DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 3 de xuño de 2025 Páx. 31277

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 8 de maio de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa á revisión de esbozo do monte veciñal en man común Comunal de Cañón e O Outeiro, no concello de Celanova.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Comunal de Cañón e O Outeiro, pertencente á CMVMC de Cañón, Casasoá, O Outeiro e Moreiras, no concello de Celanova, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 27.9.2022 a CMVMC de Cañón, Casasoá, O Outeiro e Moreiras presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2374021) de revisión de esbozo do MVMC Comunal de Cañón e O Outeiro, no concello de Celanova.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do 28.4.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 31 de marzo de 2023 en relación coa citada solicitude. O perímetro obxecto desta revisión parcial de esbozo inclúe o perímetro lindeiro con particulares.

A superficie do MVMC Comunal de Cañón e O Outeiro, unha vez revisado o esbozo, resulta de 83,605 ha fronte ás 85,08 ha clasificadas, o que supón unha redución do 1,7 % da superficie.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Comunal de Cañón e O Outeiro.

Consideración legal e técnica:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 31 de marzo de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 7 de abril de 2025:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Comunal de Cañón e O Outeiro, pertencente á CMVMC de Cañón, Casasoá, O Outeiro e Moreiras, no concello de Celanova.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 8 de maio de 2025

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense

ANEXO

missing image file