DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 4 de xuño de 2025 Páx. 31420

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Frades (expediente IN407A 2022/064-1).

Expediente: IN407A 2022/064-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Proxecto: anexo LMT, CT e RBT Bouzamonte.

Concello: Frades.

Feitos:

1. O día 28.2.2022, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica mencionada.

Ao obxecto de reflectir as modificacións efectuadas respecto ao proxecto orixinal LMT, CT e RBT Bouzamonte (IN407A 2016/1071-1), autorizado pola Resolución do 20 de marzo de 2017 (DOG do 26 de abril), debido ao requirimento realizado polo Servizo do Patrimonio Cultural, proxéctase unha modificación da traza da liña que alimentará o centro de transformación proxectado no dito expediente coa liña de distribución de media tensión LMT CES713 (expediente 50491), procedente da subestación Cesuras.

Ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da instalación proxectada, presentan a seguinte documentación técnica:

• Proxecto de execución denominado Anexo LMT, CT e RBT Bouzamonte, asinado o 15.11.2021 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, número de colexiado 2.980 de Vigo.

• Anexo, asinado o 26.5.2022 polo mesmo enxeñeiro.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un acordo publicado nos seguintes medios:

• Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria (12.8.2022 a 28.9.2022).

• DOG: 11.8.2022.

• BOP: 27.7.2022.

• Xornal La Voz de Galicia: 27.7.2022.

• Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 12.9.2022.

3. Durante o período en que o proxecto se someteu ao trámite de información pública, o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOEIG), mediante escrito do 28.9.2022, solicita que se inadmita ou, se é o caso, se denegue a solicitude de autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, alegando, en síntese, que o proxecto técnico que serve de base á autorización solicitada vén asinado por un enxeñeiro técnico industrial, sen especificar a súa especialidade.

A necesidade do dito na alínea anterior vén marcado, en síntese, polo seguinte:

• A Sala Terceira do Tribunal Supremo ten declarado reiteradamente que as atribucións profesionais dos enxeñeiros técnicos industriais son distintas dos enxeñeiros industriais, pois para os primeiros rexe o principio de especialidade técnica (Sentenza do 23 de outubro de 2000 –Aranz. 9000– e Sentenza do 15 de novembro de 1999 –Aranz. 8750–).

• O artigo 1 da Lei 12/1986, do 1 de abril, sobre atribucións profesionais dos arquitectos e enxeñeiros técnicos, establece que, unha vez cumpridos os requisitos establecidos polo ordenamento xurídico, terán a plenitude de facultades e atribucións no exercicio da súa profesión dentro do ámbito da súa respectiva especialidade técnica.

• En similares termos aparece recollido no Real decreto 967/2014, do 21 de novembro, cuxo anexo I («referencias para o procedemento de homologación») cita a Orde CIN/351/2009, do 9 de febreiro, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da profesión de enxeñeiro técnico industrial, indicando que o devandito título habilita para o exercicio da profesión de «enxeñeiro técnico industrial (na correspondente especialidade)». A legalidade da inclusión no anexo I da frase «na correspondente especialidade» foi confirmada polo Tribunal Supremo na Sentenza do 15.3.2016 (Aranz. 1772).

• As diferentes especialidades do título de enxeñeiro técnico industrial atópanse recollidas no Decreto 148/1969, do 13 de febreiro: a) Mecánica, relativa á fabricación e ensaio de máquinas, a execución de estruturas e construcións industriais, as súas montaxes, instalacións e utilización, así como a procesos metalúrxicos e a súa utilización; b) Eléctrica, relativa á fabricación e ensaio de máquinas eléctricas, centrais eléctricas, liñas de transporte e redes de distribución, dispositivos de automatismo, mando, regulación e control electromagnético e electrónico para as súas aplicacións industriais, así como as montaxes, instalacións e utilización respectivos; c) Química industrial, relativa a instalacións e procesos químicos e á súa montaxe e utilización e d) Téxtil, relativa a instalacións e procesos de industria téxtil, a súa montaxe e utilización. Actualmente existe unha quinta especialidade: electrónica industrial, cuxa formación se centra en electrónica analóxica dixital e de potencia, instrumentación electrónica –por exemplo, a de climatización–, informática industrial e regulación e automatización industrial.

• O ICOEIG engade que a recente Sentenza do Xulgado do Contencioso número 4 da Coruña, do 8.7.2022, ditada no procedemento ordinario 81/2021, declara (FD Quinto) que cando non consta acreditada a especialidade do enxeñeiro técnico industrial que redactou e asinou o proxecto, iso «é un óbice importante para apreciar favorablemente a súa competencia, xa que hai especialidades afastadas do tipo de instalación a que se refire o proxecto», engadindo que a carga da proba corresponde a quen afirma a competencia dese técnico redactor.

A promotora contesta o 25.11.2022 e o 14.12.2022 a estas alegacións, expoñendo en síntese o seguinte:

• Achega un certificado do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo que indica que Victoriano González Lemos ten a especialidade de electricidade.

• UFD indica que o enxeñeiro técnico industrial que asinou o proxecto a que se refire este expediente ten competencia plena para a dita sinatura, sobre esta base:

– Os enxeñeiros técnicos industriais herdaron as atribucións profesionais dos denominados «peritos industriais».

– No que respecta ás atribucións profesionais en función da especialidade que invoca o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, di UFD o seguinte: «temos que salientar que é de aplicación a xurisprudencia establecida pola Sentenza do 9 de xullo de 2002, da Sala do Contencioso-Administrativo, ditada no ámbito do recurso de casación núm. 7785/1994» [STS 5099/2002].

– Por tanto, e segundo o exposto, os enxeñeiros técnicos industriais teñen atribucións plenas e ilimitadas dentro da súa especialidade, e parcialmente limitadas nas demais especialidades industriais. Esta competencia vén corroborada polo feito de que os proxectos presentados por esta sociedade perante esta Administración, semellantes ao proxecto deste expediente, antes de que deixase ser obrigatorio o visado colexial, foron visados polo correspondente Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais.

• UFD solicita que se desestimen integramente as súas pretensións por non ser conformes dereito.

4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Frades, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Servizo de Montes e Servizo de Infraestruturas Agrarias da Coruña. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.

5. O día 12.5.2025 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

2. Lexislación de aplicación:

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

• Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

• Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

3. Características técnicas:

As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar de Bouzamonte, concello de Frades, e as súas características técnicas son as seguintes:

LMTA a 20 kV, LA-56 mm2 Al de 1.235 m, coa orixe no apoio existente AQUCLR2T//34-9 da LMT CES-713, tipo C 2000/16 (expediente 50491), e remate no CT proxectado no expediente IN407A 2016/1071-1.

4. Na visita de campo realizada o 2.8.2022 para examinar o lugar da instalación non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume que sinala o artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

5. En relación coa alegación formulada polo ICOEIG e coa resposta da empresa promotora, transcríbese un fragmento do informe dos servizos técnicos deste departamento territorial:

A Sentenza nº 111/2022 do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña establece no seu fundamento de dereito cuarto que a doutrina xurisprudencial sobre o contido da enxeñaría técnica industrial, recollendo o marco definitorio das atribucións profesionais dos enxeñeiros técnicos industriais, quedou establecida na Sentenza do Tribunal Supremo do 15 de novembro de 2021 ditada no recurso 6706/2020, número de resolución 1328/2021, que resolve o recurso de casación interposto contra a Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 3 de xullo de 2020 ditada no recurso de apelación 4023/2019 [STS 4337/2021].

A Sentenza do Tribunal Supremo STS 4337/2021 establece na súa parte dispositiva como criterio interpretativo respecto das competencias dos enxeñeiros técnicos industriais o exposto no seu fundamento de dereito quinto, en que se cita o seguinte:

«... a facultade de redactar proxectos non corresponde en exclusiva aos enxeñeiros superiores, xa que os enxeñeiros técnicos industriais poden tamén asinar determinados tipos daqueles, sempre que a potencia e envergadura deles se atope dentro dos límites que establece o Real decreto lei 37/1977, do 13 de xuño (sentenzas do 2 de novembro de 1994, do 5 de xaneiro de 1990, do 16 de maio de 1986 e do 20 de maio de 1985). As competencias profesionais dos enxeñeiros técnicos delimítanse, fronte ás dos enxeñeiros superiores, por estes criterios de potencia e envergadura; así mesmo, as atribucións profesionais dos distintos enxeñeiros técnicos industriais circunscríbense e delimitan entre si polo principio de especialidade de cada un (mecánica, eléctrica, química industrial e téxtil) correspondente á súa diferente titulación...».

«... non se trata de que exista o título de enxeñeiro técnico vertebrado en distintas especialidades, senón que o título é concretamente o de enxeñeiro técnico cualificado pola alusión á especialidade...».

«... a plenitude de atribucións dos enxeñeiros técnicos no ámbito da súa respectiva especialidade non é absoluta, senón que ha de poñerse en relación coas competencias que lles atribúe a súa titulación (artigo 2.1.a) da Lei 12/1986, en coherencia coas declaracións do seu preámbulo)...».

O artigo 1 do Real decreto lei 37/1977, do 13 de xuño, establece os límites cuantitativos de competencia profesional nas industrias ou instalacións mecánicas, químicas ou eléctricas, seguintes: «...potencia que non exceda os 250 H.P., a tensión de 15.000 voltios e o seu persoal de cen persoas, excluídos administrativos, subalternos e directivos, engadindo que o límite de tensión será de 66.000 voltios cando as instalacións se refiran a liñas de distribución e subestacións de enerxía eléctrica».

Con base en todo o anterior, o enxeñeiro técnico industrial Victoriano González Lemos, que posúe a especialidade de electricidade, é competente para a elaboración do proxecto das instalacións de referencia neste expediente.

6. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

Consonte con todo o sinalado,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

B) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937, e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro de 2024), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

E) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da dita Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015.

A Coruña, 13 de maio de 2025

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña

ANEXO

Relación de propietarias/os, bens e dereitos afectados

Abreviacións:

ml aér.: lonxitude da servidume aérea en metros lineais.

ml sot.: lonxitude da servidume soterrada en metros lineais.

m2 aér.: superficie de servidume aérea en m2.

m2 sot.: superficie de servidume soterrada en m2.

1) Número de predio: 1.

Lugar: Encima da Raiña.

Referencia catastral: polígono 510-parcela 71.

Cultivo: prado.

Propietario: Arturo Prado Quintela.

Afección de solo en pleno dominio:

Afección de solo por servidume de paso de enerxía eléctrica:

• ml aér.: 90,41.

• m2 aér.: 904,0.

2) Número de predio: 9.

Lugar: Campo Pombo.

Referencia catastral: polígono 514-parcela 516.

Cultivo: monte alto.

Propietario: José Manuel Pardo Rama.

Afección de solo en pleno dominio:

Afección de solo por servidume de paso de enerxía eléctrica:

• ml aér.: 42,10.

• m2 aér.: 540,0.

3) Número de predio: 10.

Lugar: Campo Pombo.

Referencia catastral: polígono 514-parcela 515.

Cultivo: Monte

Propietario: Artemio Cao Rey.

Afección de solo en pleno dominio:

– Apoio nº 1/2 2.

– 1,0 m2.

Afección de solo por servidume de paso de enerxía eléctrica:

• ml aér.: 90,41.

• m2 aér.: 904,0.