DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 23 de maio de 2025 Páx. 29548

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2025, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Resolución do 25 de xaneiro de 2024 (Diario Oficial de Galicia número 21, do 30 de xaneiro), pola que se fan públicos a data, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio do proceso selectivo.

Na sesión que tivo lugar o 15 de maio de 2025, o tribunal nomeado pola Resolución do 22 de abril de 2025 para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A1), escala superior de finanzas (DOG número 80, do 28 de abril), convocado pola Resolución do 25 de xaneiro de 2024 (DOG número 21, do 30 de xaneiro), acordou, de conformidade co disposto na base II.1.2.6 da convocatoria, que o primeiro exercicio da oposición terá lugar o día 2 de xuño de 2025, en chamamento único que se iniciará ás 15.30 horas, na aula 7 da Escola Galega de Administración Pública, sita en Santiago de Compostela, na rúa de Madrid, 2-4 (As Fontiñas).

As persoas aspirantes deberán ir provistas de DNI ou de documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul. As persoas aspirantes serán provistas de calculadora polo tribunal e quedará prohibido o uso de calculadoras distintas daquelas que se lles faciliten.

Para o desenvolvemento da segunda proba do exercicio, as persoas aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios; admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas en que figuren notas de vixencia ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples, sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que estea a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido no parágrafo anterior. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión da persoa aspirante.

Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poida valer a persoa aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2025

Juan José Rodríguez Díaz
Presidente do tribunal