DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 23 de maio de 2025 Páx. 29442

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2025 pola que se autoriza o Plan de pesca de anguía para as confrarías de pescadores da ría de Ferrol, tempada 2025.

Antecedentes:

As confrarías de pescadores de Ferrol e de Barallobre, ante as medidas que implantou a Comisión de Pesca da UE para a recuperación da anguía europea e que afectan en gran medida a pesqueira desta especie nas augas que son competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, propoñen adoptar un plan de pesca de anguía para as confrarías de pescadores de Ferrol e de Barallobre, cuxos obxectivos principais sexan favorecer a mellora da biomasa da especie e reducir a súa mortalidade, para o cal, solicitan a aprobación do dito plan para o período comprendido entre os meses de xuño e setembro de 2025.

Fundamentos técnicos e de dereito:

1. O Regulamento (UE) 2025/202, do 30 de xaneiro de 2025, polo que se fixan para 2025 e 2026 as posibilidades de pesca para determinadas poboacións de peixes aplicables en augas da Unión e, no caso dos buques pesqueiros da Unión, en determinadas augas non pertencentes á Unión, e se modifica o Regulamento (UE) 2024/257, establece no seu artigo 13 as medidas aplicables ás pesqueiras de anguía.

2. O artigo 13.3 do dito Regulamento (UE) 2025/202 establece que queda prohibido practicar actividades pesqueiras comerciais de anguía (Anguilla anguilla), en todas as fases de vida, durante un período mínimo de seis meses entre o 1 de abril de 2025 e o 31 de marzo de 2026. Ademais, os Estados membros e os pescadores farán todos os esforzos razoables para reduciren ao mínimo e, cando sexa posible, eliminaren as capturas accesorias de anguía. Cando se capturen anguías de forma accidental, non se ocasionarán danos aos exemplares e liberaranse con rapidez.

3. O Regulamento (CE) número 1100/2007 do Consello, do 18 de setembro de 2007, polo que se establecen medidas para a recuperación da poboación da anguía europea, establece no seu artigo 2.4 a obrigatoriedade de establecer plans de xestión para a recuperación da especie, cuxo obxectivo é «reducir a mortalidade antropoxénica co fin de permitir, cunha elevada probabilidade, a fuga ao mar de polo menos o 40 % da biomasa de anguías europeas correspondente á mellor estimación do posible índice de fuga que se rexistrase no caso de que ningunha influencia antropoxénica incidise na poboación.

4. O artigo 2.8 do Regulamento (CE) número 1100/2007 establece que os plans de xestión da anguía poderán incluír –entre outras– determinadas medidas como, redución da actividade pesqueira comercial, restrición da pesca deportiva, medidas de repoboación, medidas ambientais, loita contra os depredadores e medidas relativas á acuicultura.

5. A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, establece no artigo 6 que «A política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia terá como obxectivos en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, entre outros os de: 1. O establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, a xestión e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos (...)».

6. No Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, a nasa voitirón vén regulada nos artigos 89 a 93 e a nasa anguía nos artigos 94 a 98. Segundo o establecido nos artigos 92 e 97, «o seu uso deberá facerse sempre mediante plans de xestión aprobados pola consellería competente en materia de pesca marítima».

Da discusión das medidas técnicas co sector, acórdase trasladar as recomendacións mediante un plan de xestión para toda Galicia con medidas técnicas específicas para cada ría.

Polo exposto, e logo do informe técnico ao respecto, así como da proposta das confrarías de pescadores de Ferrol e de Barallobre, esta consellería

RESOLVE:

Autorizar a citada pesqueira baixo os seguintes termos e condicións:

1. Participantes.

Unicamente participarán no plan as embarcacións que teñan no seu permiso de explotación autorizada a arte de nasa voitirón ou a de nasa para anguía. Os tripulantes deberán estar debidamente enrolados e a bordo na embarcación en que desenvolve a actividade.

2. Período.

O período autorizado será desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro de 2025.

3. Horario.

a) Nasa para anguía: o uso de nasas para anguía será en horario exclusivamente diúrno.

b) Nasa voitirón: a utilización de nasas voitirón será tanto diúrna como nocturna.

As nasas poderán permanecer caladas no mar as fins de semana e non se poderá levantar a arte entre as 12.00 horas do sábado e as 12.00 horas do luns seguinte.

4. Arte.

As artes que se usarán serán:

a) A nasa para anguía, segundo as seguintes características técnicas:

1ª. A nasa para anguía ten forma case cilíndrica, con dúas aberturas nas caras opostas, unha de entrada en forma de funil e outra provista de tapadeira, que serve para retirar as capturas.

2ª. A lonxitude máxima será de 670 milímetros.

3ª. A altura ou diámetro máximo será de 350 milímetros.

b) A nasa voitirón, segundo as seguintes características técnicas:

1ª. A nasa voitirón consta dunha parte central rectangular de rede, chamada parada, ao extremo da cal e perpendicularmente a ela se sitúan tres funís concéntricos de rede que desembocan nunha última cámara onde quedan atrapados os peixes.

2ª. A lonxitude máxima será de 6 metros.

3ª. A altura ou diámetro máximo será:

– Primeiro aro: alto 500 milímetros, largo 700 milímetros.

– Segundo aro: diámetro máximo 400 milímetros.

– Terceiro aro: diámetro máximo 350 milímetros.

– Cuarto aro: diámetro máximo 340 milímetros.

4ª. A dimensión de malla mínima será de 14 milímetros na parte dos funís e de 16 milímetros no da parada.

5. Número de nasas.

Con base no establecido no Plan de xestión da anguía en Galicia, ningunha embarcación poderá empregar máis de 80 nasas de anguía ou nasas de voitirón ao día, independentemente da zona de pesca.

6. Zonas de pesca.

A zona de traballo autorizada é a ría de Ferrol, segundo a carta mariña que acompaña esta resolución como anexo A.

Para evitar a morte de capturas incidentais, prohíbese que os voitiróns queden en seco, polo que cómpre ter en consideración a influencia das mareas para adecuar á zona de traballo os puntos de calado das devanditas nasas.

7. Balizamento da arte.

As artes deberán estar convenientemente balizadas segundo a normativa vixente, cunha boia nos extremos na cal irá pintado o folio e o nome do barco a que pertencen, así como o tipo de arte, neste caso coa letra N, de tal xeito que permita a súa identificación. As boias de cada embarcación serán todas da mesma cor e tamaño.

8. Especies.

Anguía e acompañantes que deberán estar en época de extracción e superar o tamaño mínimo.

Evitarase a captura de anguías prateadas, e todas as que se capturen deberán ser devoltas ao mar para asegurar a súa reprodución. Procurarase baleirar as nasas o máis axiña posible, para evitar a mortalidade das capturas accidentais, e queda prohibido ter máis dunha cacea sen baleirar na cuberta da embarcación.

9. Punto de control e venda.

Zonas de pesca, lonxas e puntos de venda autorizados.

10. Control e seguimento da actividade pesqueira.

a) Despachos telemáticos. Deberán despachar as embarcacións na epígrafe de adhesión a plan de explotación: [«NASA ANGUÍA (30A); NASA VOITIRÓN (15F) PLAN ANGUÍA 2025 (RÍA DE FERROL)»]. Polo tanto, as embarcacións que despachen a un plan de explotación só poderán faenar no mesmo día no ámbito do correspondente plan, e non poderán usar ningunha outra arte que teñan no seu permiso de explotación.

Por outra banda, advírtese que, ao remate da vixencia deste plan, se non se realiza un novo rexistro de actividade pesqueira, a embarcación pasará á situación de «pendente rexistro actividade».

b) Remisión de datos de capturas. Con periodicidade mensual a confraría deberá remitir datos de extracción por especie, utilizando como modelo o que como anexo B se xunta, ao Servizo de Pesca da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, vía correo electrónico ao enderezo serviciopesca@xunta.gal. No caso da anguía, débese indicar a procedencia das capturas: (M) as capturadas na zona marítima, (F) as capturadas na zona fluvial. A non inclusión de datos dalgunha das embarcacións no período estipulado terá como consecuencia a súa baixa definitiva do plan.

c) Mostraxes. Durante o período de vixencia do plan, técnicos da Consellería do Mar poderán realizar en calquera das embarcacións autorizadas, mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan. A este respecto, os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.

d) Para dar cumprimento ás medidas adoptadas neste plan experimental, as embarcacións autorizadas estarán suxeitas ás correspondentes inspeccións por parte da Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia, da Consellería do Mar.

11. Extracción e comercialización.

O exercicio da actividade extractiva e comercial establecida neste plan está sometida ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca.

12. Infraccións e sancións.

O incumprimento das condicións establecidas neste plan poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante o conselleiro do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2025

O conselleiro do Mar
P.D. (Orde do 21.2.2022; DOG núm. 41, do 1.3.2022)
Patricia García Sánchez
Directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

ANEXO A

Cartografía das zonas autorizadas para o Plan de pesca de anguía para as confrarías de pescadores da ría de Ferrol

Tempada 2025

missing image file

ANEXO B

Declaración de capturas de embarcacións

NOME DO PLAN: ANO: MES: HORARIO:

Nº CFPO

NOME
EMBARCACIÓN

MATRÍCULA E FOLIO

T.R.B.

NASAS (1)

Nº TRIPULANTES

Nº DÍAS TRABALLADOS

ZONA

EXTRACCIÓN (3)

ESPECIE (2)

Kg

(1) Para cubrir unicamente naqueles plans en que se emprega esta arte.

(2) Cando unha embarcación capture varias especies no mesmo mes deberá cubrirse un recadro por cada especie.

(3) No caso da anguía débese indicar a procedencia das capturas: (M) as capturadas na zona marítima, (F) as capturadas na zona fluvial.