DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Luns, 2 de xuño de 2025 Páx. 31034

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se acorda a apertura do período de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e o procedemento da xustificación da posesión de méritos e requisitos do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros e de axentes de extensión pesqueira.

Mediante a Resolución do 28 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DOG núm. 83, do 2 de maio), convocouse concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros e de axentes de extensión pesqueira.

A base VI da convocatoria establece que «rematado o período de presentación de solicitudes de participación, publicarase no DOG a apertura dun prazo de 15 días hábiles para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo».

Así mesmo, a base VII da convocatoria do concurso determina que os méritos e os requisitos específicos para o acceso aos postos deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso, concretamente o 16 de maio de 2025.

Do mesmo modo, establece que se poderá xustificar a posesión de méritos e requisitos ata o último día do prazo de solicitudes de elección de postos de traballo.

Doutra banda, mediante a Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, dítanse as instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro). Esta resolución ten por obxecto a regulación do contido, uso, acceso e efectos dos datos almacenados de forma electrónica no expediente persoal electrónico a que se accede a través da plataforma da Canle de emprego público de Galicia (Fides).

Na instrución cuarta da Resolución do 5 de decembro de 2023 establécese que os datos do expediente electrónico empregaranse na tramitación dos procesos de provisión de postos de traballo, polo que as persoas que participan no concurso de traslados convocado deberán achegar a documentación acreditativa dos seus méritos do xeito previsto na citada resolución a través da Canle de emprego público de Galicia (Fides).

En cumprimento do disposto anteriormente e co obxecto de que as persoas concursantes poidan solicitar os postos e acreditar os méritos e requisitos, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto e prazos

Publicar o prazo para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e publicar o procedemento que se deberá seguir para xustificar a posesión dos méritos e requisitos específicos para o acceso aos postos.

O prazo habilitado para presentar a solicitude de elección de postos de traballo e xustificar a posesión de méritos e requisitos será de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, concretamente desde o 3 ao 23 de xuño de 2025.

Segundo. Solicitudes de elección de postos

Durante o prazo indicado no punto primeiro as persoas concursantes poderán solicitar por orde de preferencia os postos ofertados no anexo I da resolución de convocatoria, aos cales se engadirán as potenciais resultas consecuencia das solicitudes de participación presentadas. A relación de postos ofertados en resultas publicarase na web corporativa da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, no enderezo https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/

A solicitude de postos de traballo deberá presentarse electronicamente, segundo o establecido na base IV de Tramitación electrónica.

Entenderase que renuncian a participar no concurso todas aquelas persoas que formulasen unha solicitude de participación pero non presenten unha solicitude de elección de postos de traballo.

As persoas solicitantes de postos que impliquen contacto habitual con nenos, nenas ou adolescentes ou que teñan como destinatarios principais a persoas menores de idade deberán acreditar unha certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais. A relación de postos que precisan esta certificación negativa publicarase na web corporativa da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, no enderezo https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/

Para iso, poderán autorizar a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal para recadar o correspondente certificado negativo no Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos segundo o formulario dispoñible en https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/consulta que deberán incorporar ao seu expediente persoal electrónico, epígrafe «Outros méritos» da Canle de emprego público de Galicia (Fides).

De non autorizar a consulta, deberán achegar a certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais ao seu expediente persoal electrónico epígrafe «Outros méritos» da Canle de emprego público de Galicia (Fides).

A existencia de antecedentes no Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos, ou a non xustificación da certificación negativa, comportará a imposibilidade legal de adxudicación dos postos que impliquen contacto habitual con persoas menores.

Terceiro. Procedemento de acreditación de méritos e requisitos

1. A base VII da convocatoria do concurso establece que os méritos e os requisitos específicos para o acceso aos postos deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso; isto é, o 16 de maio de 2025 de acordo coa Resolución do 28 de abril de 2025.

2. Os méritos e requisitos deberán acreditarse de conformidade co procedemento establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais.

Non se terán en conta os méritos que non se presenten conforme o establecido no dito procedemento.

3. As persoas concursantes que teñan que presentar documentación acreditativa dos méritos valorables no concurso a que se refire esta resolución achegarana ao seu expediente persoal electrónico ao cal accederán a través da Canle do emprego público de Galicia (Fides) no enderezo https://fides.xunta.gal

Ao acceder á Canle do emprego público de Galicia (Fides) comprobarán os datos que figuran no seu expediente persoal electrónico:

a) No suposto de que a persoa concursante estea conforme cos datos consultados non precisará realizar ningunha actuación.

b) No suposto de que a persoa concursante non estea conforme cos datos consultados, por non constar ou estar incompletos, deberá incorporar a información non rexistrada presentando a solicitude de actualización dos méritos xunto coa documentación acreditativa ao abeiro do establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023.

c) A persoa concursante que non teña recollido no seu expediente electrónico persoal ningún período da súa experiencia profesional interna na Xunta de Galicia ou que encontre erros nos seus méritos nos estados de «en trámite», «validado», «duplicado» ou «descartado», poderá presentar alegacións a través do formulario de reclamacións que está á disposición no portal web corporativo da Dirección Xeral da Función Pública na páxina https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados, que deberá cubrirse e presentarse electronicamente.

d) Os méritos que na data de publicación desta resolución se encontren incorporados no expediente electrónico no estado «acreditación documental incompleta» deberán ser acreditados para poder ser tidos en conta.

4. Para acreditar os méritos, as persoas concursantes presentarán a documentación que xustifique a totalidade do mérito rexistrado, do xeito establecido nos puntos 3 e 4 da instrución oitava da Resolución do 5 de decembro de 2023. Isto é, se posúen documentos electrónicos orixinais ou copias electrónicas auténticas incorporaranas directamente no seu expediente electrónico persoal a través do enderezo https://fides.xunta.gal ou, cando os documentos orixinais figuren en formato papel, presentarán a documentación e o informe xerado en Fides, na pestana de actualización de méritos, de maneira presencial en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

5. O prazo para presentar a solicitude de actualización de méritos e a documentación acreditativa deles, para formular alegacións ou para emendar o estado de «acreditación documental incompleta», rematará segundo o indicado no punto primeiro desta resolución.

6. Os méritos e requisitos reflectidos no expediente electrónico persoal no estado «validado» serán os que teña en conta a Comisión de Valoración do concurso e sempre referidos á data que se establece no punto terceiro desta resolución.

7. Non se terán en conta neste proceso outros méritos presentados polas persoas concursantes distintos dos que figuren no seu expediente persoal electrónico ou que se soliciten no expediente ou acrediten documentalmente con posterioridade ao remate do prazo establecido no punto primeiro desta resolución.

Por se tratar dun procedemento de concorrencia competitiva non se admitirá, despois de rematado o prazo de acreditación de méritos e para os efectos da súa valoración neste proceso, ningunha nova documentación acreditativa de méritos, aínda que consten rexistrados na solicitude de actualización ou modificación do expediente persoal. Exceptúase aquela documentación que, xustificándoa documentalmente neste mesmo prazo, fose solicitada pola persoa interesada ao organismo ou entidade competente e non se recibise no indicado prazo. Neste suposto admitirase a súa presentación ata o momento da finalización do prazo para a presentación de reclamacións ás puntuacións provisionais.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2025

Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración
de Persoal