DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Luns, 12 de maio de 2025 Páx. 26741

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2025 pola que se convoca o proceso selectivo para a provisión, mediante contrato laboral temporal, de dúas prazas de titulado/a superior de xestor de proxecto.

A Axencia Galega de Innovación (Gain), creada polo Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro (DOG núm. 19, do 28 de xaneiro), conta, dentro dos seus obxectivos estratéxicos, coa ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do establecido no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia, e a promoción e execución do Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica, asumindo a súa coordinación, seguimento e avaliación.

A Axencia Galega de Innovación participa como socio no proxecto Quorum (Computación cuántica), financiado polo programa de Axudas a ecosistemas de innovación do Plan estatal de investigación científica e técnica e de innovación 2021-2023.

A Lei 4/2024, do 27 de decembro (DOG núm. 251, do 31 de decembro), de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025, no seu artigo 15 prevé a contratación de persoal laboral temporal para a realización de obras ou servizos concretos e dotados de orzamento.

Polo exposto, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, esta dirección

RESOLVE:

Anunciar a convocatoria dun proceso selectivo para a provisión, mediante contrato laboral temporal, de dúas prazas de titulado/a superior para a execución e xestión do proxecto Quorum (Computación cuántica) e aprobar as bases que rexerán o proceso.

As bases reguladoras do indicado proceso inclúense como anexo I desta resolución.

Para participar nesta convocatoria, as persoas interesadas utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo II.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2025

Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación

ANEXO I

Bases da convocatoria para a provisión, mediante contrato laboral temporal, de dúas prazas de titulado/a superior de xestor de proxecto para a Área de Estratexias e Programas da Axencia Galega de Innovación

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 17 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 19, do 27 de xaneiro), a Dirección da Axencia Galega de Innovación, no exercicio das competencias atribuídas, dispón publicar as seguintes bases para a selección de dous efectivos de persoal laboral temporal para traballar na execución e xestión do proxecto Quorum (Computación cuántica).

Artigo 1. Normas xerais

1.1. Número e características das prazas.

Ao abeiro do artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, convócase o proceso selectivo para a contratación de dous (2) efectivos de persoal laboral temporal con titulación de grao ou licenciatura.

O centro directivo é a Axencia Galega de Innovación, adscrita á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, aínda que os/as empregados/as terán que facer desprazamentos a países de Europa por mor do seu traballo.

As persoas seleccionadas van traballar na execución e xestión do proxecto Quorum (Computación cuántica). Este proxecto axudará a definir e implementar as accións do proxecto, tanto relacionadas coa divulgación a nivel internacional (desenvolvendo unha estratexia de comunicación, apoiando a visibilidade internacional do ecosistema, pondo en marcha un programa de divulgación e concienciación transnacional sobre os principios fundamentais da física e as tecnoloxías cuánticas), como co impulso da cuántica en Galicia (facendo análise e seguimento do mercado, creando un observatorio de tecnoloxías cuánticas, deseñando convocatorias de financiamento para impulsar a I+D+I en cuántica), totalmente en liña co Reto 2 e o obxectivo estratéxico 5 da RIS3 Galicia.

Entre as tarefas que se van realizar inclúense as seguintes:

1. Apoiar a Axencia na realización das tarefas de coordinación das actividades propias do proxecto, utilizando habitualmente o idioma inglés, e con dispoñibilidade para desprazarse ás reunións e aos eventos relacionados co proxecto que teñan lugar nas súas rexións socias e noutras designadas polo partenariado. Entre outras tarefas inclúense as seguintes:

a) Preparar, organizar e dinamizar reunións, obradoiros e seminarios de traballo que se realicen co resto dos socios do proxecto e outros axentes implicados, así como participar nelas en calquera das rexións europeas en que se realicen. Os idiomas de traballo nelas serán galego, castelán e inglés.

b) Analizar e priorizar metodoloxías e ferramentas de xestión susceptibles de seren incorporadas ao proxecto.

c) Coordinar e realizar en inglés informes, publicacións e comunicacións de actividades e resultados do proxecto, así como calquera outro documento necesario para o desenvolvemento do proxecto.

d) De acordo coa normativa e prácticas dos proxectos subvencionados con fondos públicos, desenvolver actividades de control das accións da Axencia no proxecto, así como indicadores de seguimento deste.

e) Elaborar os informes xustificativos que sexan requiridos polo coordinador do proxecto.

2. Desenvolver unha estratexia coordinada de comunicación a nivel internacional. O seu idioma será maioritariamente o inglés. Entre outras accións, realizaranse as seguintes:

a) Deseñar contidos, actualizando información en redes, personalizando contidos e creando comunidades.

b) Representar o proxecto en eventos internacionais (feiras, foros, congresos, etc.) que axuden a mellorar a visibilidade da estratexia a nivel global, así como xerar interlocución con outros axentes públicos e privados europeos relevantes para o proxecto. O idioma de traballo neles será o inglés.

3. Impulsar a ciencia e tecnoloxía cuántica en Galicia dentro dun marco de actuación global e internacional, para o cal será necesario traballar en galego, castelán e inglés. Entre outras, desenvolveranse as seguintes tarefas:

a) Analizar e priorizar desenvolvementos científicos e tecnolóxicos relacionados coa cuántica, polo que se fai necesario traballar maioritariamente con fontes de información e documentación en inglés.

b) Colaborar co ecosistema galego de I+D+I na proposta de estratexias e iniciativas que redunden no beneficio da competitividade galega en tecnoloxías cuánticas.

c) Deseñar o contido técnico dunha convocatoria de proba de concepto e I+D+i en tecnoloxías cuánticas.

4. Calquera outra función non definida aquí e considerada desde a Axencia Galega de Innovación como relacionada coa execución e coordinación do proxecto Quorum (Computación cuántica).

1.2. Retribucións.

As retribucións serán as establecidas para o grupo correspondente de acordo coa estrutura salarial definida nos artigos 25 e 26 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia; na Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 (DOG núm. 251, do 31 de decembro), e polas instrucións que se diten sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

1.3. Modalidade de contrato. Duración. Suspensión. Extinción.

As persoas seleccionadas asinarán un contrato de traballo temporal ao abeiro da disposición adicional quinta do Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, e demais lexislación vixente que resulte de aplicación.

Os contratos estenderanse ata a finalización do proxecto, prevista para o 31 de decembro de 2025, sempre de acordo coas necesidades deste e da dispoñibilidade orzamentaria. En ningún caso poderán exceder a duración do proxecto Quorum.

De acordo co artigo 15 da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, a duración dos contratos queda condicionada a que exista crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria que corresponda, computado sempre na súa proxección anual, que debe proceder de ingresos con financiamento afectado.

Os contratos non se poderán suspender salvo pola concorrencia de situacións de incapacidade temporal, maternidade ou paternidade, risco durante o embarazo, risco durante a lactación natural dun menor de doce meses e adopción e acollemento mentres dure este.

A conclusión do prazo de execución dos contratos, a finalización anticipada do proxecto, a renuncia dalgunha das persoas contratadas e calquera outra causa recollida validamente no contrato ou na lexislación laboral serán causas da súa extinción.

1.4. Incompatibilidades.

As persoas contratadas estarán sometidas ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e demais disposicións complementarias.

Artigo 2. Requisitos das persoas aspirantes

Para seren admitidas no proceso de selección, as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral temporal os seguintes requisitos, agás o certificado médico referente ao recollido no punto 2.7, que se deberá acreditar no momento da contratación.

2.1. Nacionalidade.

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os/as cónxuxes dos/das españois e dos/das nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións, poderán participar os/as seus/súas descendentes e os/as do/a seu/súa cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes.

e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros/as non incluídos/as nos puntos anteriores.

2.2. Idade.

Ter dezaseis anos de idade.

2.3. Titulación académica.

Estar en posesión dunha titulación de grao ou licenciatura.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán acreditar que están en posesión das correspondentes validacións ou das credenciais que acrediten, de ser o caso, a homologación dos títulos. Este requisito non será obrigatorio para as persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

2.4. Competencia lingüística.

Dispor dun manexo competente e fluído do inglés a nivel profesional oral e escrito, con capacidade para liderar reunións de traballo no dito idioma e realizar presentacións en xornadas, foros ou similares. Deberá acreditarse a posesión dun certificado, como mínimo, de nivel B2 ou equivalente, de acordo coa táboa de equivalencia de certificados e a súa correspondencia co Marco común europeo de referencia para as linguas MCER.

2.5. Dispoñibilidade para viaxar.

Ter dispoñibilidade para desprazarse a calquera país para participar en reunións, xornadas, foros ou similares.

2.6. Coñecemento do idioma galego.

Acreditar coñecemento do idioma galego: Celga 4, título de perfeccionamento do idioma galego ou estudos equivalentes.

2.7. Capacidade funcional.

Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

2.8. Habilitación.

Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á cal se pertencía.

No caso de nacionais doutros Estados, non estar inhabilitado/a, ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

Artigo 3. Presentación de solicitudes

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ademais das posibles personas candidatas seleccionadas polo Servizo Público de Emprego ao cal se cursará oferta xenérica do posto obxecto desta convocatoria, aquelas persoas que desexen formar parte neste proceso selectivo deberán presentar a documentación que a continuación se sinala:

a) Instancia. Segundo o modelo contido no anexo II que se xunta a estas bases.

b) Curriculum vitae pormenorizado e debidamente xustificado, onde se acredite a súa traxectoria e experiencia profesional, así como os títulos, cursos e diplomas obtidos que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.

c) Titulacións académicas obtidas, que, no caso de se obteren no estranxeiro, deberán estar homologadas en España.

d) Acreditación da posesión dun certificado, como mínimo, de nivel B2 ou equivalente en lingua inglesa, de acordo coa táboa de equivalencia de certificados e a súa correspondencia co Marco común europeo de referencia para as linguas MCER.

e) Acreditación da experiencia no estranxeiro indicada no punto 5.1, mediante certificado expedido polos órganos competentes en materia de persoal da correspondente organización onde se desempeñaron as actividades ou servizos, especificando as funcións e o período (con data de inicio e remate).

f) Certificados de asistencia a cursos ou similares, que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.

g) Cando se trate de aspirantes nacionais doutros países, deberán presentar os certificados de estudos cursados de castelán que acrediten suficientemente os seus coñecementos deste idioma.

h) Título acreditativo de superación do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

Para a presentación da documentación acéptase a copia simple. Non obstante, despois da publicación do baremo provisional, as persoas que se encontren en condición de superar o proceso de selección deberán presentar a documentación en formato orixinal, copia compulsada ou copia electrónica auténtica.

Para que teñan validez neste proceso selectivo, os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia (galego ou castelán). Cando se trate de documentos expedidos noutras comunidades autónomas ou documentos expedidos nun país estranxeiro, poderase exixir que estean debidamente traducidos e, en todo caso, cando así o requira o tribunal. A tradución oficial poderán facela un tradutor xurado, debidamente autorizado ou rexistrado en España, calquera representación diplomática ou consular de España no estranxeiro, a representación diplomática ou consular en España do país do que é cidadán o solicitante ou, de ser o caso, do de procedencia do documento, un tradutor oficial no estranxeiro e debidamente legalizada a sinatura deste tradutor oficial. Este parágrafo non fai referencia ás publicacións.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles desde o día seguinte ao da súa publicación oficial.

As solicitudes deberán ir dirixidas á Dirección da Axencia Galega de Innovación, sita na rúa Airas Nunes, s/n, en Santiago de Compostela. As solicitudes para participar nesta convocatoria poderán presentaranse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Tamén se poderán presentar nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste caso, será recomendable remitir un correo electrónico, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, ao enderezo: persoal.gain@xunta.gal, advertindo da presentación da solicitude e, de ser posible, do Rexistro en que se presentou. A non remisión do correo electrónico non suporá en ningún caso a exclusión da persoa aspirante.

Nas solicitudes presentadas por medios electrónicos empregarase o procedemento PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, indicando no asunto: Proceso Quorum.

O enderezo que figure nas solicitudes considerarase como o único válido para os efectos de notificacións e serán responsabilidade exclusiva da persoa aspirante tanto os erros na consignación del como a non comunicación de cambios de domicilio.

Para calquera aclaración ou información adicional, as persoas interesadas poderán dirixirse á Área de Xestión da Axencia Galega de Innovación no correo electrónico persoal.gain@xunta.gal, indicando no asunto do correo Proceso Quorum.

Artigo 4. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude poderán presentarse nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste caso, será recomendable remitir un correo electrónico, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, ao seguinte enderezo: persoal.gain@xunta.gal. Nel advertirase da presentación e, de ser posible, do Rexistro en que se presentou.

Artigo 5. Baremo de méritos. Acreditación de méritos e desempates

Para establecer a orde de prelación na puntuación das persoas aspirantes que corresponda á acreditación de méritos establecida nestas bases, aplicarase o seguinte baremo:

5.1. Praza número 1.

5.1.1. Servizos prestados: ata un máximo de 7 puntos.

a) Por cada mes de servizos prestados no estranxeiro en actividades relacionadas coas políticas e o financiamento comunitarios no ámbito da I+D+i nos últimos cinco (5) anos: 0,3 puntos/mes, ata un máximo de 5 puntos.

b) Por cada mes de servizos prestados no estranxeiro en actividades relacionadas coas políticas e o financiamento comunitarios nos últimos cinco (5) anos puntuados no número 5.1.a) e que ademais estean directamente relacionados coa organización de eventos, comunicación e divulgación de políticas e iniciativas comunitarias relacionadas coa I+D+i: engadirase 0,25 puntos/mes, ata un máximo de 2 puntos.

c) Por cada mes de servizos prestados na execución de proxectos de cooperación internacional ou transnacional financiados pola Comisión Europea nos últimos cinco (5) anos: 0,15 puntos ao mes, ata un máximo de 2 puntos.

5.1.2. Formación: ata un máximo de 3 puntos.

– Por posuír licenciatura ou grao en Xornalismo, Comunicación ou calquera outro equivalente cun contido similar: 1 punto.

– Por posuír máster relacionado co xornalismo, comunicación ou calquera outro equivalente cun contido similar: 2 puntos.

– Por cada curso organizado ou impartido pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP), polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), polas escolas oficiais de formación similares do Estado e das restantes comunidades autónomas, pola Academia Galega de Seguridade Pública, pola Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (Acis); cursos impartidos polos ministerios e cursos do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Afedap), cursos impartidos polas organizacións sindicais que estean homologados pola EGAP, cursos impartidos polo Inem, cursos impartidos polas consellerías da Xunta de Galicia ou pola Axencia Galega de Innovación, ata un máximo de 1 punto:

Cursos de ata 75 horas: 0,2 puntos.

Cursos de máis de 75 horas: 0,3 puntos.

– Por cada curso de coñecemento ofimático, ata un máximo de 1 punto:

Cursos de ata 75 horas: 0,2 puntos.

Cursos de máis de 75 horas: 0,3 puntos.

– Polo coñecemento doutros idiomas europeos ademais dos oficiais no Estado español e o inglés, ata un máximo de 1 punto:

Igual ou menor que B1: 0,2 puntos por cada idioma.

Igual ou maior que B2: 0,3 puntos por cada idioma.

5.2. Praza número 2.

5.2.1. Servizos prestados: ata un máximo de 5 puntos.

a) Por cada mes de servizos prestados en actividades directamente relacionadas coa I+D+i no ámbito das tecnoloxías dixitais nos últimos cinco (5) anos: 0,3 puntos/mes, ata un máximo de 4 puntos.

b) Por cada mes de servizos prestados no estranxeiro en actividades relacionadas coa I+D+i no ámbito das tecnoloxías dixitais nos últimos cinco (5) anos puntuados no número 5.2.1.a): engadirase 0,25 puntos/mes, ata un máximo de 1 punto.

c) Por cada mes de servizos prestados na execución de proxectos de cooperación internacional ou transnacional financiados pola Comisión Europea nos últimos cinco (5) anos: 0,15 puntos ao mes, ata un máximo de 2 puntos.

5.2.2. Formación: ata un máximo de 5 puntos.

– Por posuír licenciatura ou grao en Física, Enxeñaría de Telecomunicacións, Enxeñaría Informática, Enxeñaría, Química, Matemáticas, Nanotecnoloxía ou calquera outro equivalente cun contido similar: 1 punto.

– Por posuír mestrado universitario en Ciencias e Tecnoloxías de Información Cuántica ou calquera outro equivalente cun contido similar: 3 puntos.

– Por cada curso organizado ou impartido pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP), polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), polas escolas oficiais de formación similares do Estado e das restantes comunidades autónomas, pola Academia Galega de Seguridade Pública, pola Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (Acis); cursos impartidos polos ministerios e cursos do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Afedap), cursos impartidos polas organizacións sindicais que estean homologados pola EGAP, cursos impartidos polo Inem, cursos impartidos polas consellerías da Xunta de Galicia ou pola Axencia Galega de Innovación, ata un máximo de 1 punto:

Cursos de ata 75 horas: 0,2 puntos.

Cursos de máis de 75 horas: 0,3 puntos.

– Polo coñecemento doutros idiomas europeos ademais dos oficiais no Estado español e o inglés, ata un máximo de 1 punto:

Igual ou menor que B1: 0,2 puntos por cada idioma.

Igual ou maior que B2: 0,3 puntos por cada idioma.

De se producir empate na puntuación, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados segundo a orde establecida neste anexo e, de persistir, a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde establecida anualmente na resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública pola que se publica o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Malia o anterior, no suposto de infrarrepresentación do sexo feminino, nos termos establecidos no artigo 153 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

Sexta. Tribunal de selección

O tribunal de selección será nomeado mediante resolución da directora da Axencia Galega de Innovación e será constituído unha vez publicada na web http://gain.xunta.gal a relación definitiva de aspirantes. Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

O tribunal de selección estará composto por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a e un/unha vogal.

En relación coa composición paritaria do tribunal de selección, observarase o disposto no artigo 152 Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

O tribunal poderá dispor a incorporación aos seus traballos de persoal asesor, que terá voz, pero non voto, como apoio para a correcta avaliación das persoas candidatas. O dito persoal limitarase a prestar a súa colaboración na súa especialidade técnica.

Sétima. Desenvolvemento do proceso de selección

7.1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, farase pública na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal/) a relación provisional de persoas admitidas e excluídas, así como as causas da súa exclusión.

Poderanse formular alegacións contra as listaxes provisionais nun prazo máximo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución pola que se aproben as listas definitivas de persoas admitidas e excluídas.

Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos nesta convocatoria. Cando da documentación que se debe presentar no caso de superar o proceso de selección se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas interesadas decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste procedemento.

7.2. O proceso constará de dúas fases:

Primeira fase: valoración de méritos. A puntuación máxima da fase de méritos será de dez (10) puntos. Exixirase un mínimo de sete (7) puntos na fase de valoración de méritos para pasar á segunda fase do proceso.

Segunda fase: realización dunha entrevista. A puntuación máxima da entrevista será un (1) punto.

7.3. Primeira fase: Oo tribunal procederá a unha baremación provisional dos méritos alegados polas persoas aspirantes, con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente de puntuación.

Poderanse formular alegacións contra o baremo provisional nun prazo máximo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia.

O tribunal de selección, se é o caso, e só para os efectos de aclarar posibles dúbidas sobre a documentación achegada, poderá requirir a presenza das persoas aspirantes que considere oportuno.

A estimación ou desestimación das alegacións entenderase implícita na publicación da puntuación definitiva da primeira fase do proceso.

7.4. Segunda fase: consistirá nunha entrevista persoal non eliminatoria para valorar o grao de adecuación das persoas aspirantes.

A entrevista realizarase en inglés e galego e versará sobre o curriculum vitae da persoa candidata, as funcións que se van desempeñar no posto de traballo e os seus coñecementos sobre:

Para a praza número 1:

– As políticas e programas comunitarios relacionados coa I+D+i, o seu coñecemento dos mecanismos de implementación das estratexias de especialización intelixente RIS3.

– Técnicas de comunicación e divulgación relacionada coa I+D+i.

Para a praza número 2:

– As políticas e programas comunitarios relacionados coa I+D+i no ámbito das tecnoloxías dixitais e a súa relevancia para a RIS3 Galicia.

– As prácticas actuais de ciencia e tecnoloxía nas áreas de computación, comunicación e procesamento cuántico da información.

Para a realización da entrevista disporase dun tempo máximo de quince (15) minutos. A entrevista cualificarase de 0 a 1 punto.

O tribunal de selección publicará na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) os nomes das persoas convocadas, o lugar, a data e a hora de realización da entrevista. Nesta fase valoraranse as cuestións relativas á experiencia das persoas candidatas, os seus coñecementos, formación e participación en proxectos.

As persoas convocadas a esta fase deberán presentarse no lugar indicado co orixinal do DNI, permiso de conducir ou, na súa falta, pasaporte.

Una vez realizadas as entrevistas, o tribunal publicará na web http://gain.xunta.gal as listaxes coas puntuacións provisionais das persoas aspirantes.

Poderanse formular alegacións contra as puntuacións provisionais da segunda fase nun prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

Transcorrido o prazo de alegacións, o tribunal procederá ás puntuacións globais definitivas, que serán elevadas á Dirección da Axencia Galega de Innovación para que dite resolución coas puntuacións globais definitivas das persoas aspirantes polo mesmo medio que as listaxes provisionais, con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente.

7.5. Os/as primeiros/as aspirantes das listas definitivas publicadas serán as persoas candidatas seleccionadas para a cobertura das prazas obxecto desta convocatoria, que deberán presentar nun prazo non superior a dez (10) días hábiles, desde que se fagan públicas as ditas listas, a seguinte documentación ante a Axencia:

– Tarxeta sanitaria e/ou número de afiliación á Seguridade Social.

– Certificado médico oficial ou informe de saúde nos cales se acrediten os aspectos sinalados na base 2.7.

– Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas, para efectos de acreditar os aspectos sinalados no número 2.8 das bases.

7.6. Se algunha das persoas seleccionadas non presenta a documentación indicada no punto anterior no prazo establecido, ou presenta a súa renuncia á súa contratación para o posto para o cal foi seleccionado/a (caso en que se fará mediante solicitude expresa ao respecto, no mesmo prazo sinalado no punto anterior), resultará, en calquera caso, automaticamente seleccionado/a o/a seguinte aspirante segundo a orde de prelación da lista afectada, que deberá presentar nun novo prazo non superior a dez días hábiles contados desde o remate do anterior, a documentación citada no punto 7.5. Procederase desta forma ata que un/unha candidato/a presente en prazo e validamente a súa documentación.

7.7. Unha vez seleccionadas as persoas candidatas e presentada a súa documentación, segundo o establecido nos puntos anteriores, comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, procederase á formalización dos contratos obxecto da convocatoria.

Oitava. Norma derradeira

8.1. Todas as resolucións do proceso de selección se publicarán na páxina web da Axencia Galega de Innovación na epígrafe de procesos selectivos.

8.2. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela ou da actuación do tribunal, co carácter de definitivos ou que, sendo de trámite, decidan sobre o fondo do asunto, poderán ser impugnados polas persoas interesadas no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2025

Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file