Segundo o establecido no artigo 43 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro; DOG núm. 29, do 12 de febreiro; BOE núm. 50, do 27 de febreiro), a Universidade aprobará anualmente a súa oferta de emprego público.
Así mesmo, o artigo 20.Un da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, prorrogados para o ano 2025, dispón que «A incorporación de persoal de novo ingreso cunha relación indefinida no sector público, a excepción dos órganos previstos no punto Un.e) do artigo anterior, levarase a cabo a través da oferta de emprego público, como plasmación do exercicio da planificación nun marco plurianual».
No punto Dous. Articulación da oferta de emprego público, establece o seguinte: «1. A oferta de emprego público articularase a través das seguintes taxas de reposición de efectivos: a) Nos sectores prioritarios a taxa será do 120 % e nos demais sectores do 110 %».
No punto 3 da mesma epígrafe, a Lei establece os sectores prioritarios para os efectos do cálculo da taxa de reposición:
«I) Prazas dos corpos de catedráticos de universidade e de profesores titulares de universidade, de profesores contratados doutores de Universidade regulados no artigo 52 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e as prazas de persoal de administración e servizos das universidades, sempre que por parte das administracións públicas das que dependan se autoricen as correspondentes convocatorias».
Neste marco e tendo en conta os postos de traballo vacantes cómpre a aprobación da oferta de emprego público para o ano 2025 relativa ao persoal de administración e servizos tanto funcionario de escalas da Administración xeral como de categorías de persoal laboral, establecéndose os criterios en que debe enmarcarse esta oferta, de conformidade co previsto no artigo 37 da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, así como o artigo 20 da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, prorrogados para o ano 2025.
Para o cálculo da taxa de reposición hai que ter en conta o disposto na Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023 no artigo 20.Tres para os efectos de aplicar a porcentaxe máxima, non computando as prazas que se convoquen para a súa provisión mediante procesos de promoción interna e procesos de consolidación para o persoal declarado indefinido non fixo mediante sentenza xudicial.
Tendo en conta a taxa de reposición do 120 % o número de prazas que se poden convocar na oferta de emprego público xeral do ano 2025 é de 62.
A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, no artigo 48 establece os criterios xerais en que debe enmarcarse a oferta de emprego público, sen prexuízo das especificidades que se poidan establecer nas convocatorias respectivas.
De conformidade con esta lei, a planificación dos recursos humanos no ámbito do emprego público ten como obxectivo contribuír á consecución da eficacia na prestación dos servizos públicos e da eficiencia na utilización dos recursos económicos dispoñibles, mediante a determinación dos efectivos precisos e a mellora da súa distribución, formación, promoción profesional e mobilidade.
De conformidade coas necesidades do cadro de persoal, proponse a aprobación da oferta de emprego público para o ano 2025, que inclúe a oferta xeral, a oferta de consolidación de persoal indefinido non fixo por sentenza xudicial e a oferta de promoción interna separada. Estas dúas últimas, de conformidade coa Lei 31/2022, non computan no cálculo da taxa de reposición para a oferta xeral que se presenta.
Os criterios para a determinación das prazas que se van ofertar responden á situación económica da Universidade e ás necesidades de recursos humanos producidas por xubilacións. Así mesmo, a oferta xeral diríxese á captación de persoal de postos xerais que renoven o cadro de persoal.
Pola súa banda, a oferta de promoción interna separada constitúe un plan de promoción para persoal laboral e funcionario que ten en conta a reserva de prazas que derivarían da aplicación da reserva legal e convencional correspondente.
O artigo 35 da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, establece o límite da masa salarial para a Universidade de Santiago de Compostela, que non se supera coa oferta presentada.
De conformidade con todo o exposto, e logo da negociación e acordo na Mesa Xeral de persoal de administración e servizos do 26 de febreiro de 2025, emitida a preceptiva autorización pola Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda e, conforme o Acordo do Consello de Goberno, do 11 de marzo de 2025, polo que se aproba a oferta de emprego público para o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos de 2025, o xerente da Universidade de Santiago de Compostela, en virtude do previsto no punto seis da epígrafe novena da Resolución do 22 de abril de 2022 sobre delegación de competencias en determinados órganos universitarios, publicada no DOG núm. 79, do 26 de abril,
RESOLVE:
Primeiro. Publicación da oferta de emprego público
Publicar a oferta de emprego público correspondente aos distintos corpos e escalas de persoal funcionario da Universidade de Santiago de Compostela e categorías do persoal laboral para o ano 2025, nos termos que se establecen nesta resolución.
Segundo. Determinación da oferta de emprego público
O anexo I recolle as prazas que se ofertan para cubrir as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deben proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso con cargo ao 120 % da taxa de reposición de efectivos prevista para o ano 2025.
O anexo II desta oferta inclúe unha praza de consolidación de persoal laboral indefinido non fixo derivado de sentenza xudicial. Esta praza está encadrada na categoría de persoal laboral, segundo consta na relación de postos de traballo aprobada polo Consello de Goberno para dar cumprimento ao establecido no artigo 38 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. O proceso selectivo que se convoque para a oferta da praza de consolidación establecerá o sistema de concurso-oposición e deberá garantir, en todo caso, a aplicación dos principios constitucionais de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, así como respectar a libre concorrencia.
O anexo III contén a oferta de promoción interna independente, de conformidade co punto cuarto.
Terceiro. Reserva de prazas para discapacidade
1. O artigo 59 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, prevé a reserva dunha cota non inferior ao 7 % das vacantes ofertadas para ser cubertas por persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no punto 2 do artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade, así como a compatibilidade no desempeño das súas funcións.
2. Para dar cumprimento ao establecido no punto anterior, nas ofertas para acceso libre resérvase unha porcentaxe do 7 % para ser cuberto por persoas que acrediten discapacidade.
3. Os sistemas de selección que se convoquen para persoas con discapacidade desenvolveranse de conformidade co establecido no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade.
4. Nas probas selectivas, incluíndo os cursos selectivos ou o período de prácticas, estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade.
5. No suposto de que algunha das persoas aspirantes con discapacidade que se tivesen presentado pola cota de reserva superase os exercicios e non obtivese praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida polas outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.
6. As prazas reservadas para as persoas con discapacidade xeral que quedasen desertas nos procesos selectivos poderanse acumular á quenda xeral.
Cuarto. Promoción interna separada
De conformidade co artigo 43 dos estatutos da USC, esta oferta establece no anexo III un plan de promoción interna para o persoal laboral e funcionario cuxo número de prazas responde á reserva prevista nos instrumentos convencionais correspondentes para o persoal laboral e á prevista na Lei 2/2015, de emprego público de Galicia, para o persoal funcionario.
O artigo 70.3 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, establece que o decreto polo que se aprobe a oferta de emprego público poderá conter medidas derivadas da planificación dos recursos humanos.
Neste sentido, a promoción interna é unha das medidas derivadas da planificación dos recursos humanos que ten por obxectivo contribuír á consecución da eficacia na prestación dos servizos e que constitúe unha vía para a adquisición de competencias e como requisito necesario para a progresión na carreira profesional desde niveis inferiores.
Quinto. Acumulación de prazas correspondentes a ofertas de anos anteriores
Poderán convocarse nun único proceso selectivo as prazas ofertadas de persoal funcionario correspondentes aos corpos e escalas de persoal funcionario da Universidade de Santiago de Compostela, e ás categorías de persoal laboral relacionadas no anexo da presente oferta xunto coas derivadas das ofertas de emprego público correspondentes aos anos 2023 e 2024 que estean pendentes de convocar.
Sexto. Publicidade das convocatorias
As convocatorias das probas selectivas de acceso libre derivadas desta oferta publicaranse no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado para garantir a publicidade exixida no artigo 91.2 da Lei 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario.
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2025
Antonio Javier Ferreira Fernández
Xerente da Universidade de Santiago de Compostela
ANEXO I
Oferta xeral
|
Subgrupo/grupo |
Categoría/escala |
Acceso libre |
||
|
Reserva con discapacidade |
Xeral |
Total |
||
|
A1 |
Escala técnica superior de administración (especialidade económica) |
1 |
1 |
|
|
A2 |
Escala de xestión |
1 |
1 |
|
|
A2 |
Escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, esp. bibliotecas |
6 |
6 |
|
|
C1 |
Escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos |
2 |
12 |
14 |
|
C2 |
Escala auxiliar (*) |
2 |
12 |
14 |
|
I |
Técnico/a superior de actividades deportivas |
2 |
2 |
|
|
I |
Médico/a do traballo |
1 |
1 |
|
|
II |
Enxeñeiro/a técnico/a industrial |
1 |
1 |
|
|
II |
Técnico/a grao medio e-learning |
1 |
1 |
|
|
II |
Técnico/a prevención de riscos laborais |
1 |
1 |
|
|
III |
Delineante |
1 |
1 |
|
|
III |
Técnico/a investigación (área química -física) |
2 |
2 |
|
|
IV.1 |
Condutor/a |
1 |
1 |
|
|
IV.1 |
Especialista de oficios (xardineiro/a) |
1 |
1 |
|
|
Total |
4 |
43 |
47 |
|
(*2 con requisito de idioma)
ANEXO II
Consolidación de persoal indefinido non fixo por sentenza
|
Subgrupo/grupo |
Categoría/escala |
Acceso libre |
||
|
Reserva con discapacidade |
Xeral |
Total |
||
|
I |
Técnico/a superior de xestión |
- |
1 |
1 |
ANEXO III
Oferta de promoción interna independente
|
Subgrupo/grupo |
Categoría/escala |
Reserva con discapacidade |
Xeral |
Total |
|
A2 |
Escala de xestión |
4 |
4 |
|
|
A2 |
Escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, esp. arquivos |
2 |
2 |
|
|
C1 |
Escala administrativa |
2 |
13 |
15 |
|
III |
Técnico/a especialista investigación |
10 |
10 |
|
|
III |
Condutor/a |
2 |
2 |
|
|
III |
Técnico/a de servizos xerais |
2 |
13 |
15 |
|
Total |
4 |
44 |
48 |
|
