Primeiro. A Orde do 19 de febreiro de 2025 convoca as axudas para o ano 2025 para o impulso dunha Rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos e no anexo I da mesma orde establécense as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva. Así mesmo, o artigo 14 deste anexo determina que os expedientes se instruirán seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitudes e se concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito a todas aquelas entidades beneficiarias que cumpran cos requisitos.
Por outra banda, segundo o artigo 4 da convocatoria, as solicitudes presentaranse en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e na convocatoria e resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade. Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data para ter en conta será a data e a hora de presentación da solicitude. No caso de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e a hora en que a entidade solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida.
Segundo. O artigo 3 das bases reguladoras establece tres tipos de entidades beneficiarias:
a) Os concellos galegos.
b) As federacións e asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) As cooperativas de vendedores das prazas de abastos cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
Terceiro. Para a concesión destas subvencións destínase un crédito total de 3.307.400,00 € coa seguinte distribución segundo o tipo de entidade beneficiaria (artigo 1.3 da convocatoria):
a) Concellos 3.000.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 14.06.751A.761.3 e código de proxecto 2015 00275, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2025 (1.600.000,00 €) e 2026 (1.400.000,00 €).
b) Federacións, asociacións de prazas de abastos e mercados e cooperativas de vendedores/as de prazas de abastos: 307.400,00 € para o ano 2025, con cargo ao código de proxecto 2015 00254, imputado do seguinte xeito:
Federacións: 40.000,00 € (aplicación 14.06.751A.781.1).
Asociacións: 245.000,00 € (aplicación 14.06.751A.781.1).
Cooperativas: 22.400,00 € (aplicación 14.06.751A.770.1).
De conformidade co exposto, unha vez esgotados os recursos económicos previstos para os concellos galegos no artigo 1.3.a) da convocatoria da Orde do 19 de febreiro de 2025, e por delegación do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
RESOLVO:
Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do esgotamento do crédito das axudas aos concellos galegos para as anualidades 2025 e 2026 convocadas pola Orde do 19 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento IN223A).
As últimas solicitudes que se puideron conceder antes do esgotamento de crédito aos concellos galegos para cada anualidade, tendo en conta como data de presentación das solicitudes o estipulado no artigo 4 da convocatoria, foron:
– Para a anualidade 2025: a solicitude presentada na sede electrónica o día 1.4.2025 ás 13.25 horas (nº de expediente IN223A-2025-00000036-00).
– Para a anualidade 2026: a solicitude presentada na sede electrónica o día 2.4.2025 ás 9.16 horas (nº de expediente IN223A-2025-00000037-00).
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2025
Gabriel Alén Castro
Director xeral de Comercio e Consumo
