Mediante a Orde do 27 de decembro de 2024, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 28, do 11 de febreiro de 2025, establecéronse as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social, e procedeuse á súa convocatoria para a anualidade 2025.
A citada Orde do 27 de decembro de 2024 establece no seu artigo 16 que a concesión das subvencións se realizará en réxime de concorrencia non competitiva, nos termos previstos no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e a prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.
Pola súa parte, o artigo 29 da mesma Orde do 27 de decembro de 2024 establece que no suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería.
Unha vez esgotados os recursos económicos destinados a estas axudas previstas na Orde do 27 de decembro de 2024, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025, na aplicación orzamentaria 14.04.324C.781.9 á que se imputan os conceptos subvencionables establecidos nos números 1, 2, 4, 5, 6, 7 e 11 do artigo 6 das bases reguladoras para as entidades beneficiarias que non teñan fin de lucro,
DISPOÑO:
Primeiro. Facer público que o crédito orzamentario asignado ao financiamento das axudas recollidas na devandita Orde do 27 de decembro de 2024 quedou esgotado na aplicación orzamentaria 14.04.324C.781.9 na data do 21 de febreiro de 2025 coa solicitude presentada ás 00.58 horas.
Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde a mesma data. En todo caso, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición.
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2025
Marta Mariño Regueiro
Directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social
