O día 27 de marzo de 2025 publicouse no DOG núm. 60 a Orde do 24 de marzo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna Talento FP, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional que se inicien no ano 2025 en centros educativos de Galicia (código de procedemento ED333B).
Segundo o establecido no artigo 7.5, o prazo para a presentación de solicitudes era de 60 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG), polo que remata o 26 de maio de 2025.
O artigo 3 da convocatoria establece que as persoas destinatarias son a cidadanía galega residente no exterior que cumpra co disposto no artigo 4.
Tendo en conta a data de remate do prazo de presentación de solicitudes e as persoas destinatarias, que son residentes fóra de España e teñen que cumprir trámites no estranxeiro, resulta aconsellable, para promover e facilitar a súa participación neste procedemento, ampliar o prazo de presentación de solicitudes establecido na convocatoria.
Polo exposto,
DISPOÑO:
1. Modificar o prazo de presentación de solicitudes ata o día 25 de xuño, incluído, polo que resulta ampliado en 30 días naturais o prazo regulado no artigo 7.5 da citada orde.
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG nº 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
