DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 23 de maio de 2025 Páx. 29459

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2025 pola que se regula o Fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción, e se convoca o acceso ao dito fondo para a anualidade 2025 (código de procedemento VI406I).

O punto primeiro do artigo 33 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, dispón que o depósito obrigatorio das fianzas terá a consideración de ingreso de dereito público do Instituto Galego da Vivenda e Solo. No seu punto terceiro establece que o importe das fianzas depositadas poderá ser destinado a investimentos para a promoción, construción e rehabilitación de vivendas protexidas de promoción pública, a actuacións directas en núcleos antigos ou suxeitos a un proceso de renovación urbana, á dotación de fondos de cooperación cos concellos para o impulso de actuacións de rehabilitación, rexeneración ou renovación urbana, así como para a adquisición e promoción de vivenda de nova construción, a medidas de fomento do alugamento e a políticas de fomento do dereito á vivenda previstas nesta lei, sempre que quede garantida a devolución das fianzas que sexan reclamadas no tempo e forma que proceda.

A disposición adicional vixésimo segunda da Lei 8/2012, do 29 de xuño, na redacción dada polo punto sexto do artigo 33 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, creou o fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da adquisición e promoción de vivenda de nova construción.

O 31 de decembro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. O artigo 79, relativo a modificación da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, recolle no seu punto quince a modificación do título e os puntos 1, 2 e 3 da disposición adicional vixésimo segunda da Lei 8/2012, do 29 de xuño.

En virtude do disposto no citado artigo, a disposición adicional vixésimo segunda da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, crea o Fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción, como un fondo sen personalidade xurídica propia, para a xestión de instrumentos financeiros de préstamos sen xuros aos concellos para a dita finalidade.

Conforme a devandita disposición adicional, o fondo será xestionado polo dito organismo, correspondéndolle tamén determinar as condicións que deben cumprir os concellos para poder acollerse a el, o procedemento de solicitudes, condicións e, finalmente, o procedemento de concesión dos préstamos.

Poderán acollerse ao fondo os concellos que cumpran as condicións que se establezan nesta resolución con obxecto de financiar, mediante un préstamo sen xuros concedido por este organismo, a promoción de vivenda protexida de nova construción, directamente ou a través doutros promotores públicos ou privados, incluída a adquisición de solo para a promoción de inmobles de nova construción para a súa cualificación como vivendas protexidas.

En consecuencia e segundo o disposto no artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais.

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto regular a xestión e o acceso ao Fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción (en diante, Fondo de cooperación), así como fixar o procedemento, as condicións e os criterios para acceder a el.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócase para a anualidade de 2025 o acceso ao dito fondo (código de procedemento VI406I).

Segundo. Carácter e dotación do fondo de cooperación

1. O Fondo de cooperación será xestionado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e non terá personalidade xurídica.

2. O Fondo de cooperación estará dotado de 10.000.000 euros, procedente dos depósitos obrigatorios das fianzas de arrendamento.

3. As devolucións efectuadas polos concellos pasarán novamente a formar parte do Fondo de cooperación, para que poida ser reutilizado en novas disposicións por parte dos concellos.

4. O Fondo de cooperación dotarase nunha conta específica de titularidade do IGVS, mediante unha transferencia bancaria procedente das contas de fianzas do organismo. Esta operación terá unha correlación na contabilidade orzamentaria do IGVS, mediante a creación e dotación dos conceptos de ingresos e gastos financeiros correspondentes.

5. O fondo contará cunha contabilidade separada da do IGVS, con que presentará os seus estados orzamentarios e contables de xeito consolidado. En todo caso, estará sometido ao réxime de auditoría, control e rendición de contas que resulte aplicable ao organismo.

6. A conta do fondo unicamente poderá admitir ingresos procedentes das contas do IGVS arriba sinaladas e dos reintegros dos préstamos efectuados polos concellos.

7. Os xuros que devindique esta conta ingresaranse na tesouraría do IGVS, con aplicación ao concepto oportuno do orzamento de ingresos.

Terceiro. Xestión e control do Fondo de cooperación

1. A contabilización das saídas e entradas de fondos da conta faranse a través dos respectivos conceptos orzamentarios de ingresos e gastos.

2. As reposicións de cantidades que fagan os concellos, unha vez cumpridos os períodos de devolución, contabilizaranse como ingreso e servirán para facer novas achegas desde o fondo, mentres dure a súa vixencia.

3. Cando se cancele definitivamente o fondo, o IGVS devolverá a totalidade da súa contía á conta de fianzas.

4. Os importes librados conforme o previsto nesta resolución terán, en todo caso, o carácter de fondos públicos e formarán parte integrante do Tesouro público.

5. O IGVS levará o control contable das ordes de pagamento expedidas en desenvolvemento da finalidade do fondo, así como unha contabilidade auxiliar detallada de todas as operacións que se realicen.

Cuarto. Recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

II. Regulación do Fondo de Cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción.

Quinto. Concellos destinatarios do financiamento

Poderán acceder ao financiamento a través do Fondo de cooperación todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sexto. Actuacións financiables mediante o Fondo de cooperación

1. Con cargo ao Fondo de cooperación poderán financiarse, total ou parcialmente, as seguintes actuacións:

a) A promoción de vivenda protexida de nova construción, directamente ou a través de outros promotores públicos ou privados.

b) As de urbanización dirixidas ao paso dun ámbito de solo da situación de rural a urbanizado para crear, xunto coas correspondentes infraestruturas e dotacións públicas, unha ou máis parcelas aptas para a edificación ou uso independente e conectadas funcionalmente coa rede dos servizos exixidos pola ordenación territorial e urbanística.

c) A adquisición de solo para a promoción de inmobles de nova construción para a súa cualificación como vivendas protexidas.

2. As vivendas que se promovan deberán cualificarse como vivendas protexidas no réxime que corresponda e respectar o disposto na normativa vixente en función da súa cualificación.

3. Poderanse financiar as actuacións iniciadas con carácter previo á presentación da solicitude de acceso ao financiamento, sempre que estean en execución nesa data.

4. As actuacións obxecto de financiamento deberán executarse no prazo máximo de catro anos, nos supostos previstos nas letras a) e b) do número 1, e de dous anos para os casos establecidos na letra c), salvo que, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS e logo da solicitude do concello, se estableza un prazo maior por concorrer causas debidamente xustificadas no expediente. Estes prazos empezarán a contar desde o día seguinte ao da data de sinatura do correspondente convenio de financiamento.

Sétimo. Condicións de financiamento

1. Ningún concello poderá presentar unha ou varias solicitudes de disposición de fondos que, individual ou conxuntamente, excedan o 40 % do total do importe con que está dotado o Fondo de cooperación. Non se admitirán aquelas solicitudes que superen o dito límite.

2. O prazo para a reposición das cantidades percibidas con cargo ao Fondo de cooperación será o establecido na resolución de aprobación do financiamento, sen que poida exceder de oito anos, contados desde o día seguinte ao da data da formalización do correspondente convenio.

3. A reposición das cantidades correspondentes a cada anualidade deberá realizarse antes do último día hábil do mes de setembro de cada ano.

4. O importe que debe repoñer o concello en cada anualidade non poderá ser inferior ao 10 % do importe total transferido.

Oitavo. Solicitudes para acceder ao Fondo de cooperación

1. Os concellos que desexen acceder ao Fondo de cooperación deberán dirixir unha solicitude á Dirección Xeral do IGVS, segundo o formulario que figura como anexo I a esta resolución.

2. No caso de que os concellos pretendan financiar varias actuacións a través desta convocatoria, deberán presentar unha solicitude para cada unha delas.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Noveno. Documentación complementaria

1. Os concellos interesados deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificado do acordo municipal de solicitar o acceso ao Fondo de cooperación, no cal se indique a actuación obxecto de financiamento, o importe solicitado, unha proposta do prazo de reposición da cantidade solicitada, o importe para satisfacer con cargo ás distintas anualidades e a designación da persoa habilitada para realizar os trámites ante a Administración.

b) Memoria descritiva da actuación para a que se solicita o financiamento, asinada polo correspondente responsable municipal, co seguinte contido mínimo:

– No suposto das actuacións previstas nas letras a) e b) do punto primeiro do ordinal sexto, a memoria deberá detallar o orzamento total da actuación, desagregado por capítulos de obra, o seu prazo de execución, a clasificación e cualificación urbanística do solo, a viabilidade urbanística da actuación, así como toda a información que permita constatar que a actuación constitúe un dos supostos de financiamento sinalados. A memoria incluirá, así mesmo, documentación gráfica representativa da actuación, número de vivendas da promoción, cadro de superficies útiles de cada unha delas e dos seus anexos como fotografías, infografías ou montaxes dixitais, nas cales se poida apreciar o estado inicial e final do inmoble, logo da actuación.

– No suposto da actuación prevista na letra c) do punto primeiro do ordinal sexto, a memoria deberá detallar o prezo do solo que se pretende adquirir, a data prevista para a súa adquisición, así como toda a información que permita constatar que a actuación constitúe un dos supostos de financiamento previstos no ordinal cuarto. A memoria incluirá, así mesmo, unha reportaxe fotográfica do solo que se pretende adquirir.

c) Documento administrativo acreditativo da dispoñibilidade do solo, no suposto de actuacións de promoción de vivendas protexida de nova construción.

d) Xustificación da Intervención municipal da proposta do prazo de reposición da cantidade solicitada, de acordo co principio de sustentabilidade financeira.

e) Compromiso asinado polo órgano municipal competente de permitir a compensación e retención das achegas vencidas e non ingresadas con cargo ao Fondo de Cooperación Local, para o caso de que non se reintegren as cantidades nos prazos previstos na resolución e no posterior convenio de financiamento.

f) Compromiso asinado polo órgano municipal competente de incluír nos orzamentos dos exercicios seguintes, con cargo aos ingresos correntes, os importes das anualidades previstas na resolución e no posterior convenio de financiamento.

g) Compromiso asinado polo órgano municipal competente de non compensar as amortizacións pendentes coas contías que, por calquera outro concepto, puidese deberlles a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou entidades públicas instrumentais pertencentes ao seu sector público.

h) Reportaxe fotográfica da actuación realizada no momento de presentar a solicitude e certificado do órgano municipal competente en que se indique que nesa data as actuacións non están rematadas, con indicación da súa porcentaxe de execución, no suposto de que as actuacións estean iniciadas con carácter previo á presentación da solicitude.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Se algún dos concellos interesados presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Os concellos interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas polo concello interesado, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) Documento nacional de identidade ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa representante.

2. No caso de que as persoas ou entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa ou entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas ou entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo primeiro. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo segundo. Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Axudas á Vivenda do IGVS.

2. Correspóndelle a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS a resolución do procedemento de acceso ao Fondo de cooperación.

Décimo terceiro. Instrución do procedemento

1. O procedemento iniciarase de oficio mediante a publicación no DOG desta resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude presentada non reunise os requisitos exixidos no ordinal sétimo ou non fose acompañada da documentación relacionada no ordinal oitavo, requirirase o concello solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Admitidas as solicitudes, o IGVS comprobará que a actuación se axusta aos requisitos previstos nesta resolución, podendo solicitar do concello os informes complementarios e a documentación que considere precisa.

4. Unha vez finalizada a fase de instrución, a Dirección Técnica de Axudas á Vivenda do IGVS remitirá unha proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para a adopción da correspondente resolución.

Décimo cuarto. Resolución e recursos

1. As resolucións ditaranse por rigorosa orde de entrada das solicitudes, ata esgotar o crédito orzamentario dispoñible. Para estes efectos, considerarase como data de entrada da solicitude aquela en que esta estivese validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta convocatoria.

2. A resolución poderá acordar a inadmisión, a estimación ou a desestimación da solicitude de acceso ao Fondo de cooperación.

3. As resolucións de estimación establecerán as actuacións que se van financiar, a contía da cal se vai dispor con cargo ao Fondo de cooperación e o prazo e as condicións de reintegro.

4. O prazo máximo para ditar e notificar as resolucións de acceso ao financiamento será dun mes. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima a concello interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

5. A eficacia das resolucións estimatorias quedará demorada á sinatura dos correspondentes convenios de financiamento. Para esta sinatura, os concellos interesados deberán acreditar o cumprimento dos requisitos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o cal se realizará mediante a presentación dunha declaración responsable asinada polo órgano municipal competente ante o IGVS.

6. Contra as resolucións ditadas neste procedemento poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo quinto. Convenios de financiamento

1. A aprobación do acceso ao Fondo de cooperación materializarase mediante a sinatura do correspondente convenio entre o IGVS e o concello destinatario do financiamento, segundo o modelo que figura como anexo II a esta resolución.

2. A sinatura do convenio de financiamento terá lugar no prazo non superior a un mes, contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución de aprobación de acceso ao financiamento.

A sinatura do convenio suporá a íntegra aceptación polo concello do contido da resolución de acceso ao Fondo de cooperación.

De non asinarse o convenio por causas imputables ao concello, este perderá o dereito ao acceso ao financiamento solicitado, que se declarará mediante a correspondente resolución.

Décimo sexto. Disposicións do Fondo de cooperación

1. A disposición das cantidades con cargo ao Fondo de cooperación efectuarase mediante transferencia bancaria ao número de conta indicado polo concello na súa solicitude. A dita disposición non devindicará xuros.

Os concellos asinantes deberán ingresar na conta indicada polo IGVS no convenio de financiamento os importes fixados na resolución, conforme os prazos de reposición.

2. O concello poderá, en calquera momento, amortizar, total ou parcialmente, o importe pendente da disposición.

3. As amortizacións parciais non poderán ser por unha contía inferior a 50.000 euros, agás que o concello queira reintegrar anticipadamente a totalidade do importe da disposición e esta fose inferior á dita cantidade.

No caso de amortizacións parciais, deberá comunicarllo previamente ao IGVS mediante a presentación, cunha antelación mínima de quince días naturais e máxima de sesenta días, tamén naturais, á data en que se queira facer efectiva a amortización anticipada, do anexo III desta resolución.

O importe amortizado aplicarase proporcionalmente ás anualidades seguintes a aquela en que se realice a amortización.

O IGVS comunicará ao concello as cantidades que se aboarán en cada anualidade como consecuencia da amortización.

4. No suposto de que o concello non repuxese as cantidades acordadas dentro dos prazos fixados na resolución, as citadas cantidades consideraranse vencidas, líquidas e exixibles, para os efectos da súa posible compensación con cargo ao Fondo de cooperación local. Neste caso, así como en calquera outro en que se incumprisen as obrigas asumidas polo concello, o IGVS poderá resolver o convenio de financiamento, o que comportará a obriga do concello de devolver a totalidade da cantidade percibida e de aboar os correspondentes xuros legais, calculados desde o día seguinte ao da transferencia das cantidades, así como a imposibilidade de que o concello poida obter unha nova disposición con cargo ao Fondo de cooperación, mentres non se produza o reintegro efectivo das ditas cantidades.

Décimo sétimo. Xustificación das actuacións obxecto de financiamento

1. O cumprimento por parte do concello das finalidades obxecto do financiamento deberá acreditarse ante a Dirección Xeral do IGVS mediante a presentación, por vía electrónica, dun certificado do órgano competente do concello da finalización das obras de promoción de vivenda protexida de nova construción ou de urbanización, ou, de ser o caso, da adquisición do solo.

O prazo para presentar estes documentos será de dous meses, contados desde o día seguinte á finalización das actuacións.

2. Así mesmo, o concello deberá remitir electronicamente á Dirección Xeral do IGVS, con periodicidade semestral, ata o completo remate da actuación, un informe sobre o estado de execución das obras ou da adquisición do inmoble, acompañados de fotografías, sen prexuízo de que o IGVS poida realizar as comprobacións que considere oportunas.

Décimo oitavo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

III. Convocatoria.

Décimo noveno. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 15 de outubro de 2025 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, para o caso de que o devandito esgotamento se tivese producido con anterioridade á dita data.

Vixésimo. Crédito orzamentario

1. O Fondo de cooperación está dotado para esta convocatoria cun importe de 10.000.000 euros, respectando a disposición máxima prevista no artigo 13 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS.

2. As disposicións de cantidades do Fondo de cooperación previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451B.821.61, correspondente á anualidade 2025 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

IV. Eficacia.

Vixésimo primeiro. Eficacia da resolución

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2025

María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Convenio de colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Concello de ... para o acceso ao fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción

Reunidos:

Dunha parte, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), con NIF Q6550004C e domicilio en Área Central s/n, Polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela (A Coruña), representado por María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, en virtude das atribucións que lle confire a súa calidade de presidenta do IGVS, segundo o artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo (DOG núm. 101, do 27 de maio).

Doutra parte, o Concello de ... con NIF ... e domicilio na ..., representado por ... na súa condición de ... en virtude das atribucións conferidas polo artigo 21 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

As partes recoñécense mutuamente capacidade legal suficiente para outorgar o presente convenio de colaboración e, para tal efecto,

Manifestan:

I. O IGVS é o organismo autónomo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas encargado de realizar a política de vivenda e solo da Xunta de Galicia, co fin de garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada, segundo dispón o artigo 3 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS, e pode, para o cumprimento destes fins, establecer convenios con entes públicos ou privados.

II. O artigo 80.2.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, establece que o municipio exercerá, en todo caso, competencias nos termos da lexislación do Estado e da Comunidade Autónoma, nas materias de «ordenación, xestión, execución e disciplina urbanística; a promoción e xestión de vivendas; os parques e xardíns; a pavimentación de vías públicas urbanas e a conservación de camiños e vías rurais».

III. As partes asinantes son conscientes das dificultades económicas e sociais da poboación para acceder a unha vivenda e desde o IGVS considérase conveniente facilitar a participación dos concellos na adquisición e promoción de vivendas destinadas a alugamento social, facilitando que a cidadanía poida dispor dunha vivenda digna e adecuada.

IV. A disposición adicional vixésimo segunda da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, na redacción dada polo ordinal sexto do artigo 33 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, creou o fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da adquisición e promoción de vivenda de nova construción.

V. O artigo 79 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas modifica o título e os puntos 1, 2 e 3 da disposición adicional vixésimo segunda da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia. Desta forma, dispón a creación do fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción, como un fondo sen personalidade xurídica propia, para a xestión de instrumentos financeiros de préstamos sen xuros aos concellos para a dita finalidade.

Conforme a devandita disposición adicional, o citado fondo dotarase a partir dos depósitos procedentes das fianzas de arrendamento, co importe máximo que, logo da autorización por parte da consellería competente en materia de facenda, se estableza mediante unha resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Así mesmo, a disposición adicional dispón que o fondo será xestionado polo dito organismo, correspondéndolle tamén determinar as condicións que deben cumprir os concellos para poder acollerse a el, o procedemento de solicitudes, condicións e, finalmente, o procedemento de concesión dos préstamos.

VI. O procedemento de acceso ao Fondo de cooperación foi convocado, para a anualidade de 2025, mediante a Resolución da presidenta do IGVS do ...

VII. En virtude de resolución do director xeral do IGVS do ... aprobouse a solicitude formulada polo concello asinante deste convenio para o acceso ao Fondo de cooperación, a cal deberá materializarse mediante a sinatura do presente convenio de financiamento.

Polas razóns anteriores, as partes comparecentes acordan formalizar o presente convenio de colaboración, que levan a efecto en virtude das seguintes

Cláusulas

Primeira. Obxecto

O presente convenio ten por obxecto definir os termos da colaboración e os compromisos mutuos das partes asinantes, de cara ao financiamento con cargo ao Fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción (no sucesivo, Fondo de cooperación) da seguinte actuación:

Obxecto:

Orzamento total:

Importe do financiamento:

Prazo de reposición:

Segunda. Obrigas das partes

O IGVS comprométese a:

a) Financiar a actuación descrita na cláusula primeira, mediante a disposición da cantidade de ... a favor do concello asinante deste convenio.

b) Transferir o referido importe ao concello, nos termos establecidos na cláusula terceira deste convenio.

Pola súa banda, o concello asinante deste convenio asume os seguintes compromisos:

a) Destinar as cantidades aboadas con cargo ao Fondo de cooperación á execución da actuación obxecto de financiamento.

b) A repoñer, no número de conta ..., con indicación do seu concepto, a cantidade percibida con cargo ao Fondo de cooperación no prazo de ... anos (non poderá exceder de oito anos), contados desde o día seguinte ao da data de formalización do presente convenio, mediante o ingreso dos seguintes importes.

Anualidade 2026:

Anualidade 2027:

Anualidade 2028:

Anualidade 2029:

Anualidade 2030:

Anualidade 2031:

Anualidade 2032:

Anualidade 2033:

As anteriores cantidades poderanse modificar no suposto de que o concello amortice o importe pendente da disposición, en virtude do establecido na cláusula cuarta deste convenio.

A reposición das cantidades correspondentes a cada anualidade deberá realizarse antes do último día hábil do mes de setembro de cada ano.

c) A xustificar as actuacións obxecto de financiamento, nos termos previstos na cláusula quinta.

d) A incluír nos orzamentos dos seus exercicios seguintes, con cargo aos ingresos correntes, as anualidades previstas neste convenio para a reposición de fondos.

e) A permitir a compensación e retención das achegas vencidas e non pagadas con cargo ao Fondo de cooperación local, para o suposto de que o concello non repuxese as cantidades acordadas dentro dos prazos fixados na resolución ou incumprise calquera outra das obrigas previstas no convenio de financiamento.

f) A ingresar no citado número de conta a totalidade da cantidade percibida, así como os xuros legais correspondentes á disposición realizada, no suposto de resolución anticipada do convenio por incumprimento das súas obrigas.

g) A non compensar as amortizacións pendentes coas contías que, por calquera outro concepto, puidese deberlles a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou entidades públicas instrumentais pertencentes ao sector público autonómico.

Terceira. Disposición do importe con cargo ao Fondo de cooperación

A disposición de cantidades con cargo ao Fondo de cooperación efectuarase mediante transferencia bancaria ao número de conta ...

Cuarta. Amortización

O concello poderá, en calquera momento, amortizar, total ou parcialmente, o importe pendente da disposición.

As amortizacións non poderán ser por unha contía inferior a cincuenta mil euros, agás que o concello queira reintegrar anticipadamente a totalidade do importe da disposición e esta fose inferior á dita cantidade.

No suposto de amortizacións parciais, deberá comunicarllo previamente ao IGVS mediante a presentación do anexo III da resolución de convocatoria de acceso ao Fondo de cooperación, cunha antelación mínima de quince días naturais e máxima de sesenta días, tamén naturais, á data en que se queira facer efectiva a amortización anticipada.

O importe amortizado aplicarase proporcionalmente ás anualidades seguintes a aquela en que se realice a amortización.

O IGVS comunicará ao concello as cantidades que se aboarán en cada anualidade como consecuencia da amortización.

Quinta. Xustificación das actuacións obxecto de financiamento

O cumprimento por parte do concello das finalidades obxecto do financiamento deberá acreditarse ante a Dirección Xeral do IGVS mediante a presentación por vía electrónica dun certificado do órgano competente do concello da finalización das obras de promoción de vivenda protexida de nova construción ou de urbanización, ou, de ser o caso, da adquisición do solo.

O prazo para presentar estes documento será de dous meses, contados desde o día seguinte á finalización das actuacións.

Así mesmo, o concello deberá remitir electronicamente á Dirección Xeral do IGVS, con periodicidade semestral, ata o completo remate da actuación, un informe sobre o estado de execución das obras ou da adquisición do inmoble, acompañados de fotografías, sen prexuízo de que o IGVS poida realizar as comprobacións que considere oportunas.

Sexta. Obrigas e compromisos económicos

O IGVS achegará un importe de ..., que será satisfeito con cargo á aplicación orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025:

Órgano administrativo/entidade

Aplicación orzamentaria

Importe

Instituto Galego da Vivenda e Solo

11.81.451B.821.61

Sétima. Comisión de Seguimento

Coa finalidade de asegurar o cumprimento deste convenio, crearase unha comisión de seguimento, integrada por dous representantes de cada unha das partes.

As funcións da Comisión de Seguimento serán as seguintes:

a) Efectuar un seguimento do grao de cumprimento dos compromisos asumidos polas partes asinantes deste convenio.

b) Resolver as controversias que poidan xurdir na interpretación e cumprimento do convenio.

A Comisión de Seguimento reunirase, por petición de calquera das partes, cantas veces se xulguen oportunas para o desenvolvemento das súas tarefas.

Oitava. Prazo de execución

O prazo de execución deste convenio comezará o día da súa sinatura e rematará na data en que se produza a efectiva reposición das cantidades percibidas con cargo ao Fondo de cooperación.

Novena. Causas de resolución

Serán causas de resolución do convenio as seguintes:

a) O mutuo acordo das partes que o subscriben, manifestado por escrito.

b) O incumprimento de calquera das súas cláusulas.

c) A imposibilidade legal ou material de continuar co obxecto do convenio.

Décima. Datos persoais

De conformidade co establecido nos artigos 14 e seguintes da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e no artigo 29 da Lei autonómica 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as partes asinantes manifestan o seu consentimento para que os datos persoais que constan no presente convenio e demais especificacións contidas nel poidan ser publicados no Portal de transparencia e goberno aberto.

As partes comprométense a tratar os datos persoais que foran postos no seu coñecemento unicamente coa finalidade e co alcance de executar o establecido no presente convenio, respectando os requisitos establecidos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e na súa normativa de desenvolvemento.

Décimo primeira. Réxime xurídico

O presente convenio ten carácter administrativo, rexéndose para os seus efectos polas súas cláusulas, non lle será de aplicación a lexislación de contratos do sector público, conforme o disposto no artigo 4 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, sen prexuízo da aplicación supletoria dos principios da lei para resolver as dúbidas ou lagoas que se puidesen presentar.

Dada a natureza xurídico pública do presente documento, as controversias que puidesen xurdir na aplicación do convenio, non solucionadas pola Comisión de Seguimento, serán resoltas pola xurisdición contencioso-administrativa.

E en proba de conformidade, asinan este convenio por duplicado e para un único efecto, na data indicada pola sinatura dixital.

Polo Instituto Galego da Vivenda e Solo

María Martínez Allegue

Polo Concello de ...

...

missing image file