DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 9 de maio de 2025 Páx. 26472

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 25 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a rehabilitación ou reforma de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria con carácter plurianual (2025-2026) (código de procedemento TU985H).

BDNS (Identif.): 830629.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/830629

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia. En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen nos hoteis balneario e nos hoteis talaso, de acordo co establecido nos artigos 58, 60 e 61 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención.

No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

2. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) e as grandes empresas que proxecten levar a cabo un proxecto localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento da presentación da solicitude de axuda.

3. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante.

b) As empresas que se atopen en situación de crise, de acordo coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión 2014/C 249/1, do 31 de xullo). A acreditación deste requisito realizarase mediante a declaración responsable da entidade solicitante, sen menoscabo das accións de comprobación que poida realizar para estes efectos a Axencia de Turismo de Galicia.

c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior, ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

d) No caso de que a subvención supere os 30.000 euros e a entidade solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital para os efectos de presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei.

e) Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.

5. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice a persoa beneficiaria á realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 24 destas bases.

6. Os requisitos para ser persoa beneficiaria deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto e réxime

1. Estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a rehabilitación ou reforma de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e quedará suxeito ao Regulamento (UE) 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro).

A aplicación do réxime de minimis implica que a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 300.000 euros durante calquera período de tres anos.

Terceiro. Actuacións subvencionables e contías

1. Será requisito da actuación subvencionable que o proxecto achegado teña como finalidade a rehabilitación ou reforma de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia ou a execución de actuacións de eficiencia enerxética e economía circular que se leven a cabo neles, así coma a difusión da cultura termal galega.

2. O establecemento turístico obxecto da axuda deberá estar clasificado coma hotel balneario ou hotel talaso, de xeito que cumpra os seguintes requisitos no momento de presentación da solicitude de axuda:

– Deberá contar con circuítos termais nas instalacións do balneario ou talaso, segundo proceda.

– Deberá ofrecer servizos e tratamentos vinculados ao emprego de augas mineromedicinais ou do mar, segundo proceda.

3. En relación cos servizos e cos tratamentos ofertados nas instalacións do balneario ou talaso, deberá achegarse unha memoria explicativa dos circuítos e/ou servizos ofertados nas instalacións destinadas a balneario ou talaso, indicando o número de empregados con que conta a parte de balneario ou talaso e as súas titulacións, as horas en que están abertas as súas instalacións e os circuítos que se poden contratar.

4. Pódense diferenciar tres liñas de gasto subvencionable para cada proxecto:

a) Liña 1. Reforma ou rehabilitación de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia.

Trátase de proxectos para reformar ou rehabilitar establecementos turísticos de aloxamento clasificados coma hoteis balneario ou hoteis talaso, integrados coa contorna e o ambiente natural.

Poderá incluír o equipamento necesario para a reforma ou rehabilitación das instalacións que, en todo caso, deberá obedecer a criterios de sostibilidade.

Deberán aplicarse criterios de sostibilidade, de maneira que as obras que se vaian executar sexan respectuosas coa contorna e estean adaptadas ás súas condicións, aforrando recursos mediante o emprego de materiais de baixo impacto ambiental: procedentes de fontes non contaminantes, materiais naturais, reciclados, reciclables e reutilizables.

Incluirá a adecuación ou o acondicionamento do inmoble ou dos inmobles e/ou dos espazos físicos onde se desenvolverán as actividades. Tanto no caso de que se realicen obras de infraestrutura como no caso de que se trate da adecuación dun espazo exterior, deberán aplicarse criterios de sostibilidade e integración coa contorna e co ambiente natural.

A contribución á sostibilidade e integración coa contorna natural deberá incluírse nunha memoria explicativa que a persoa promotora deberá achegar coa súa solicitude.

b) Liña 2. Medidas de eficiencia enerxética e economía circular en hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia.

Trátase de medidas que contribúan á mitigación do cambio climático: mellora da eficiencia enerxética nas instalacións termais.

c) Liña 3: difusión da cultura termal galega.

Actuacións encamiñadas á difusión da cultura termal galega e do turismo de saúde, publicacións e programas que poñan de manifesto o poder curativo e medicinal das augas, os tratamentos que se pretenden implantar e os seus beneficios para as persoas usuarias, xornadas e publicacións realizadas polo establecemento que poñan en valor e divulguen as augas termais en relación coa cultura e cos recursos naturais da zona.

5. A intensidade da axuda será de ata un 80 % do custo total subvencionable do proxecto e o investimento neto admitido será, como máximo:

– No caso da liña 1: ata 300.000 €.

– No caso da liña 2: ata 60.000 €.

– No caso da liña 3: ata 15.000 €.

Cuarto. Condicións dos proxectos

1. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto. O prazo de execución abarcará desde a data de presentación da solicitude de axuda ata o día 1 de decembro de 2025 na primeira anualidade, sen prexuízo de que as certificacións de obra e as facturas emitidas desde esta data ata o 31 de decembro poidan aplicarse para xustificar a anualidade de 2026.

Na segunda anualidade, o prazo de execución finalizará o 30 de xuño de 2026.

2. De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a persoa interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Comparabilidade: deberán referirse á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.

b) Data e validez: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión e un prazo de validez. As ofertas non poderán ter un prazo de validez vencido na data de presentación da solicitude.

3. Os bens obxecto de investimento deberán ser novos adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e entenderase que existe vinculación entre empresas se responden á definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas, establecidas nos puntos 2 e 3, respectivamente, do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

4. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria, e admitirase, como excepción, a obra civil en terreos sobre os que exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa e/ou as reformas de instalacións en inmobles alugados ou en réxime de concesión. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto, e deberá constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

Quinto. Bases reguladoras

Resolución do 25 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a rehabilitación ou reforma de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria con carácter plurianual (2025-2026) (código de procedemento TU985H).

Sexto. Importe

1. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 6.085.000 euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, proxecto 2022 00001, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2025 e 2026. O orzamento divídese en tres liñas de actuación subvencionables: a liña 1 (eixe 1), reforma ou rehabilitación de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, cun orzamento de 5.265.000 €; a liña 2 (eixe 2), medidas de eficiencia enerxética e economía circular en hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, cun orzamento de 300.000 €; e a liña 3 (eixe 4), difusión da cultura termal galega, cun orzamento de 520.000 €.

2. As subvencións previstas nesta resolución financiaranse co seguinte detalle:

Liñas

Anualidade 2025

Anualidade 2026

Total

Liña 1

600.000,00 €

4.665.000,00 €

5.265.000,00 €

Liña 2

50.000,00 €

250.000,00 €

300.000,00 €

Liña 3

40.000,00 €

480.000,00 €

520.000,00 €

690.000,00 €

5.395.000,00 €

6.085.000,00 €

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses. O dito prazo comezará a contar unha vez que transcorran oito días naturais desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Oitavo. Xustificación

As entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 1 de decembro de 2025, na primeira anualidade, sen prexuízo de que as certificacións de obra e as facturas emitidas desde esta data ata o 31 de decembro poidan aplicarse para xustificar a anualidade 2026.

Na segunda anualidade, o prazo de execución e xustificación finalizará o 30 de xuño de 2026.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2025

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia