DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 23 de maio de 2025 Páx. 29343

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se dá publicidade á encomenda de xestión de carácter técnico á Axencia Galega de Infraestruturas para a supervisión do proxecto Terminal de autobuses integrada na área intermodal da Coruña-San Cristóbal e do Proxecto de construción de elementos comúns da remodelación da estación A Coruña-San Cristóbal e a terminal de autobuses.

De conformidade cos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á encomenda de xestión de carácter técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes á Axencia Galega de Infraestruturas para a supervisión do proxecto Terminal de autobuses integrada na área intermodal da Coruña-San Cristóbal e do Proxecto de construción de elementos comúns da remodelación da estación A Coruña-San Cristóbal e a terminal de autobuses, que ten as seguintes características:

– Obxecto: a elaboración de informes técnicos que sexan precisos para a verificación de que se tiveron en conta as disposicións xerais de carácter legal ou regulamentario así como a normativa técnica que resulten de aplicación para a aprobación do proxecto referido e as súas modificacións, de ser o caso.

Os ditos documentos serán emitidos por persoal técnico cualificado da Axencia Galega de Infraestruturas.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva ao ser a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Axencia Galega de Infraestruturas órganos pertencentes a distintas consellerías con personalidade xurídica propia.

– Prazo de vixencia: esta encomenda terá a duración estritamente necesaria para a elaboración do/dos informe/s técnico/s solicitado/s, que finaliza coa súa entrega.

– Supostos de finalización anticipada: por incumprimento total ou parcial dalgunha das partes ou por mutuo acordo.

– Taxas: a encomenda non liquidará ningunha taxa a favor da Axencia Galega de Infraestruturas en concepto de custo polos servizos que se van prestar en desenvolvemento desta.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2025

Francisco Javier Abad Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes