Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Franqueira de Abeledo, pertencente á CMVMC dos Abeledos, no concello de Montederramo, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 21.9.2022 a CMVMC dos Abeledos presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2318286) de revisión de esbozo do MVMC Franqueira de Abeledo, no concello de Montederramo.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da asemblea xeral do 27.8.2022.
– Memoria e planos.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 3 de abril de 2023 en relación coa citada solicitude. O perímetro obxecto desta revisión parcial de esbozo inclúe o perímetro lindeiro con particulares, salvo nun tramo ao suroeste do monte Franqueira, que non se modifica.
Tendo en conta o deslindamento co MVMC Franqueira de Marrubio e Serro da parroquia de Marrubio, esta zona non revisada pasa a ser propiedade do MVMC co cal se deslindou, Franqueira de Marrubio e Serro, polo que non se ve afectado por este expediente. Non se modifican tampouco os límites cos montes veciñais estremeiros.
A superficie do MVMC Franqueira de Abeledo, unha vez revisado o esbozo e tendo en conta o deslindamento co MVMC Franqueira de Marrubio e Serro, resulta en 52,45 ha, o que supón unha redución dun 5,5 %.
Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Franqueira de Abeledo.
Consideracións legais e técnicas:
Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 3 de abril de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 7 de abril de 2025:
Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Franqueira de Abeledo, pertencente á CMVMC dos Abeledos, no concello de Montederramo.
Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 12 de maio de 2025
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense
