A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e conforme o artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No seu exercicio, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG).
A LPCG no seu artigo 1.2 establece que: «[...] o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo».
Ademais, o artigo 8.2 establece que: «[...] terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei». Máis adiante este artigo establece que os bens poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.
O Decreto do 22 de abril de 1949 sobre protección dos castelos españois (BOE núm. 125, do 5.5.1949), dispuxo que todos os castelos de España, calquera que sexa o seu estado de ruína, quedarán baixo a protección do Estado. Posteriormente, a disposición adicional segunda da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE), establece que se consideran interese cultural e quedan sometidos ao réxime previsto na presente lei os bens a que se contrae o Decreto do 22 de abril de 1949. Polo tanto, desde a entrada en vigor da LPHE, os castelos pasan a ter a consideración de bens de interese cultural.
O artigo 88.1.a) da LPCG establece a consideración como ben de interese cultural por ministerio da lei dos seguintes bens:
«Os bens propios da arquitectura defensiva, entendendo por tal todas as estruturas construídas ao longo da historia para a defensa e o control dun territorio do que forman parte. No conxunto da arquitectura defensiva destacan singularmente os castelos, as torres defensivas, as murallas e os muros circundantes urbanos, as construcións defensivas con baluartes e os sistemas defensivos que configuran, os arsenais navais, os cuarteis, as baterías de costa, as polvoreiras e os restos de todos eles, con independencia do seu estado de conservación, de se se encontran soterrados ou descubertos ou de se se integran ou non noutro ben inmoble. Todas estas tipoloxías de inmobles construídos antes de 1849 teñen a consideración de bens de interese cultural».
Ademais, a disposición adicional primeira da LPCG establece que todos aqueles bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia que tivesen a condición de bens de interese cultural con anterioridade á entrada en vigor desa lei manterán a consideración de bens de interese cultural e quedarán sometidos ao mesmo réxime xurídico de protección aplicable a estes segundo esta lei.
De conformidade co anterior, unha das consideracións de ben de interese cultural por ministerio da lei é a establecida no artigo 88 da LPCG para os bens propios da arquitectura defensiva -entre os que se inclúen os castelos e as torres defensivas- construídos antes de 1849.
A documentación achegada polo Concello de Rodeiro e a existente na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural acreditan a condición da Torre-tulla de Fafián como un elemento propio da arquitectura defensiva construída antes de 1849, e mantén, actualmente, as suficientes condicións de integridade e autenticidade para xustificalo.
Por outra banda, o artigo 23 da LPCG establece que os bens declarados de interese cultural inscribiranse no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, cuxa xestión lle corresponde á consellería competente en materia de patrimonio cultural.
Así mesmo, a disposición adicional quinta da LPCG referida aos bens declarados de interese cultural ou catalogados en virtude da lei, establece que: «[...] a consellería competente en materia de patrimonio cultural identificará e concretará a través do correspondente expediente os bens declarados de interese cultural ou catalogados en virtude desta lei».
Como consecuencia do anterior, a directora xeral do Patrimonio Cultural, no exercicio das competencias establecidas no artigo 14 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en virtude do disposto no título I da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, e como consecuencia do informe técnico e da documentación xustificativa,
RESOLVE:
Primeiro. Ordenar a inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural como ben inmoble, coa categoría de monumento, da Torre-tulla de Fafián, sita no lugar do Outeiro, na parroquia de Santiago de Fafián, no concello pontevedrés de Rodeiro.
Segundo. Comunicar esta resolución á Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.
Terceiro. Publicar a presente resolución no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento, e notificala ao seu titular e ao concello de Rodeiro.
Disposición derradeira
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Secretaría Xeral da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da notificación.
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2025
Directora xeral de Patrimonio Cultural
María del Carmen Martínez Ínsua
ANEXO I
Descrición do ben
1. Denominación: Torre-tulla de Fafián.
2. Localización:
• Provincia: Pontevedra.
• Concello: Rodeiro.
• Parroquia: Santiago de Fafián.
• Lugar: O Outeiro.
• Coordenadas de localización (UTM ETRS89 fuso 29) X : 589177; Y: 4723474.
• Referencia catastral: 36047A08806008.
3. Descrición.
A Torre-tulla de Fafián está emprazada ao carón da pena do Outeiro, que lle dá nome a este lugar da parroquia de Fafián. Trátase dunha torre fortaleza construída ao redor do século XV e foi residencia do xuíz da Terra de Camba e Rodeiro e lugar de recollida de rendas con función de tulla. Presenta unha planta rectangular, distribuída en tres alturas. Na base da torre destacan dúas pequenas fiestras con derrame interior en forma de cuña. O acceso á planta superior realízase por medio dunha empinada escaleira asentada sobre macizo con metade do tramo pegado á parede, hoxe inexistente polo derrube do muro norte.
Na segunda planta sobresaen dúas ventás con arcos de dobre oco xeminados, abertos con derrame interior faltándolles a columna central. No interior presentan arco rebaixado e parladoiros.
Na fachada sur destaca unha terceira ventá xeminada de dobre oco e unha garita en beiril de perpiaño apoiada sobre dúas ménsulas graduadas con función de latrina ademais dos restos dunha cheminea.
Ao seu carón existen dúas edificacións adxacentes de feitura posterior nas cales se aprecian a utilización de materiais reutilizados de estruturas anteriores.
4. Valoración cultural.
A Torre-tulla de Fafián presenta importantes valores culturais tanto polo tipo de arquitectura cunhas características moi similares a outras construcións defensivas próximas, como a torre de Camba localizada na parroquia lindeira, de orixe medieval e que foi transformada posteriormente en pazo fidalgo. Ambas as construcións son de dimensións parecidas e comparten un característico aparello de perpiaño, o emprego de ocos xeminados con parladoiros, a mesma solución de latrina exterior, etc.
Polo tanto, a Torre de Fafián ten a consideración de fortaleza, pois está acreditada a súa función como representación do poder do señor de Lemos e como control do seu territorio (e por extensión do da mitra compostelá) e como lugar de recadación, ademais da súa conformación arquitectónica como torre fortificada.
5. Réxime de protección.
5.1. Categoría:
• Natureza: ben inmoble.
• Categoría: monumento.
• Interese: arquitectónico, arqueolóxico, científico e histórico.
• Nivel de protección: integral.
5.2. Réxime de protección.
A inclusión no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia da Torre-tulla de Fafián determina a aplicación inmediata do réxime de protección previsto nos títulos II e III e, en especial, os capítulos segundo e cuarto, referidos ao patrimonio arquitectónico e arqueolóxico do título VII, da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), e complementariamente co establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español. Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación.
6. Delimitación e contorno de protección.
Estímase axeitada a delimitación do contorno de protección feita para estes fins no Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Rodeiro, aprobado o 2.3.2009, cartografa na ficha AC-20.
