A representación legal da titularidade do centro de ensinanzas deportivas (CAD) FDYE-Galicia, de Vigo, solicita autorización para impartir as ensinanzas conducentes á obtención dos títulos de técnico deportivo e técnico deportivo superior en fútbol sala, regulados no Decreto 356/2003, do 11 de setembro, e o Decreto 374/2003, do 16 de setembro.
O Decreto 410/2003, do 6 de novembro, regula os requisitos e o procedemento para a autorización a centros privados e a centros públicos que non sexan de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para impartir ensinanzas de técnicos deportivos na Comunidade Autónoma de Galicia, norma desenvolvida polas ordes desta consellería do 12 de abril de 2004 e do 23 de abril de 2004, nas cales se determinan o procedemento de autorización e os requisitos mínimos dos espazos administrativos e docentes xenéricos con que deben contar os centros.
Por canto antecede, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,
DISPOÑO:
Artigo 1. Modificación da autorización
Modificar a autorización do centro para impartir as ensinanzas de técnico deportivo e técnico deportivo superior en fútbol sala, o centro queda configurado como se sinala a seguir:
Denominación xenérica: Centro Autorizado de Ensinanzas Deportivas (CAD).
Denominación específica: FDYE-Galicia.
Código do centro: 36025220.
Titular: Formación, Deporte y Empleo Escuela Deportiva, S.L.
Domicilio: avenida das Camelias, 53.
Localidade: Vigo.
Código postal: 36211.
Concello: Vigo.
Provincia: Pontevedra.
Composición resultante:
Técnico deportivo en fútbol.
Técnico deportivo superior en fútbol.
Técnico deportivo en fútbol sala.
Técnico deportivo superior en fútbol sala.
Artigo 2. Inicio da actividade
Para a posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, o Departamento Territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no dito centro, así como o equipamento axeitado.
Artigo 3. Inscrición no Rexistro de Centros
Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 4. Modificación da autorización
O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que se sinalan nesta orde.
Disposición derradeira primeira. Recursos
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 15 de maio de 2025
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
