DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 9 de maio de 2025 Páx. 26526

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ANUNCIO do 29 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter ao procedemento de información pública o proxecto de Orde pola que se modifica a Orde do 27 de xuño de 2023 pola que se establecen as normas relativas ao uso público e de actividades recreativas nos illotes dos Guidoiros e illa de Rúa.

De conformidade co artigo 16.1.a) da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, e para promover unha participación real e efectiva do público na elaboración, modificación e revisión dos plans, programas e disposicións de carácter xeral relacionados co ambiente a que se refiren os artigos 17 e 18 desta lei, as administracións públicas, ao estableceren ou tramitaren os procedementos que resulten de aplicación, velarán para que se informe o público, mediante avisos ou outros medios apropiados, como os electrónicos cando se dispoña deles, sobre calquera proposta de plans, programas ou disposicións de carácter xeral.

Tendo en conta o establecido no parágrafo anterior e co fin de asegurar que se observen as garantías en materia de participación na elaboración de disposicións de carácter xeral, unha vez iniciada a tramitación do proxecto de Orde pola que se modifica a Orde do 27 de xuño de 2023 pola que se establecen as normas relativas ao uso público e de actividades recreativas nos illotes dos Guidoiros e illa de Rúa,

ACORDO:

Primeiro. Someter á información pública, por un prazo de quince días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, o proxecto de Orde pola que se modifica a Orde do 27 de xuño de 2023 pola que se establecen as normas relativas ao uso público e de actividades recreativas nos illotes dos Guidoiros e illa de Rúa.

Segundo. Durante o citado prazo poderase consultar o texto do proxecto da orde na seguinte ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia:

http://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-entramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

• Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo:

dxpn.medioambiente@xunta.gal

• Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tamén se poden remitir suxestións a través do formulario disposto para este fin na ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia indicado no punto segundo deste anuncio.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2025

Mª Sol Díaz Mouteira
Directora xeral de Patrimonio Natural