De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade da Resolución da Axencia de Turismo de Galicia, do 2 de maio de 2025, pola que se lle encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión das actuacións relacionadas co proceso de expropiación dos bens e dereitos afectados polas obras de creación de sendas e pasarelas peonís no Camiño de Santiago (Camiño Inglés) en Abegondo e no lugar da Sionlla, en Santiago de Compostela, que ten as seguintes características:
– Obxecto: as actividades que vai realizar a Axencia Galega de Infraestruturas nas obras relacionadas coa construción tanto dun itinerario peonil e pasarela peonil no treito do Camiño de Santiago (Camiño Inglés) en Abegondo como dun itinerario e pasarela peonil no treito alternativo do Camiño de Santiago (Camiño Inglés) no lugar da Sionlla, en Santiago de Compostela, son:
1. Prestar asistencia técnica en todas as fases do proceso expropiatorio, en especial, levantamento de actas previas, actas de ocupación e fase de prezo xusto.
2. Calquera competencia que lle corresponda en virtude da normativa de aplicación.
– Natureza e alcance da xestión encomendada: a encomenda ten natureza de encarga a medio propio, de acordo co disposto no artigo 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e nos artigos 9 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ao ter a Axencia Galega de Infraestruturas a consideración de medio propio e servizo técnico da Administración da Comunidade Autónoma.
– Obrigas económicas: a realización das actividades e/ou actos e negocios xurídicos necesarios para a execución da encomenda de xestión por parte da Axencia Galega de Infraestruturas efectuarase a título gratuíto, sen que exista retribución ou tarifa.
– Prazo de vixencia: o prazo de vixencia será dun ano desde a súa sinatura. O dito prazo prorrogarase automaticamente por períodos dun ano, ao estar vinculado á execución dos contratos do trazado das sendas e pasarelas peonís, agás que algunha das partes exprese a vontade da súa resolución cunha antelación mínima dun mes á data do seu remate.
– Supostos de finalización anticipada: por incumprimento total ou parcial dalgunha das partes ou por mutuo acordo.
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2025
José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia
