DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 14 de maio de 2025 Páx. 27043

I. Disposicións xerais

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

DECRETO 32/2025, do 5 de maio, polo que se modifica o Decreto 70/2008, do 27 de marzo, sobre distribución de competencias entre os órganos da Administración autonómica galega para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector.

O Decreto 70/2008, do 27 de marzo, sobre distribución de competencias entre os órganos da Administración autonómica galega para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector, no seu artigo 2 determina os órganos competentes para sancionar as infraccións previstas no texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, en virtude de proposta da Inspección de Traballo e Seguridade Social, dentro do ámbito das competencias en materia de traballo da Comunidade Autónoma.

A disposición derradeira primeira, número 2, da Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia, modifica o artigo 40 do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, variando a contía das sancións previstas nel. Esta modificación afecta a distribución das competencias sancionadoras establecida no artigo 2 do Decreto 70/2008, do 27 de marzo, polo que se considera necesario modificar o dito artigo para actualizar as contías e proceder a unha nova distribución das competencias entre os órganos da consellería competente en materia de traballo.

Consta dun artigo único, dunha disposición adicional de adaptación de referencias, dunha disposición transitoria de aplicación aos procedementos iniciados antes da súa entrada en vigor e dunha disposición derradeira relativa á entrada en vigor.

A elaboración deste decreto axústase aos principios de boa regulación do artigo 129 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e ao sinalado no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, para contribuír ao obxectivo de cumprir o principio de calidade normativa. Así, o decreto responde á necesidade de adecuar a distribución das competencias á modificación das contías das sancións introducidas pola Lei 10/2021, do 9 de xullo, é eficaz e proporcional en canto contén a regulación precisa para a identificación e consecución dos obxectivos que persegue, é acorde co principio de seguridade xurídica ao establecer una regulación precisa, clara e de certeza e integrada no ordenamento xurídico. Tamén é coherente co principio de transparencia, accesibilidade, simplicidade e eficacia e eficiencia, en canto que facilita e simplifica a súa compresión e a súa aplicación non supón un incremento do gasto público.

Este decreto tramítase de conformidade co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do cinco de maio de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 2 do Decreto 70/2008, do 27 de marzo, sobre distribución de competencias entre os órganos da Administración autonómica galega para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector

Un. Modifícase o artigo 2.1 do Decreto 70/2008, do 27 de marzo, que queda redactado do seguinte modo:

«1. A competencia para sancionar as infraccións en materia laboral e obstrución á actividade inspectora a que se refiren a sección primeira, terceira e cuarta do capítulo II do texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, por proposta da Inspección de Traballo e Seguridade Social, corresponderalles:

a) Ás persoas titulares dos departamentos territoriais da consellería competente en materia de traballo, ata 30.000 euros.

b) Á persoa titular da secretaría xeral ou dirección xeral competente en materia de traballo, ata 120.005 euros.

c) Á persoa titular da consellería competente en materia de traballo, as sancións por importe superior a 120.005 euros».

Dous. Modifícase o artigo 2.2 do Decreto 70/2008, do 27 de marzo, que queda redactado do seguinte modo:

«2. A competencia para sancionar as infraccións en materia de prevención de riscos laborais a que se refire a sección segunda do capítulo II do texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, por proposta da Inspección de Traballo e Seguridade Social, corresponderalles:

a) Ás persoas titulares dos departamentos territoriais da consellería competente en materia de traballo, ata 49.180 euros.

b) Á persoa titular da secretaría xeral ou dirección xeral competente en materia de traballo, ata 196.745 euros.

c) Á persoa titular da consellería competente en materia de traballo, as sancións por importe superior a 196.745 euros».

Tres. Modifícase o artigo 2.3 do Decreto 70/2008, do 27 de marzo, que queda redactado do seguinte modo:

«3. A distribución da competencia entre os órganos da Administración autonómica para sancionar as infraccións en materia de cooperativas, por proposta da Inspección de Traballo e Seguridade Social, regúlase polo establecido no artigo 139.5 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, ou norma que o substitúa».

Disposición adicional única. Adaptación de referencias

Todas as referencias á consellería, á dirección xeral e ás delegacións provincias, ou ás persoas titulares destas, deberán entenderse realizadas respectivamente á «consellería con competencia en materia de traballo, á secretaría xeral ou dirección xeral nese ámbito e aos seus departamentos territoriais, ou ás persoas titulares destes».

Disposición transitoria única. Procedementos iniciados

Nos procedementos iniciados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto será de aplicación a norma de distribución de competencias vixente no momento da súa iniciación.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de maio de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración