DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 30 de maio de 2025 Páx. 30830

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2025, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición da modificación dos estatutos do Sindicato de Médicos de Galicia (Simega) no depósito de estatutos de organizacións sindicais e empresariais.

Núm. de depósito: 82000218.

Feitos:

Con data do 23 de abril de 2025 tivo entrada nesta unidade a solicitude de inscrición no depósito de estatutos de organizacións sindicais e empresariais da modificación dos estatutos do Sindicato de Médicos de Galicia (Simega), logo da súa aprobación na asemblea xeral extraordinaria que tivo lugar o 20 de marzo de 2025 de acordo co disposto nos seus estatutos.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ten atribuídas, entre outras funcións, a dirección, a coordinación, o control e a execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de relacións laborais, seguridade e saúde laboral, responsabilidade social empresarial, promoción do emprego de calidade e, en concreto, o exercicio de funcións en materia de lexislación laboral e en prevención de riscos laborais, de conformidade co disposto no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Segundo. De acordo co artigo 25 do citado Decreto 147/2024, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais é o órgano competente de coordinación dos rexistros administrativos de eleccións sindicais, de asociacións empresariais e sindicais (Deose), de convenios colectivos (Rexcon) e de empresas acreditadas para intervir no proceso de contratación no sector da construción (REA).

Terceiro. O artigo 13 do Real decreto 416/2015, do 29 de maio, sobre depósito de estatutos das organizacións sindicais e empresariais, regula o procedemento de tramitación das solicitudes de depósito e establece que a oficina pública competente ditará resolución que acorde o depósito e a publicidade do acto de inscrición, na cal constarán a data de depósito e o número de depósito asignado.

Revisada a documentación achegada e tendo en conta a normativa aplicable, esta Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, na súa condición de oficina pública competente,

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar a inscrición da modificación dos estatutos do Sindicato de Médicos de Galicia (Simega) no depósito de estatutos de organizacións sindicais e empresariais.

As persoas interesadas poden acceder ao contido desta inscrición na web do depósito de estatutos de organizacións sindicais e empresariais:

(https://expinterweb.mites.gob.es/deose/publico/copiaEstatutos)

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2025

Pablo Fernández López
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais