O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñécelles ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.
A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, define a galeguidade como o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaboraren e a compartiren a vida social e cultural do pobo galego, tal e como sinala o artigo 7.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.
En aplicación desta, procede establecer o marco normativo a que se deberá axustar o procedemento de concesión de subvencións que lles posibiliten ás entidades e persoas galegas establecidas noutras comunidades autónomas ou no exterior a realización de programas de actividades que lles sexan propias e, nomeadamente, nas áreas formativas, culturais e de mocidade.
Segundo o establecido no artigo 49 do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (DOG núm. 101, do 27 de maio), a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de emigración e retorno e, en particular, as recollidas na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e as relacións e o apoio ás persoas e ás comunidades galegas no exterior, así como o fomento e a promoción da súa actividade e funcionamento.
A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a participación de toda a colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social. Na realización de todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.
Neste contexto enmárcase esta resolución pola cal se convoca e se regula o programa de viaxes Reencontros con Galicia, que lles permite a persoas emigrantes galegas de 65 anos ou máis, residentes en América, reencontrarse coa terra que os viu nacer.
Para acadar esta finalidade, cóntase coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.
En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas correspondentes ao programa Reencontros con Galicia para o ano 2025, que ten por finalidade facilitarlles ás persoas maiores galegas residentes en América o contacto coa realidade galega actual e o encontro cos seus familiares en Galicia, mediante un período de estadía en Galicia, entre os días 6 e 16 de outubro, e o desenvolvemento dun programa de actividades socioculturais. Co fin de reforzar os lazos familiares, prevese a posibilidade de que os participantes poidan prorrogar a súa estadía, pola súa conta, durante un período aproximado de quince (15) días máis.
As axudas incluirán o financiamento, total ou parcial, do custo dos desprazamentos de ida e volta desde os seus países de residencia ata Galicia, a prestación dos servizos de aloxamento en réxime de pensión completa e as actividades programadas.
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar estas axudas para o ano 2025 (código de procedemento EM926G).
3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.
Artigo 2. Número de prazas convocadas e características do programa
1. Convócanse un total de 200 prazas, que inicialmente se asignarán para os distintos países e modalidades de pagamento segundo o disposto no anexo I.
2. Existen dous tipos de axuda en función do nivel de ingresos da unidade familiar: a que cobre todos os custos dos desprazamentos ata e desde Galicia e a que prevé o financiamento compartido, de modo que cada un dos participantes aboe a contía de seiscentos euros para cubrir parte dos custos dos voos internacionais.
Prevese tamén a posibilidade de optar a unha ou a dúas prazas, en función de que a persoa solicitante pretenda viaxar soa ou acompañada, e de elixir entre dúas datas de regreso: o día do remate das actividades previstas ou quince (15) días despois. Neste caso, todos os gastos que deriven das súas actividades desde que abandonan o establecemento residencial ata o embarque no aeroporto de regreso serán pola súa conta.
Os solicitantes deben identificar as opcións preferidas no modelo de solicitude do anexo II.
3. A prestación sanitaria das persoas participantes realizarase de acordo coa lexislación aplicable en Galicia, coas disposicións vixentes en materia de seguridade social, as do Estado de procedencia e/ou os convenios internacionais subscritos polo Estado español. As persoas solicitantes disporán dunha tarxeta sanitaria con cobertura de prestacións médicas e farmacéuticas para o caso de enfermidade común ou accidente non laboral. As persoas acompañantes terán a cobertura de asistencia médica propia da póliza do seguro de viaxe contratado ao abeiro deste programa por esta secretaría xeral.
Ademais, está previsto que dúas persoas tituladas en Medicina viaxen a Galicia desde Bos Aires, se aloxen cada unha delas nunha residencia e participen nas actividades programadas, de xeito que lles poidan prestar os primeiros auxilios médicos a quen conviva con elas, de ser necesario. Por este traballo non percibirán ningún tipo de honorarios. A súa selección realizaraa, atendendo a criterios de antigüidade e de experiencia en programas similares, a Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires, que lle comunicará o resultado do proceso a esta secretaría xeral para a confirmación da súa designación.
4. Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, as persoas seleccionadas serán convocadas a unha reunión informativa polas entidades designadas pola Secretaría para estes efectos, para comunicarlles os pormenores da viaxe e do desenvolvemento do programa: as condicións dos traslados desde o aeroporto de orixe ata as residencias onde serán aloxadas, o réxime interno destas e o plan previsto que, en todo caso, incluirá actividades lúdicas e de tempo libre no lugar de residencia, saídas culturais polo contorno, unha visita a Santiago de Compostela e unha sesión co persoal da Secretaría Xeral da Emigración que lles presentará o traballo que realiza en favor das colectividades galegas do exterior e atenderá as súas consultas e inquedanzas.
5. Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa para vindeiras convocatorias, e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade (artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno), recolleranse experiencias e mesmo imaxes das instalacións e das persoas participantes, que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e mesmo divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web https://emigracion.xunta.gal
Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes, que serán incorporadas ao ficheiro «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», de acordo co previsto na información básica sobre a protección de datos persoais que figura no anexo II.
Artigo 3. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser unha persoa emigrante galega.
b) Posuír a nacionalidade española.
c) Residir en América de maneira continuada, como mínimo, durante os dez (10) últimos anos naturais (2015-2025).
d) Ter 65 anos o 6 de outubro de 2025.
e) Non ter participado nos últimos cinco (5) anos naturais en programas de viaxes a Galicia organizados pola Secretaría Xeral da Emigración, isto é, desde 2020 en diante.
f) Acreditar que se vale por si mesma para realizar as actividades básicas da vida diaria, non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia, estar en boas condicións físicas para realizar unha viaxe de longa duración e para realizar actividades lúdicas e saídas culturais en autocar polo contorno.
g) Os solicitantes que opten a unha das prazas financiadas ao cen por cento pola Secretaría Xeral da Emigración terán que acreditar que carecen de ingresos suficientes. Considéranse como tales os que superen a contía resultante de multiplicar por dous (2) o importe da base de cálculo da prestación por razón de necesidade que o Goberno español determine para o ano 2025 para cada país ou, no caso de que convivan con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía determinada pola suma dese límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da dita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.
O resto das persoas solicitantes deben optar por unha das prazas ofertadas na modalidade de copagamento conforme o especificado no anexo I desta convocatoria e aboar, no prazo de dez días contados a partir da publicación da resolución de adxudicación das axudas, a cantidade de 600 € á empresa adxudicataria do servizo dos desprazamentos internacionais.
h) No suposto de que decidan prolongar a súa estadía en Galicia durante quince días, presentar unha declaración responsable asinada por algún familiar maior de idade ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade, segundo o modelo do anexo V.
2. As persoas solicitantes que queiran vir acompañadas poderán facelo polo cónxuxe ou persoa a elas unida por unha relación de afectividade análoga coa cal leven convivindo, polo menos, durante o último ano completo, ou por un/unha fillo/a ou irmán/a.
En todo caso, todas as persoas que acompañen as persoas solicitantes que resulten beneficiarias da axuda acreditarán o cumprimento dos requisitos das alíneas e) e f) deste artigo e compartirán o seu cuarto.
3. As persoas solicitantes con 85 anos o 6 de outubro de 2025, salvo en supostos excepcionais que serán obxecto de valoración pola Secretaría Xeral da Emigración, deben vir acompañadas por outra persoa da súa familia: ben o cónxuxe ou persoa coa cal conviva desde un mínimo dun ano e con quen manteña unha relación de afectividade análoga, ou ben outra persoa de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade, que teña entre 30 e 70 anos o 6 de outubro de 2025 e asuma por escrito o compromiso de facerse cargo dela desde o inicio da viaxe ata o regreso ao seu país de residencia.
Estas persoas acompañantes, ben que non teñen que cumprir todos os requisitos para seren beneficiarios, ocuparán parte das 200 prazas convocadas e terán a consideración de participantes para todos os efectos. A súa consideración de participantes serao na mesma modalidade do artigo 2.2 que lle corresponda á persoa que acompañan, de xeito que se ao beneficiario a que acompañan lle corresponde a axuda na modalidade de financiamento compartido, tamén lle corresponderá ao seu acompañante esta modalidade.
Artigo 4. Financiamento, gastos subvencionables e compatibilidade
1. Financiamento.
As axudas do programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización de gasto. Os servizos que se lles prestan ás persoas participantes nesta convocatoria serán obxecto de licitación, de acordo coa normativa de contratos do sector público.
2. Gastos subvencionables.
2.1. A Consellería de Política Social e Igualdade colabora na execución deste programa poñendo ao dispor das persoas participantes os servizos de aloxamento e manutención en réxime de pensión completa nas residencias de tempo libre que ten adscritas en Panxón e O Carballiño.
A residencia de Panxón dispón de 39 cuartos dobres, 29 triplos e 4 cuádruplos; na medida do posible, disporase dalgúns cuartos de uso individual. A residencia do Carballiño, de 12 cuartos individuais, 52 dobres, 2 triplos e 10 cuádruplos.
2.2. A Secretaría Xeral da Emigración faise cargo da organización da viaxe, dos traslados en avión das persoas participantes mediante o financiamento do custo dos billetes de ida e volta segundo o establecido no anexo I, do desenvolvemento das actividades do programa, así como do transporte daqueles participantes que realicen un retorno inmediato, desde a residencia ata o aeroporto de saída. Incluiranse tamén os voos internos dentro do país, ata o aeroporto de saída que, en todo caso, lles corresponderán a persoas que residan a máis de 400 km dos ditos aeroportos. As viaxes en avión desde o país de residencia e de volta a este serán, en todo caso, con destino e orixe nun aeroporto de Galicia.
Todos os gastos das persoas beneficiarias e os seus acompañantes que solicitasen regresar quince (15) días despois do remate das actividades do programa ou daqueles que por algunha circunstancia imprevista se vexan obrigados a retrasar a viaxe de volta serán pola súa conta.
3. Compatibilidade.
As axudas outorgadas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra axuda que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vaia levar a cabo a persoa beneficiaria.
Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. Cada persoa participante só poderá presentar unha solicitude debidamente cuberta. A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás oficinas das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e das entidades que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia:
• No Brasil:
– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.
– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.
– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.
– Asociación Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago en Salvador de Bahía.
• En Cuba:
– Federación de Sociedades Galegas na Habana.
• En Venezuela:
– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.
A utilización desta vía requirirá que a persoa solicitante autorice a persoa encargada da correspondente entidade para que presente a súa documentación na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen prexuízo da súa obriga de cubrir e asinar a solicitude segundo o anexo II.
No caso de acudir a algunha das ditas entidades, é recomendable que as solicitudes se presenten cunha antelación suficiente respecto ao último día do prazo de presentación das solicitudes.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Se é preciso, poderase prolongar uns días o prazo de permanencia deste procedemento na sede electrónica da Xunta de Galicia, exclusivamente para os efectos de que as delegacións e demais entidades autorizadas, en exercicio da autorización outorgada polas persoas solicitantes para facelo, poidan introducir os datos das solicitudes recibidas en prazo.
Artigo 7. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa súa solicitude (anexo II) a seguinte documentación da persoa solicitante:
a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade, mediante o pasaporte español ou outro documento en que consten os seus datos persoais de identificación e a nacionalidade española.
b) Documentación acreditativa do lugar e da data de nacemento, para o caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.
c) Unha fotografía recente tamaño carné.
d) Certificado do Rexistro de Matrícula Consular como residente no país de América que corresponda, no cal conste a data de inscrición ou outro documento acreditativo da súa residencia en América de xeito continuado, polo menos, durante os últimos dez (10) anos.
e) Informe médico conforme o modelo que figura como anexo III.
f) No caso dos que opten as axudas do cen por cento, os xustificantes acreditativos de todo tipo de ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que percibisen a persoa solicitante e os demais membros da súa unidade económica familiar nos meses de xaneiro, febreiro e marzo do ano en curso, que resulten suficientes para acreditar que non superan o límite establecido no artigo 3.1.g) desta resolución.
Para eses efectos, considerarase unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.
g) Libro de familia, se procede. Na súa falta, presentarase a documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.
h) Documento en que conste se a persoa solicitante é beneficiaria da prestación por razón de necesidade do Estado español no ano 2025. De non presentalo, entenderase que desiste da aplicación do criterio de selección sinalado no artigo 11.1 desta resolución.
i) Declaración da persoa acompañante segundo o modelo do anexo IV, se for o caso.
j) No caso de optar a regresar quince (15) días despois do remate da actividade, declaración ou consentimento informado, segundo o modelo do anexo V, asinado polo familiar de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade. Este anexo poderá ser presentado directamente pola persoa asinante en Galicia, para a súa incorporación ao expediente de solicitude do familiar solicitante.
2. Para o caso de que a persoa solicitante desexe vir acompañada da persoa unida a ela por matrimonio ou relación de afectividade análoga á conxugal, dun/dunha fillo/a, irmán/a e/ou doutro familiar nos supostos dos solicitantes con 85 anos o 6 de outubro de 2025, esta deberá presentar o anexo IV debidamente cuberto, xunto coa seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da identidade: pasaporte ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade.
b) Informe médico, segundo o modelo incluído no anexo III.
c) Unha fotografía recente tamaño carné.
d) Documentación acreditativa da súa residencia, lugar e data de nacemento.
e) Documentación que probe a relación de parentesco coa persoa solicitante e, de ser o caso, a convivencia con ela desde un ano polo menos, mediante a inscrición no rexistro correspondente, manifestación expresa por acta de notoriedade ou calquera outro medio admisible en dereito.
3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 8. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI da persoa solicitante, de ser o caso.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, para o caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten dos documentos correspondentes.
Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 10. Comisión Avaliadora
1. Os expedientes de solicitude serán avaliados por un órgano colexiado integrado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración, o cal emitirá o informe en que concrete o resultado da avaliación, que elevará ao órgano instrutor para que formule a correspondente proposta de resolución.
A dita comisión avaliadora poderá contar coa asistencia doutros órganos colexiados que se constitúan, por petición da Secretaría Xeral da Emigración, nas delegacións da Xunta de Galicia na Arxentina e no Uruguai para avaliaren as solicitudes presentadas neses países. De ser o caso, esas comisións serán presididas polas persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, respectivamente, que nomearán o resto dos seus compoñentes entre o seu persoal.
2. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considera, poderá encargar informes que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes e que deberán realizar profesionais titulados. Os resultados obtidos serán tidos en conta na avaliación das solicitudes e, se é o caso, darán lugar ao rexeitamento da solicitude.
3. O funcionamento da Comisión de Valoración rexerase polo disposto na sección terceira do capítulo I, título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Artigo 11. Criterios de prelación
1. Para a selección dos solicitantes atenderase aos seguintes criterios:
– En primeiro lugar, terán preferencia as persoas que nunca participaron en programas de viaxes da Secretaría Xeral da Emigración.
– En segundo lugar, aquelas persoas que neste ano sexan beneficiarias da prestación económica por razón de necesidade.
– En terceiro lugar, as de maior idade. De ter a mesma idade, o empate resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido a partir da letra «F», que é a resultante do sorteo que tivo lugar en xaneiro deste ano, en cumprimento do disposto no artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e da Resolución do 21 de xaneiro de 2025, da Consellería de Facenda e Administración Pública (DOG núm.16, do 24 de xaneiro).
A selección dunha solicitante comportará a da persoa que figure no seu expediente como acompañante (anexos II e IV), sempre que quede acreditado que cumpre os requisitos establecidos no artigo 3.2 desta resolución.
2. As prazas que queden vacantes á vista da relación do punto anterior poderán ser distribuídas pola Secretaría Xeral da Emigración entre as solicitudes doutros países, comezando por aqueles que teñan un maior número de solicitudes admitidas. O número de prazas obxecto de redistribución non poderá superar o 25 % do total.
Artigo 12. Órganos competentes e instrución do procedemento
1. O órgano competente para a instrución do procedemento de selección das prazas para residentes no exterior é a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais, e para a súa resolución, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.
2. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado se estas reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaboraranse as listas provisionais das persoas solicitantes admitidas e excluídas por países, indicando, de ser o caso, a documentación que deben presentar para emendar ou completar o seu expediente, ou a causa de exclusión. Estas listas serán publicadas no prazo máximo de 50 días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades citadas no artigo 5.2.
Indicaráselles ás persoas interesadas que disporán dun prazo improrrogable de dez días, contados desde o día seguinte ao da publicación das listas provisionais na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal), para formularen as alegacións ou achegaren os documentos indicados para emendar o expediente de solicitude, e que, se non emendan a solicitude dentro dese período, se considerarán desistidas da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo da resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. Transcorrido ese prazo, unha vez comprobada a concorrencia dos requisitos establecidos para a concesión das axudas e aplicados os criterios de prelación, a Comisión Avaliadora emitirá o seu informe, e a continuación publicaranse as listas definitivas das persoas solicitantes admitidas e excluídas –por países, modalidade de pagamento e orde de prelación– na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal). Esas listas estarán expostas tamén nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia e demais entidades citadas no artigo 5.2.
4. Con posterioridade, a persoa titular da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais formularalle a proposta de resolución ao titular da Secretaría Xeral da Emigración.
Artigo 13. Resolucións
1. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, vista a proposta de resolución do órgano instrutor, ditará a resolución do procedemento de concesión de axudas para participar no programa Reencontros con Galicia 2025.
A dita resolución publicarase na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal) e nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades citadas no artigo 5.2, coas correspondentes listaxes das persoas beneficiarias, as persoas excluídas do proceso de selección e, de ser o caso, as desistidas e renuncias, así como das restantes persoas solicitantes admitidas que conformarán a lista de reserva na orde resultante da aplicación dos criterios detallados no artigo 11.
A partir desa data, non será admisible ningún cambio, agás causas de forza maior ou debidamente xustificadas e autorizadas exclusivamente pola Secretaría Xeral da Emigración.
2. No caso de que con posterioridade á resolución, por renuncias ou outras circunstancias que imposibiliten a viaxe, queden prazas sen cubrir, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá resolver, nas condicións que considere oportunas para non prexudicar o desenvolvemento normal do programa, a adxudicación das prazas vacantes ás persoas solicitantes seguintes que figuren nas listas de reserva, ás cales lles serán notificadas segundo o disposto na dita Lei 39/2015, do 1 de outubro.
3. O prazo máximo para resolver será de tres (3) meses, contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 14. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.
3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias
1. Con carácter xeral, ademais, todas as persoas adxudicatarias desta axuda quedan obrigadas a:
a) Incorporarse á actividade e regresar polos medios e nos prazos establecidos.
b) Respectar as normas de réxime interno dos lugares de aloxamento, así como todas aquelas que lles dean no transcurso das actividades, nas cales, en todo caso, terán a obriga de participar, e as demais establecidas pola lexislación vixente na materia. Non cumprir estas normas poderá ter como consecuencia, logo do trámite de audiencia, a expulsión do programa e o regreso ao seu país de orixe no primeiro voo dispoñible.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que se consideren precisas para asegurar o cumprimento do programa. Para tal fin, comprométense a prestar toda a colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida por esta secretaría xeral e polos órganos correspondentes da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino das axudas públicas.
2. En particular, antes de emprender a viaxe, as persoas que resulten beneficiarias están obrigadas a:
a) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración calquera alteración das circunstancias postas de manifesto no seu expediente de solicitude durante a tramitación do expediente, de modo que, con anterioridade á viaxe, a Secretaría Xeral da Emigración poida adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.
b) Se solicitaron regresar quince (15) días despois do remate das actividades, confirmar os datos de contacto das persoas que asinaron a declaración do anexo V.
c) No caso de que algunha das que optaron por prorrogar a súa estadía en Galicia quince (15) días precisa viaxar fóra do ámbito territorial desta comunidade autónoma durante ese período, antes do emprender a viaxe debe enviarlle á Secretaría Xeral da Emigración escrito en que explique as circunstancias que xustifiquen ese desprazamento e declare que asume os riscos e custos que poidan derivar del.
d) No suposto de renunciar á praza, deben comunicalo por escrito a esta secretaría xeral cunha antelación mínima de quince (15) días antes da viaxe e indicar a causa.
Nos casos de incumprimento desta obriga ou de ter presentado unha renuncia por motivos que segundo o parecer da persoa titular da Secretaría Xeral non estean suficientemente xustificados, comunicaráselle á persoa adxudicataria que non poderá recuperar a cantidade que xa aboase en concepto de copagamento da viaxe, se for o caso, e que será penalizada de modo que na seguinte convocatoria de axudas para participar nun programa similar non poderá resultar beneficiaria.
3. No suposto de declaración da procedencia do reintegro, considerarase cantidade recibida e que haberá que reintegrar o importe dos billetes pagados xunto cos correspondentes xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 16. Transparencia e bo goberno
1. Deberá dárselles cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 17. Réxime de recursos
1. Contra esta resolución cabe interpor potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpor en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición adicional única. Información ás persoas interesadas
1. De acordo co establecido no artigo 14, alínea ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa
Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta resolución.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 15 de maio de 2025
Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración
ANEXO I
A distribución das prazas do programa Reencontros con Galicia por países é a seguinte:
|
País |
Total prazas |
Prazas financiadas 100 % |
Prazas copagamento 600 € |
|
A Arxentina |
85 |
51 |
34 |
|
O Brasil |
33 |
20 |
13 |
|
Cuba |
15 |
15 |
0 |
|
O Uruguai |
30 |
18 |
12 |
|
Venezuela |
25 |
22 |
3 |
|
Resto América |
12 |
8 |
4 |
|
Total |
200 |
134 |
66 |
