DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 23 de maio de 2025 Páx. 29453

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2025 pola que se aproba a delimitación do ámbito de actuación que será obxecto de transformación urbanística para a creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública en Ourense.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 10 de abril de 2025, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) adoptou a proposta de declaración de interese autonómico da actuación de creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas protexidas mediante un proxecto de interese autonómico en Ourense, no ámbito identificado como SU1 (Escorial-Vinteún), situado ao norte da cidade, entre o viario de acceso e circunvalación, constituíndo a área de expansión do barrio do Vinteún.

Segundo. O director xeral do IGVS remitiu o 21 de abril de 2025 ao Concello de Ourense a delimitación inicial do ámbito de actuación seleccionado, para os efectos de que manifestase a súa conformidade con carácter previo á súa aprobación mediante resolución da presidenta do IGVS.

Terceiro. Con data do 30 de abril de 2025 tivo entrada no Rexistro do Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Ourense decreto do concelleiro de Obras Públicas, Infraestruturas, Servizos Urbanos e Medio Ambiente e Urbanismo de Ourense en que presta conformidade á delimitación inicial realizada polo IGVS do ámbito seleccionado para promover e desenvolver actuacións de creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O artigo 62 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, relativo aos proxectos de interese autonómico para a creación de solo residencial, sinala que:

«Co obxecto de atender as necesidades urxentes de solo residencial, a consellería competente en materia de vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou de entidades integrantes do sector público autonómico participadas por este organismo, poderá promover e desenvolver actuacións de creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública, sempre que concorran os seguintes requisitos:

a) Que exista unha forte demanda social demostrada por fontes de datos obxectivas, como pode ser o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que as actuacións de transformación urbanística propostas transcenden o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, pola súa magnitude ou polas súas singulares características que as fagan portadoras dun interese supramunicipal cualificado».

Por outra banda, o artigo 63 da citada lei, baixo a rúbrica Declaración de interese autonómico, establece o seguinte:

«1. A tramitación dos proxectos regulados no artigo anterior axustarase ás previsións contidas na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, para os proxectos de interese autonómico, de tipo non previsto, xunto coas especialidades recollidas nesta subsección.

2. Como requisito previo para o inicio do procedemento de aprobación como proxectos de interese autonómico, será precisa a declaración do interese autonómico da actuación que constitúa o seu obxecto polo procedemento descrito neste artigo.

3. O Instituto Galego da Vivenda e Solo seleccionará previamente aquelas áreas urbanas en que concorran os requisitos sinalados no artigo 62, identificando, respecto de cada concello ou concellos afectados, as zonas urbanisticamente máis adecuadas para desenvolver as iniciativas de planificación e proxección de actuacións de creación de solo residencial de promoción pública.

4. Constando a conformidade do concello afectado, a Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo aprobará mediante resolución a delimitación dos ámbitos de actuación que serán obxecto de transformación urbanística, xustificando a concorrencia dos requisitos sinalados no artigo 62. A devandita resolución implicará a declaración do interese autonómico da actuación que constitúa o seu obxecto e será publicada no Diario Oficial de Galicia».

Segunda. Examinada a documentación que consta no expediente, apréciase a concorrencia dos requisitos exixidos polo artigo 62 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, para promover e desenvolver actuacións de creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública en Ourense (SU1 Escorial-Vinteún).

Así, no concello de Ourense existe unha forte demanda social de vivenda, acreditada polo elevado número de persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia, que ascende a 840.

Por outra banda, as actuacións de transformación urbanística propostas transcenden o ámbito municipal, xa que a superficie do ámbito permitirá dispor de capacidade suficiente para a fixación de poboación neste zona, en especial da xente moza, e promover, deste xeito, o impulso e dinamización demográfica de Ourense, favorecendo, ao mesmo tempo, a implantación de actividades económicas. Ademais, tales actuacións contribuirán ao desenvolvemento e execución das políticas autonómicas sectoriais en materia de vivenda, facilitando o acceso de aquelas persoas con máis dificultades e incidirán no desenvolvemento económico, social e territorial de Galicia, nos termos previstos no artigo 41.2.c) da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

Terceira. A competencia para ditar esta resolución corresponde á presidenta do IGVS, conforme o disposto no artigo no artigo 63.4 da Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Vistos os antecedentes de feito e as consideracións legais descritas anteriormente, así como a proposta do director xeral do IGVS,

RESOLVO:

Aprobar a delimitación do ámbito de actuación SU1 (Escorial-Vinteún), que será obxecto de transformación urbanística para a creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública en Ourense, que figura como anexo desta resolución.

A devandita delimitación poderá ser obxecto de variacións como consecuencia dos axustes que sexa preciso introducir na fase de redacción e tramitación dos proxectos de interese autonómico, que serán debidamente comunicadas ao concello.

Esta resolución implica a declaración do interese autonómico da actuación que se levará a cabo no ámbito delimitado.

De conformidade co establecido no artigo 63.4 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, esta resolución deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun mes, desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2025

María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO

Delimitación inicial do ámbito de actuación SU1 (Escorial-Vinteún)

missing image file
missing image file