A Orde do 27 de xuño de 2022 creou a Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de fomentar o intercambio e a transferencia de coñecementos entre os organismos científicos, o sector pesqueiro e a Administración pesqueira de Galicia.
Esta orde modificouse mediante a Orde do 11 de setembro de 2024, coa finalidade de adaptala á nova normativa relativa ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), no referido ás funcións da Presidencia, así como para incorporar o Centro Tecnológico del Mar (Fundación Cetmar) como un novo organismo científico dentro da Rede.
A Rede configúrase como un órgano colexiado, adscrito á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro composto por unha presidencia, dúas vicepresidencias e 17 vogalías en representación dos organismos científicos e do sector pesqueiro, por proposta das distintas organizacións ou institucións.
O 18 de decembro de 2023 publicouse no Boletín Oficial del Estado a Resolución do 5 de decembro de 2023, da Presidencia da Axencia Estatal Consello Superior de Investigacións Científicas, sobre delegación de competencias. No seu punto oitavo, referido á participación e representación institucional en entidades nacionais, delega na persoa titular da Vicepresidencia de Organización e Relacións Institucionais, entre outras competencias, as relativas á proposta, nomeamento ou aceptación, segundo corresponda, de representantes do CSIC en comisións de seguimento de convenios e de encomendas de xestión, así como en grupos de traballo, comités, comisións, padroados, órganos reitores de institutos mixtos, plataformas, redes, asociacións, fundacións, consorcios, sociedades mercantís e calquera outra entidade pública o privada, de ámbito nacional, autonómico ou local, en que participe o CSIC o na cal deba estar representado, excepto a designación de representantes recollida nos números 6.2 e 8.2 da referida resolución, e sempre que non estea previamente determinado o titular do órgano que deba exercer a representación do CSIC. Tal circunstancia exixe modificar o punto 5º da letra d) do número 1 do artigo 4 da Orde do 27 de xuño de 2022, no relativo á proposta de nomeamento das persoas investigadoras do CSIC.
En consecuencia, en virtude das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación da Orde do 27 de xuño de 2022 pola que se crea a Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos na Comunidade Autónoma de Galicia
O punto 5º da letra d) do número 1 do artigo 4 da Orde do 27 de xuño de 2022 pola que se crea a Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos na Comunidade Autónoma de Galicia, queda redactado da seguinte maneira:
«5º. Dúas persoas investigadoras da Axencia Estatal do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), das cales unha pertencerá ao Instituto de Investigacións Mariñas e a outra ao Instituto Español de Oceanografía, ambas propostas pola persoa titular da Vicepresidencia de Organización e Relacións Institucionais ou por aquela outra en quen delegue a persoa titular da Presidencia do CSIC».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2025
Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar
