DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 23 de maio de 2025 Páx. 29450

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2025 pola que se convoca unha xornada de narcotráfico, criptoactivos e branqueo de capitais en colaboración coa Fundación Galega contra o Narcotráfico.

O branqueo de capitais a través de criptoactivos representa un desafío crecente no ámbito da seguridade, a xustiza e a economía. A natureza descentralizada e en moitos casos anónima das criptomonedas e as súas transaccións facilitan a ocultación da orixe ilícita de fondos e o seu posterior branqueo, permitindo ás persoas infractoras mover diñeiro de maneira máis eficiente e difícil de rastrexar en comparación cos métodos tradicionais. Este fenómeno complica as investigacións e require de novas estratexias e ferramentas especializadas.

O tráfico de drogas caracterízase pola xeración de elevados volumes de diñeiro ilícito que necesita ser introducido no circuíto legal, atopando a máxima opacidade nos denominados criptoactivos e a maior rapidez imaxinable nas transaccións vía internet e novas tecnoloxías.

A crecente importancia e complexidade do branqueo de capitais procedentes do narcotráfico a través de criptoactivos e o seu impacto potencial na seguridade, a economía e a xustiza, fan máis que necesaria a organización de xornadas especializadas que permitan coñecer esta problemática e as súas características, condicións necesarias para investigar, detectar e intervir eficazmente os complexos armazóns financeiros do crime organizado.Unha formación concreta que permita actualizar coñecementos, compartir experiencias e fortalecer as capacidades das forzas da orde e os profesionais da Administración de xustiza.

Dentro das actividades programadas para o ano 2025 no plan de formación aprobado polo seu consello reitor, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, en colaboración coa Fundación Galega Contra o Narcotráfico, anúnciase a convocatoria dunha xornada de narcotráfico, criptoactivos e branqueo de capitais, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: Xornada de narcotráfico, criptoactivos e branqueo de capitais.

Tipo: xornada.

Horas lectivas: 7.

Modalidade: presencial.

Obxectivo:

Así pois, o obxectivo principal da xornada é proporcionar aos participantes unha comprensión profunda das metodoloxías que utilizan as redes do crime organizado – en particular narcotráfico– para ocultar e branquear as súas ganancias a través de criptoactivos e as estratexias especializadas para a súa detección e intervención.

Contidos:

– Narcotráfico: métodos de financiamento e branqueo de capitais.

Blockhain, criptoactivos e criptomonedas.

– Criptoactivos e branqueo de capitais do narcotráfico.

– Marco legal: lexislación europea e española.

– Estratexias, ferramentas e técnicas de investigación.

– Casos reais e mesa redonda de debate.

2. Persoal destinatario.

Persoal das forzas e corpos de seguridade pública, vixilancia aduaneira, Axencia Tributaria e persoal da Administración de xustiza.

3. Número de prazas por edición.

80 prazas.

4. Prazo de inscrición.

O prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o día 9 de xuño de 2025 ás 14.00 horas.

A listaxe de persoas seleccionadas seralle comunicada a través do espazo web persoal da http://agasp.xunta.gal ao persoal admitido para a súa realización.

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

Data: 12 de xuño de 2025.

Horario lectivo: das 9.30 ás 14.30 horas e das 16.00 ás 18.00 horas.

6. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 10 de maio de 2025

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública