueta de produto existente na Unión. Para evitar o impacto da obra, identificaranse e abordaranse os riscos de degradación ambiental relacionados coa preservación da calidade da auga e a prevención do estrés hídrico, de acordo cun plan de xestión de uso e protección da auga.

Que os deseños dos edificios e as técnicas de construción apoian a circularidade no referido á norma ISO 20887 para avaliar a capacidade de desmontaxe ou adaptabilidade dos edificios, como estes están deseñados para ser máis eficientes no uso dos recursos, adaptables, flexibles e desmontables para permitir a reutilización e a reciclaxe.

Que os compoñentes e materiais de construción utilizados na construción non conteñen amianto nin substancias moi preocupantes identificadas sobre a base da lista de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006 do Parlamento e do Consello. Os compoñentes e os materiais de construción utilizados na construción que poidan entrar en contacto cos usuarios emitirán menos de 0,06 mg de formaldehido por m3 de material ou compoñente e menos de 0,001 mg de compostos orgánicos volátiles canceríxenos de categorías 1A e 1B por m3 de material ou compoñente, previa proba de acordo co CEN/TS 16516 e ISO16000-3 ou outras condicións de proba estandarizadas e métodos de determinación comparables.

Que se adoptaron medidas para reducir o ruído, o po e as emisións contaminantes durante a fase de obra e executaranse as actuacións asociadas a esta medida sempre cumprindo a normativa de aplicación vixente en canto á posible contaminación de chans e auga.

4. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 27. Pagamento da axuda

1. O pagamento da subvención en cada anualidade aboarase logo da presentación da xustificación equivalente á contía establecida na resolución de concesión, conforme coa distribución de anualidades establecidas nela.

2. Cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, de acordo co establecido no artigo 25.2.

En ningún caso o menor custo de execución do proxecto subvencionado pode supoñer unha execución deficiente do proxecto e a entidade beneficiaria da subvención debe cumprir as condicións da concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

3. Sen prexuízo do anterior, o libramento da subvención na primeira anualidade non poderá superar a cantidade establecida na resolución de concesión para este exercicio orzamentario. No entanto, os xustificantes de gasto por riba dese limiar poderán imputarse á anualidade 2026 sen que isto implique incremento da achega correspondente ao referido exercicio orzamentario.

4. Para o cobramento da segunda anualidade da subvención concedida, será requisito indispensable ter completamente executado o proxecto que fundamentou a resolución de concesión na data límite de xustificación e telo acreditado mediante a presentación da documentación xustificativa establecida nestas bases.

5. Poderase realizar o pagamento da contía da subvención correspondente á primeira anualidade, en concepto de pagamento anticipado que se fará efectivo mediante resolución motivada do órgano concedente, unha vez que a persoa beneficiaria presente a aceptación expresa da subvención.

O importe do anticipo non superará o 50 % da subvención total, de acordo co previsto no artigo 63.1.dous do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

6. Revisada a documentación que a entidade beneficiaria debe presentar para xustificar a primeira anualidade da subvención, de comprobar que ao importe xustificado lle tería correspondido un pagamento inferior á cantidade librada en concepto de anticipo, procederase a compensar o exceso de financiamento de forma automática na liquidación da última anualidade; de ser o caso, procederase á dedución do seu importe sobre a cantidade da subvención que debería percibir a persoa beneficiaria en relación cos xustificantes de gastos e de pagamentos realizados en 2026.

Nos supostos en que non proceda ningún libramento na anualidade 2026, a entidade beneficiaria poderá proceder á devolución voluntaria da subvención, e achegará o xustificante bancario acreditativo do reintegro na forma indicada no artigo 28.

7. Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas. Estes pagamentos deberán ser solicitados (anexo X) pola persoa beneficiaria tras a notificación da resolución de concesión, no prazo máximo dun (1) mes.

8. O pagamento de anticipos estará supeditado á constitución dunha garantía bancaria ou dunha garantía equivalente que corresponda ao 110 % do importe anticipado.

9. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous (2) meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nestas bases reguladoras.

10. A garantía deberá constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda. O resgardo orixinal de depósito da garantía na Caixa Xeral de Depósitos deberá presentarse xunto coa solicitude de anticipo.

11. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano correspondente.

12. En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados a persoas beneficiarias cando se solicitase a declaración de concurso, fosen declaradas insolventes en calquera procedemento ou se atopen declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estean suxeitas a intervención xudicial ou sexan inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

Artigo 28. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das seguintes obrigas:

a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derivase a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de mora correspondente.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os números anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Artigo 29. Réxime de infraccións e sancións

1. As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de mora correspondentes. Para estes efectos, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento, e en función do seguinte:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da axuda concedida.

b) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable, e non recollido nas epígrafes anteriores: reintegro de ata o 100 % da axuda concedida.

3. O incumprimento do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no sentido do artigo 8, punto 1.e), da Orde HFP/1030/2021, do 28 de setembro, dará lugar á devolución total da subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

4. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a persoa beneficiaria.

5. As cantidades que teñan que reintegrar as entidades beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

6. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a persoa beneficiaria poderá realizar a devolución voluntaria das cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda pública galega. O importe da devolución incluirá os xuros de mora. No documento de ingreso deberán identificarse o número do expediente, o concepto da devolución e o nome e NIF da persoa beneficiaria. Unha vez ingresado, deberase comunicar á Axencia de Turismo de Galicia a devolución voluntaria realizada.

Artigo 30. Seguimento, control e comprobación

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Axencia de Turismo de Galicia, antes de proceder ao seu pagamento final, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2009, do 13 de xuño, así como o cumprimento do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no sentido do artigo 8, punto 1.e) da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

2. Ademais, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

3. A Axencia de Turismo de Galicia realizará, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados na resolución. O persoal encargado da verificación redactará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

Artigo 31. Medidas antifraude

1. En cumprimento do establecido no artigo 6 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, estableceranse mecanismos para a prevención, detección, corrección e persecución da fraude, a corrupción e o conflito de intereses.

2. As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice a Axencia de Turismo para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás de control dos órganos competentes do PRTR e dos servizos financeiros da Comisión Europea, do Tribunal de Contas Europeo, da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) ou da Fiscalía Europea e ás verificacións do artigo 22 do Regulamento (CE) nº 241/2021 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia (DOUE do 18 de febreiro).

3. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación cos proxectos financiados con cargo a fondos procedentes da Unión Europea poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, a través da canle habilitada na web https://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf. Sen prexuízo disto, tamén poderá empregar a canle de denuncias sobre irregularidades ou condutas de fraude que terá a súa sede no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI). A ligazón á canle de denuncias é a seguinte: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias. Estas canles garanten o anonimato da persoa denunciante.

4. Na loita contra a fraude a Axencia de Turismo de Galicia actuará de conformidade co Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia e co seu Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude, que se aplica a esta convocatoria. As ligazóns aos citados plans no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia son as seguintes:

https://ficheiros-web.xunta.gal/transparencia/codigo-etico/plan-prevencion-riscos-medidas-antifraude-gal.pdf

https://ficheiros-web.xunta.gal/transparencia/plans/antifraude/presidencia/plan-antifraude-turismo-2024.pdf

Artigo 32. Análise sistemática do risco de conflito de intereses no procedemento de concesión de subvencións no marco do PRTR

A presente convocatoria está suxeita á análise sistemática e automatizada do risco de conflito de intereses prevista na disposición adicional centésima décima segunda da Lei 31/2022, do 23 de decembro, e na Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

De acordo co establecido no artigo 7 da Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, o órgano competente na concesión da subvención poderá solicitar ás persoas beneficiarias a información da súa titularidade real cando a AEAT non dispoña desa información e así o indicase mediante a correspondente bandeira negra, tendo en conta a análise realizada a través de Minerva. Este suposto non implicará a suspensión automática do procedemento en curso, pero a dita información deberá achegarse ao órgano que concede no prazo de 5 días hábiles desde que se formule a solicitude de información. A falta desta información no prazo sinalado será motivo de exclusión do procedemento.

Os datos, unha vez recibidos, serán adecuadamente custodiados de acordo co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril (Regulamento xeral de protección de datos), e coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. A través do Minerva, o responsable de operación levará a cabo un novo control ex ante do risco de conflito de intereses, indicando en lugar do solicitante e os titulares reais recuperados polo órgano outorgante.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file