DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 14 de maio de 2025 Páx. 27275

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 2 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de dúas bolsas de formación práctica na Área de Estudos e Investigación e se procede á súa convocatoria para os anos 2025 a 2027 (código de procedemento TU981C).

BDNS (Identif.): 831710.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/831710

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das bolsas as persoas que reúnan os requisitos previstos no artigo 4 das bases reguladoras.

Segundo. Obxecto e réxime

1. A convocatoria de dúas bolsas de formación práctica especializada na Área de Estudos e Investigación da Axencia de Turismo de Galicia, para a realización de labores de investigación, tratamento e análise de datos en materia turística, coa seguinte distribución:

a) Unha bolsa relacionada co ámbito da ciencia de datos.

b) Unha bolsa relacionada co ámbito da comunicación de datos turísticos.

O lugar de realización das prácticas tuteladas destas bolsas será na sede da área, nas oficinas da Axencia de Turismo de Galicia (estrada Santiago-Noia, km 3, 15897 Santiago de Compostela).

2. O obxectivo das bolsas é fomentar o perfeccionamento profesional das persoas bolseiras mediante a realización de prácticas formativas relacionadas co tratamento, análise e difusión de datos en materia turística, con suxeición ás indicacións do/da titor/a que lles será asignado/a ao comezo das súas prácticas.

3. As bolsas reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 2 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de dúas bolsas de formación práctica na Área de Estudos e Investigación e se procede á súa convocatoria para os anos 2025 a 2027 (código de procedemento TU981C).

Cuarto. Importe

A Axencia de Turismo de Galicia financiará estas bolsas con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.A2.761A.480.0 e 04.A2.761A.484.0, destinadas ao pagamento das retribucións e das cotas da Seguridade Social, respectivamente, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2025 a 2027.

O importe total que se habilita para esta convocatoria ascende a 63.018,24 €, que se distribuirá do seguinte xeito: 59.961,60 €, que se imputarán á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.480.0, e 3.056,64 €, que se imputarán á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.484.0, e que se destinarán ao pagamento ás persoas bolseiras do importe da bolsa e das cotas patronais da Seguridade Social, respectivamente.

Cada bolsa, cunha duración máxima de 24 meses cada unha, estará dotada cun importe de 31.509,12 €, distribuídos en pagamentos mensuais.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro do mes.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2025

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia