DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Martes, 20 de maio de 2025 Páx. 28272

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 2 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS614B).

BDNS (Identif.): 833134.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da orde cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/833134

Primeiro. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a persoas coidadoras dentro do programa Respiro familiar para persoas coidadoras para o exercicio 2025 (código de procedemento BS614B), así como realizar a súa convocatoria.

Segundo. Financiamento

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total dun millón cento quince mil euros (1.115.000 €), que se imputarán á aplicación orzamentaria 08.05.312D.480.3.

Terceiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

Cuarto. Requisitos para acceder á subvención

1. Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:

a) Que a persoa coidadora solicitante da subvención e a persoa ou persoas que ela atenda, sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que a persoa que se atende se encontre nalgunha das seguintes situacións:

1º. Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.

2º. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente nos graos II ou III.

3º. Que a persoa que se atende, no caso de non encontrarse nas situacións enumeradas nos ordinais anteriores, presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

2. Ademais, as persoas coidadoras, para seren beneficiarias da subvención, teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Quinto. Bases reguladoras

Orde do 2 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS614B).

Sexto. Tipo de axuda e contía

1. Modalidade de Respiro no fogar.

A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención a domicilio para atender as necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados.

A través desta modalidade, prevista para dar resposta ás demandas concretas das familias e das persoas coidadoras, por espazos de tempo definidos e non moi longos, contribuirase á prestación dunha atención integral e directa no propio fogar da persoa dependente, con discapacidade ou con necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, co obxectivo de manter estas persoas no seu domicilio e ofertarlle á súa persoa coidadora habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.

O servizo poderá ser prestado por unha entidade autorizada para prestar o servizo de axuda no fogar e inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) ou por persoal profesional legalmente acreditado con formación específica en atención a persoas con necesidades especiais e contratado directamente pola persoa coidadora solicitante da subvención. As actuacións do servizo cubrirán os coidados persoais e de acompañamento que necesita a persoa que se atende, en ausencia das persoas coidadoras, e pódense prestar as seguintes tarefas:

a) Asistencia para levantarse e deitarse.

b) Apoio no coidado e hixiene persoal, así como para vestirse.

c) Control do réxime alimentario e axuda, se é o caso, para alimentarse.

d) Supervisión, cando proceda, das rutinas de administración de medicamentos prescritas por facultativos.

e) Apoio para cambios posturais, mobilizacións, orientación espacio-temporal.

f) Apoio a persoas afectadas por problemas de incontinencia.

g) Calquera outra tarefa implícita no desenvolvemento das anteriores.

Cando nun domicilio se atenda máis dunha persoa, as tarefas que se presten deberán ser compatibles coa vixilancia e atención de todas elas.

A axuda dirixida ás persoas beneficiarias que se establecen no artigo 3 consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.000 euros por persoa beneficiaria/ano.

2. Modalidade de Respiro en centro de día.

A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención no centro de día co fin de atender as necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados.

O obxectivo desta modalidade é atender a persoa dependente, con discapacidade ou con necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria no centro de día e ofertarlle á súa persoa coidadora habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.

O servizo deberá ser prestado por unha entidade autorizada como centro de día, inscrita no RUEPSS e que conte coa autorización correspondente para a prestación do dito servizo. As actuacións do servizo cubrirán os coidados persoais e de acompañamento que necesita a persoa que se atende, en ausencia das persoas coidadoras, e pódense prestar as seguintes tarefas:

a) Apoio nas actividades da vida diaria.

b) Servizo de comedor con menús e dieta adaptadas.

c) Aseo, hixiene persoal e mobilización.

d) Actividades destinadas á promoción da saúde física e da autonomía persoal.

e) Servizos terapéuticos e de entretemento como terapia ocupacional, traballo social, atención social, servizo de animación, obradoiros, excursións, control nutricional.

f) Servizos complementarios como transporte adaptado, peiteado, podoloxía, fisioterapia, psicoloxía ou xeriatría.

g) Administración da medicación oral segundo prescrición.

A axuda dirixida ás persoas beneficiarias que se establecen no artigo 3 consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.000 euros por persoa beneficiaria/ano.

3. Modalidade de Respiro en residencia.

A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do centro residencial ante unha necesidade puntual nos supostos convenientemente acreditados.

Para dar resposta á necesidade de descanso da persoa coidadora, esta modalidade de subvención destinarase a sufragar os gastos das estadías temporais da persoa en situación de dependencia ou con discapacidade atendida nun centro residencial inscrito no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) e dotado dos recursos necesarios para prestarlle unha atención integral.

A modalidade de atención residencial incluirá os seguintes servizos, entre outros:

a) Aloxamento e manutención completa en cuartos dobres adecuados ás limitacións e necesidades das persoas que se atenden. No caso de que unha persoa a atender desexe ocupar unha habitación individual, isto estará supeditado á dispoñibilidade do centro e deberá aboar pola súa conta o pagamento do suplemento que lle corresponda.

b) Menú axeitado baixo supervisión médica.

c) Atención integral que comprende: coidado persoal, control e protección, prestación das axudas necesarias para a realización das actividades da vida diaria como o aseo, o vestido, a comida.

d) Atención médica, psicolóxica e social tendo en conta as indicacións e tratamento que as persoas profesionais prescribisen ás persoas usuarias, se for o caso.

A axuda dirixida ás persoas beneficiarias que se establecen no artigo 3 consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables cun máximo de 1.500 euros por persoa beneficiaria/ano.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de outubro de 2025.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2025

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade