O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.
Así mesmo, o artigo 10 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo, establece que, cando a folga se declare en empresas encargadas da prestación de calquera tipo de servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade e concorran circunstancias de especial gravidade, a autoridade gobernativa poderá acordar as medidas necesarias para asegurar o funcionamento dos servizos.
Ademais, a xurisprudencia do Tribunal Constitucional, entre outras a STC 183/2006, do 19 de xuño, vén considerando como servizos esenciais aqueles que satisfán dereitos e intereses dos cidadáns vinculados aos dereitos fundamentais, liberdades públicas e bens constitucionalmente protexidos, como son os dereitos á protección da saúde e o dereito á seguridade e hixiene no traballo.
O exercicio deste dereito na Administración, así como nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se encontra a sanidade.
O desempeño público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. Isto implica a necesidade de conxugar o citado exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, en prol de preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.
O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.
Os representantes dos traballadores da empresa Ilunion Lavanderías, S.A.U. comunicaron unha folga con carácter parcial para os días 15 de maio, das 15.00 ás 23.00 horas, 16 de maio, das 7.00 ás 15.00 horas, 2 de xuño, das 15.00 ás 23.00 horas, e 3 de xuño, das 7.00 ás 15.00 horas, no ámbito provincial da Coruña, ao estar localizado o centro de traballo nesta provincia, pero dando servizos a nivel autonómico.
Posteriormente, comunicaron unha ampliación da dita convocatoria de folga para os días 19 de maio, das 15.00 ás 23.00 horas, e 20 de maio, das 7.00 ás 15.00 horas, nos mesmos termos.
A empresa Ilunion Lavanderías, S.A.U. presta servizos de lavandería industrial e alugueiro de material téxtil a distintos clientes do sector sanitario e hospitalario dependentes da Consellería de Sanidade, entre os cales se encontran fundamentalmente a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, a Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061 entre outras fundacións públicas e entidades sanitarias públicas e privadas e, polo tanto, esta folga afecta a operatividade tanto dos centros hospitalarios como dos de atención primaria (centros de saúde e PAC) e outras entidades sanitarias esenciais para o funcionamento da atención sanitaria.
Neste contexto, resulta necesario establecer os criterios reitores que regularán os servizos mínimos que hai que garantir, co fin de asegurar a continuidade da atención sanitaria e evitar prexuízos aos pacientes e usuarios dos servizos sanitarios.
Así, unha vez comunicada a folga ás entidades afectadas, e tendo en conta os contratos formalizados coa dita empresa e a media de quilos de roupa lavada mensualmente, os centros e entidades afectados informaron das necesidades imprescindibles para non causar un grave prexuízo á prestación asistencial.
Estas necesidades foron trasladadas á empresa Ilunion Lavanderias, S.A.U. para os efectos de determinar o número de efectivos necesarios, durante os días da folga, que permitan garantir a prestación dos servizos mínimos de maneira que non afecten gravemente o funcionamento esencial dos centros hospitalarios.
En resposta ao dito escrito, a empresa manifesta que a lavandaría está xestionada mediante un traballo en cadea, polo que resulta imprescindible contar cun número mínimo de traballadores en cada área de proceso para asegurar o funcionamento continuo e evitar a interrupción dos servizos esenciais, sin que se poida aplicar unha porcentaxe homoxénea en todas as partes do proceso.
Con base no que antecede, e logo da audiencia ao Comité de Folga,
DISPOÑO:
Artigo 1
A folga convocada entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.
Tendo en conta que o servizo prestado está directamente vinculado á continuidade da asistencia sanitaria, considérase esencial manter un nivel mínimo de actividade que permita garantir a hixiene e a dispoñibilidade de roupa de enfermos e a lenzaría para camas e padiolas, así como a dotación de roupa para o persoal que debe traballar en áreas críticas, urxencias e quirófanos, e tamén para resolver cuestións puntuais que se precisen para unha axeitada prestación de servizos, sin que supoña unha vulneración do dereito fundamental dos traballadores a exercer a folga.
O lavado de roupa responde ás necesidades asistenciais diarias dos centros das áreas sanitarias e comprende tanto roupa plana (sabas, toallas, etc.) destinada ao uso de pacientes como de roupa de forma (vestiario do persoal, camisóns e pixamas de pacientes, etc.).
Por outra banda, e dado que a convocatoria de folga se desenvolve en días laborables encadeados e cun festivo polo medio, en que os centros sanitarios están ao 100 % de actividade, non se pode prescindir da dotación de roupa limpa sen que este servizo vexa afectado de maneira importante a prestación asistencial nos centros e entidades afectadas.
Na determinación dos servizos mínimos tivéronse en conta criterios xerais, como a prioridade na atención sanitaria, a relevancia dos servizos afectados e o grande impacto da folga na actividade sanitaria, e están destinados a garantir a atención directa e inmediata aos pacientes nos centros sanitarios, priorizando a prestación de servizos nos centros que presenten maior demanda de roupa limpa, como hospitais e centros de saúde con alta ocupación.
Polo exposto, e tendo en conta a importancia crítica dos servizos prestados polo persoal de lavandaría no marco dos diversos contratos formalizados coas entidades dependentes da Consellería de Sanidade e o seu impacto directo no benestar e na salubridade dos pacientes e do persoal sanitario, establécese a necesidade de garantir uns servizos mínimos durante a folga para evitar prexuízos ao funcionamento normal das instalacións hospitalarias.
Así pois, tendo en conta o obxecto dos devanditos contratos, a importancia que teñen na xestión dos distintos recursos do sector sanitario, os servizos mínimos que se fixan resultan imprescindibles para manter a adecuada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía.
Este conxunto de servizos mínimos pretende garantir a continuidade dun servizo esencial que afectaría gravemente a saúde e benestar de pacientes e o persoal sanitario no caso de non ser debidamente mantido. A súa implementación é imprescindible para evitar danos irreparables e para que as instalacións hospitalarias poidan continuar co seu funcionamento básico en canto á subministración de roupa limpa e desinfectada.
Así mesmo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado, mediante os devanditos contratos.
Estas circunstancias, unidas á necesidade de garantir a presenza dun mínimo de persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible e esencial nese ámbito, determinan que se establezan os servizos mínimos que figuran no anexo de esta resolución.
Artigo 2
A empresa Ilunion Lavanderías, S.A.U. adoptará as medidas organizativas necesarias para asegurar o cumprimento efectivo dos servizos mínimos durante a vixencia da folga.
A empresa elaborará un expediente de determinación de efectivos de servizos mínimos, que estará dispoñible para xeral coñecemento do persoal interesado, no cal deberá quedar constancia da xustificación e criterios ponderados para determinar os devanditos efectivos.
O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.
A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada ao persoal designado.
O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.
Artigo 3
Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).
Artigo 4
O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.
Artigo 5
Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos/das usuarios/as dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.
Disposición derradeira
Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2025
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
ANEXO
Nas xornadas de folga a que fai referencia esta orde os servizos mínimos que deben quedar garantidos en cada área de traballo son os que a continuación se relacionan:
1. Persoal de transporte:
É absolutamente imprescindible contar con persoal suficiente para garantir a recollida de roupa sucia e a entrega de roupa limpa nas instalacións hospitalarias e centros sanitarios. Hai que ter en conta que a recollida e entrega da roupa se realiza en distintos centros de saúde, hospitais e centros sanitarios repartidos polas provincias afectadas, e que existen grandes distancias que percorrer.
Persoas mínimas:
• 15 de maio: 3 condutores.
• 16 de maio: 4 condutores.
• 19 de maio: 3 condutores.
• 20 de maio: 4 condutores.
• 2 de xuño: 3 condutores.
• 3 de xuño: 4 condutores.
2. Departamento de mantemento:
É imprescindible dispor de, polo menos, 2 persoas de mantemento por quenda para garantir o arranque da maquinaria e para atender posibles incidencias ou avarías durante a xornada de traballo.
Persoas mínimas:
2 persoas de mantemento por quenda.
3. Persoal de limpeza:
Debe haber, polo menos, 1 persoa encargada da limpeza das zonas comúns (aseos, vestiarios e comedor), co fin de garantir as condicións de salubridade e hixiene mínimas no centro de traballo.
Persoas mínimas:
1 persoa de limpeza por quenda.
4. Área de produción:
A continuación, detállanse as áreas de produción e o número mínimo de traballadores necesarios para garantir a operatividade e a continuidade do servizo por zona; será necesario tamén 1 encargado por quenda:
• Zona de lavado: precísanse, como mínimo, 4 persoas para realizar a clasificación e lavado da roupa (abrir sacos, clasificar roupa e cargar o túnel de lavado).
Persoas mínimas: 4 persoas.
• Clasificación de roupa limpa: a zona de clasificación de roupa limpa necesita un número mínimo de 3 persoas para garantir que a roupa sexa clasificada correctamente.
Persoas mínimas: 3 persoas.
• Zona de secado, pasadura de ferro e pregamento de roupa plana (sabas, colchas, roupa de quirófano…): deben estar presentes, polo menos, 7 persoas para a correcta xestión da entrada e saída da roupa nas máquinas.
Persoas mínimas: 7 persoas.
• Zona de secado, pasadura de ferro e pregamento de roupa felpa (toallas): necesítase un mínimo de 1 persoa para manexar o proceso de secado, pasadura de ferro e encartado de toallas.
Persoas mínimas: 1 persoa.
• Zona de secado, pasadura de ferro e pregamento manual de mantas: precísanse, polo menos, 2 persoas para garantir a correcta manipulación de mantas.
Persoas mínimas: 2 persoas.
• Zona de secado, pasadura de ferro e pregamento de roupa de forma hospitalaria (uniformes de persoal facultativo, camisóns de pacientes): para o procesamento de roupa de forma, deben estar presentes, polo menos, 4 persoas para emperchar e 1 persoa para encartar a roupa.
Persoas mínimas: 5 persoas (4 para emperchado e 1 para encartar).
• Empaquetadora: necesítase, polo menos, 1 persoa para empaquetar a roupa unha vez que se complete o proceso de lavado e secado.
Persoas mínimas: 1 persoa.
• Expedición: é necesario contar, polo menos, cunha persoa para a expedición e entrega final da roupa procesada.
Persoas mínimas: 1 persoa (só en quenda de tarde).
