Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica que a seguir se describe:
Peticionaria: Xunta de Compensación do polígono 3, sector II ING.
Domicilio social: rúa Camiño Real, 115, baixo, 27004 Lugo.
Denominación: instalacións de alta e baixa tensión en nova urbanización.
Situación: concello de Lugo.
Características técnicas principais:
• Liña de media tensión soterrada Duquesa a 20 kV, coa orixe nun empalme que se vai realizar nunha arqueta que se intercalará na canalización existente (punto B, do plano 3), entra e sae no CT 1 proxectado, entra e sae no CT 2 proxectado e remata nunha cela do CS Abeiro Gold (4271), cunha lonxitude 1.094 metros en condutor HEPRZ1_240 mm.
• Centro de transformación CT1 en edificio prefabricado tipo PFU-5 cunha potencia de 250 kVA no cal instalan dúas celas de liña telemandadas e dúas de protección, relación de transformación de 20.000/400-230 V.
• Centro de transformación CT2 en edificio prefabricado tipo PFU-5 cunha potencia de 400 kVA no cal instalan dúas celas de liña telemandadas e dúas de interruptor automático, relación de transformación de 20.000/400-230 V.
Finalidade da instalación: ampliación de instalacións.
Orzamento: 318.815,00 €.
Documentación que se xunta:
• Separata para o Concello de Lugo.
• Separata para Begasa.
Este departamento territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,
RESOLVE:
En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción das ditas instalacións, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, condicionada ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución, e a dirección de obra deberá levala a cabo un técnico competente.
Segunda. A peticionaria asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
Terceira. En todo momento deberán cumprir as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.
Lugo, 11 de abril de 2025
Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo
