Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Ferroedo, pertencente á CMVMC de Santa Mariña do Monte, no concello do Barco de Valdeorras, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 23.9.2022 a CMVMC de Santa Mariña do Monte presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2337999) de revisión de esbozo do MVMC Ferroedo, no concello do Barco de Valdeorras.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da asemblea xeral do 10.9.2022.
– Memoria e planos.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 1 de marzo de 2023 en relación coa citada solicitude. O perímetro obxecto desta revisión parcial de esbozo inclúe o perímetro lindeiro con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros, non estando deslindado con ningún outro monte veciñal.
A superficie do MVMC Ferroedo, unha vez revisado o esbozo, resulta de 159,41 ha fronte ás 167 ha clasificadas, o que supón unha redución do 4,5 % da superficie.
Tendo en conta o anterior, infórmase favorablemente a revisión do esbozo do MVMC Ferroedo.
Consideración legal e técnica:
Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular, os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 1 de marzo de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 7 de abril de 2025:
Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Ferroedo, pertencente á CMVMC de Santa Mariña do Monte, no concello do Barco de Valdeorras.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 8 de maio de 2025
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
