O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 50 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, e polos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e co fin de atender de maneira estable as necesidades estruturais de persoal de administración e servizos desta universidade, en execución do previsto na Resolución do 28 de novembro de 2024 (DOG do 11 de decembro) pola que se publica a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2024, resolve convocar probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional de técnico/a superior de linguas modernas (inglés), vacante no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes:
Bases da convocatoria
Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a USC derivados desta convocatoria serán realizados exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
1. Normas xerais.
1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir unha (1) praza da categoría profesional de técnico/a superior de linguas modernas (inglés), grupo I, do Convenio colectivo para o persoal laboral da USC, pola quenda de acceso libre.
1.2. O sistema de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións, axustaranse ao que se especifica no anexo I desta convocatoria.
1.3. A adxudicación da praza á persoa aspirantes que supere o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.
1.4. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.
1.5. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público; Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; os Estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia; o Convenio colectivo do persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008) e as bases desta convocatoria.
2. Requisitos das persoas aspirantes.
2.1. Para ser admitidas na realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes, e manter ata o momento de formalización do contrato, os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún Estado membro da Unión Europea ou país estranxeiro, nos termos previstos no artigo 52 da Lei do emprego público de Galicia.
b) Ter feitos os 16 anos de idade e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.
c) Estar en posesión do título de grao, doutor, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalentes. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título.
d) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara, ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da categoría que se pretende incorporar.
e) Non ter sido condenado/a por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe a agresión e abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos.
f) Non estar separado/a do servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública, nin sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas, segundo o artigo 70 do Convenio colectivo para persoal laboral da USC.
g) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no número 3.8 desta convocatoria para as persoas con discapacidade, para os membros de familias numerosas e para demandantes de emprego.
3. Solicitudes.
3.1. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.
3.2. Quen desexe participar nestas probas selectivas deberá formalizar a súa solicitude e aboar a taxa correspondente unicamente por medios electrónicos. Empregarase o seguinte formulario da sede electrónica: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/seleccionPersoalLaboral.htm
Para a presentación de solicitudes empregaranse os seguintes medios de identificación:
• No caso de persoal da USC: credenciais corporativas.
• No caso de persoal alleo á USC: certificados persoais clase 2CA, certificados incluídos no DNI electrónico ou claves concertadas do sistema Cl@ve.
3.3. A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:
• Certificado de coñecemento da lingua galega (Celga 4 ou equivalente). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.
As/os aspirantes que teñan ou tivesen expediente administrativo como PAS na USC estarán exentas/os de xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa probados para obter a súa anterior contratación ou nomeamento, e deberán presentar unicamente a documentación requirida para este procedemento que non estea debidamente acreditada no seu expediente persoal.
As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar:
• Documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado con que teñan o dito vínculo.
• Declaración ou promesa da persoa aspirante de que non está separada de dereito do/da cónxuxe e, se é o caso, do feito de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.
• As persoas aspirantes que estean exentas de realizar a proba previa de acreditación de coñecemento do castelán xuntarán para tal efecto documentación acreditativa dos diplomas de español como lingua estranxeira de nivel B2, C1 ou C2 ou equivalente. De non achegar esta certificación, deberán realizar a proba referida na base 6.5.
3.4. A documentación xustificativa dos méritos que se valoran na fase de concurso achegarase coa solicitude e non serán valorados méritos que non estean suficientemente acreditados documentalmente nin os presentados fóra do prazo establecido para a presentación de solicitudes. A acreditación da experiencia farase mediante certificado acreditativo dos servizos prestados en que conste o corpo ou a escala e os períodos durante os cales se prestaron, expedido pola unidade de persoal da Administración pública correspondente. No caso de persoal da USC, expedirao de oficio a Administración e engadirase á solicitude.
Así mesmo, deberase indicar na epígrafe correspondente da solicitude se os servizos foron prestados na USC ou noutras administracións públicas.
A acreditación da formación farase mediante copias dos documentos acreditativos e, no caso de persoal da USC, expedirase de oficio e engadirase á solicitude.
3.5. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.
3.6. A Universidade poderá requirir en calquera momento os orixinais ou copias auténticas dos documentos que se correspondan coas copias simples presentadas.
3.7. Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar no formulario de inscrición do proceso selectivo a adaptación de tempo e/ou medios para realizar os exercicios, e reflectirán con claridade as necesidades que ten o/a candidato/a de adaptacións específicas e o seu motivo.
3.8. Os dereitos de exame serán de 44,17 €. Para realizar o seu ingreso, empregarase un dos seguintes medios accesibles desde o formulario de inscrición:
• Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pagamento do formulario.
• Aboamento presencial nunha oficina de Abanca presentando a folla de liquidación, que se deberá imprimir unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo, e non será preciso comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.
Estes medios de pagamento estarán accesibles unha vez que a persoa aspirante formalice a súa solicitude de inscrición a través do formulario establecido na base 3.2.
De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:
Do importe total da taxa:
• As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.
• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.
Do 50 % do importe da taxa:
• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.
• As persoas que figuren como demandantes de emprego desde polo menos seis meses inmediatamente anteriores á data de publicación da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.
As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso selectivo a seguinte documentación:
• Persoas con discapacidade: certificado do grao discapacidade.
• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.
• Demandantes de emprego:
– 1º. Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante, na data de presentación de solicitudes, figura como demandante de emprego desde polo menos os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria.
– 2º. Certificación expedida polo Servizo Público de Emprego en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.
3.9. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.
3.10. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer constar a entidade bancaria e o número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.
3.11. No formulario de solicitude as/os aspirantes deberán asinar a declaración responsable que figura no documento pola cal manifestan estar en posesión dos requisitos exixidos nas bases da convocatoria e comprométense a achegar a documentación que nela se indica.
3.12. Este procedemento desenvolverase de forma electrónica, polo que a persoa aspirante debe indicar no formulario un teléfono e enderezo electrónico válidos, se desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña ao seu dispor. As notificacións realizaranse por comparecencia na sede electrónica, para o acceso á cal se empregarán os medios de identificación que se indican na base 3.2.
4. Admisión de persoas aspirantes.
4.1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución en que declare aprobada a lista provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o lugar no cal se atopa exposta ao público a lista completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivasen a exclusión e o prazo para emendalas.
4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poder emendar os defectos que motivasen a exclusión.
Para emendar a exclusión ou omisión cubrirase o formulario de emendas que se atopa na sede electrónica: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/emendaSelecPersoalLaboral.htm
4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión xustificando o dereito a seren incluídas na relación de admitidas serán definitivamente excluídas da realización das probas.
4.4. Na resolución que aprobe a lista definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderase interpor contra ela recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición ante o reitor no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
5. Tribunal.
5.1. O tribunal cualificador destas probas selectivas terá a categoría primeira de conformidade cos grupos de clasificación para asistencias establecidos no Regulamento de indemnizacións por razón de servizo, aprobado no Consello de Goberno da USC do 29 de decembro de 2020.
O seu procedemento de actuación axustarase ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións pública, e no Regulamento de selección da USC. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.
5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir e notificaranllo ao reitor cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Tamén no caso de teren realizado tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.
A persoa que exerza a presidencia solicitará dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.
Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra algunha das circunstancias antes citadas.
5.3. No caso de ter que substituír algún membro do tribunal por renuncia, por algunha das circunstancias citadas no punto anterior ou calquera outra causa de forza maior, daráselle publicidade ao novo nomeamento no Diario Oficial de Galicia.
5.4. Logo da convocatoria da presidencia, constituirase o tribunal coa asistencia, tanto presencial como a distancia, de todos os seus membros. Os titulares que non asistan serán substituídos polos suplentes. Nesa sesión acordaranse todas as decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.
5.5. A partir da súa constitución, o tribunal requirirá a asistencia presencial ou a distancia das persoas que exerzan a presidencia e a secretaría e da metade, polo menos, dos seus membros para actuar validamente.
5.6. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas. Así mesmo, decidirá como actuar nos casos non previstos.
5.7. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que considere pertinentes, que se limitarán a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. O persoal asesor deberá posuír titulación de igual ou superior nivel que a exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.
Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutras/os funcionarias/os para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.
5.8. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes con discapacidade igual ou superior ao 33 % participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.
5.9. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. Excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.
5.10. En ningún caso o tribunal poderá declarar que supera as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes que prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.
Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura da praza convocada, de se producir a renuncia dunha persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou cando non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do tribunal de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación a persoa proposta, para a súa posible contratación como persoal laboral fixo.
6 Desenvolvemento dos exercicios.
6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra F, de conformidade co establecido na Resolución do 21 de xaneiro de 2025 da Consellería de Facenda e Administración Pública.
6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en chamamento único e serán excluídas da oposición as que non comparezan. Así mesmo, as persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio co DNI ou con outro documento que, a xuízo do tribunal, permita acreditar de forma indubidable a súa identidade.
Non estará permitido o uso de teléfonos móbiles ou calquera outro dispositivo de almacenamento de información ou con capacidade de comunicación dentro da aula de exame. Durante o desenvolvemento do exercicio deberán permanecer apagados.
As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal achegando coa comunicación o correspondente informe médico oficial.
A comunicación suporá o consentimento da persoa interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.
6.3. Os sucesivos anuncios de realización dos demais exercicios efectuaranse no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado, así como por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, con doce horas, polo menos, de antelación ao comezo deste, se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro horas se se trata dun novo.
6.4. Só para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.
6.5. Persoas aspirantes de nacionalidade estranxeira:
Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba na cal se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.
O contido desta proba axustarase ao disposto no artigo 3 do Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, polo que se regulan os diplomas de español como lingua estranxeira (DELE), para acreditar o nivel de competencia lingüística do diploma de español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto ou non apto e será necesario obter a valoración de apto para pasar a realizar os exercicios da fase de oposición.
Quedan eximidas de realizar esta proba as persoas aspirantes que acrediten, conforme se indica na base 3, que están en posesión do diploma de español como lingua estranxeira nalgún dos niveis seguintes: nivel B2, C1 ou C2, ou equivalente, así como as/os nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español.
6.6. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, se tivese coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre calquera dos requisitos exixidos na convocatoria, deberá proporlle a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.
Contra a exclusión da persoa aspirante poderase interpor recurso ante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior no prazo dun mes, contado a partir da notificación da exclusión.
6.7. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado e naqueloutros sitios que coide oportunos a relación de persoas aspirantes que acadasen o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.
6.8. As persoas aspirantes disporán de tres (3) días hábiles, contados a partir do día seguinte á realización de cada exercicio, para presentar reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.
Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de sete (7) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentar reclamacións ás cualificacións.
6.9. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o derradeiro exercicio da fase de oposición. Esta publicación irá acompañada da relación de persoas aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada unha delas, sexan seleccionadas, na cal constará a cualificación final obtida en cada unha das fases, oposición e concurso, segundo o previsto no anexo I.
No caso de producirse empates na puntuación total das persoas aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios e por esta orde ata que se resolva o empate: maior puntuación na fase de oposición, na fase de coñecementos específicos, no terceiro exercicio, maior idade e a orde alfabética establecida na base 6.1.
6.10. Contra esta publicación, as/os aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do rexistro de entrada electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm, para o que a/o aspirante debe empregar os medios de identificación e sinatura que se indicaron no número 3.2.
6.11. Unha vez rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará a proposta de contratación a favor da persoa aspirante seleccionada, tendo en conta o previsto no número 5.10 desta convocatoria. Esta proposta será elevada ao reitor e publicarase no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado
7. Finalización do proceso.
7.1. No prazo de vinte días naturais, contados a partir do seguinte a aquel en que se faga pública a relación definitiva de persoas aprobadas, a persoa aspirante que figure nela deberá presentar na Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros a seguinte documentación (no caso de non constar xa no seu expediente e no caso de non teren entregado xa copias auténticas):
a) Titulación exixida na base 2.1.c).
b) A acreditación do requisito exixido na base 2.1.d) farase mediante a presentación de certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).
c) Certificado, de ser o caso, acreditativo de lingua galega indicado na base 3.3.
d) Diploma de español como lingua estranxeira, de ser o caso, indicado na base 3.3.
e) Documentación que acredite, de ser o caso, a residencia legal en España.
f) Documentación acreditativa, de ser o caso, dos méritos alegados segundo a base 3.4.
g) Certificado negativo de delitos sexuais.
7.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito. Quen non presente a documentación ou do seu exame se deduza que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2 non poderá ser contratado/a e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.
7.3. O persoal con discapacidade igual ou superior ao 33 % poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. Coa solicitude xuntarase un informe expedido polo órgano competente na materia que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.
7.4. Concluído o proceso selectivo, a persoa aspirante que o superase será contratada como persoal laboral fixo. A súa contratación efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia ou do día que estableza a propia resolución, en aplicación do artigo 60 da Lei 2/2015, do emprego público de Galicia.
7.5. Elaborarase unha lista de espera coas persoas aspirantes que superen algún exercicio da fase de oposición distinto do de galego. Para estes efectos e co fin de determinar a súa opción, as persoas aspirantes indicarán o campus de preferencia na solicitude.
7.6. O período de proba será de seis meses, durante os cales o/a traballador/a terá os dereitos e obrigas correspondentes ao posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable a quen estivese xa con anterioridade desenvolvendo as mesmas funcións na USC.
8. Disposición derradeira.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo mencionado mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2025
Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela
ANEXO I
Exercicios
Denominación da praza: técnico/a superior de linguas modernas, perfil inglés
O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a continuación se indican:
I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a continuación se indican, agás a exención prevista na descrición do primeiro.
As persoas aspirantes deberán presentarse para realizar cada proba co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistas do correspondente lapis do número 2 e goma de borrar para realizar os exercicios tipo test.
Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acreditasen documentalmente xunto coa solicitude, ou teñan acreditado no seu expediente, que están en posesión do certificado Celga 4 ou equivalente.
Este exercicio terá a seguinte estrutura:
Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.
As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lles facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo.
A duración máxima desta proba será de noventa minutos.
Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.
As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo e, a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.
A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.
Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.
Segundo exercicio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 120 preguntas tipo test, máis 5 de reserva, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao bloque de coñecementos específicos que figura no programa que se relaciona no anexo II.
O tempo para realizar este exercicio será de 125 minutos.
Este exercicio cualificarase de 0 a 25 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo do 60 % do total das respostas correctas, o que supón unha valoración de 15 puntos.
Terceiro exercicio: proba práctica. Constará de dúas partes:
Primeira parte. Proba de comprensión oral. Consistirá no seguinte:
Proba de audición. As/os candidatas/os escoitarán unha audición en lingua inglesa e a continuación deberán contestar un cuestionario de 15 preguntas tipo test formuladas nesa lingua sobre a audición, con tres respostas alternativas, das cales só unha será a correcta.
A duración desta parte será de 30 minutos.
A valoración desta parte será de 0 a 3 puntos e será necesario para superala obter un mínimo de 1,5 puntos.
Segunda parte. Esta proba terá por obxecto a comprobación da aptitude pedagóxica da persoa aspirante e o seu dominio das técnicas necesarias para o exercicio docente. A proba componse de dúas partes (A e B)
Parte A). Elaboración e entrega de programacións didácticas.
As persoas aspirantes deberán elaborar unha programación didáctica, segundo as características que a seguir se indican, e entregarlla ao tribunal na data e hora que este indique.
• As programacións didácticas deben estar relacionadas co temario específico e referidas a un dos niveis ofertados polo Centro de Linguas Modernas (A1-C1), á elección da persoa aspirante. Tomaranse como referencia os cursos semestrais de 50 horas que oferta o Centro de Linguas Modernas.
• Estarán compostas por oito unidades didácticas, que se presentarán numeradas e tituladas.
• As unidades didácticas deberán concretar, polo menos, os obxectivos de aprendizaxe, os contidos que se tratarán, a metodoloxía que se empregue, a temporización, as actividades de ensino e aprendizaxe que se van realizar, a selección e uso dos recursos didácticos e a avaliación (criterios de avaliación e estándares de aprendizaxe avaliables, procedementos e instrumentos de avaliación e criterios de cualificación que se propoñen).
• Estarán redactadas en inglés.
• Realizarase en formato papel, cunha extensión máxima de 40 páxinas para toda a programación sen contar a portada e a contraportada, en formato DIN-A4, entreliñado a dobre espazo, tipo de letra Arial punto 12, sen comprimir.
Resultará excluído do procedemento selectivo a persoa aspirante cuxas programacións non se axusten aos ítems establecidos no parágrafo anterior.
Valorarase de 0 a 15 puntos e para superala será necesario obter un mínimo de 7,5 puntos.
Parte B). Preparación e exposición oral ante o tribunal.
As persoas aspirantes que acadasen a puntuación mínima establecida na parte anterior serán convocadas polo tribunal para a defensa oral da programación e dunha unidade didáctica escollida polo/a aspirante de entre tres unidades didácticas das programacións presentadas, escollidas ao chou polo tribunal.
A exposición realizarase en lingua inglesa.
O desenvolvemento será como segue: unha vez escollida a unidade didáctica, preparación do/da candidato/a para realizar a proba (15 minutos); presentación e defensa da programación didáctica (20 minutos); presentación e defensa da unidade didáctica (30 minutos); posterior debate e preguntas do tribunal (10 minutos). A/o aspirante só poderá contar cun pequeno guión (1 cara dun folio), que lle deberá entregar ao tribunal ao final da exposición da programación. Poderá utilizar material adicional para a presentación da unidade didáctica.
Avaliaranse os coñecementos, a capacidade de síntese, a claridade e orde de ideas, a forma de presentación e exposición, así como o dominio oral da lingua.
Valorarase de 0 a 12 puntos e será necesario para superalo obter unha puntuación mínima de 6 puntos.
Cuarto exercicio: obrigatorio e non eliminatorio.
Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 30 preguntas tipo test, máis 3 de reserva, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao bloque de coñecementos non específicos do programa.
O tempo para a súa realización será de 40 minutos e valorarase de 0 a 5 puntos.
Antes da realización de cada exercicio, o tribunal deberá ter aprobados e publicados os criterios de avaliación e corrección.
As preguntas adicionais de reserva substituirán, se for o caso, as anuladas pola súa orde.
II. Fase de concurso: máximo 40 puntos.
Experiencia: máximo 35 puntos:
• Na mesma categoría e especialidade incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,40 puntos/mes.
• Na mesma categoría e distinta especialidade incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,30 puntos/mes.
• Na mesma categoría noutras administracións públicas: valorarase con 0,10 puntos/mes.
• Noutras categorías de persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,10 puntos/mes.
Formación: valoraranse cursos de formación dispensados por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coas funcións da praza convocada, ata un máximo de 5 puntos, do seguinte xeito:
Cursos de formación relacionados coa praza:
• Cursos impartidos: 0,03 puntos/hora.
• Cursos de aptitude recibidos: 0,02 puntos/hora.
• Cursos de asistencia recibidos: 0,01 puntos/hora.
Cursos de formación de lingua galega:
• Curso de linguaxe administrativa medio: 0,60 puntos.
• Curso de linguaxe administrativa superior: 0,80 puntos.
• Celga 5: 1 punto.
Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel. O Celga valorarase a partir do nivel superior ao exixido nesta convocatoria para o acceso.
Nos cursos en que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.
A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida neste anexo.
Para valorar a experiencia acreditada en categorías equivalentes noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para baremar as listas de espera, as dúbidas que xurdan resolveraas unha comisión composta por dous representantes da Xerencia e dous en representación do Comité Intercentros. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listas e poderá solicitarlles información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas das categorías en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.
ANEXO II
Programa
Denominación da praza: técnico/a superior de linguas modernas, perfil inglés
Coñecementos específicos:
Bloque 1.
1. Teorías e enfoques sobre adquisición e aprendizaxe de segundas linguas.
2. Fundamentos metodolóxicos no ensino e aprendizaxe de segundas linguas: desde o método da gramática e tradución aos modelos comunicativos. Tendencias máis novas. A aprendizaxe integrada de contidos e linguas estranxeiras (AICLE).
3. Documentos base no ensino de linguas: o Marco común europeo de referencia para as linguas e o Portfolio europeo das linguas.
4. Planificación e avaliación de cursos no contexto do Marco común europeo de referencia para as linguas.
5. Planificación e avaliación de clases no contexto dos cursos de niveis do Marco común europeo de referencia para as linguas.
6. A avaliación das competencias en relación co Marco común europeo de referencia para as linguas. Probas de competencia lingüística.
7. As competencias lingüísticas e as liñas estratéxicas da USC: formación, acreditación lingüística, atención á comunidade universitaria, respecto aos dereitos lingüísticos.
8. O Regulamento de réxime interno do Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC.
Bloque 2.
1. A competencia comunicativa en inglés e os seus compoñentes.
2. A interlingua e o proceso dinámico da aprendizaxe. Variabilidade individual e propiedades sistemáticas da interlingua.
3. O erro como desaxuste entre a competencia e as demandas comunicativas. Tratamento didáctico do erro discursivo, sintáctico, morfolóxico, fonético e ortográfico.
4. Autenticidade na aula de inglés. Autenticidade das tarefas e materiais didácticos.
5. A dinámica da aula de inglés. Estilos de aprendizaxe e estratexias comunicativas.
6. As estratexias de aprendizaxe. Propostas didácticas e actividades. O fomento da autonomía e da autoaprendizaxe.
7. O papel da lingua materna do alumnado. Roles do profesorado e técnicas motivadoras.
8. «Actantes» do proceso de ensino-aprendizaxe. Estratexias, interaccións e roles na aula.
9. Dinámicas de traballo e técnicas de comunicación na aula presencial e na aula virtual.
10. Materiais de aprendizaxe: análise, avaliación e elaboración.
11. Medios audiovisuais e de comunicación na aula.
12. As TIC e o seu papel no ensino, a aprendizaxe e a autoaprendizaxe. Retroalimentación na comunicación a través das TIC. Avaliación de competencias lingüísticas e TIC.
Bloque 3.
1. O ensino-aprendizaxe da expresión, interacción e mediación oral en inglés. Actividades comunicativas de expresión e interacción oral. Tipos. Competencias e estratexias específicas.
2. O ensino-aprendizaxe da expresión, interacción e mediación escrita en inglés. Actividades comunicativas de expresión e interacción escrita. Tipos. Competencias e estratexias específicas.
3. O ensino-aprendizaxe da compresión auditiva en inglés. Actividades comunicativas de comprensión de textos orais. Tipos. Competencias e estratexias específicas.
4. O ensino-aprendizaxe da compresión lectora en inglés. Actividades comunicativas de comprensión de textos escritos. Tipos. Competencias e estratexias específicas.
5. Actividades comunicativas de mediación oral e escrita. Modalidades e competencias específicas. Estratexias propias da mediación oral e escrita.
6. O ensino-aprendizaxe da competencia léxica en inglés. Enfoques, técnicas e actividades.
7. O ensino-aprendizaxe da competencia fonética en inglés. Enfoques, técnicas e actividades.
8. O ensino-aprendizaxe da competencia gramatical en inglés. Enfoques, técnicas e actividades.
9. O papel da aprendizaxe de linguas na consecución do diálogo intercultural e a superación de estereotipos. Estratexias para o desenvolvemento da competencia intercultural.
10. A avaliación para a aprendizaxe. Principios, procesos e instrumentos de avaliación de clasificación, diagnóstico, progreso e aproveitamento.
Bloque 4.
1. A competencia fonolóxica en inglés (1): sons e fonemas vocálicos, consonánticos e as súas combinacións. Estándares e variantes. Símbolos fonéticos.
2. A competencia fonolóxica en inglés (2): acento, ritmo e entoación. Efectos e valores discursivos.
3. O sintagma verbal en inglés (1): clases de verbos e as súas características.
4. O sintagma verbal en inglés (2): a temporalidade verbal.
5. O sintagma verbal en inglés (3): a voz verbal.
6. O sintagma verbal en inglés (4): formas non persoais.
7. O sintagma verbal en inglés (5): verbos auxiliares. Funcións e formas.
8. O sintagma verbal en inglés (6): verbos modais. Funcións e formas.
9. Phrasal & prepositional verbs.
10. O substantivo en inglés. Clases, xénero, número. Os procesos de formación de substantivos.
11. Os determinantes en inglés: artigo, adxectivos demostrativos, posesivos, indefinidos e numerais. Formas e funcións.
12. O pronome en inglés. Clases, xénero, número. Funcións e usos.
13. O adxectivo e os procesos de adxectivación en inglés. Clases e grao, colocación dos adxectivos e colocación dos elementos do sintagma adxectival.
14. Os adverbios e as locucións adverbiais en inglés. Modificación do núcleo do sintagma. Posición dos elementos do sintagma. Funcións sintácticas do sintagma adverbial.
15. As preposicións e locucións preposicionais en inglés. Posición dos elementos do sintagma. Funcións sintácticas do sintagma preposicional.
16. A oración simple en inglés. Tipos e modalidades. Asertivas, interrogativas, imperativas, exclamativas, negativas. Pasivas. Impersoais. Enfáticas: dislocación e extracción. Constituíntes funcionais: suxeito, complementos, atributo, predicativo, axente.
17. As relacións entre oracións en inglés: subordinación, xustaposición, coordinación, correlación, inserción. Subordinadas relativas, interrogativas indirectas, completivas. A expresión do tempo, da concesión, da oposición, da causa, da condición, da consecuencia, da finalidade e da comparación.
18. A articulación do discurso en inglés.
19. A competencia léxica en inglés (1): estrutura do léxico e procesos de formación de palabras. Préstamos. Formas plurilexemáticas. Creatividade léxica. Falsos amigos.
20. A competencia léxica en inglés (2): relacións de sentido: homonimia, sinonimia, antonimia, polisemia e outras.
21. Variedade da lingua inglesa. Variedades diatópicas, diastráticas e diafásicas. Rexistros e ámbitos de uso. Implicacións didácticas.
Coñecementos non específicos:
1. A Constitución española de 1978: estrutura e contido. Dereitos e liberdades. A súa garantía e suspensión. O Defensor do Pobo. O Tribunal Constitucional.
2. O acto administrativo. Requisitos e eficacia dos actos administrativos. Nulidade e anulabilidade dos actos administrativos.
3. O procedemento administrativo común. Iniciación, ordenación, instrución e finalización. A revisión dos actos na vía administrativa.
4. Os recursos administrativos.
5. A Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario.
6. Texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público: clases de persoal ao servizo das administracións públicas. Dereitos e obrigas. Código de conduta do empregado público.
7. Texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores: dereitos e deberes laborais básicos. Clasificación profesional e promoción no traballo. Mobilidade funcional e xeográfica. Dos dereitos de representación colectiva e de reunión dos traballadores na empresa. Da negociación dos convenios colectivos.
8. Convenio colectivo para o persoal laboral da USC.
9. Estatutos da USC (1): órganos de goberno unipersoais e colexiados. O persoal de administración e servizos.
10. Estatutos da USC (2): réxime económico e programación plurianual.
11. Estrutura das ensinanzas universitarias oficiais. As ensinanzas universitarias oficiais: grao, máster e doutoramento.
12. Lei de prevención de riscos laborais: dereitos e obrigas.
13. Dereitos e deberes lingüísticos na USC.
14. Políticas públicas para a igualdade efectiva de homes e mulleres.
15. A calidade na universidade española. Organismos que xestionan a mellora da calidade nas universidades. Instrumentos utilizados para a xestión, mellora e avaliación da calidade universitaria: conceptos básicos.
Nota: as referencias normativas deste programa poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame e nese caso deben entenderse referidas á lexislación en vigor.
ANEXO III
Denominación da praza: técnico/a superior de linguas modernas, perfil inglés
Tribunal titular:
Presidenta:
– Zeltia Blanco Suárez, profesora permanente laboral da USC.
Vogais:
– Fátima María Faya Cerqueiro, profesora contratada doutora da USC.
– Alejandro López Rodríguez, persoal laboral fixo do grupo I da USC.
– Martázul Busto Núñez, persoal laboral fixo do grupo I da USC.
Secretario:
– Fernando José Sedano Arnáez, persoal laboral fixo do grupo I da USC, que actuará con voz e voto.
Tribunal suplente:
Presidenta:
– Paloma Núñez Pertejo, profesora titular da USC.
Vogais:
– Paula Rodríguez Abruñeiras, profesora contratada doutora da USC.
– Denise Mary O’Brien, persoal laboral fixo do grupo I da USC.
– Luisa González Vázquez, persoal laboral fixo do grupo I da USC.
Secretario:
– Carlos Alberto Gómez Otero, funcionario de carreira da escala técnica superior de administración da USC, que actuará con voz e voto.
